Frankfurt 2010/ e 4

Dedicamos a derradeira xornada para visitar o pavillón dedicado á lingua inglesa, onde case sempre se producen as maiores noticias  de Frankfurt, para dar sequera un paseíño pola exposición arxentina. Sendo sábado, o nivel de estrondo da Feira aumenta a niveis pouco soportables nos novos pavillóns 1 e 3 aos que acude o entusiasta e moi numeroso público alemán. Porén, tiven a fortuna de dispoñer de tres horas para percorrer devagariño os longos corredores do inglés pavillón 8, inusualmente calmos e con menos xente da que agardaba.

Volvín comprobar que o modelo da Oficina Literaria é o que mellores resultados está ofrecendo para a promoción internacional e a exportación de textos. Cada vez son máis as experiencias que utilizan este modelo: «Books from Scotland», «Books from Wales« («Llyfram o Gymru») ou a «Ireland Literature Exchange». Anotei na libreta a importancia de levar ao noso estand algunhas edicións de obras xa traducidas, un feito que chama a atención doutros editores. Todas estas Oficinas comparten espazo no estand cos editores privados do seu país e todas elas teñen un lema ou marca para presentar a súa literatura e edición. Chamou a miña atención a convocatoria en Australia en 2012 do seu ano da lectura, un programa ao que cómpre seguir con interese que se está organizando con moito vagar. Inevitablemente fotografei o libro máis grande do mundo, Earth (Platinum Edition), un atlas de 1,8 x 1,4 m, que utiliza para representar o planeta unha formidable escala de 1:1.750.000, editado pola editorial australina Millenniun House. Tiven a curiosidade de revisar a toponimia de Galicia, que presentaba algúns erros (aparecía correctamente A Coruña, mais tamén Santa Eugenia de Ribeira). Imprimiuse en Italia cunha tirda de 31 copias que se venden cada unha a 100.000 dólares. de Earth hai unha edición azul, máis manexable e económica, ao prezo de 5.800 dólares. Non deixa de ser curioso que nun momento de transición cara ao paradigma dixital se acometan proxectos de edición impresa destas abraiantes características.

A pesar de que o libro impreso continúa reinando de forma abrumadora en todos os espazos da Feira, neste pavillón de lingua inglesa atopei xa unha presenza importante de edición dixital. Son moi numerosos os modelos de e-readers que se presentan, a un prezo sempre inferior aos 150 dólares, o que supón unha baixa moi considerable. Aparecen Ipads en moitos estands, como por exemplo no de Moleskine (o editor das famosas libretiñas e cadernos de debuxo, produtos analóxicos por excelencia); un feito significativo que amosa a pegada da taboíña da que, tamén, comezan a aparecer ofertas de apps (gustei moito dos preparados pola revista GEO, por exemplo). Curioso é algún produto infantil que emprega a tecnoloxía da realidade aumentada (como os de Magic Book) baixo  o reclamo de «libro en 3D». Outrosí sucede coa Galaxy Tab de Samsung, unha taboíña de 7 pulgadas que utiliza tecnoloxía Android. Pareceume un produto interesantísimo, sobre todo polo seu código aberto e polo seu tamaño, maior cos teléfonos e máis manexable que os Ipads actuais.

Acabei a miña feira visitando a correr o pavillón arxentino e dedicando apenas a derradeira hora dispoñible ao pavillón alemán. Arxentina presentouse cun deseño minimalista, cheo de pantallas (con información turística) e cunha exposición de libros non moi grande. O máis fermoso do pavillón era unha proxección múltiple sobre a silueta do país presentando os monumentos principais das distintas provincias arxentinas. Encheume de fachenda comprobar que na exposición de «Libros de Argentina» estaba o exemplar que enviaramos da biografía do Galego Soto que preparara Lois Pérez Leira para Xerais Crónica.

Da visita ao enorme pavillón alemán o que máis me sorprendeu foi atopar a eses centos e centos de adolescentes disfrazados de personaxes de manga e de literatura gótica que alí se reuniron. Un espectáculo, propio do entroido, expresión da enorme forza que, paradoxicamente, ten para estes nativos dixitais personaxes que coñeceron na edición impresa e que logo, nalgúns casos, pasaron ao eido audiovisual, converténdose en novos mitos urbanos. Con todo, o que maís impresiona no pavillón alemán é o entusiasmo dos lectores para seguir aos seus escritores. As entrevistas do «Sofá azul» (un programa de televisión que grava ADR e pode verse en internet por streaming) son seguidas por centos de persoas, as lecturas dos autores arremuíñan nos estanss a ducias de persoas. O interese pola edición de gastronomía é incrible, coa presenza dos propios cociñeiros cociñando en vivo nos estands das editoriais (unha idea para Culturgal?). Con todo, o máis memorable que vin neste percorrido que non puiden completar por falta de tempo foi a unha autora, Nadja Benaissa (cantante de No Angels), asinar exemplares acompañada dun gardacostas.

