Fran Alonso, «Un país a medio facer»
/en Autores, Cultura, Xerais/por bretemas
Atina de cheo o meu compañeiro Fran Alonso cando na entrevista que lle fai Vieiros, a raíz da aparición d’ Un país a medio facer (o seu libro máis recente, que moito recomendo), afirma valentemente: «A automoción e a banca reciben moitas máis axudas públicas cá cultura». Efectivamente, a pesar de que sectores como o da lectura é considerado na recente Lei do Libro como un «sector estratéxico» para o país e a pesar de que os que nos dedicamos á edición padecemos o «sambenito» prexuizoso de ser constantemente acusados de recibir subvencións, as axudas públicas que recibimos son escasas e o futuro do noso sector cultural deféndese no mercado co apoio do pobo lector. O maior éxito do noso sector cultural durante estas dúas décadas, ás que se refire Fran no seu libro, radica na consolidación dun público que, aínda de dimensións cativas, vai dialogando cos produtos da industrial cultural en lingua galega, xerados polos nosos escritores, músicos e artistas. Pasar dese país a medio facer a do país orgulloso do que fai é o reto actual que afronta a cultura en galego.
Agustín Fernández Paz, «Nun lugar dos soños»
/en Autores, Eventos/por bretemas
O vindeiro domingo, 14 de decembro, Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Muíño de Rañego da súa Vilalba natal pola Fundación Manuel María. Tras unha mesa redonda (ás 12:00) sobre a súa figura, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, Paco Martín, Xulio Xiz e Manuel Bragado, colocarase o terceiro hectómetro literario no Paseo dos Soños e celebrarase un xantar de irmandade no restaurante «A Nova Ruta» de Vilalba. Pode avisarse asistencia ao xantar no teléfono: 646413890.
Tratamento subordinado
/en Autores, Entrevistas, Lectura, Lingua, Recurso_didáctico/por bretemas
Mais que recomendable a longa conversa que manteñen Agustín Fernández Paz e Manuel Vidal Villaverde este luns en Galicia hoxe. Entre as moitas cousas a salientar das palabras sabias de Agustín recollo estes dous fragmentos imprescindibles:
O primeiro sobre a lingua:
Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que poidamos vivir en galego coa mesma normalidade coa que o pode facer unha persoa castelán falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.
O segundo sobre algúns dos problemas da lectura e escrita en galego:
Escribir nunha lingua minorizada socialmente leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na propia sociedade (e penso agora nos libros galegos en Galicia, confinados coma nunha reserva india nunha parte significativa das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou no insidioso mantra de que somos unha literatura subvencionada) como na posibilidade de ser traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. Así que esta cuestión é política, e son as medidas de política económica e cultural as que poden axudar a solucionala.
O Ourense de Marcos Valcárcel
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Autores, Eventos/por bretemas
No artigo da semana, a raíz dos actos de onte en Ourense, fixen unha pequena homenaxe a Marcos Valcárcel.Todos con Marcos
/en Autores, Eventos/por bretemas
Neste serán, antes da homenaxe, presentaremos Historia de Ourense, o libro máis recente de Marcos Valcárcel. Recomendo a magnífica reportaxe de Vieiros, as entrevistas de Soitu, La Región internacional e a anotación do propio Marcos no seu blog. Todos con Marcos.Unha primavera para Aldara
/en Autores, Teatro/por bretemasBatume, blog de Manuel Lourenzo González
/en Autores, Blogs_e_libros/por bretemas
Acabamos de coñecer a primeira anotación de Batume, o blog aberto por Manuel Lourenzo González ao fío da publicación d’ O xardín das pedras flotantes, premio Xerais de Novela 2008. Un moi prometedor blog literario. Beizóns e longa travesía!Carlos G. Reigosa, premio Torrente Ballester 2008
/en Autores, Premios/por bretemas
A vida do outro de Carlos G. Reigosa é a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2008 dado a coñecer no día de hoxe. «Que me fixo a min a Transición?» é a pregunta que trata de responder, aos cincuenta e seis anos, o protagonista da obra, o director dun xornal madrileño (de orixe galega), cando despois de ter un amago de infarto se decata que non se coñece a si mesmo. Escrita toda ela en primeira persoa, A vida do outro é, en palabras do autor, «unha novela sobre o xornalismo e a vida». Carlos G. Reigosa, autor dunha longa obra narrativa e ensaística toda ela en galego publicada por Xerais, agarda estes días a publicación de Laxeiro por si mesmo, no que recupera a entrevista, aínda inédita, que lle fixera hai vinte anos ao xenial pintor de Botos. Case vinte e cinco anos despois de obter o primeiro Premio Xerais de Novela por Crime en Compostela, Reigosa recunca nun dos máis prestixiosos premios literarios das literaturas galega e castelán. Os nosos maiores parabéns para el.
Aconsellamos escoitar a entrevista que hoxe lle fixeron no «Diario Cultural» da Radio Galega.
Morreu Camilo Gonsar
/en Autores, In memoriam/por bretemas
Acabamos de coñecer a noticia do falecemento hoxe do académico Camilo Gonsar (Camilo González Suárez-Llanos), membro da xeración da «nova narrativa» e un dos escritores galegos máis elegantes e discretos que teño coñecido ao longo destes últimos anos. As nosas condolencias para os seus.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Feira do libro na Alameda1 de Xullo de 2026 - 4:07 a.m.
Xabier P. DoCampo no «Álbum de Galicia»28 de Xuño de 2026 - 9:58 a.m.
Lectura en galego e xénero27 de Xuño de 2026 - 10:51 a.m.
Festa do orgullo24 de Xuño de 2026 - 10:49 a.m.
O novo Vigo vello17 de Xuño de 2026 - 10:44 a.m.








