Onte 171: O discurso de Monteagudo

A pesar de que non puiden viaxar a Compostela, seguín pola rede co maior interese a intervención de entrada na RAG de Henrique Monteagudo. Agradezo a súa afouteza e xenerosidade por enunciar un discurso sobre a lingua galega capaz de aumentar o perímetro do seu abrazo sobre o conxunto da sociedade galega, sen renunciar unha miga a ningunha das nosas aspiracións para ela. Agardando a lectura demorada da peza, tanto polas declaracións anteriores á intervención, como polos avances por twitter, o discurso de Monteagudo axudará ao avance colectivo e compartido dos que defendemos o idioma. É importante salientar que cómpre «deseñar estratexias para saír do abrazo de morte que nos chega do centralismo castelán e da súa dominación excluínte», como é imprescindible asociar o idioma coa innovación social, como é ineludible que en todos os ámbitos da sociedade galega desmontemos as falacias da imposición e da liberdade lingüística que o PP xa fixou como principios académicos. Con todo, semelloume que a cerna da intervención residiu nesta afirmación: «o núcleo do problema sociolingüístico de Galicia é inseparable da crise do autogoberno, que é o que está en cuestión». Monteagudo salienta así a dimensión profundamente política do problema, o que ten moi importantes consecuencias á hora de deseñar os vieiros polos que discorran as políticas normalizadoras. Beizóns para Monteagudo pola súa entrada na RAG e pola calidade da súa oportunísima intervención nun momento crítico para a historia da nosa lingua e para o futuro do autogoberno da nación.

Onte 169: Día de Rosalía

Celebramos o Día de Rosalía, o 175 aniversario do nacemento da fundadora da nosa literatura nacional. Unha efeméride que non debe pasar desapercibida en ningún centro educativo nin medio de comunicación. A realización de lecturas e actividades rosalianas en espazos públicos e educativos, ademais da reivindicación do apoio das administracións á investigación e difusión da súa obra centrarán a xornada.  Con todo, a novidosa proposta da AELG –apoiada pola Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, numerosos concellos e centos de asociacións culturais e cívicas– de animar á cidadanía a que nesta data merque un libro en galego e reciba unha flor constitúe outro fermoso aliciente desta coroa cívica e popular. Da man de Rosalía a lingua e a literatura galega chegarán hoxe a todos os recunchos do país de noso. Rosalía sempre viva.

Onte 163: Celso Emilio Ferreiro

Estamos de cheo no ano de Celso Emilio Ferreiro. Pola mañá acompañei a Luís Ferreiro, o director da Fundación CEF, ao acto de presentación da programación institucional do ano Ferreiro, na que colaboran coa Fundación a Xunta, a RAG, o CCG e o concello de Celanova (mágoa que non o faga tamén o concello de Vigo, a cidade onde viviu tantos anos e onde viviu o poeta), así como outras entidades privadas como as editorais Xerais, Ouvirmos, Kalandraka e Tambre, asociacións como o Pen Clube Galicia, centros educativos, asociacións culturais de todo o país. Pola noite iniciei a lectura do orixinal da biografía de Ramón Nicolás no que comprobei decontado, xa nos capítulos dedicados á infancia e á mocidade do poeta en Celanova, que virá preñada de importantes novidades. Un relato diacrónico ben artellado, fiado transversalmente en cada unha das etapas polas dimensións persoal, política e literaria do biografado e do seu entorno; unha prosa literaria de festa e unha documentación completísima, que sostén cada unha das interpretacións e non dificulta unha lectura enguedellante, foron, tras catro horas de lectura, as miñas primeiras valoracións. Aventuro que tanto pola súa extensión (vinte e catro capítulos e numerosos apéndices, máis de 600 páxinas) como pola súa fasquía de biografía literaria, esta de Ramón Nicolás será a obra de referencia do centenario Ferreiro.