Antes de marchar da Feira a correr para coller o avión de regreso a Porto (sempre que podo evito a viaxe con escala en Madrid), tiven oportunidade de fotografarme para o Book Faces 2010. Escollín a palabra «Brétemas», a verdade que non fun moi orixinal. Agardo poder facerme coa foto que me fixo Bianca Gutberlet.

Frankfurt 2010/3

A de onte foi a xornada da presentación en Frankfurt da Anthology of Galician Literature de Jonathan Dunne, coeditada por Galaxia e Xerais. O acto resultou entrañable, sobre todo cando Dunne rematou a súa intervención en inglés lendo a súa magnífica tradución da «Letanía de Galicia» de Uxío Novoneyra. Porén, a propia fasquía do acto amosa o escaso peso da nosa edición e da nosa literatura a nivel internacional. Precisamos un grande acordo intersectorial sobre cal debe ser o posicionamento estratéxico da lingua, literatura e edicións galegas no mundo. Sen contar con este guieiro estratéxico, moi dificilmente poderemos continuar con algunha garantía de éxito o camiño de internacionalización iniciado polos editores de álbums infantis. Sigo crendo nas posibilidades que podería ofrecer a creación dunha Oficina da Lingua e Literatura Galega como entidade (pública privada) que xestionase e actualizase os recursos electrónicos dispoñibles e promovese a participación nas feiras do libro, misións comerciais ou congresos especializados de editores, autores, tradutores e axentes literarios galegos. Unha idea que non debería desbotarse para non perder outra lexislatura.

Aproveitamos a tarde para manter un encontro cos responsables da Oficina Danesa de Literatura (un modelo a emular, como o da oficina irlandesa, a xaponesa ou a taiguanesa) e de paso coñecer algunhas das novidades do pavillón 6. Camiño do encontro comprobamos a expectación que continúa creando no público alemán Gunter Grass, na conversa que mantiña no sofá azul da cadea 2DF. Outra mostra do interese dos medios de comunicación, sobre todo das emisoras de radio e televisión, por esta feira, vivida como un acontecemento gozoso polo público alemán, Unha envexa!

A importancia que os editores escandinavos conceden á visibilización dos seus autores e autoras continúa sendo un elemento diferenciador desta edición marcada polo seu afán de literariedade, non exento de interese comercial, eis o éxito de Siteg larsson ou dos fenómenos da novela criminal nórdica. Un camiño que os editores galegos poderiamos emular con facilidade.

Chamou tamén a miña atención a exposición fotográfica Book Faces 2009 que recolle fotografías con editores de todo o mundo que elixiron unha palabra para representar a situación actual. Moi interesante para detectar tendencias sobre cos camiños disrutivos da edición internacional.

Rematamos a xornada (xa moi derreadiños) cun encontro no espazo expositivo de Brasil, cada edición máis potente e visitado, amosando que aí é onde pode residir o noso maior potencial futuro. Óscar Yáñez, editor galego de Gourmand, deixounos información sobre os premios a publicacións gastronómicas e o anuncio da celebración do Paris Cookbook Faire do 3 ao 6 de marzo de 2011. Velaí outro vieiro para explorar, o das feiras especializadas.

Frankfurt 2010/2

Como adiantabamos onte, o xoves foi o día do Nobel na Feira. Debeu ser a providencia laica a que aconsellou ao Grupo Santillana organizar o seu cóctel á mesma hora na que en Estocolmo se anunciaba o Nobel de Literatura. Un estourido de voces anunciou alí o nome de Vargas Llosa, hoxe o autor primeiro (co permiso de Pérez Reverte) de Alfaguara. Decontado lembrei o que acontecerá aquí en Frankfurt cando llo concederan ao Jose Saramago, no ano no que Portugal foi convidada de honra. Nunca esquecerei a faciana de ledicia do editor de Caminho, Zeferino Coelho, quen onte tamén abeizoaba a Ángeles e Pilar, as editoras de Alfaguara que acompañan o traballo do narrador peruano, para elas onte tan inaccesible a pesar das repetidas chamadas a Manhattan. Alfaguara será o grande gañador deste Nobel que permitirá que o novo libro do Nobel, La maldición del Celta, chegue ás librarías nos primeiros días de novembro cunha tirada entre os 300 e os 400 mil exemplares, segundo escoitamos onte ao primeiro executivo da editorial.

Pasado trebón do Nobel, houbo máis cousas na Feira. Na prometida visita ao pavillón 4 verifiquei a hipótese que manexaba: o IPAD será o grande vencedor deste Frankfurt 2010, non tanto polo número de apps que se teñan desenvolto polo momento dende o eido da edición (algúns interesantes como os de Actionbooks para nenos), se non pola fascinación que suscita o seu uso entre os editores. Vin utilizalos a moreas nos stands, fose para utilizar o correo, para ler ou para presentar o propio catálogo. A beleza do Ipad xoga moito ao seu favor, minimizando os problemas que puidese houber polo seu carácter de software propietario ou pola incomodiade que pode provocar a súa lectura prolongada. Outras tendencias que creo se impoñen son a impresión baixo demanda e a preocupación por realizar unha edición sostible, moi presente na edición alemá que promove a campaña “libros respectuosos cos bosques” dirixida a utilización de papeis “ecolóxicos”. Outra novidade na que reparei foi a do Pocket Book, un trebello de lectura que utiliza o sistema operativo Android sobre unha pantalla a cor, un posible rival para o Ipad. Tampouco desmereceu o noso interese o sempre sorprendente espazo do “Nonbook”, onde se presentan os numeros produtos asociados á lectura e a súa promoción, dende lampadiñas, marcadores e postais (onde hai cousas preciosas). mención á parte merece o espazo destinado á edición de almanaques, un mercado moi forte na cultura editorial anglosaxona e escandinava.O aumento da presenza dos audiolibros e dos produtos asociados ás Pizarras Dixitais Interactivas (Smart é o líder deste tipo de produto) contrasta coa redución do protagonismo dos e-readers, un soporte que semella (polo que vimos) en claro retroceso.

Dedicamos a tarde a unha xuntanza dos presidentes de Galeusca, o colectivo que formamos a Associació d’ Editors en Llingua Catalana, a Asociación de Editores en Euscaro e a Asociación Galega de Editores. Acordamos, entre outras cousas, organizar o vindeiro Galeusca de editores en Vigo durante o mes de xuño de 2011, no que se pretenderá amosar a profesionalización acadada polos tres gremios. Á noitiña fomos á recepción do Instituto Cervantes de Frankfurt, onde acudiu unha boa parte do sector. Mágoa que en xuntanza tan numerosa non houbera referencia ningunha a todas as linguas recoñecidas na Constitución. Aínda hai moito eido a traballar.

«Todo é silencio» de Manuel Rivas, o segundo capítulo

Faro de Vigo e La Opinión da Coruña adiantan hoxe o segundo capítulo de Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas que aparecerá nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Estou convencido que estamos diante dunha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega. Dará moito para falar, con certeza. Boa lectura deste adianto.

A páxina en pdf de Faro de Vigo pode baixarse aquí.

«Un éxito da LIX galega»

No artigo da semana en Faro de Vigo relexiono sobre o devir do soño da LIX galega, ao fío da celebración do Congreso IBBY 2010 e do próximo vindeiro cincuenta aniversario de Memorias dun neno labrego, o libro fundacional do xénero en galego.

«Fuck Me, Ray Bradbury» de Rachel Bloom

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/e1IxOS4VzKM" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Simpático tema da humorista e cantante Rachel Bloom que homenaxea ao escritor Ray Bradbury, autor entre outras marabillas de Crónicas marcianas e Fahrenheit 451. A canción de Bloom constitúe unha intelixente parodia do xénero da ciencia ficción, transformando ao nonaxenario escritor en estrela e aos seus libros en pezas moi moi excitantes. Un convite moi interesante dende Internet para a lectura das obras de Bradbury, a pesar de que o velliño mandase a Internet ao inferno.

Vía Blogtailors, moito obrigado.

