Contos de nadal
Un dos proxectos de edición dos que me sinto orgulloso foi a publicación de Contos de Nadal (Xerais 2003), libro de formato de sobremesa, con textos de Manuel Rivas e ilustracións de Miguelanxo Prado. Diálogo expansivo entre dous dos nosos mellores narradores, chamados a modernizar o conto de nadal galego, tamén chamado, conto de inverno. Xénero que na literatura galega apenas tiña o precedente dos Contos de Santos e Nadal de Ramón Otero Pedrayo, escritos en 1956, publicados postumamente por Galaxia en 1988, coa intención, en palabras de Pedrayo, «de contar aos máis e a nós mesmos intres e aconteceres sospeitados e non vividos». Ao que se sumaron dous contos de Álvaro Cunqueiro, publicados en Faro de Vigo o 24 de decembro de 1962, titulados «Olaf Gunnarson [o viquingo] estivo en Belén» e «O leigo de Viccino [conto de Reis]», rescatados por Ramón Nicolás en 1998. Narradores que anosaban unha tradición universal caracterizada por mesturar no tempo das trece noites e trece lúas un retrato da vida cotiá ou familiar de persoas humildes no que irrompe un elemento máxico ou extraordinario, como a presenza dos señores de Oriente ou do lapón Noel, que lles axuda a recuperar a esperanza ou polo menos a enxergar a liña do horizonte cos ollos do porvir. Xénero que desde Charles Dickens e o seu Un conto de Nadal (inglés: 1843; galego: Xerais, colección Xabarín 1985, Kalandraka 2019) utiliza como motor narrativo a procura dunha transformación na vida da protagonista á que os autores nosos engaden outros ingredientes como o humor e a presenza importante do inesperado. Xaora comparten esa tradición de solidariedade laica os contos de nadal de Rivas, hoxe xa clásicos, como «O namorado de María», «Madonna», «O partido de Reis» ou «A chegada de Ingrid», nos que se abordan algúns dos temas esenciais da literatura como o amor, a perda, a dor, o respecto, a esperanza… Contos que dúas décadas despois conmoven e convidan a compartir a luz dos afectos e dos compromisos como a estrela que nos guía. Bo Nadal galego!
Publicado en Nós diario:24/12/2025



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir