Escritora María Xosé Queizán

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da presentación o pasado venres do libro Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, reivindico o papel fulcral da escritora viguesa nas letras galegas contemporáneas.
Queizán merece un recoñecemento institucional e cidadá que aínda non recibíu. Debe entrar a formar parte da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía incomprensible. Como tamén, Vigo, a cidade onde naceu e a que quere, debe homenaxeala como merece, recuperando no espazo de lecer que leva o seu nome a magnolia que ela plantou hai máis de dez anos.
No serán do pasado venres, o Auditorio Mar de Vigo acolleu a presentación do libro Cara unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán (Xerais 2011). Ademais da presentación desta obra colectiva –coordinada por Camiño Noia e Manuel Forcadela, profesores do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, e na que participaron dúas ducias de persoas vinculadas ao ámbito académico e ao movemento feminista–, o acto constituíu unha reivindicación rotunda da achega humana, política e cultural da escritora e pensadora feminista viguesa.
Nacida na rúa Urzaiz en febreiro de 1939, á altura do muro da Estación, aquela nena de posguerra educada en berce de mulleres herdou unha tradición de galeguismo urbano e unha educación liberal que a afastou do fanatismo fascista e relixioso daqueles anos díficiles. Sen perder nunca as súas raíces na ría, viaxou a París hai cincuenta anos, onde tivo o seu primeiro encontro cos pensadores existencialistas e coa literatura máis innovadora do seu tempo. Dende entón, esta viguesa afrancesada, rebelde e independente, mantivo como norte da súa vida a defensa dos principios da razón e da xustiza, concretados nos proxectos da revolución feminista, socialista e galeguista nos que participou, alenta e continúa promovendo dende o seu oficio de escritora.
Desque en 1965 publicara na colección “Illa nova” de Galaxia a novela obxectalista A orella no buraco, e desque en 1977 aparece o seu primeiro libro de ensaio, A muller en Galicia, María Xosé Queizán desenvolve un catálogo literario que non entende de fronteiras de xénero, procurando unha vía de diferencialismo feminista, ensaiando a creación dunha linguaxe específica e abordando temáticas novas para a literatura galega. Oito libros de ensaios, dous de contos, media ducia de novelas, tres pezas teatrais, catro poemarios, conforman un catálogo actual de vinte e catro libros individuais. Unha obra literaria á que cómpre engadir máis dun centenar de artigos publicados en revistas literarias, centos e centos de artigos xornalísticos en seccións como «Lilith», «Antígona» ou «Carrapuchiña feroz» (estas en Faro de Vigo), dúas biografías inéditas, un libro de viaxe en publicación e varios guións de documentais. Unha obra tan extensa como variada, propia dunha escritora total que fixo da literatura e da creación artística un compromiso primeiro e fundamental na súa vida.
En cada unha das súas novelas, relatos, poemas ou artigos –sempre escritos dende o seu optimismo feminista e os criterios da racionalidade e a confianza na ciencia– salienta a necesidade de fuxir de calquera tipo de sentimentalismo e procurar a liberdade do ser humano, sometido aos condicionantes da sociedade patriarcal. Toda a súa obra constitúe un esforzo pouco frecuente na literatura galega por ofrecer as lectoras e lectores unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder e, ao mesmo tempo, utilizar o poder da palabra como medio para inventar novos paradigmas de igualdade na relación entre os seres humanos. Un exercicio de coherencia e de reflexión permanente que xa é tempo de recoñecer. Máis aínda cando é imposible entender a literatura galega contemporánea sen o espazo fulcral, artellado pola obra literaria da pensadora e escritora viguesa.
Alén do seu traballo como escritora, María Xosé Queizán é unha teimuda editora. Dende hai vinte e cinco anos dirixe e terma contra vento e marea esa fantasía chamada Festa da Palabra Silenciada, a interesante revista cultural da FIGA (a organización feminista á que pertence é da que unha das súas fundadoras). Dende 1999 dirixe «As Literatas» de Xerais, unha colección de literatura escrita por mulleres que permitiu verquer para o galego de forma pioneira a autoras como Herta Müller ou Emilia Pardo Bazán. Actividade editorial á que non son alleas outras iniciativas súas como promover a tradución para o galego da obra de Simone de Beauvoir, O segundo sexo, proeza realizada ao longo dunha década pola súa amiga Marga Rodríguez Marcuño.
María Xosé Queizán merece o agarimo e afecto dos membros da cultura galega, mais tamén ser elixida como membro da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía que de forma incomprensible se ven arrastrando dende hai tempo. María Xosé Queizán merece o aplauso, o agarimo e os aloumiños que lle proporcionamos os seus conveciños, mais tamén que no denominado Parque da «Escritora María Xosé Queizán» (situado en García Barbón, á altura da entrada da autoestrada), inaugurado en 1998 con motivo da homenaxe que lle ofreceu a AELG, volva chantarse a pedra na que se gravaron os seus versos e volva plantarse unha magnolia negra como aqueloutra que ela plantou. Reclamo que o concello repare a escape esa inxustiza poética, antes de nomeala Viguesa distinguida.


No serán do pasado venres, o Auditorio Mar de Vigo acolleu a presentación do libro
Desque en 1965 publicara na colección “Illa nova” de Galaxia a novela obxectalista
Alén do seu traballo como escritora, María Xosé Queizán é unha teimuda editora. Dende hai vinte e cinco anos dirixe e terma contra vento e marea esa fantasía chamada 
María Xosé Queizán merece o agarimo e afecto dos membros da cultura galega, mais tamén ser elixida como membro da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía que de forma incomprensible se ven arrastrando dende hai tempo. María Xosé Queizán merece o aplauso, o agarimo e os aloumiños que lle proporcionamos os seus conveciños, mais tamén que no denominado 
Parabéns á CRTVG por recuperar este formidable documento: a 
Onte 
Non teño moitas posibilidades para seguir a todos os autores interesantes da narrativa contemporánea española. Con todo mantéñolle fidelidade a tres persoas: ao encantador Luis Landero, ao firme Isaac Rosa e ao engaiolante Ignacio Martínez de Pisón. Tres novelistas que trato de seguir e que, até agora, poucas veces me decepcionaron rotundamente. Esta foi a razón pola que merquei o pasado xoves na tenda do aeroporto de Vigo 
Foi 
Valentín Arias morreu de socate o venres na súa casa de Vilerma, na parroquia de Maside do concello de Sarria, onde nacera en 1934. Fillo de humilde casa de labregos aprendeu as catro regras nunha escola de ferrado. Como ten confesado “ía para labrego”, mais o 1 de febreiro de 1948 acontecería un feito decisivo para o seu futuro: o empresario Antonio Fernández López inaugurou a un quilómetro do seu fogar a Escola Agrícola da Granxa Barreiros para rapaces e rapazas de seis a catorce anos das parroquias da contorna, así como para as persoas adultas que se achegasen para recibir leccións. Alí acudiu Valentín como alumno e alí amigou de por vida co mestre galeguista que a dirixía, Avelino Pousa Antelo. Alí deu en ensinante e quedou contaxiado polo virus da escritura con enxebreza de don Avelino, ao tempo que pola obriga moral de traballar arreo a prol do país.
O domingo estarei na Coruña para participar en
Gálix 