Onte 162: O conde Waldemar

Xa imaxinaba que ía interesar moito a biografía de Manuel Rodríguez Saa, o conde de Waldemar, o mago, prestidixitador, ilusionista e telépata de sona internacional nacido en Portomarín. Xosé Díaz e Belén Fernández descubren no seu libro o sorprendente itinerario vital e profesional deste galego de aldea que durante o primeiro terzo do século XX percorreu o planeta enteiro e chegou a vivir uns anos dourados da súa vida en Filipinas, onde casou cunha millonaria. Falecido, hai case trinta anos, Carlos Coira e o Mago Antón aínda tiveron oportunidade de coñecelo e, dende entón, consideralo como o referente indiscutible da actual xeración de magos galegos. O doutor Saa –tamén chamado «rei dos magos» e «mago dos reis»– é outra desas figuras galegas de lenda, unha desas personalidades míticas por descubrir e reivindicar. Un libro do que me sinto moi orgulloso ter editado e recomendo moi vivamente.

Onte 155: Con Carlos Callón

Admiro o traballo teimundo e incansable de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, compañeiro de Prolingua e autor moi querido de Xerais, a prol da lingua galega, a súa defensa e o fomento do seu uso en todos os ámbitos da vida social. Indígname que hoxe vaia ser xulgado, tras ser denunciado polo xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, a raíz das súas críticas polo reiterado incumprimento deste xuíz da Lei de Normalización Lingüística, sobre todo no que atinxe ao emprego do topónimo a Coruña. É incrible que un cidadán sexa procesado por defender o cumprimento da lei e por promover a defensa do noso idioma, unha obriga que teñen todos os servidores públicos, tamén este funcionario da administración de xustiza. Amoso toda a miña solidariedade e apoio a Carlos Callón. Animo a asinar o manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística «Queremos xustiza para a nosa lingua. Non á criminalización da súa defensa!» A defensa do cumprimento da Lei de Normalización Lingüística é hoxe unha causa cívica primeira.

Onte 154: Villares gaba a Isacc

Na primeira das homenaxes a Isaac Díaz Pardo, celebrada na Cidade da Cultura e organizada pola Xunta de Galicia, Ramón Villares realizou unha intervención extraordinaria, probablemente a mellor que lle teño escoitado. O presidente do Consello da Cultura Galga falou con absoluta liberdade, claridade e beleza expresiva para facer un retrato axeitadísimo da figura poliédrica de Isaac ao longo dunha vida que careceu de tempos mortos. Anotei dúas frases memorables sobre Isaac, que poden servirnos de guieiro: «Díaz Pardo combinou a beleza das formas co rigor das condutas». «Tivo unha idea ao longo de toda a vida: construír un futuro para Galicia con memoria e sen divisións sectarias». É difícil poder resumir con menos palabras a vida enteira dun artista patriota. A vindeira homenaxe será o mércores, 15 de febreiro, ás 19:30 horas, organizada polo Museo do Pobo Galego.

Onte 153: A proeza da Editorial Cíes

José Ballesta, director e guionista dunha longometraxe documental de próxima estrea sobre Marcial Lafuente Estefanía, achegoume novos datos sobre a proeza da viguesa editorial Cíes. A editora de Eugenio Barrientos López, situada na Libraría Tetilla da rúa Elduayen, entre 1941 e 1958 desenvolveu un catálogo de arredor 1.500 títulos, estimándose que puido chegar a publicar SEIS MILLÓNS de exemplares das súas novelas populares de xénero romántico e de vaqueiros. Barrientos, un auténtico xenio da edición, aínda non recoñecido, foi o inventor en España, en 1945, do formato da novela de peto («bolsilibro») e dun curioso sistema de distribución por kioscos, no que tanto se vendían como se prestaban os libros. Foron as dúas coleccións de novelas de «pulp fiction» as de maior éxito de Cíes, tanto a primeira, «Biblioteca X» (200 títulos), como a segunda, «Rodeo» (800 títulos), nas que publicaron os seus dous principais novelistas : Marcial Lafuente Estefanía e Fidel Prado (un letrista notable de cuplés). Os libros de Cíes concebíanse en Vigo (onde MLE viviu e escribiu de 1943 a 1951), as xeitosas portadas a cor preparábanas en Barcelona os ilustradores Moreno e Tomás Porto, eran impresos en Bilbao por Artes Gráficas Grijelmo e, finalmente, distribuídos para toda a España dende o almaceniño de Elduayen onde un encargado e dúas rapazas facían os paquetes que se envían por correos. Un incrible modelo de edición popular periférica en tempos de dura posguerra. Cíes solicitaba escritores en anuncios nos principais xornais de España e anunciábase baixo o lema: «Editorial Cíes. Creadores de rotundos éxitos». Sobre a experiencia de Cíes e sobre a apaixonante biografía da súa estrela, Marcial Lafuente Estefanía, volverá Ballesta nun libro que está escribindo. A memoria de Barrientos e MLE debe ser recuperada.

Onte 152: Bragado e Carlos Casares

O meu amigo limiao Rafael Laso envioume este mapa da provincia de Buenos Aires. É doado comprobar que na mesma estrada, separadas por uns poucos quilómetros, están as cidades de Bragado e Carlos Casares. Unha proximidade atribuíble, quizais, a esa providencia laica que axuda a explicar estas coincidencias fortuítas. Seguro que Carlos Casares, finado hai agora dez anos, celebraría a representación gráfica da nosa amizade cun sorriso agarimeiro.

Onte 148: A forza do vento

O serán frío de Pontevedra non impedíu que os membros do Ateneo completasen o aforo da Casa das Campás para participar na presentación de Extramunde, a novela de Xabier Queipo premiada co Xerais 2011. Recén chegado dunha xuntanza da Axencia Europea de Pesca, centrada na remontada do rodaballo no Mar Negro, Xavier comezou o seu parlamento agradecendo aos ateneístas, entre os que había un numeroso grupo de escritores, a súa presenza, xa que «actos coma a presentación dunha novela galega son actos de resistencia activa». Antes de confesar que a xénese desta novela estivo nalgúns soños coloridos e brutais que tivo, o compostelán lembrou un proverbio coreano que viña ao caso: «A forza do vento detense diante da paciencia do mar.» Foi unha inxección de esperanza moi oportuna, que apuntamos no caderno como pacientes mariñeiros que somos.

Onte 142: Serán en Rianxo

Da man de Barbantia presentamos en Rianxo o Poñente de Pere Tobaruela. Foi bonito escoitar alí a Pere falar na lingua de Castelao –un exercicio de galeguidade co que o escritor catalán salientou o carácter do galego como lingua universal– para facer súa a doutrina de  Josep Plá: «Quero explicar ao mundo o que sucede na miña terra». Tobaruela ben sabía que Rianxo non é un sitio calquera, é unha das  vilas literarias galegas por excelencia, como Mondoñedo, Celanova, Padrón ou Noia. É un auténtico prodixio que en menos de cen metros atopemos as casas natais de tres dos nosos máis grandes escritores: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, o noso grande poeta do mar; mais se esquecer nin a Paio Gómez Chariño «O señor de Rianxo» nin a Faustino Rey Romero. Unha centramina que debería ser recoñecida como «espazo da memoria galega» e constituír un lugar de peregrinaxe obrigada. Adolfo Muíños, o agarimeiro alcalde de Rianxo, teima en converter esta vila arousá nunha referencia cultural en Galicia. Eis o programa arredor do aniversario de Castelao, que se desenvolve esta fin de semana. Eis a inauguración, tras o remate da presentación de Poñente e o pequeno concerto do formidable Antón Alcalde, da exposición de esculturas de Nuco Losada arredor de Castelao. A pesar do frío severo, foi un magnífico serán.