Onte 217: Celso Emilio Ferreiro editor

A Liga Estudantil Galega da facultade de Filoloxía da USC convidoume a pronunciar unha palestra dentro das xornadas que organiza con motivo do centenario de Ceso Emilio Ferreiro. Un programa magnífico, case un minicongreso no que se abordaron diversos eidos da obra e da vida do poeta de Celanova. Sei que a condición de editor de Celso Emilio é un dos aspectos menos divulgados da súa traxectoria biográfica. o CEF editor do Guieiro da Mocidades Galeguistas de Celanova, durante o período de entusiasmo republicán; o seu traballo como director literario da pontevdresa colección Benito Soto de 1949 a 1952; a súa participación como co-director da viguesa revista poética Alba e, máis tarde, da colección Salnés de Galaxia, onde publicou hai cincuenta anos a edición príncipe de Longa noite de pedra, foron algunhas das cuestións que relatei diante dun público universitario numeroso e moi comprometido. Non podo máis que agradecer o convite a estes foros tan estimulantes para min.

Onte 215: Con Valentín

A convocatoria da Fundación Penzol, apoiada polas editoriais Galaxia, Xerais, Ir Indo e Biblos, dunha mesa redonda con motivo da aparición das biografías de Valentín Paz Andrade constituíu un éxito rotundo tanto pola calidade das intervencións como polo numeroso público que ateigou a Casa Galega da Cultura. Charo Portela, autora das dúas publicadas por Xerais, e Xan Carballa da de Galaxia, retrataron a figura literaria, empresarial, xornalística e política de Valentín. Foi moi clarificadora a anécdota final que relatou Carballa sobre a intervención decisiva de Paz Andrade, como membro da Comisión dos nove, para bautizar como tal a Xunta de Galicia, unha das súas tantas achegas políticas escasamente coñecida. O vindeiro 4 de maio será o Club Faro de Vigo quen no Auditorio do Areal convoque a Miguel Anxo Seixas, Xosé Luís Axeitos e X.L. Méndez Ferrín para ofrecer novas dimensións deste home da Galicia que suma. Teño a intuición que a figura de Paz Andrade vai dar moito xogo nos vindeiros meses, sobre todo cando apareza a edición do volume da súas poesía galega completa, preparada por Gregorio Ferreiro Fente para Xerais, que desvelará até nove poemarios inéditos.

Onte 200: Afirma Tabucchi

Souben da morte de Antonio Tabucchi xantando con bos amigos no Nuevo Derby de Urzaiz, o noso particular Café da Orquídea. Na casa procurei na biblioteca os seus libros. Unha ducia, a maior parte deles moi anotados. Mantívenlle lei a Tabucchi dende Dama de Porto Pim, unha viaxe aos Azores que lin no oitenta e sete, deica as nove historias de El tiempo envejece de prisa, que lin nunha viaxe a Madrid do marzo de hai dous anos. Sempre gustei de Tabucchi a abordaxe que fixo do tempo que se vai esvaendo nos territorios imprecisos da memoria, asumindo que aquilo que imaxinamos convértese en recordo. Mestre indiscutible do conto, a obra que máis me impresionou foi Se está haciendo cada vez más tarde (2002), unha novela en forma de cartas nas que escolle o amor como punto de fuga para conducir ao lector cara ás zonas máis agochadas da alma. Unha novela fermosísima escrita dende o compromiso do narrador de procurar un sentido a vida, enxergando o futuro como un banco de néboa. Tiven a fortuna de coñecelo nunha das súas viaxes a Galicia, cando participou nunhas xornadas didácticas. Lémbroo agora con saudade, esa nostalxia agarimosa, nas páxinas de Tristano morre, a súa derradeira novela, na que se interroga sobre os compoñentes esenciais da vida e as posibilidades de relatala. Ese compromiso coa vida e o seu relato guiou o seu oficio de escritor ao que se dedicou tan xerosamente.

