Conversas con Suso de Toro

Suso de Toro publica hoxe, ao fío dos ataques que ven recibindo nas últimas semanas, unha carta ao director do xornal ABC na que cita moi oportunamente o libro de Conversas que preparou Antonio Pedrós-Gascón e editamos o pasado ano. Ler o texto das páxinas 278-280 deste libro, referidas as acusacións falsas que Fraga Iribarne realizou en 2001 sobre o escritor galego, pode ser moi ilustrativo para entender como se repiten as mesmas falsidades e argumentos falaces. Afortunadamente, dende aquela, en Galicia mudaron as cousas, e desta volta AELG saíu en defensa de dous dos seus membros.

“[…] Como consecuencia, Fraga acusoume na mesma emisora de ser un escritor sen lectores que actuaba movido polo resentimiento, que el nunca me prohibira editar ningún libro e que nunha ocasión me convidara a cear e eu lle pedira cartos. Houbo tamén un escritor galego que encarnaba a cultura galega institucionalmente que saíu dicindo que non era verdade o que eu dicía, que aquí era como en todas partes. En fin, a vida é terríbel para todos. A prensa galega fíxose eco das acusacións de Fraga, pero desde estes medios ningúen contrastou a informacion comigo, ningúen me pediu a miña versión. Unicamente se me permitiu replicar na mesma Cadena SER. Unha semana máis tarde recibín acusacións semellantes do conselleiro de Cultura, o señor Pérez Varela, quen, para quitarlle valor á miña denuncia de falta de liberdade de expresión dixo que eu era do BNG, unha mentira, e que me deran dez millóns de pesetas. Nada menos. Como tampoco ningúen contrastou aquelas declaración comigo, enviei un comunicado negando as acusacións ao xornal onde eu lera aquilo tan grave e tamén a dúas axencias de prensa. E así comprobei ao día seguinte en que país vivía, non saíu a miña versión en ningún xornal, que eu saiba. Nalgún lugar as miñas palabras estiñaron. Cheguei a enviar o meu desmentido a eses ataques en forma de «carta ao director», para que sequera o sacasen nese currunchiño. Pero tampouco.

Pensei denuncialo, falei cun avogado que me expuxo con claridade que non tiña apenas posibilidades, nin cartos. Esa foi a situación en que me vin. E foi dura. E paseina só. Porque un cando morre está só, e alí sentín que me liquidaban, unha especie de fusilamento moral en directo, e sen posibilidade de defenderme. Foi unha experiencia de morte, un momento na vida que recibes a lección de que estás só ante o teu destino. Cando afrontas o teu destino estás só, completamente só. Cando pereces, pereces ti só, o resto do mundo vaite sobrevivir: A vida continúa para os demais. Foi en certa medida un momento espléndido, de vida e de morte, de lucidez. As persoas que viven esta lección por atravesar unha crise nun momento aínda non moi avanzado da vida debemos estar agradecidas.

A lección para min e para os demais foi: aquí pódenche facer iso e non pasa nada. E ademais non van aparecer as protestas en ningures. E ademais, tampouco ningún vai protestar. Eu era membro de dúas asociacións de escritores, unha delas especificamente orientada en teoría á defensa da liberdade de expresión, dos escritores perseguidos. Ninguén me chamou para preguntarme: «Suso, ¿é certo iso que din de ti? Porque se non é certo protestamos.»

Un aquí está indefenso. Como o están os xornalistas despedidos, apartados. Eses si que son verdadeiras vítimas do secuestro da liberade de expresión, da liberdade toda. Comprobei ata que punto estamos pillados, por un lado ou polo outro. Especialmente o mundiño da cultura. E non é por medo a ir preso, ¡ca!. Vendemos a alma por conservar a posición, para que che chamen a ocupar esa praza nunha institución, unha bolsa, un premio… Por medrar nun país envilecido hai que pagar un prezo e sempre hai xente disposta a pagalo. É a puta verdade.

