O estado da lectura
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar algúns dos datos que entendo máis significativos do barómetro «Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España. 2018», preparado pola Federación de Gremios de Editores de España:
Dos datos achegados polo barómetro «Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España. 2018», preparado pola Federación de Gremios de Editores de España, hai canto menos unha ducia deles que merecen ser coñecidos polo seu valor para representar o estado actual da lectura en todas as súas manifestacións (de lecer, de traballo, de estudo ou de actualidade), en todo tipo de persoas lectoras, así como pola súa capacidade para tomarlle o pulso ao estado dos sectores da edición de libros, revistas e xornais, nun momento decisivo de dixitalización dos soportes utilizados pola primeira das industriais culturais españolas. Un estudo que repara ademais no estado da lectura nas diversas linguas oficiais españolas, o que interesa á edición en galego.
O primeiro que chama a atención é a elevada porcentaxe de poboación lectora maior de catorce anos, xa que o 96,1 % das persoas consultadas len algún tipo de texto, en calquera formato ou soporte, impreso ou dixital, polo menos unha vez ao trimestre. Cifra que supón un incremento de seis puntos con respecto á do ano 2010, acadando no caso da lectura de xornais impresos o 73,9 % (unha diminución de catro puntos), na de libros o 67,2 % (un incremento de case sete), na de textos longos en internet, sexa en webs ou rede sociais o 56,4 % (un incremento de case 20 puntos) e na de revistas o 34,9 % (perdendo case 14 puntos). Noutras palabras nos últimos oito anos incrementouse o número de persoas lectoras adultas até porcentaxes históricas, o que demostra que en España nunca se leu tanto nin en soportes tan diversos, comportamento ao que non é alleo o uso das tecnoloxías dixitais que, a pesar do que se adoita dicir, contribúen ao incremento dos índices de lectura.
O segundo fenómeno no que cómpre reparar é que a maioría das persoas lectoras son lectoras frecuentes (93,1 %), se por iso entendemos ás que len todas as semanas. Fidelización lectora que se produce en todos os tipos de lectura: xornais, 69,8 %; libros 55,5 %; webs, 38,8 %; redes sociais, 52,2 %; revistas 18,8%. Cadora convén matizar que neste comportamento lector hai diferenzas significativas de xénero, sendo a porcentaxe de lectoras de libros do 70,7 % e o de lectores do 63,7 %; mentres que no caso dos xornais a cifra de lectores é do 80,8 % e de lectoras de 67,1 %. As mulleres len máis libros e menos xornais e os homes á viceversa. Como tamén, coa excepción moi significativa da lectura de prensa, a porcentaxe de lectoras vai diminuíndo segundo aumenta a súa idade. O 52,0% das persoas entre 14 e 24 anos declaran ler os xornais polo menos unha vez ao trimestre, mentres entre as maiores de 65 anos esa porcentaxe chega ao 74,8 %. No caso da lectura de libros, a porcentaxe de lectoras de 14 a 24 anos é do 89 %, mentres ca nas de máis de 65 apenas é do 46,5 %. A mocidade le máis libros e menos xornais e as persoas maiores á viceversa.
Outro fenómeno moi significativo do estado da lectura en España é que, a pesar de que o 99,8 % le en castelán, o 44,5 % da poboación consultada faino en dúas os máis linguas, sexa de forma habitual ou ocasional. Unha porcentaxe de lectura plurilingüe nada desprezable que demostra o peso que, tantas veces se oculta, da lectura nas linguas cooficiais (o catalán 20,3 %, o galego 3,5 % e o éuscaro 2,2 %). Cifras que no caso noso levan á reflexión, xa que sendo en Galicia o 72,4 % as lectoras habituais ou ocasionais en galego, só o 7,3 % das maiores de catorce anos afirma que o último libro que leu estaba escrito en galego. Iso si, lamentando o 33,7 % das consultadas que non o fixera en galego polo feito de non estar editado no noso idioma, o que expresa que o público considera aínda insuficiente a oferta editorial existente en galego.
Por último, o barómetro achega moitos datos sobre a lectura de libros. O 61,8 % das persoas consultadas len libros por lecer no seu tempo libre, sendo o 32,6 % lectoras frecuentes que len case todos os días, unha porcentaxe que aumentou sete puntos nos últimos dez anos e expresa a consolidación do hábito lector nun terzo da poboación adulta. Actividade que se desenvolve no fogar onde se forman bibliotecas familiares que contan con máis de douscentos exemplares de media. Como semella significativo para entender o valor do libro na nosa sociedade que o 54,7 % confese ter recibido un libro de agasallo no último ano.
Como resulta inevitable reparar no peso da lectura dixital, utilizada polo 78,3 % dos consultados, que confesan utilizar o ordenador (48,9 %), a tablet (27,9 %), o móbil (31,4 %) ou o seu e-reader (19,8 %) para ler libros (28,7 %), xornais (46,3%), webs (56,4%) ou redes sociais (55,5%). Confórmase así un perfil de lectora dixital pura ou hibridada (le tamén en papel), que supón máis dun terzo das persoas lectoras frecuentes, outro índice significativo do proceso de dixitalización acentuado na última década.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir