O noso estado da lectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo os datos de hábitos de lectura ambiental:

Sei que está cristalizada a idea errónea de que lemos cada vez menos, que nos gustaría contar con máis tempo para dedicalo a esa gozosa lectura de lecer, na que poidamos protagonizar outras vidas e buscar entre liñas, como escribiu Xabier DoCampo, o que hai de min, ou o que hai de nós, entre as súas follas. A lectura é unha actividade individual saudable, ben de textos de ficción e literarios, ben aqueloutra de textos informativos, que en todos os casos require de atención e esforzo para, primeiro, descodificar a escritura; despois, para comprendela e inscribila en contextos significativos; e, por último, para interpretala e elaborar significado.

Botando man de Italo Calvino, sempre didáctico e divulgador, «ler é ir ao encontro de algo que está a punto de ser e aínda non se sabe se será». Xaora, a lectura é hoxe unha competencia imprescindible para toda a cidadanía para participar e vivir en democracia, xa que son constantes as transaccións lectoras e escritas que debemos afrontar para resolver o día a día.

De aí o interese de coñecer cal é o estado da nosa saúde como lectorado. O máis recente informe sobre hábitos de lectura e de compra de libros en Galicia, elaborado pola empresa Conecta para a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece un retrato dunha sociedade galega lectora. Cunha poboación maior de 14 anos que no 96,7 % dos casos le de forma habitual (unha vez por trimestre) todo tipo de textos e hipertextos, sobre soportes impresos ou en pantallas de formatos diversos. E o que moito máis significativo que o 91,7 % le frecuentemente polo menos unha vez por semana e o 86,2 % utiliza as pantallas como soporte de lectura. Índices de lectura na media española, nalgúns casos por riba, como sucede no da lectura de xornais, que pechan a fenda lectora que arrastrabamos dende que existían estes datos.

Porén, os datos amosan unha diminución dos hábitos lectores en galego, xa que son apenas un 6,6 % as persoas que confesan ter lido o seu último libro no idioma noso, e no mellor dos casos é considerada só por 11,8 % do lectorado como práctica habitual, o que require un estudo monográfico e unha profunda reflexión para o porvir da lingua e edición galega. Como tamén é significativo que a lectura de libros, excluídos os de texto, acade o 69,9 %, situándose case na media estatal, 70,3%, o que constitúe un fito.

Son menos coñecidos e non menos significativos, os datos referidos á lectura de textos de actualidade (sintagma máis preciso que textos informativos), onde tamén se incrementan os indicadores. Ademais de que o 91,7 % destes textos sexa lectorado frecuente (semanal), chama a atención que o 77,9 % de lectorado de xornais en Galicia sexa claramente superior ao 70,3 % de España, un 80,6 % os lectores e o 75,5 % lectoras; e, ollo!, o 51 % é lectorado que acude ás edicións dixitais. Sen menoscabo do apoio dun lectorado frecuente do 73,5 %, o que expresa unha fidelidade do lectorado con cadansúa cabeceira preferida. Lectura de xornais na que se identifica un nesgo xeracional, xa que mentres entre os maiores de 55 anos representa o 83,59 %, entre os de 14 a 24 se reduce ao 57,6 %. Índices que desvelan que as provincias de Lugo (83,2 %) e Ourense (79,1 %) son as máis lectoras de xornais. Como tamén superior á media, o 32 % do lectorado de revistas, cifra que no caso das lectoras chega ao 35,8 % e ten un marcado carácter xeracional xa que nos maiores de 60 anos acada o 42 %.

No caso de Internet, o índice de lectura de webs e blogs é do 60, 3 % por debaixo da media, correspondendo aos lectores o 66,8 % e as lectoras o 54,3 %, contando cun lectorado frecuente de 46,9 %; mentres que o índice de lectura en redes sociais é do 59,8 % na liña da media estatal, cun nivel de fidelización semanal do 52,4 %, cunha clara diferenza de xénero, xa que as lectoras representan o 63,1 %, como xeracional xa que no caso da poboación de 25 a 44 anos, o índice é do 83 %.

Cifras que retratan a actual lectura en Galicia como unha práctica social e cultural moi hibridada, onde se comparten os soportes analóxico e dixital, medrando a lectura de libros de lecer, coa excepción dos publicados en galego, como a lectura de actualidade, impulsada pola oferta nas pantallas de webs, blogs e redes sociais. Xaora son singulares no caso galego, primeiro, os elevados niveis de lectura de xornais, superior á media española, mais que na súa metade xa se le nas diversas pantallas e, segundo, o incremento do índice de lectura de libros, excluídos os de texto.

Intentando resumir máis: a poboación residente en Galicia maior de 14 anos le cada vez máis, sobre todo en pantallas, tanto libros impresos como hipertextos de xornais, webs e redes sociais. Mapa lector anovado que precisa da formación interxeracional dun lectorado crítico e competente, capaz de comprender e interpretar os textos no seu contexto. Un reto colectivo!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *