Onte 101: Beiras, mestre!

Cónstame que a emocionante homenaxe nacional a Beiras deixou unha forte pegada no milleiro de galeguistas que o arrouparon co seu agarimo. Porén, as palabras e, sobre todo, as categorías utilizadas por Xosé Manuel no seu discurso de agradecemento sobardaron con moito os límites do Pazo de Congresos compostelán para transformarse en tempos de desorientación e incerteza en referentes morais e políticos do pensamento galeguista. Quédome con dúas das súas afirmacións máis sinceras e rotundas: «Eu loito sen esperanza pola esperanza, pero non desertarei xamais»; «É a hora da soberanía popular no sentido prístino da palabra, a hora da lealtade ao cidadán común, non a da obediencia ás organizacións». Eis as palabras dun guieiro. Beiras, mestre!

A utopía como vieiro. Beizóns para Xosé Manuel Beiras

Non puiden acompañar ao grande Xosé Manuel Beiras na súa grande e merecídisima homenaxe nacional.
Esta intervención de Eduardo Galeano, reivindicando a utopía como vieiro, solicitando o dereito a soñar, reclamando o dereito ao delirio de soñar outro mundo (Galicia) posible, sei que lle gusta moito a Xosé Manuel.

Agradézolle a localización do vídeo a Carme Panero.

Onte 98: Coa Queizán

No acto de presentación de Meu pai vaite matar, Marga Romero reivindicou a figura de María Xosé Queizán escollendo unha das metáforas da escritora viguesa: «Teño raíces nesta terra, pero son aéreas». Romero, nunha intervención magnífica, tras afirmar que «a literatura galega de muller viaxaba directamente de Rosalía até María Xosé Queizán, cando en 1965 publica A orella no buraco», ganduxou con fío invisible as achegas literarias da autora de Amor de tango en cada un dos xéneros (ensaio, teatro, poesía, xornalismo e narrativa), subliñando a sabedoría dos seus últimos discursos literarios (o do Premio Xerais 2011 e o recente do Pen Clube) así como o acerto rotundo na elección dos títulos para cada unha das súas obras. María Xosé respondeulle que antes de comezar a escritura dunha novela xa contaba co título: «Teñoo dende o principio, xa que a idea fundamental do que quero escribir está aí». Queizán definiuse como escritora de novela realista e, como tal, asumíu que non podía escribir de oídas: «Para cada novela debo investigar, coñecer, aprender, é unha das cousas que máis me gusta da escritura». Adiantou que ten un guión cinematográfico inédito e rematou definindo a súa escritura como narradora: «Escribo mirando. Vexo o que vou contando. Non son de oído. Son de vista». Un fermoso serán literario o de Librouro, mentres na rúa caía o ballón.

Onte 92: O discurso dos abrazos de Agustín en Guadalajara

Grazas á paciencia e oportunidade do xornalista Xulio Abollo contamos, por fortuna, con esta gravación realizada o pasado 29 de novembro na FIl de Guadalajara cun teléfono móbil do discurso de recepción de Agustín Fernández Paz do Premio Iberoamericano SM. Un documento excepcional que pasará a historia literaria nosa, probablemente, como o «Discurso dos abrazos« de Agustín Fernández Paz. Recomendo seguir atentamente estes doce minutos maxistrais nos que o autor de Fantasmas de luz, apoiándose nalgúns dos seus autores máis queridos (Valente, Rodari, Cunqueiro, Auster, García Márquez, Gaarder…) aborda con enorme lucidez as cuestións fulcrais da creación literaria e do proceso social da lectura. Unha peza que vale o seu peso en ouro.

O texto do discurso pode baixarse en pdf aquí.

Onte 88: As conversas de Culturgal

O soño de Culturgal é un proxecto consolidado. Na derradeira xornada o público familiar volveu encher as instalacións do Pazo da Cultura pontevedrés confirmando a tendencia exitosa de xornadas anteriores. Especialmente seguidas polo público foron as conversas de Salón, un modelo atractivo e alternativo ás presentacións convencionais de libros e discos. A este interese non foi alleo a intervención do equipo de xornalistas culturais que conversaron cos autores e autoras. Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga, Belén López e Teresa Cuíñas amosaron o alto nivel do xornalismo cultural que se está facendo no país. Hoxe merecen o noso maior recoñecemento.

Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 86: Culturgal 2011

Spot Culturgal 2011 from Culturgal on Vimeo.

Moi prometedora foi a primeira das xornadas do Culturgal 2011. O proxecto consolídase e mellora con respecto a edicións anteriores. A feira é cada vez máis atractiva. Os espazos reorganizáronse tematicamente, concibidos cada un deles como cuartos da casa común da cultura galega, ao tempo que se facilitou a visibilidade de case todos os expositores por medio dun grande corredor. A montaxe dunha grande tenda, na que se ofrece a posibilidade de mercar toda a oferta de novidades do libro e disco en galego, expresa o carácter dedicidamente comercial do evento. O deseño agarimouse para facer os espazos máis acolledores, sendo o programa de actividades aínda máis amplo e diverso, enxergando de forma decidida a procura dun público familiar de fin de semana. Con todo, o máis esperanzador do día foi a presenza dun público máis numeroso ca na primeira das xornadas da pasada edición, o que promete un cheo para este sábado e domingo. A pesar da crise económica e do virus de interesado derrotismo que se pretende inocular na cultura galega, Culturgal 2011 amosa que as industrias culturais en galego bulen, apostan pola innovación e pola mellora dos seus produtos. Paga a pena viaxar a Pontevedra (se o facedes en tren, teredes o 30% de desconto) e pasar a tarde ou o día en Culturgal coa familia. Alí hai moito para ver, gozar e participar. Recoméndoo moi vivamente.

Onte 83: Agustín en Guadalajara

Sei que nunca esquecerei esta Feira de Guadalajara con Agustín. Foi memorable o acto de entrega do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil que onte recibíu apupado por centos de lectores e lectoras. A moi fermosa laudatio de María Jesús Gil emocionounos moito, moito, tanto pola calidez do retrato humano e literario presentado como por subliñar neste foro mundial o compromiso do autor de Contos por palabras coa lingua e literatura galegas. O discurso de Agustín foi o dun auténtico mestre.  Extraordinario! Dirixíndose aos habitantes da república dos soños e, sen dúbida, imbuído polo entusiasmo da mobilización lectora desta FIL sorprendente, Agustín defendeu a lectura como un pracer que se contaxia e como unha competencia imprescindible para construír unha sociedade máis xusta. O chamamento final, rotundo, emotivo, citando ao seu mestre Rodari, foi un broche de ouro para unhas palabras que pasarán a historia literaria. A ducia de membros da delegación galega nesta FIL apapachámolo coma tolos, expresando unha fachenda que saía do peito. Ao inicio do acto, Patsi Aldana, presidenta da Fundación IBBY, sinalou que “neste tempo tan díficil de crise, o mundo necesita de grandes libros e de moitos lectores que queiran ler e imaxinar novos mundos alternativos ao que vivimos. Para facer estes lectores son indispensables grandes autores de literatura de calidade como Agustín Fernández Paz”. Sei que o de onte foi un dos fitos máis senlleiros da literatura de noso. Beizóns, mestre Agustín!

Á volta a Galicia, que iniciamos nunhas horas, subiremos os discursos de María Jesús Gil e do propio Agustín. Ademais, contaremos coa gravación do acto realizado por  Xulio Abollo e coas fotografías de Rosa Aneiros. Uns documentos que moito pagan a pena.

Onte 76: Tobaruela, fomentador

Na presentación de Poñente díxoo Tito Fernández Prieto: “Pere Tobaruela é un fomentador, xa que descubre axiña as nosas posibilidades. É un holandés do mediodía”. Escritor catalán, afincando dende hai poucos anos en Galicia, narrador nato que escribe para todos os públicos, o compromiso de Pere coa lingua e coa literatura galega, co país de noso, máis aínda nestes tempos difíciles, merece beizón. Cunha recoñecible pegada autobiográfica, Tobaruela ofrece en Poñente unha novela histórica sobre aqueles fomentadores cataláns que entre finais do XVIII e comezos do XIX alicerzaron a actividade da salga de sardiña nas rías baixas. Agora, Tobaruela, ao xeito de fomentador literario, contribúe a recuperar a épica do inicio da industrialización dun dos nosos sectores de ribeira, ao tempo que continúa o diálogo entre Galicia e Catalunya. Roubándolle as palabras o mestre Llach, a luz de poñente que procura Tobaruela é a que descubre un mundo novo, unha luz descoñecida.