Cuarto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan os seu cuarto aniversario. Dende aquela primeira anotación, levamos 2.240 (513 neste cuarto ano), decrecendo un chisco o noso ritmo de publicación Ben é certo que desde o pasado mes de abril, desdobramos a nosa voz coa creación do blog de Xerais, razón pola que estas brétemas abandonaron case completamente o seguimento da produción da editorial, principal eixo do meu traballo profesional. Segundo indica o contador, ao longo deste ano tamén baixaron notablemente as visitas, situándose por riba das 2.000 á semana (120.000 dende o pasado ano). Tematicamente o blog continuou polos seus camiños fundacionais, interesándose moito polo seguimento da lectura galega e as literacidades contemporáneas, así como pola educación para a paz e os dereitos humanos, o que non impediu que continuemos coas nosas entusiastas crónicas celestes ou con comentarios sobre actualidade política e cultural galegas.
Repasando o que foi este cuarto ano, atopo algunhas anotacións que merecen ser lembradas. No mes de xaneiro a da recuperación dos merdeiros no entroido de Vigo; en febreiro as dúas anotacións sobre historias de fútbol rebelde; en marzo a da economía do gratuíto; en abril a da celebración do «Serán pola paz»; en maio a da lectura en pantallas; en xuño a de editores do século XXI, a raíz do manifesto de Sara Lloyd; en xullo a realizada sobre a intelixencia de Barreras; en agosto a da polémica de Steiner e o galego; en setembro a necrolóxica in memoriam de Suso Jares; en outubro as palabras de despedida de Ramiro Fonte; en novembro as quince características óptimas dun e-book e en decembro a nosa contundente denuncia dos bombardeos sionistas sobre Gaza. Creo que o vídeo do ano no blog foi o da cincenta moribunda, a crónica celeste máis auténtica foi a do escandaloso remate da pasada tempada e a beizón máis vibrante (houbo moitas) a da posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos.
A pesar de que non mo aconsellan os especialistas, decidín continuar co proveedor e deseño inicial do blog, actualizándoo só coas utilidades que considero imprescindibles, e coa da relación dos blogs que leo, xa que sigo crendo que o valor fundamental de cada un dos blog está na permanencia da voz do seu autor, é alí onde reside a credibilidade desa identidade individual de dominio público e da comunidade que crea ao seu arredor. Iso non quere dicir que desmereza o valor deses blogs lumieiras, extraordinariamente coidados e traballados para sorprendernos cada día aos lectores co seu galano.
Dende hai catro anos, a comunidade do blogs en galego ampliouse moito e hoxe xa é imposible seguir as anotacións de todos os seus membros, como intentabamos facer daquela. O que se gañou en perímetro (cinco milleiros de blogs son moitos, a verdade), perdeuse en identidade da comunidade. Hoxe son as redes sociais e as pequenas comunidades de blogs especializados tematicamente as que protagonizan aquel espírito entusiasta do primeiro blogomillo, tendencia que penso se intensificará aínda moito máis no futuro inmediato.
Aproveito esta anotación recompilatoria e de autobombo para agradecer a participación a todos os comentaristas do blog (máis de tres mil ao longo deste ano), a pesar de que nalgunhas ocasións discrepo abertamente das súas posicións, mais tamén considero que deben ser respectadas, xa que este espírito tolerante e aberto é o propio da nosa cultura blogueira. Beizóns, tamén, para os lectores e lectoras anónimos, que tantas veces me fan arroibar cando din que seguen as brétemas. Aquí continuaremos, mentres teñamos algo interesante que contar e tempo (iso é o máis escaso) para facelo, coa mesma esperanza, ilusión e humildade do primeiro día.
6 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Noraboa. Un dos mellores blogs en galego.Eu emprégoo ademais pra navegar polos outros blogs. Gústame ademais o seu ton doce e suave nun tempo cheo de dogmas e de predicadores. Gústame ademais que difunde ideas propias e non repite argumentos de partido algo moi común na blogosfera galega. Gústame como escribes e esas crónicas cotiás do Vigo dos barcos,dos estaleiros e o ben que captas a alma desta cidade chea de contradicións.Pra que non teñas unha enchenta de fachenda tamén te direi que boto de menos un pouco de crítica con certa ala do poder galego que ó meu xuizo o está facendo moi mal,malia as expectativas xeradas.
    Aquí estaremos do outro lado agardando mil brétemas máis

  2. Marcos Valcárcel López
    Marcos Valcárcel López Dice:

    Noraboa por ese cuarto aniversario. Eu vou cara o terceiro e xa sabes que antes de abrir o meu xa estaba moi afeito a navegar polas BRÉTEMAS.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] levamos publicadas 2.623 (383 neste quinto ano)  e recibidos 7.308 comentarios o que demostra que aminoramos o noso ritmo de publicación con respecto a anos anteriores. Un feito ao que sabemos non son alleas nin a nosa intensa […]

Los comentarios están desactivados.