A artesanía de APAMP

No artigo da semana percorro a traxectoria de tres décadas de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral) a raíz da presentación esta semana do libro APAMP. El mundo de lo hecho a mano. A pesar dos importantes avances acadados, queda moito, moito por facer para obter a igualdade real de oportunidades de todas as persoas con discapacidade, queda aínda camiño por percorrer para atender as súas necesidades ou para que accedan sen dificultade ningunha a idénticos lugares e servizos que o resto dos cidadáns. Algo que non debemos esquecer.

A foto de X.C.G. (La Voz de Galicia) corresponde á presentación do libro celebrada o pasado venres no Verbum. Acompañamos a Daniel Varela (actual presidente de APAMP), Eli Regueira (fotógrafo, deseñador e produtor do libro), María Garrido (artesá, unha das protagonistas, presentadora da obra) e José Gabriel Barral (histórico voluntario de Auxilia e APAMP e colaborador do libro).

Campo do Fragoso LXXXVI

GOLEAN OS DEFENSAS

Dous goles formidables de senllos defensas, Roberto Lago e Catalá, salvaron do cesamento inevitable a Eusebio e, por fin, despois de varios meses, permiten saír ao Celta das posicións de descenso. Despois do triunfo en Girona, esta segunda vitoria consecutiva proporciona un chisquiño de acougo para seareiros e membros do consello de administración ansiosos, ao tempo que debería facilitar ao cadro de xogadores e técnicos afrontar con confianza o remate de 2009, un ano horroroso para o Celta como locatario xa que só conseguiu en vinte partidos de competición ligueira media ducia de vitorias (catro a tempada pasada e dúas na actual). Porén, polo que vimos onte na lameira, superando claramente ao Elxe –un equipo ben clasificado, mesmo con aspiracións de ascenso– o Celta debe e pode saír a lume de carozo das posicións de perigo. Inevitablemente, esta vitoria, a segunda que consegue Eusebio tras retirar do equipo inicial a Roberto Trashorras, o noso xogador con máis e mellor fútbol nas súas biqueiras, acentúa o debate sobre a conveniencia de considerar ao de Rábade como a peza que permite o engrenaxe harmónico do esquema de “fútbol amable” do adestrador vallisoletano. Un debate entre os detractores e os defensores do lucense –por outra banda, unha lideira moi tradicional na bancada nosa (deuse sempre co papel deses xogadores xeniais de presenza intermitente, dende Mostovoi a Canobbio)– que este partido non só non resolveu, senón que incrementou na medida que os goles como a maior parte das xogadas de perigo foron protagonizadas polos nosos defensas. A primeira parte resultou ruín de todo. O Celta foi dominado polos ilicitanos que non souberon aproveitar as súas numerosas oportunidades. Un xutazo de Catalá dende a frontal, aproveitando un rexeite, un caneo de Aspas na área pequena e un remate inocente de Joselu foron as tres únicas xogadas con certa intención dos nosos en todo o primeiro período. Un balance pobrísimo que agoiraba a debacle de Eusebio. Sen embargo, tras a reanudación o panorama mudou completamente. Os nove primeiros minutos celestes deste segundo período foron excelentes. Contamos até seis xogadas claras de gol. Saulo centrou en dúas ocasións dende a liña de fondo e non atopou rematador. A seguir, Roberto Lago (onte un dos mellores e máis comprometidos celestes) percorreu con enorme potencia toda a súa banda sen atopar goleiro para o seu centro; o que non lle impediu, dous minutos despois, aproveitar un rexeite dende a frontal que quedou lixeiramente alto. Teimosía que na xogada seguinte permitiría ao defensa vigués aproveitar outro rexeite da defensa ilicitana, mais esta vez o xute de volea foi cara abaixo, colocando o balón ao pé do pau. Un gol precioso e preciso, que culminaba o mellor período de xogo dos nosos ao longo de todo o encontro. Co marcador por diante, o Celta, a pesar de atemperar a súa intensidade, non perdeu o control do partido. Así, faltando pouco máis dun cuarto de hora o central Catalá, xa o noso káiser do Fragoso, aproveitou un erro de marcaxe da frouxa defensa visitante e rematou de cabeza a pracer un saque de recanto. Co 2-0 por diante, os celestes arrollaron, mais os nosos “pichichis” malograron cinco ou seis deses goles feitos. Nun longuísimo desconto, o Elxe conseguiu o seu tanto e os nosos corazóns volveron acelerarse durante dous minutos. Insisto na miña teima, cun goleador só discreto, onde estaría este Celta?

