Centenario de Sobredo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario dos Mártires de Sobredo e da loita anticaciquil e antiforal:

O 28 de novembro de 1922 tres persoas foron asasinadas pola Garda Civil en Sobredo, na parroquia de Guillarei do concello de Tui, cando se manifestaban en solidariedade cun veciño do lugar a quen pretendían embargar por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento, boicot acordado por 133 sociedades agrarias reunidas do 28 ao 30 de xuño daquel ano no Congreso Rexional Agrario de Tui. O pasado domingo lembrouse o centenario daquel acontecemento no que faleceron Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Beade, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas, e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño, xunto a outras sete persoas que resultaron feridas de bala, cando a Garda Civil disparou contra unha concentración de dúas mil persoas de toda a bisbarra do Baixo Miño, a Louriña e até a Paradanta, convocadas a golpe de badaladas  e de foguetes para defender a dignidade dos labradores e rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista, que os obrigaban a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos, aos donos da terra que traballaban.

O sucedido en Sobredo converteuse en referente dunha loita antiforal e anticaciquil, que xa contaba con varias décadas de mobilizacións e varios sucesos de represión semellantes. Un conflito que non atoparía unha saída política até a promulgación no mes de xuño de 1926 do decreto de redención foral do goberno de Primo de Rivera, que permitía que os labregos redimisen os foros das terras de seu, o que obrigou a moitos a escoller os vieiros da emigración para alí atopar recursos para facelo. Unha conquista cívica moi celebrada na República, que no caso de Sobredo levou a que o 29 de novembro de 1931 o escultor Camilo Nogueira puxera a primeira pedra dun gran monumento pétreo en lembranza dos tres mártires, que sería inaugurado ao ano seguinte con motivo do décimo aniversario do sucedido. No entanto, o fanatismo fascista dinamitou a obra de Nogueira, xa no mes de xullo de 1936, coincidindo coa disolución das sociedades agrarias, motor deste movemento antiforal. Por ventura, en 1986 comezou a celebrarse un encontro cívico anual organizado polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, e dous anos despois reconstruíuse o monumento do escultor de Lavadores.

Os acontecementos de Sobredo pecharon unha xeira oprobiosa de mortes na loita agrarista, iniciadas o 19 de xuño de 1894 polos tres mártires de Campo da Porta, na parroquia de Salcedo, vítimas do fogo da Garda Civil, cando protestaban pola subida dos arbitrios. Continuadas cos sete mártires de Cea, caídos o 22 de abril de 1909 cando os gardas dispararon aos amotinados contra o roubo dun baldaquino da igrexa do mosteiro de Oseira. Ás que seguiron as cinco de Nebra, catro mulleres e un home –a pesar de que as mulleres ían diante porque contra elas se cría que os gardas non dispararían– baleadas na ponte de Cans do concello de Porto do Son, cando protestaban contra o «defís», un tributo que impuxera o concello para pagar unha débeda contraída coa deputación, que consideraban inxusto. Unha lista negra de morte continuada en marzo de 1918 coas oito vítimas da revolta das pedradas de Trasancos, protagonizada por mulleres campesiñas e obreiras que ao berro de «Temos fame» protestaban en Neda, Ferrol ou na Feira do Trece de Sedes no concello de Narón pola suba de prezos e impostos ás familias labregas, obrigando ao goberno a declarar o Estado de Guerra na comarca. Sen esquecer ás catro mulleres mártires de Sofán, abatidas o 16 de febreiro de 1919 cando formaban parte da comitiva fúnebre dun picariño de catro anos. Vítimas lembradas por Castelao en 1931 no álbum Nós, cando escribiu ao pé dunha das ilustracións: «Un padrenuestriño polos que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!»

Lembrar o centenario dos Mártires de Sobrado, como tamén as outras vítimas da represión contra o movemento agrarista en Salcedo, Cea, Narón, Nebra e Sofán, contribúe a restaurar na sociedade galega unha memoria reparadora do que fomos e da historia de como chegamos a ser o que somos. Lembranza que, como escribiu o poeta Manuel María no seu libro As rúas do vento ceibe (1979), homenaxea «os que defenderon pobo e pan», os que pretenderon reformular tanto as regras da propiedade da terra como modernizar os seus modos de traballo, introducindo as tecnoloxías na agricultura e na gandaría. Unha achega decisiva do agrarismo galego recoñecida polo Parlamento de Galicia na súa recente declaración do 23 de novembro na que abeizoa «o espírito solidario de todos os que loitaron a favor dos dereitos dos seus semellantes, coa vista posta na mellora da sociedade galega…» e «lembra as vítimas da represión sobre este movemento.»

