MOITO VENTO NAS VELAS PARA 2009


Que haxa moito vento nas velas para 2009!
Con todos os abrazos e beizóns.

[A miña inevitable homenaxe de fin de ano a Oasis e unha rareza simpática]

A intelixencia de Barreras

Os lectores e lectoras destas brétemas saben da miña admiración polo proxecto empresarial de Barreras, o estaleiro vigués que está montando buques futuristas na nosa Beiramar. Hoxe debemos volver a abenzoar aos responsables de Barreras polo seu decidido apoio á nosa lingua, nun momento especialmente difícil no que unha parte da clase empresarial viguesa amosa en privado intencións de deitarse nos brazos castelanófonos (nos vindeiros días, segundo as informacións das que dispoño, pode producirse un pronunciamento involucionista público). Barreras adoptando progresivamente o galego como a súa lingua vehicular (na documentación interna, na rotulación, nas relacións laborais como co entorno dos seus proveedores) recunca na súa aposta por estratexias futuristas e de innovación: neste caso pola tecnoloxía punta que simbolicamente atesoura a nosa lingua. A intelixencia empresarial de Francisco González Viñas, o presidente do esteleiro, unindo á innovación coa causa da lingua é a mellor inxección de entusiasmo que recibimos estes días. Beizóns para el e para os traballadoras da factoría.

Xurxo Patiño, novo presidente da Federación de Libreiros

A Federación de Libreiros de Galicia elixiu nova xunta directiva. Durante os vindeiros catros a federación será presidida por Xurxo Patiño, o noso bo amigo e responsable da Libraría Librouro de Vigo. Xaime Corral, brillante presidente durante case unha década, continúa na directiva como tesoureiro. Non hai dúbida que este novo equipo de libreiros galegos do sur, onde tamén están Arximiro Blanco e Benxamín Riobó, ten importantes retos que enfrontar neste momento de difícil reconversión do conxunto do sector do libro (e moi especialmente da súa distribución e comercialización). Os nosos mellores desexos de éxito para todos eles catro.

Unha noite na biblioteca

Esta é unha das experiencias máis bonitas e máis orixinais que coñezo de fomento da lectura entre os pequenos. Concibir a biblioteca como fogar das palabras e dos libros, considerala como espazo para compartir a vida e os libros, ubicala como eixo da vida cultural dunha comunidade é unha aposta preciosa de Espazo Lectura. Unha experiencia que abre un vieiro de esperanza, un modelo para compartir. Beizóns para os amigos e amigas de Espazo Lectura.

"Anxel Casal,un editor para un país"

O pasado día do libro presentouse Ánxel Casal, un editor para un país (Catálogos de Lar e Nós), un magnífico volume, coordinado por Alfonso Mato e coeditado polo Seminario de Estudos Galegos e o Consello da Cultura Galega. A edición desta obra supón, tras o traballo de Ernesto Vázquez Souza, un paso definitivo para fixar a historia da edición en galego no primeiro terzo do século XX, xa que se compila e cataloga todo o fondo bibliográfico editado por Ánxel Casal en Lar (xunto a Leandro Carré Alvarellos) coma logo en Nós, xa en solitario, onde se recollen todos os nosos clásicos da xeración das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, a publicación desta obra ten particular importancia para a difusión do fondo bibliográfico histórico en galego (o que constitúe un formidable recurso didáctico para o ensino da literatura galega do século XX), xa que tamén se pode descargar na rede, incluíndo a reprodución da totalidade das cubertas dos libros publicados polo editor mártir. Tras o éxito rotundo da celebración do ano dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, a edición do catálogo de Casal volve poñer sobre a mesa a necesidade de dedicarlle unha homenaxe semellante ao editor que “fixo máis que todos nós”. Beizóns a Alfonso Mato e ao seu equipo de colaboradores por tan formidable achega.

Escritoras na RAG

Aledeimei moito do nomeamento da Margarita Ledo Andión como novo membro da Academia Galega. Un recoñecemento xustísimo á traxectoria de Marga, vencellada ao mundo da creación literaria, do audiovisual e da comunicación, un perfil que moderniza a institución e a obrigará a dialogar máis estreitamente coa contemporeneidade. Ao mesmo tempo, a presenza de Margarita axuda a reparar o carácter patriarcal da Academia, onde a presenza de mulleres, a pesar das últimas incorporacións, é cativa.
No entanto, fago miñas as palabras de Fran Alonso reivindicando a entrada na Academia de María Xosé Queizán, unha personalidade fulcral da cultura galega dos últimos cincuenta anos, que dende hai moito tempo xa debería de formar parte da institución. María Xosé, alén do seu compromiso político feminista, toca con alento todos os paos da nosa creación cultural: narradora, poeta, autora dramática, ensaísta, tradutora, directora de hai vinte anos dunha revista de cultura, activista a prol da lingua e non sei cántas cousas máis. Beicemos a entrada merecidísima de Margarita Ledo Andión, a seguinte incoporación debería ser a de María Xosé Queizán.

Etiquetas:

Centro do IBBY para CdC

Estas son dúas grandes noticias para a nosa LIX e para o futuro da nosa lingua.
Este centro do IBBY, ubicado na Cidade da Cultura, terá como principal obxectivo “o estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos e mozos procedentes das linguas e culturas minorizadas”. Será o segundo centro internacional que o IBBY pon en marcha no mundo. O primeiro fundouse en 1985 en Oslo, e está dedicado aos libros para nenos e mozos con discapacidades. Na decisión de elixir o noso país como sede deste segundo centro internacional pesou a forza e o prestixio que a literatura infantil e xuvenil galega acadou nas últimas décadas, ata constituírse nunha literatura puxante e competitiva a nivel internacional.
Beizóns para a Consellaría da Cultura e para os que fixeron posible a consecución deste centro que internacionaliza a nosa LIX.

Premios Nacionais de Cultura

Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.