Recordo as chamadas preocupadas de Manolo Rivas, unha atención de Méndez Ferrín, o respaldo dalgúns amigos persoais… o respaldo impagábel naquel momento dos meus editores de Xerais, que emitiron unha nota a todos os medios defendendo o meu nome e recordando a extensión e difusión da miña obra, e a solidariedade espontánea de moita xente. Iso foi o lado bonito. Pero descubrín de vez o que xa sabía, que este país é unha trampa devoradora, e que o mundo da cultura está dominado polos máis mediocres. […]”

Antonio Pedrós-Gascón, Conversas con Suso de Toro, Xerais 2005, páxinas 278-280

Recuperando materiais de Suso daquel mesmo periodo (2001) atopo estoutros textos correspondentes a Botelhao mar nº 7:
OS ESCRITORES GALEGOS SOMOS OS ÚLTIMOS ESCRITORES ANTIFASCISTAS DA PENÍNSULA. À força, vemo-nos obrigados. E depois de todo, nom nos queixemos, todos deveríamos continuar a ser antifascistas, antifranquistas sempre. Ou antifranquistas ou culpabeis e cúmplices.

LIBERDADE DE EXPRESSOM! Quem nom foi arrestado polas suas opinions, quem nom viu rejeitados artigos para a imprensa devido às ideias que contenhem, quem nom padeceu represália por expressar as suas ideias, quem nom foi estigmatizado desde o poder por pensar como pensa, nom sabe o que é a liberdade de imprensa nem a liberdade de expressom.

HÁ MUITAS RAZONS PARA FAZER CAMPANHA CONTRA A CANDIDATURA DE FRAGA IRIBARNE A PRESIDENTE DA GALIZA, avonda com desejar-lhe à Galiza que tenha umha vida digna, ou simplesmente que respire livre do nosso passado de crime. Estou certo de que toda a gente de por Espanha adiante que se preocupa da falta de liberdades no País Basco também se há mobilizar para que aqui também tenhamos umha democracia verdadeira. Nom si? Um espera de todo o coraçom que acudam aqui solidariamente a fazer campanha por um governo progresista que termine com o franquismo que aqui ainda nos envolve tanto. A democracia espanhola tem zonas de sombra, a Galiza é umha delas.

Etiquetas:

Provocación

As últimas declaracións de Fraga Iribarne constitúen unha provocación contra a dignidade e racionalidade do debate político. As acusacións rencorosas que realiza contra Manuel Rivas e Suso de Toro son radicalmente falsas e non hai dúbida que forman parte da estratexia concertada dos medios da dereitona madrileña de zouparlle a estes dous afoutos escritores nosos. Mágoa que este señor, que tantas desculpas ten aínda que pedir polas decisións que tomou ao longo da súa vida política, aínda represente no Senado a Galicia. Dáme tanto noxo como vergonza.

Etiquetas:

El violinista celest

Xulio Ricardo Trigo, escritor galego en lingua catalana, mantén El violinista celest, un magnífico blog sobre literatura e arte. Recomendo seguilo.
Etiquetas.

Taxes e Varela Buxán

Hoxe recibimos os orixinais das edicións das obras teatrais completas de Manuel Varela Buxán e Francisco Taxes, que publicaremos dentro da colección BLG dirixida por Ramón Nicolás. Penso que estas dúas edicións de dous importantes autores da nosa dramaturxia do vinte van constituír un fito, tanto polo feito da fixación definitiva dos textos como polo material documental e biográfico que as acompañan. A de Varela Buxán foi preparada por Xosé Luna e a de Taxes (que inclúe dúas pezas inéditas) polo seu fillo Xurxo Taxes Díaz. Agardamos telas publicadas antes do remate deste ano.
Etiquetas:

Memorias de Neira Vilas

Mañá comeza Feira do Libro da Coruña, onde presentaremos Vinte anos retornando, a primeira entrega de memorias de Xosé Neira Vilas.
Neste volume, o grande mestre de Gres reconstrúe minuciosamente (coa súa característica prosa, clara e transparente) a experiencia das doce viaxes entre Cuba e Galicia que realizou, entre 1972 e 1992, xunto coa súa inseparable compañeira Anisia Miranda. A experiencia de “emigrante retornado”, os emocionantes encontros e despedidas coa familia e os amigos, a interpretación dos acontecementos políticos e sociais (coincidentes, en boa parte coa Transición ou Reforma Política) constitúen o eixo temático dun libro moi interesante para coñecer a personalidade dun dos nosos mestres que, por fin, se atreveu a ir ofrecendo parte das súas memorias.
Actualización (01-08-2006): entrevista con Neira Vilas sobre a aparición do libro.
Etiquetas:

