Palabras contadas

A vindeira semana comezarán as presentacións (onde haberá moitas sorpresas) por diversos bares do país do novo libro de Camilo Franco, Palabras contadas. O libro inclúe máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises. Aproveitando a funcionalidade da literatura breve Camilo aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Palabras contadas deu pé á próxima exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición, que tenta aproveitar dúas posibilidades que quizais non se deron antes na historia da narración. Recomendo a entrevista co autor que aparece hoxe na Voz.

Vidas exemplares no Bar Plaza

Magnífica foi onte a presentación de Vidas exemplares de Uxía Casal no centenario Bar Plaza de Ribeira. Numerosísimos amigos e amigas ateigaron o Ateneo Valle Inclán que con este acto iniciaba a súas actividades. Coñecín a Paleón e Tucho (entusiasmados os dous pola novela de Ameixeiras) e parolei un bo pedazo con Santi Páramo e Aida (dous compañeiros da facultade cos que non me atopaba dende hai vinte e cinco anos; vaia recorte da ediciónde compostelana de La Voz de Galicia de febreiro de 1981, de onte a hoxe!) e co ex-deputado Santos Oujo, entre moitos outros. Outra volta volvín apreciar o interese que as presentacións de libros poden ter para animar á lectura e tecer comunidade.

Na súa intervención Uxía Casal sinalou que nestes relatos pretendeu partir de situacións cotiáns para explorar a crueldade do mundo e propoñer a fantasía como unha realidade paralela. Suxerir e desacougar ao lector, creando atmosferas envolventes cun final inesperado, que revolcase ao relato, foron outras das súas pretensións. Uxía defendeu unha prosa inzada de musicalidade artellada sobre a economía de medios e a precisión lingüística (rememorando a cita de Patricia Highsmith: “todo o que sexa superfluo nun texto, sobra”). A pesar do ballón e do estado calamitoso da Vía do Barbanza volvemos para Sal máis contentos cun cuco.

Unha ducia de novísimos

As páxinas en galego de El Pais estréanse cunha reportaxe sobre “unha ducia de novísimos da literatura galega”. É moi de valorar esta iniciativa (ata agora inédita na nosa prensa analóxica) de facer visible a este grupo xeracional de poetas, narradores e narradoras dispostos a renovar a literatura galega. Unha reportaxe (mágoa que non se publique a magnífica foto que aparece na edición impresa) de lectura recomendable, como, en xeral, o resto das páxinas e dos artigos deste “suplemento cultural” que aparecerá todos os venres. Algo semella que empezamos gañando co esforzo dese profesional coraxudo chamado Félix Monteira.
Etiquetas:

Para ler dúas veces

Hoxe apareceu en Babelia unha crítica sobresaliente da edición en castelán da novela de Rivas. Aledámonos desta recepción tan positiva que coincide coa expresada nos blogs galegos por Martin Pawley, Folerpa, Cesare, O levantador de minas, R.R., ou por críticos como Fernán Vello, Sandra Faginas, Xosé Manuel Eyré, Xulio Valcárcel (mágoa que estas tres últimas non poidamos lelas na rede) e Manuel R. Alonso.
Penso que é moi significativo que no paratexto da edición de Alfaguara se inclúan algunhas frases destas críticas publicadas nos nosos blogs. Quén pode dubidar do recoñecemento que isto supón para estes traballos críticos e para os seus autores. Beizóns para eles.

Vidas exemplares

Hai tempo que tiña moitas ganas de anunciar a chegada aos andeis das librarías de Vidas exemplares, o libro de relatos de terror de Uxía Casal.
Ulises, un excursionista extraviado no bosque, sinte tres arrepíos, que lle impiden articular palabra, cando coñeceu a tres anciáns que padecen unha condena insoportable… Un estraño engado percorre o xardín do Pazo de Galdán desque alí apareceu o corpo de dona Arminda… Nai e filla deambulaban pola tenda baixo a atenta mirada da dependenta, que observaba sen disimulo os gustos tan dispares das dúas mulleres… Aquel condutor tiña un problema, freara o coche en seco e saltara correndo cara aos servizos do bar como se o perseguise unha fera rabiosa… A vida de Héctor e da súa compañeira mudou cando a iguana chegou á súa casa…
Este volume, singularísimo na nosa produción narrativa actual, reúne vinte e un intensos relatos de medo e intriga, protagonizados por seres tan extraordinarios como trastornados. Un libro, escrito na mellor tradición dos clásicos do xénero de terror, que deita a súa mirada con ironía sobre os espazos máis escuros de vidas exemplares.
Etiquetas: ,

Cabrafanada

Con novo deseño (beta-blogger) e contidos moi completos volve o seu ritmo de publicación Cabrafanada, o cosmocaderno de Fran Alonso, un dos blogs pioneiros do blogomillo (a pesar de que algúns afirman que xa non existe). No blogrol proporciona moita información de todos os seus libros (un arquivo indispensable). Recomendo a lectura do seu post sobre Cartas de amor, o libro de relatos que acaba de chegar esta semana do prelo (un texto tan perturbador como enchido de tenrura en todas estas páxinas protagonizadas por voces femininas).
Moito pulo, Fran, e sorte cos caídas de luz!