Onte 198: No meu país danse as grazas

Inesquecible foi a sesión académica da investidura de Manuel Rivas e John Rutherford como Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Cinco discursos memorables –dúas laudatios formidables, senllas respostas para a nosa historia cultural e un peche do reitor de grande altura– que salientaron de forma unánime o compromiso dos doutores e da UDC co futuro da cultura e lingua galegas. No entanto, é inevitable salientar a intervención colosal de Manuel Rivas, escrita e expresada dende unha felicidade inquieta, que constituíu unha reivindicación do poder das palabras, unha manifestación de confianza na lingua galega, ao tempo que unha presentación da súa iconografía da esperanza. Un discurso que merecería ser reproducido íntegro nos xornais e medios dixitais para o goce reflexivo da cidadanía á que estaba dirixido. Rivas comezou e pechou o seu parlamento con esta frase de inequívoca humildade: «No meu país danse as grazas». Unha forma de vindicar os lexemas de simpatía, que sempre nos foron propios aos galeguistas, e que Rivas utilizou para insistir nunha idea fulcral sobre a lingua galega: «Non só estamos vivos, seguiremos vivindo. A lingua galega non nos pertence a nós, pertence ao mundo». Aí escribíu o fillo de Elviña a súa aposta polas palabras de noso, xa que son «portadoras da información básica da humanidade, utilizan a grafía da vida»; aí afortalou a actual literatura galega, «na que se conteñen todos os rexistros do resto das literaturas». Dedicou o marabilloso cuarto de hora final do discurso a reivindicar a esperanza en tempos de conformismo, xa que a «da esperanza é a peor das subtracións». A súa coñecida referencia ao sorriso de Daniel –contaxioso, claro e enigmático a un tempo– serviulle para salientar como o lexema de simpatía agroma da pedra granítica de Galicia. Referencia que uníu a unha cita de Steiner («Un bo ensino sería aquel no que os estudantes puidesen cometer o erro de ter esperanza») para debuxar a inconografía da esperanza presente na súa obra: as bandas de estorniños sobre a cidade da torre, os círculos concéntricos, as mulleres que levan cousas na cabeza, a chorima a gabear polas espiñas do toxo… A lectura de «A sección aurea», poema de Costa da Morte Blues, libro que reeditamos en Xerais da man da UDC para celebrar a investidura, pechou un discurso que nos emocionou moito. Fachenda nosa de contar en Galicia con este extraordinario Manuel Rivas. Beizóns para el e para Rutheford, como para José María Barja, alxebrista e reitor saínte, que recibiu a Medalla de Ouro da UDC. No meu país danse as grazas.

Onte 188: Os fillos do mar

Pasei boa parte da tarde lendo na novela coa que Pedro Feijoo debuta na narrativa galega. Tras o seu magnífico estudo sobre o xornal Galicia de Valentín Paz Andrade e Viva o Fu Remol!, o escritor e músico de Los Feliz e Lamatumbá ofrece unha novela trepidante sobre as pegadas da memoria na cidade de Vigo. Máis de catro centas páxinas dunha historia de intriga, escritas con grande elegancia e unha preciosa ambientación viguesa (nalgúns treitos chegou a emocionarme), nas que a historia dunha familia que procura atopar a súa identidade contribúe a facelo coa comunidade (un chisco desmemoriada) á que pertence. Os fillos do mar, finalista do premio Xerais de novela 2011, reivindica a volta da narración e o entretemento aos andeis das novidades da literatura galega. Un texto ben escrito, unha novela armada con solidez, un tema relevante, unha ambientación e documentación magníficas. Agardo que axude a incrementar o número de lectores e lectoras en galego nestes tempos de crise. Recoméndoa moi vivamente.

Isaac, o editor da memoria

Isaac, o editor da memoria. from Illa Bufarda on Vimeo.

Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.

No tren de Casares

No tren de Carlos Casares from Illa Bufarda on Vimeo.

 
Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.

Dez anos sen Carlos Casares

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura de Carlos Casares nos eu décimo cabodano.

O pasado día 9 cumpríronse dez anos do pasamento do escritor Carlos Casares. É dificil esquecer o impacto emotivo que a súa perda, tan prematura como inagardada, supuxo para moitos do seus amigos, moito máis cando moi poucas horas antes puidemos velo no García Barbón participando na homenaxe que a Fundación Premios da Crítica Galicia rendeu a don Francisco Fernández del Riego. Alá foi xa unha década complexa na que sentimos a ausencia do home do sorriso tranquilo e da ollada acolledora, o galego cosmopolita que gozaba co espectáculo do mundo e cos seus avances tecnolóxicos que lle permtían demorarse na escritura da vida. Unha década na que afortunadamente foi reeditada toda súa obra narrativa e boa parte da xornalística, ademais de celebrada e divulgada a súa figura grazas ao bo traballo da fundación que leva o seu nome e do esforzo e compromiso da editorial Galaxia que dirixiu e modernizou durante dezasete anos.