As inxurias da guerra

No artigo da semana reflexiono sobre a radical inxustiza das guerras do século XXI. O novo ataque de hoxe sobre a poboación civil súmenos na maior das impotencias. Quen pode parar isto?

Etiquetas: ,

María Mariño

Un dos momentos máis emocionantes que vivín estes días foi comprobar a gratitude que as herdeiras de María Mariño sentiron polo nomeamento da noiesa do Caurel como figura homenaxeada nas Letras 2007. As catro sobriñas da poeta, xa bastante maiores, viven en Madrid e Euskadi (onde tamén chegou a emigrar a nosa “poeta dinamiteira da linguaxe” antes de casar con Roberto Posse Carballido, mestre de Parada do Caurel). Maite Martín Barrenechea, a sobriña neta e voceiro da familia, díxome que están moi orgullosas de descubrir as súas raíces na fala nosa.

O nomeamento de María Mariño –coincidindo co centenario do seu nacemento e o corenta cabodano do seu pasamento– é unha boa oportunidade, tamén, para que a sociedade galega descubra unha voz ignorada que para Ferrín, nun artigo publicado en La Noche en 1964, é unha “poeta abisal, posuidora dunhas vivencias líricas en nivel máximo”. Creo que o vindeiro 17 de maio asistiremos a un importante pulo desta efeméride tantas veces criticada.

Etiquetas: , ,

Rivas na Torre

A agardada novela de Manuel Rivas xa está nas librarías. A estrea produciuse a tarde do pasado venres na Feira do Libro de Vigo durante unha asinatura de exemplares que durou máis de catro horas. Ao día seguinte realizamos o primeiro acto público, un encontro con xornalistas na terceira planta da Torre de Hércules.

Rivas iniciou a súa intervención na torre, despois de subirmos case douscentos banzos, advertindo que a súa non era unha novela histórica nin unha novela de guerra civil. Definiuna como novela armilar –utilizando a figura da esfera armilar, construída coas diferentes órbitas dos astros– na que moitas vidas se van entrelanzando e na que os obxectos e os espazos teñen un grande protagonismo. Entre eles citou a casa de Panadeiras 12, onde viviu Casares Quiroga; o balón do “Dilligent”, o primeiro balón de fútbol que chegou á Coruña nun barco; a lanterna do policía Paúl Santos, capaz de ver por si mesma; ou a cámara fotográfica de Leica, un dos protagonistas da novela. Insistiu no carácter de seres vivos que teñen os libros na novela, xa que cando son queimados son descritos polos cheiros. A ese teor, sinalou que o episodio da queima dos libros na Dársena coruñesa, sucedido o 18 de agosto de 1936, ten un papel central na novela na medida que interrelaciona a moitas persoas de distintas extraccións sociais. “Os libros que arden cheiran a pel humana. Un cheiro que vai impregnando a toda a cidade”.

Despois de ler dúas páxinas da obra referidas ao triángulo da Torre, confesou que a novela amosa “unha escrita permanentemente en vilo, intentando que as palabras tivesen carne e óso”. Para o autor, formalmente atravesa a novela un trhiller, a cabalo da serie negra de intriga, entre o político e o policial; mais tamén, para el, ofrécese outro tipo de trhiller, o da historia dramática da cultura, xa que se realiza unha viaxe ás tripas do fascismo español e aos alicerces da Coruña de tradición republicana e libertaria. Rematou a súa primeira intervención, evocando a diferenciación que realizara Melville entre “literatura pel vermella” e “literatura rostro pálido”: “Esta novela é claramente pel vermella”.