Etiquetas: ,

A materia de Xabier Paz

Hoxe presentamos Materia de Lucrecio, o poemario máis recente de Xabier Paz. Creo que este poemario materialista sorprenderá xa que fose de a mantenta de calquera asombro íntimo para propoñer ao lector unha indagación sobre o sentido da vida no cosmos e no universo. Tanto pola súa temática, como pola súa expresión prosaica e a súa intención explícita de abordar a literatura (a poesía neste caso) como unha forma de coñecemento é un poemario moi pouco ao uso no actual panorama da poesía galega. Lucrecio, o poeta romano autor de rerum natura, pretendía afondar na natureza das cousas, representando o cosmos como un conxunto fortuíto de átomos que se moven no baleiro; el foi o primeiro materialista (“Se existen deuses, estes no interveñen nos asuntos dos mortais” deixou escrito), Eis sobre esa materia de Lucrecio, Xavier Paz ofrece un poemario que nos ensina e nos interroga como a Teoría das Cordas.

Na súa intervención Vitor Vaqueiro cualificou o libro como “un esforzo extraordinario, meritorio, extraordinariamente positivo”. Considerouno como “poesía materialista, didáctica, no sentido máis noble do termo”. Engadiu que “partindo de nocións abstractas, complexas, fainos reparar na existencia da conciencia, nesa inmesa traxectoria que vai do quark ao quásar“. Rematou sinalando que lle parecía moi interesante que ademais presentase os temas da morte e da eternidade da materia. “Un libro extremadamente lúcido e preciso”.

Xabier Paz comezou a súa intervención sinalando que entende o coñecemento como a base da hominización, “o coñecemento é o que nos construíu”. Sinalou que quixo facer unha homenaxe Lucrecio, discípulo de Epicuro, por que combatiu os medos á morte e ao futuro. “O meu proxecto foi intentar explicarme a min mesmo o sentido da vida. Creo que a vida é un efecto ventureiro do acontecer da materia”. Empregando a teoría da termodinámica e o concepto de entropía, reflexionou sobre as consecuencias de que na vida todo tende ao arrefecemento (unha das palabras claves do libro): “do que se trata na vida é de manter a orde, de aumentar a complexidade”. Continuou explicando que considera a creación artística como unha forma de aumentar o coñecemento, de aumentar a conciencia de nós mesmos e do mundo. “A arte debe engadir algo a esa tendencia á desorde”. Rematou a súa intervención, antes de ler unha escolma dos seus poemas, afirmando que “o progreso só se pode dar a través do coñecemento”.

A Cova das Vacas Mortas

Hoxe aparece a primeira crítica sobre a última novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2006 de literatura xuvenil. A crítica de Isabel Soto é moi boa, chamando á lectura:

“En definitiva, o conxunto conforma unha suxestiva historia que ha espertar a curiosidade do lector pola súa lograda construción e a intelixente dosificación de elementos reais, ao servizo das necesidades ficcionais (comunidades hippies e nazis en Galicia, inversión de papeis, o pasado do avó e a súa decisión de morrer canda as súas lembranzas, a funcionalidade da cineasta alemá, os presupostos nazis ante os que tomar partido, a actitude do sinistro profesor Robles…). Engadamos a axeitada combinación de ritmo e intriga, o acerto no ton narrativo, a prosa áxil e a naturalidade dos diálogos, e teremos como resultado unha narración á que lle auguramos éxito entre os lectores”.

A Cova das Vacas Mortas presentarase nas próximas semanas (anunciaremos data axiña), coincidindo coa apertura da nova Biblioteca da Fundación Caixa Galicia en Compostela. Logo, temos previsto unha presentación virtual da novela, con presenza de blogueiros en Vigo (quen queira apuntarse que mo faga saber), ademais da apertura dun sitio web específico da obra (quedou moi xeitoso).

Hoxe, tamén, pechamos o compromiso da edición de Salitre (xa vai na 4ª edición) en castelán, o que constitúe un feito moi a salientar.

O tesouro da lagoa de Reid 'Is

O pasado venres comezamos as presentacións dos Premios Xerais 2006. Fomos a Noia a acompañar a Agustín Agra, autor d’ O tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela gañadora do Premio Merlín 2006.
A presentación, organizada coa colaboración de Barbantia (unha asociación cultural inquedísima da que realizaremos un comentario do seu traballo en vindeiros días), constituíu un éxito rotundo de público. O libro foi glosado con moito pulo por Ramón Carredano, gañador da edición anterior e noiés, tamén, como Agra, que sinalou moi acertadamente o carácter fantástico e os moitos logros literarios do relato.
A intervención do autor tivo moita miga, tanto cando desvelou as razóns e o nome das persoas que o levaron a comezar a escrita hai uns anos, como cando expresou (coincidindo co que adiantara Carredano) a súa opinión de que a actual literatura infantil galega precisa de menos didactismo e menos “contidos transversais”. Os nosos lectores novos precisan “un pouco máis de sangue e de substancia ao xeito dos relatos clásicos que limos nós de pequenos” indicou cando rematou a súa fermosa intervención.
A obra gañadora do Merlín deste ano asume sen complexos esta perspectiva, xa que se trata dunha novela, moi ben traballada literariamente, que supón a volta do fantástico e da natureza para a nosa LIX. A oralidade encarnada na figura dun avó; os perigos e misterios dunha cidade asolagada; cofres repletos de ouro, alfaias e outras marabillas; feroces urcos sedentos de sangue que custodian o grandioso pazo do rei son algúns dos elementos temáticos dun relato de estrutura clásica escrito sobre a tea dun imaxinario popular e mítico, con influenzas da materia de Bretaña.
Agustín Agra, gañador do Pedrón de Ouro de hai dous anos e primeiro accésit do mesmo premio o pasado ano (textos que serán publicados nos vindeiros meses) estréase, pois, cunha obra de percorrido. Un novo autor que promete moito.

Etiquetas: ,