45 anos dos Premios da Crítica de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración dos 45 anos dos Premios da Crítica de Galicia:

Na intervención que pechou o sábado o acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia 2022, Carmela Silva reclamou o liderado de Vigo, tamén no eido da cultura. Unha reivindicación coa que a presidenta da Deputación de Pontevedra recoñecía tamén o papel que para forxar ese liderado supuxo esta iniciativa da sociedade civil viguesa, encabezada polo editor Bieito Ledo e polo pintor Antón Pulido, que dende hai corenta e cinco anos organizan estes premios honoríficos cos que se pretende recoñecer a excelencia da creación e da produción das industrias culturais galegas, dende a literaria ao cinematográfica, dende a investigación á cultura gastronómica, dende a música ás artes plásticas e dende as iniciativas culturais e científicas ás artes escénicas. Premios que dende aquela primeira «Cea das letras», celebrada no desaparecido Hotel Samil o 16 de maio de 1978, organizados de forma entusiasta polos entón mozos do Círculo Ourensán Vigués, tiveron sempre a súa sede en Vigo, coa excepción do período no que foron trasladados a Mondariz Balneario, converténdose nunha das institucións culturais máis prestixiadas e veteranas da cidade.

Unha continuidade, tamén unha teimosa insistencia –á que certo é non foron alleas algunhas dificultades no apoio proporcionado polas administracións públicas– na que os promotores mantiveron o seu espírito fundacional de artellalos como un afán colectivo e altruísta de carácter normalizador. Uns premios deseñados para abrir unha xanela de visibilidade para a produción cultural galega anual, nos que convidaron a participar a máis de mil catrocentas persoas de diversas xeracións, profesións e ideoloxías como membros dos seus xurados. Un traballo crítico esencial, independente e rigoroso, no que participaron grandes figuras xa desaparecidas, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Basilio Losada, Carlos Casares ou Pilar Vázquez Cuesta, que foi conformando un cadro de honra de persoas e entidades premiadas que permiten identificar as profundas mudanzas da creación cultural en Galicia ao longo dos períodos da Preautonomía e da actual Autonomía, tanto no que atinxe ao prometedor desenvolvemento das súas industrias culturais (editorial, musical, plástica, teatral e audiovisual) como das feblezas e ameazas provocadas pola ausencia de políticas culturais públicas efectivas de internacionalización dos sectores e de fomento da lingua galega.

Premios da Crítica de Galicia nos que podemos identificar a profunda fenda de xénero presente en todos os sectores culturais galegos, mitigada hai pouco máis dunha década, cando a asociación abriu unha etapa de anovación, tanto pola incorporación de mulleres na promotora dos recoñecementos como na propia composición dos xurados, dende entón paritarios, o que se comezou a percibir no elenco de gañadoras. Así na modalidade de Creación Literaria houbo que agardar 18 anos a que fóra premiada a primeira muller, Marilar Aleixandre, abrindo unha nómina á que dende 1995 se incorporaron Pilar Pallarés, Anxos Sumai, Luisa Villalta, Ana Romaní, María do Cebreiro, Moncha Fuentes e Olga Novo, apenas oito de 45 persoas premiadas. Outro tanto sucede na modalidade de Investigación onde a relación de premiadas redúcese a catro, iniciada por Begoña Bas en 1992, á que dende entón seguiron Pilar Rodríguez Suárez, Patricia Fra e Blanca Ana Roig Rechou, todas vinculadas ao ámbito das Humanidades. Tendencia que se mantén na modalidade de Música, na que son só seis as premiadas desde que en 1985 o fora Dorothé Schubarth polo seu Cancioneiro Popular Galego, compilado con Antón Santamarina, á que seguiron Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Margarita Viso e nesta edición a cantora e investigadora mariñá Ugia Pedreira. E outro tanto se podería apuntar das outras disciplinas artísticas, nas que como reclamou tamén na súa intervención Carmela Silva, faltan máis mulleres premiadas.

As modificacións introducidas na convocatoria destes premios amosan as mudanzas, a vitalidade e a diversificación do conxunto do sector cultural galego. Das cinco modalidades da primeira edición, seis na segunda, pasáronse as oito actuais, tras a creación das de «Cultura Gastronómica» en 2014 e de «Cine e Artes Audiovisuais» en 2018. Ampliación do número de modalidades que cada edición propón no seu ditame algún dos xurados, sexa para desdobrar a de Investigación nun premio de Humanidades e outro de Ciencias e Tecnoloxía, fose para facelo nos diversos xéneros da Creación Literaria ou das Artes Plásticas, desdobradas, como se propuxo nesta edición, en Pintura e Escultura, Deseño e Arquitectura. En todo caso, axustes posibles para unha iniciativa con vontade de perdurarmos e de continuar forxando unha tradición.

