Palabras contadas ( a exposición)

A exposición Palabras contadas merece a pena. O baixo e o primeiro andar do corpo dereito da Fundación Luís Seoane están ocupadas por diversas instalacións preparadas para que o espectador se transforme en lector (o que o autor define como “lectura con mobles”). Aproveitando a versatilidade que ofrece o formato dos microrrelatos, as historias de Camilo ofrécense en soportes diversos demostrando que a lectura (un dos nosos eixos civilizatorios) vai moito máis alá do soporte do libro impreso. Relatos caligrafados sobre area, impresos sobre colchóns ou roupas, gardados en pequenas caixas de conserva, salferidos na sopa de letras, carimbados sobre os corpos, sobreimpresos en imaxes fixas ou en movemento, proxectados sobre as paredes ou sinxelamente dispostos como esculturas planas no chan ou pendurados do teito.
Esta é unha proposta de literatura de investigación que reivindica o papel primeiro da palabra na creación artística e a función do escritor como creador de novos territorios para a lectura “A palabra para quen a traballa”). A presentación da exposición, moi concurrida, rematou cunha lectura concerto no que autor demostrou que, baixo a súa impostura de crooner efímero, atesoura grandes dotes de animador dos máis divertidos guateques. Recomendo a visita á exposición e a participación nas festas arredor do libro que continuarán por Galicia nas vindeiras semanas.

Palabras contadas

Esta noite viaxaremos a Torre para participar na inauguración de Palabras contadas, a primeira exposición dun escritor galego montada a partir dun libro de ficción que funciona como elemento central de instalacións visuais e audiovisuais. Unha exposición concibida para a lectura (que non está recluída nos límites dun libro impreso). O texto como escultura. A lectura con mobles. A lectura como indagación no Museo. Ficción súbita. Sopa de Letras. Relatos en conserva. A lectura como creación unicamente humana. Camilo Franco promete sorpresas. Contarémolas aquí mañá.

Manifesto por un fútbol atlántico

Hoxe remexendo en papeis vellos, na procura de algo que non din atopado, apareceu ao chou, nunha das vellas libretas que conservo, o texto do “Manifesto por un fútbol atlántico“, a intervención que Manuel Rivas leu no Ateneo da Coruña o 2 de abril de 1985, con motivo da presentación da súa primeira novela, Todo ben.

A pesar de estar escrito antes da aparición do Superdepor, o Celta europeo (daquela os dous en segunda) e a selección galega, este manifesto conserva a súa actualidade. Crear un novo estilo ofensivo de pases e ideas longas é preciso tanto para o fútbol como para o conxunto da sociedade galega.

Transcribo o texto de Manolo, só actualizando lixeiramente a ortografía.
Galicia leva vinte mil anos á defensiva, segundo deixo dito Sánchez Albornoz. Habería que engadir: vinte mil anos á defensiva e case un século de fútbol subalterno.
O peor non é que o noso fútbol sexa de segunda senón que o sexa tantas veces o noso espírito. Non se trata de reivindicar a vitoria como obxectivo supradeportivo que xustifique calquera medio para acadala, mesmo as máis suxas mercadorías. Non hai nada máis efímero que a vitoria, que calquera vitoria. O importante non é gañar nin tampouco participar. O importante, cando se xoga, é querer perder ou querer gañar, a vontade de ser.
Trátase, si, de alentar un novo espírito.
Un fútbol mediocre, administrado con mediocridade, acaba envilecendo ao pobo. É así que o espectáculo máis triste non sucede no campo, senón fóra de xogo, nas bancadas e aínda alén do estadio. Galicia, como a Irlanda de Joyce, é un pobo “escravizado polos sacerdotes e abandonado de Deus”.
O peor do fútbol galego non é o fútbol en si, con ser malo, senón o que representa, o que significa socialmente. Se algo nos mostra a historia do fútbol é que alí onde non existen ideas, dificilmente hai goles. Pola contra, alí onde hai pases longos, en profundidade, tamén hai ideas longas, de futuro.
O fútbol galego carece de imaxinación, de inconformismo, de vontade de ser e de espírito ofensivo. Os que dirixen non aparecen nas caricaturas de Castelao pero deberían estar. Son bandullos andantes con puro fumegando, provincianos desleigados e servís que teñen o deporte como plataforma de intereses cando non tapadeira de corrupción. Eles non aman o fútbol. Utilízano.
Nos anos trinta, cando lle preguntaron sobre a autonomía, Valle Inclán dixo que Galicia debería rexirse por un Estatuto Atlántico que afirmase máis aínda a súa singulariedade. Tamén en Galicia debería xurdir un fútbol con fasquía atlántica, un froito de tanta encrucillada. Un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sul e de ideas longas como as ondas do océano.

Manuel Rivas

A Coruña, 2 de abril de 1985
Etiquetas: , ,

Resplandor no abismo

No artigo da semana recollo parte da intervención que lin nos diversos actos de presentación da agora premiada novela de Rivas.

Xosé L. Méndez Ferrín, solidariedade traballadores de Astano (1985)

As marabillas de you tube permiten acceder á memoria próxima. Eis os documentos audiovisuais recuperados por Calidonia do festival musical e literario en apoio aos traballadores de Astano, celebrado no pavillón da Malata de Ferrol o 10 de febreiro de 1985. Ademais deste discurso de Ferrín e do recitado de Rivas, poden visionarse as intervencións de escritores como Manuel María, Pepe Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Xosé Manuel Beiras, entre outros. Sería interesante ir subindo outros materiais gravados, semellantes ao que comentamos, que permitirían comprender de ónde vimos.

Home sen nome