Abandonados

No artigo da semana abordo a situación das persoas sen teito que deambulan por Vigo, ao tempo que denuncio a inhibición da Alcaldía e da Xunta de Galicia, tras oito meses de debate retórico, para darlle unha solución á ubicación do asilo de emerxencia.

Galegos de etiqueta

No artigo da semana (desta volta publicado en luns) apoio a campaña «Consumo gusto» promovida polo Foro Enrique Peinador. A etiquetaxe e a publicidade en galego son as dúas grandes vías de promoción do uso da lingua no eido empresarial e comercial.

Imaxe compartida da páxina que sobre a etiquetaxe preparou a profesora Mª Fernanda Padín Ogando (un recurso didáctico interesante).

Pola volta da irmandiña

No artigo da semana pretendo achegar razóns que aconsellan a volta da Irmandiña. Non teño dúbidas de que a liquidación das seleccións absolutas de fútbol forma parte da estratexia da degradación identitaria acometida por Feijóo («deconstrución» ou «subtracionismo» no máis recente libro de Manuel Rivas). Triste goberno que até nos rouba a posibilidade de vivir durante noventa minutos ao ano a posibilidade de sermos donos de nós.

Campo do Fragoso LXXXV

A PACIENCIA AGÓTASE

Ninguén agoiraba a debacle de onte fronte ao Villarreal B, o único filial da categoría. Os de Eusebio amosaron a súa faciana máis fea, tanto na primeira parte cando tiveron algunhas oportunidades e demostraron a súa incapacidade total para marcar, como na segunda cando foron arrollados polos mociños amarelos e quedaron envurullados na súa impotencia. Este Celta, coa excepción da copa, non acaba de rular. Os seus resultados no campionato de liga son pésimos e de non seren reconducidos axiña o levarán ao descenso a 2º B e, polo tanto, a súa desaparición societaria. Finalizado xa o primeiro cuarto da liga, o peso das estatísticas é demoledor: só dous partidos gañados de 13 disputados (ademais de cinco derrotas e seis empates); 12 puntos obtidos de 126 posibles (o que suporía que a este ritmo non se superarían os 40 ao remate de tempada, moi lonxe deses 50 puntos que poden asegurar a permanencia); un só partido gañado na casa (fronte ao actual colista e pola mínima), tres empatados e outros tantos perdidos (que fan do Celta o peor equipo como local, o que é tanto como dicir o que máis disgustos proporciona aos seus seareiros); dez goles a favor fronte a quince recibidos (que converten ao noso equipo no menos realizador da categoría)… U-los problemas deste prometedor conxunto de canteiráns (hoxe chegaron a xogar sete rapaces formados na Madroa) que nos fixeron enxergar tantas esperanzas? En primeiro lugar na súa falta de gol, como ben puidemos comprobar onte, na que os múltiples centros de Dani Abalo dende a banda dereita nunca atoparon un rematador oportuno, tanto cando estivo no campo Arthuro (“Pichichi” é o alcuño que recibe o brasileiro en Río Alto) como máis tarde Joselu (quen tras o traspaso caíu nunha formidable baixa forma). Problemas co marcador dos nosos dianteiros que Eusebio trata de superar apenas por medio dos xutes dende a frontal de Michu (onte estivo pretiño de golear en dúas ocasións) e das xogadas a balón parado executadas por Trashorras, até agora os nosos dous mellores goleiros. Variantes atacantes ás que só podemos engadir os remates dos nosos centrais nos saques de recanto ou algunha subida esporádica a golpe de peito dalgún deles (Jordi fíxoo onte nunha soa ocasión). O segundo tipo de problemas ten que ver coas escasas variantes tácticas do xogo deseñadas na pizarra do vestiario. Ben sabemos que Eusebio é moi pouco amigo de facer modificacións do seu estilo de xogo, como tamén puidemos comprobar onte, cando a diferencia da maior parte dos equipos que veñen a Balaídos a pecharse, os rapaces de Vilarreal B tocaban e tocaban, iso si, a maior velocidade cos nosos, aseñorando o control do balón durante case todo o partido e creando perigo dende o inicio. O Celta sen a pelota sofre moito no medio do campo e aumenta a súa fraxilidade defensiva, o que onte provocou o primeiro gol dos visitantes e, faltando aínda media hora, o derrumbe anímico de todo o equipo. Moito me temo que se non se acude ao mercado de inverno para reforzar seriamente a dianteira (feito máis necesario tras a lesión de Aarón) e non se atopa un adestrador de corazón celtista que coñeza ben a categoría, este Celta tan riquiño teña os días contados.

Grazas a L. Pardavila pola imaxe do carné esgazado.

Os dilemas de Feijoo sobre a lingua

No artigo da semana abordo o que entendo é o dilema de Feijóo sobre a lingua: apoiar o negacionismo ou recuperar o espazo de consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

O futuro dos libros dixitais

Inevitablemente, o artigo da semana (misteriosamente non aparece este domingo na web de Faro) reflexiona sobre o futuro dos libros dixitais.

O libro dixital centrou esta semana o noso debate cultural. A celebración dun simposio, organizado pola Asociación Galega de Editores, sobre o presente e o futuro do libro dixital, e a publicación por Xerais e Galaxia dos seus primeiros títulos para dispositivos portables de tinta dixital (os popularmente coñecidos coma “e-books”) anuncian a chegada dos libros dixitais. Dúas boas noticias para a cultura galega que amosa a súa vontade de participar sen complexos no debate cultural contemporáneo e o seu interese por non perder o tren destes tempos.

Tras máis de cinco séculos de estabilidade do modelo de comunicación cultural, baseado na imprenta gutemberiana, lectores, autores e editores estamos convidados a participar das mudanzas provocadas pola irrupción do novo tipo de lectura urdido sobre as pantallas de diversos dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, teléfonos móbiles, axendas electrónicas, videoconsolas ou libros de tinta electrónica). Iso suporá que os libros impresos teñen os días contados? Velaí o debate arredor do futuro dos libros dixitais.

Adianto que son dos que cre na irreversibilidade da mudanza do paradigma do libro e que máis cedo ca tarde, non son adiviño, as utilidades dixitais da lectura sobre pantallas triunfarán tamén no mundo da comunicación cultural. A razón do seu éxito residirá nas formidables potencialidades atesouradas pola prosa electrónica, que permite por medio dun clic enriquecer o contido dun texto enlazándoo con outros externos (o fenómeno coñecido como “intertextualidade”) ou con imaxes e sons interactúando con el (a chamada “multimodalidade” tan característica da internet 2.0, onde xunto aos textos aparecen fotos, vídeos ou arquivos musicais). Noutras palabras, esta nova forma de ler e escribir sobre pantallas (o que chamamos “literacidade electrónica”) permitirá novas e mellores posibilidades de creación e de acceso ao coñecemento e á información.

Esa literacidade, presente nos blogs, nas edicións dixitais dos xornais coma nos espazos das exitosas redes sociais como Facebook, Tuenti ou Twitter, vai calando coma poalla nos hábitos do lector ou lectora contemporáneo, seguramente con maior facilidade na xeración dos nosos fillos (os chamados “nativos dixitais”) ca na nosa (a “dos emigrantes dixitais”) que precisamos dun maior esforzo para incorporarnos ao emprego destas utilidades. Razón pola que é probable que os lectores adoito de pantallas –sometidos á perigosa diabete informativa provocada por textualidade (o que require un lector máis crítico e mellor formado)– non teñan prexuízos ningúns para incorporarse como usuarios ás diversas modalidades nas que se presentan (polo momento) os libros electrónicos: como “e-books”, como obxectos educativos proxectados en encerados dixitais, como servizos de consulta en liña, como audiolibros ou como textos multimedia.