Un tempo de vertixe que non cura as saudades do derradeiro encontro na súa casa de Vilariño –tras un xantar no que pechamos con Tucho Calvo o acordo para a edición da Biblioteca 120 de LVG–, cando me puxo a funcionar a súa maqueta ferroviaria da que tantas veces falara nas viaxes de editores. Tratábase dun tinglado formidable de tres pisos, construído coa axuda dos seus fillos, polo que circulaban miniaturas marabillosas, sometidas ás velocidades, ás paradas ou aos asubíos cadenciosos que Casares programaba cun temporizador. Ensinoume, logo, as leicas, as máquinas fotográficas das que era un experto coleccionista. Máis tíñame reservada outras sorpresas: amosarme o teclado despregable, que mercara para conectar ao seu palm, o microordenador de peto que sempre o acompañaba, e o funcionamento do programiña que lle preparara un dos seus fillos para contar as palabras do procesador de textos, unha ferramenta imprescindible para escribir os seus artigos diarios de “A Marxe”. A súa derradeira sorpresa foi deixarme esculcar nos libros dixitais que tiña cargados naquela máquina diminuta, o que nunca esquecerei supuxo o meu primeiro contacto con ese soporte.

Casares gozaba moito con todas aquelas chilindradas dixitais. Lembro que foi el, tamén, quen nunha xuntanza de editores dos noventa ensinou o funcionamento do primeiro teléfono móbil con vibrador. Aquilo fora celebrado con moitas risas. Carlos era un adiantado nestas angueiras dos novos aparelliños xa que cría que unha lingua e cultura de dimensión reducida coma a nosa tiña na innovación tecnolóxica a súa mellor oportunidade de futuro. Moitas veces teño pensado canto celebraría fitos da cultura dixital que non coñeceu como a aparición dos blogs (dos que foi pioneiro sen sabelo) e das utilidades hipertextuais e multimodais como youtube, a popularización dos e-books, a disrupción que supuxeron os teléfonos e taboíñas dixitais ou a transmisión por streaming de actos nas instalacións do Consello da Cultura Galega, institución que contribuíu a modernizar durante os anos nos que foi o seu presidente.

Foi tamén esa curiosidade vital permanente a que impregnou a súa obra narrativa, sobre todo, a publicada nas páxinas do xornal, paradoxicamente, a que pode termar máis do paso do tempo. Tras esas historias breves sobre as miudallas autobiográficas do cotián vivido ou lembrado, escritas a correr no despacho ou no aeroporto, mais coa fluidez, a claridade e a retranca dos seus relatos orais de cafetaría, Carlos sempre achegaba unha faísca de luz, un fulgor que irradiaba sentido no coñecemento da alma humana. Outrosí tamén é o meu Casares preferido o dos relatos de “Vento ferido” e “Os escuros soños de Clío”, mesmo o dos medidísimos textos de literatura infantil como “A galiña azul”, o do narrador depurado que consigue unha prosa transparente, afastada de calquera grandilocuencia que vai directa ao corazón do lectorado. Eis identifico o Casares con capacidade para conectar con ese público novo que se poderá achegar a súa obra nas edicións dixitais que acertadamente preparan os seus editores de Galaxia para celebrar esta década e candidatalo para o vindeiro Día das Letras Galegas.

Mais en Casares non podemos esquecer a súa importante dimensión política, a de ser o derradeiro membro da estratexia cultural piñeirista. Un posicionamento que o levou a manter unha interlocución amable de máis co fraguismo e cos poderes económicos do seu tempo. Porén, tras a desaparición do fraguismo e o completo derrube do poder financeiro galego, tras a mobilización popular do Prestige e a experiencia do goberno de coalición de progresistas e nacionalistas, tras a ruptura do consenso sobre a lingua provocada por Feijoo e a desaparición dos galeguistas do PPdeG esa estratexia de Casares para o desenvolvemento do autogoberno quedou en augas de bacallao.