Contestando ás preguntas realizadas polos xornalistas, Manuel Rivas profundizou en diversas cuestións. Interpelado sobre a relación entre historia e ficción, lembrou a frase de John Ford, “o que fago non é realidade, mais é verdade”, para indicar que intentara que a esfera armilar pousara na Coruña, vítima dun Farenheit real. “Pretendín escribir unha historia universal, ao tempo que pretendín universalizar a Coruña. Cada lugar é ou pode ser o centro desta esfera”. Referiuse logo a importancia da Coruña, durante o período entre repúblicas, como a cidade librepensadora do Atlántico. “Unha das historias que se contan na novela é como fanaron esa cidade. Intentei achegarme á vida real das persoas, algo que só se pode realizar dende a literatura, para proporcionar unha información esencial, un ADN ou xenoma humano que non se pode desenvolver nada máis que dende a literatura”.

Preguntado sobre cáles eran as expectativas que tiñan sobre a novela, Manuel Rivas contestou que “pretendín dar algo novo, que os lectores tivesen unha ollada máis ampla sobre certas cousas. O importante son os outros. Creo na xustiza, non na revisión histórica. Creo que se deben contar as verdades descoñecidas”.

Sobre o marcador de lectura, que se inclúe na novela, o autor sinalou que a reprodución desa primeira páxina da publicación libertaria coruñesa, “Brazo e cerebro”, correspondente ao 15 de xullo de 1936, é moi reveladora xa que anuncia tanto o golpe fascista como convida a participar nunha viaxe para participar en agosto na festa dos Caneiros. “Esta é unha grande metáfora: un río que é festa de vida, foi nese ano río de morte. Trinta e dúas persoas apareceron como descoñecidas e nunca recuperaron o seu nome. As primeiras persoas paseadas na Coruña foron unmenor de idade e un libreiro, chamado Eirís, que tiña a súa libraría en San Nicolás”.

A derradeira das cuestións sometidas á consideración do autor xirou arredor da presenza da cultura popular. Rivas sinalou que “na novela aparecen bibliófilos, xente que colecciona libros e biblias, que nos momentos decisivos da historia teñen comportamentos noxentos. Porén, aparecen persoas que nunca leron un libro e que durante o episodio da queima son as que están máis horrorizadas, porque están sentindo a dor dos que nunca leron un libro. A literatura permite abordar estas contradiccións”. Por último, sinalou que en toda a novela hai unha dimensión dionisíaca e de goce erótico, baseada nos textos da cultura popular, dende a celebración do entroido, a xente das orquestras e dos bailes, as praias nudistas dos anos vinte e trinta, as salas de festas e os teatros…

Localicei na rede informacións sobre os dous actos nos seguintes medios:

Mais a grande ledicia do día foi atopar as primeiras impresións da lectura da novela por parte de Folerpa.

Etiquetas: ,

O tirón de Ameixeiras

Belén Regueira fixo este serán un magnífico exercicio de persuasión publicitaria na presentación da novela de Ameixeiras. Con grande convicción e moita graza aconsellou ler O cidadán do mes polas seguintes razóns:

  • Ameixeiras é un autor que non pide aos lectores que sufran. “Este é un home que se esforzou por nós”.
  • “A novela posúe unha banda sonora impresionante”.
  • Ameixeiras (xa unha marca) é “o autor de culto dos membros dos grupos pop-rock galegos, da chamada xeración emerxente ou agromante”.
  • As cousas que fai Ameixeiras sempre son divertidas.
  • A novela é de grande utilidade: inclúe unha guía de bares e tapas de Chispatwon; permite incrementar o léxico amatorio; retrata parte de nosa realidade de forma máis fidedigna que outros autores nosos; expresa unha interesante cosmogonía de barra…

Despois das tres presentacións desta novela, que está tendo moi boa acollida entre os lectores (hai unha coincidencia xeralizada en que engancha fatalmente a quen a colla), non hai dúbida de que Ameixeiras é un dos nosos novos narradores con máis tirón entre os lectores. Agardamos xa a terceira entrega de Dopico; hoxe Diego prometeu tela rematada para o vindeiro ano.