Porén, creo que, polo momento, non vai desaparecer de maneira ningunha a publicación de libros impresos. Máis aínda, fronte aos que agoiran a morte inminente do libro gutemberiano, nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unda delas os seus espazos de especialización. No entanto, na edición literaria ou de lecer dificilmente triunfarán os actuais “e-books” se non mellora a usabilidade dos dispositivos de lectura portables (ollo!, poden ser os móbiles de nova xeración), achegan “extras” multimodais atractivas e se artella unha cadea de valor que, fixando un prezo asequible por descarga ou subscrición, respecte o lexítimo dereito de autoría. E neste contexto de competencia, os libros literarios impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores, eis un reto para os editores que aposten continuar con este formato analóxico.

No entanto, se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito (para unha boa parte dos usuarios de Internet todo o contido que alí aparece debe ser de balde, esquecendo o pagamento que realizan polo servizo de acceso ou polos caros consumibles das impresoras), non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Unha cadea que, respectando o protagonismo do autor, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido) e libreiros (especializados na promoción do produto), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incerteza.

Campo do Fragoso LXXXIV

BENDITA VITORIA!

Custou ferro e fariña que tras seis partidos na casa o Celta de Eusebio obtivese onte fronte ao pechacancelas a súa primeira vitoria da tempada. Non abondaba coas boas sensacións amosadas polo equipo en empates obtidos en xornadas anteriores, nin tampouco as dúas claras vitorias de Copa, o Celta precisaba gañarlle hoxe ao Castellón fose polo civil ou polo militar para acougar un chisco na táboa clasificatoria, afianzar no banco ao seu adestrador e, sobre todo, para comezar a medrar no difícil terreo anímico da confianza dos seus seareiros. Bendita vitoria!, pois, tan traballada e axustada dun partido que resultou aburrido na primeira parte, cando os celestes se puxeron diante no marcador polos goles de Jordi e Michu, e pola contra moi entretido e emocionante na segunda, cando os visitantes acurtaron distancias grazas a un penalti raro, deses que na bancada todos preguntamos “quen o viu?”. Tras a desfeita de Irún, os celestes recuperaron a intensidade e conducidos pola biqueira experta de Trashorras, o auténtico Xavi galego, axiña comezaron a crear oportunidades diante dunha defensa visitante que abría máis posibilidades das previstas. O mestre de Rábade, coas súas costas ben cubertas polo discreto López Garay e pola nosa magnífica parella de centrais, unhas veces combinaba con Abalo e outras con Aspas procurando a entrada dos nosos dous habelenciosos polas bandas ou o desdobre dos nosos laterais tras as suas longas carreiras. Como sucedera en xornadas anteriores, os dianteiros non souberon aproveitar as oportunidades que creaba a combinatoria celeste, e desta volta a nulidade chamouse Arthuro, un suposto “goleador” de Florianápolis que apenas mellorou a ineficacia de Joselu nun par de detalles técnicos menores. Por ventura, foi cando o Castellón comezaba a afianzar os seus ataques e a forzar varios saques de recanto, cando un saque maxistral de falta de Trashorras (a nosa biqueira de ouro) dende a banda dereita foi rematado estupendamente de cabeza por Jordi. Un golazo! Tras o tanto, os nosos gañaron confianza e buscaron aumentar a diferenza, o que conseguiron no minuto do desconto grazas a un agasallo do central visitante moi ben aproveitado por Michu que non fallou cando compría empurrar. No descanso o partido con dous goles por diante semellaba moi doado. Porén, na reanudación, tras un primeiro cuarto de hora, onde os nosos puideron volver marcar nun par de xogadas ensaiadas de Trashorras, apareceu o dramatismo tras o dubidoso penalti sinalado a prol dos visitantes no minuto 16. A media hora final do partido foi longuísima, interminable para os celestes, sobre todo cando se lle remataron as forzas a Trashorras e comezamos a quedar á deriva. Entón, o balón correu dunha área a outra nun pasarrúas sen xeito ningún. Faltando dez minutos, tras un erro de Roberto Lago, un dos nosos valores menos asociativo, houbo unha boa oportunidade dun extremo visitante que provocou o habitual pánico na bancada. No obstante, a pesar deses minutos de inevitable sufrimento, a vitoria celeste foi clara e merecida. Onde estaría este Celta de Eusebio se contase cun dianteiro centro?

«Ramón Cabanillas 50»

No artigo da semana percorro as homenaxes que se lle tributan mañá, 9 de novembro, ao poeta Ramón Cabanillas con motivo do 50 cabodano do seu pasamento.