Neira Vilas e Mar Guerra hoxe na Feira do Libro da Coruña

Tras a agotadora xornada de onte e senllas magníficas presentacións, hoxe volvemos á Torre para acompañar a Mar Guerra e a Xosé Neira Vilas nos seus actos. As primeiras impresións (xa adianto que moi pesimistas) recibidas dos libreiros apuntan a unha baixada nas vendas da primeira fin de semana con respecto ao ano anterior, a pesar de que o número de visitantes foi moi elevado. No obstante, polo vivido onte non teño dúbida que a Feira do Libro da Coruña , a pesar da crise e do andazo, mantense por ventura como a máis importante cita da cultura do libro en Galicia. Agardamos que a semana continúe co mesmo pulo co que comezou.

A «Luz de Tebra» de Ánxel Vázquez de la Cruz

Coñecín ao doutor Ánxel Vázquez de la Cruz un día de xuño de 1998 no restaurante Airas Nunes de Compostela. Foi el quen presentou O lapis do carpinteiro, a novela do seu amigo Manuel Rivas. Neste serán mudarán os papeis, e será o escritor Manuel Rivas quen presente o libro de relatos do seu amigo Ánxel Vázquez de la Cruz. Eduardo Galeano definíu ao pediatra escritor de forma certeira: «Ánxel acepta ser llamado doctor aunque él cura contando» e, abofé, de quen le este libro sorprendente dificilmente pode rebater ao xenio uruguaio. Despois de case un ano de preparación, non hai dúbida de que hoxe é o día de Ánxel, que aparece entrevistado en varios xornais falando, como doutor que é, do poder curativo das palabras, sen esquecer o seu papel como «rescatador» de historias. Desta ducia de relatos médicos tecidos cos fíos da experiencia de Ánxel falarán este serán Rivas (autor dun prólogo entusiasta do libro) e o doutor Manuel Salorio.

Mágoa que hoxe tamén despidamos a Xosé Luis de Dios, esoutro xenial rescatador de luces, cidadántudense coma Ánxel, amigo de todos nós e tan importante nas edicións da mítica novela de Manuel Rivas. Para a familia e as amizades de Xosé Luís, todos os nosos abrazos.

Comeza a Feira do Libro da Coruña

O domingo comezará a Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez. Nesta edición volvemos apostar por unha presenza intensa de Xerais nun evento que se consolida no interese do público e que comeza a chamar a atención dentro do sector da edición estatal.

O martes 3, presentaremos ás 20:00 horas, o libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz con Manuel Rivas e Manuel Salorio e  as 21:00a novela  Settecento de Marcos Calveiro que conversará con Óscar Sánchez.

O mércores 4, ás 19:00 horas presentaremos  Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra e a continuación, ás 20:00, Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas.

O venres 6, acompañaremos a Suso de Toro na asinatura ás 19:00 horas de Sete palabras e despois, ás 20:00, presentaremos Xuvia-Neda de Vicente Araguas.

O sábado 7, presentaremos o libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.

O luns 9, presentaremos a novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas.

Todos estes días serán unha oportunidade para compartir augas fresquiñas nas terrazas cos meus amigos e amigas coruñesas, algo que sempre moito agreadezo. Estades todos convidados a estes actos e ao resto dun programa completísimo que, por vez primeira, terá nalgunhas xornadas, tres quendas. Parabéns aos organizadores e moita sorte aos feirantes, que ben a necesitan en tempos de crise como os que vivimos.

Rivas e Funke, novidades tras o verán



Adam Watts “RECKLESS” from Daniel Chesnut on Vimeo.

Hoxe collimos vacacións na editorial deica o 23 de agosto. Porén o blog fervía anunciando o que serán dúas das nosas novidades despois do verán: Todo é silencio, a vindeira novela de Manuel Rivas, mais Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da nova triloxía de Cornelia Funke, un espectacular lanzamento mundial que se producirá o 14 de setembro e no que, por vez primeira, participará unha editorial galega. Esta edición galega de Funke, amorosamente traducida por Chus Bello (a quen tanto temos que agradecer) está descubríndonos moitos segredos e prácticas da edición internacional que descoñeciamos. Velaí as xiras de lecturas da autora, previstas por Alemaña (entradas de pago); os vídeos da lectura que a autora fai dun capítulo; as cartas da autora para os seus lectores e lectoras ou a canción do libro, que aquí enlazo de Adam Watts. A noticia da novela de Rivas, unha traballada primicia de Alberto Ramós en Xornal de Galicia, promete un trhiller engaiolante onde van ter moita importancia os personaxes, sobre todo ese omnipresente Mariscal. Dúas novelas literariamente valiosas que, non teño dúbidas,  poden interesar ao público que le en galego. Agora comeza o difícil traballo de facelas visibles na libraría, eis o noso reto.