Vinte anos do «Prestige»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos vinte anos da marea negra do Prestige:

Transcorridos vinte anos da marea negra do Prestige os responsables políticos que escolleron un rumbo suicida para o petroleiro non fixeron trazo ningún de autocrítica, ou sequera de dúbida racional, sobre as decisións adoptadas, ao tempo que minimizan sen rubor o prexuízo ambiental e económico (valorado pola Fiscalía en 4.300 millóns de euros) do vertido de máis de 63.000 toneladas de chapapote que chegou a case tres mil quilómetros de costa, entre Francia e Portugal, unha das maiores catástrofes de contaminación marítima do planeta. Unha vergonzosa ausencia de autocrítica daqueles políticos do Partido Popular, membros dos gobernos de José María Aznar e Manuel Fraga, que non asumiron responsabilidade ningunha, á que contribuíu o tortuoso procedemento xudicial iniciado hai unha década, sobre todo desde que se coñeceu a sentenza de 13 de novembro de 2013 que tras 200.000 folios de sumario concluíu que «non se podía atribuír a ninguén responsabilidade do ocorrido». Unha decisión xudicial decepcionante, emendada de forma parcial polo Tribunal Supremo en 2016 (que fixou 1.573 millóns de euros en indemnizacións) e polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea en xuño de 2022, aínda que este proceso xudicial interminable e encerellado continúe aberto nos xulgados de Londres, que dirimen un complexo conflito de xurisdicións, sen que polo momento ninguén recibise un euro de indemnización.

A pesar dos afáns de mariñeiros e mariscadoras e da marea de voluntariado chegado de toda España, que defenderon e limparon de forma altruísta a costa, os efectos do chapapote foron devastadores sobre o ecosistema mariño deixando, como sinalou a xornalista Silvia R. Pontevedra, «un cemiterio mariño imposible de cuantificar», «unha desastre irreversible para algunhas especies». A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO-BirdLife) estimou de forma conservadora en 2005 que a cifra de aves mortas polo chapapote do Prestige oscilaba entre as 115.000 e as 230.000. Apenas a punta do iceberg dun impacto que afectou aos moluscos, peixes e mamíferos mariños, que nunca foron obxecto de estatística na cuantificación do desastre. Sen esquecer a presenza de piche (como lle chamamos na ría de Vigo, desde o vertido do Polycommander en 1970) no setenta por cento dos areais galegos e cantábricos, «galletas de cru» que dez anos despois daquela avalancha, seguían aparecendo na análise dun equipo científico da Universidade de Vigo. Como vítima colateral do Prestige foi Manfred Gnädinger Man, o artista alemán que despois de percorrer a costa atlántica decidiu quedar a vivir en Camelle e morreu de pena cando o chapapote destruíu o seu museo.

Certo é que a catástrofe do Prestige supuxo a reconsideración dalgunhas cuestións relativas á Seguridade Marítima e a loita contra a contaminación. Por ventura as embarcacións monocasco como o Prestige foron prohibidas para o transporte de hidrocarburos pola Organización Marítima Internacional dende 2005. Como por ventura, e non era sen tempo, que o servizo de Salvamento Marítimo conta hoxe con máis medios ca en 2002, o que facilitaría as tarefas de rescate en caso dun novo sinistro, nunca descartable no corredor marítimo galego polo que pasan diariamente varias ducias de buques que transportan mercadorías perigosas. Con todo, e a pesar de contar dende 2014 cun protocolo de emerxencias e resposta ante a contaminación do medio mariño,  hai moi serias dúbidas de que as decisións alí contempladas fosen adoptadas polos técnicos e non por políticos sen coñecemento ningún do mundo do mar, como sucedeu co Prestige. Unha cuestión que, probablemente, se abordaría de forma máis rigorosa se a competencia sobre esta materia fose transferida a Galicia, como propón o BNG ao fío da maior catástrofe medioambiental da nosa historia.

Xaora, dúas décadas despois continúa sendo extraordinaria a mobilización cidadá artellada a arredor das plataformas Nunca Máis e Burla Negra, que polo seu carácter altruísta, transversal, plural e interxeracional superaron calquera pretensión de ser controladas de forma partidaria. Unha expresión da vontade da cidadanía por asumir nunha situación excepcional as responsabilidades, como foi o caso da limpeza de areais e coídos, que non eran asumidas por unhas administracións que se amosaban incapaces, cando non incompetentes, para facerlle fronte a este monstro. Como semellante mobilización en clave inequívoca de país foi decisiva para que entrase en crise a hexemonía cultural que os gobernos de Fraga mantiveran ao longo de máis dunha década, abrindo un espazo inédito para algúns consensos de todo o arco parlamentario sobre temas estratéxicos, como foron o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) ou a política sobre o libro e a lectura.

Vigo en corso

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro de Ramón Patiño Gómez, El corso en  la ría de Vigo y en las islas gallegas (IEV, 2022):

Desde que Juan Miguel González Fernández, un dos grandes  historiadores da cidade e fundador do Instituto de Estudios Vigueses, publicara no cuarto número de Glaucopis (1998), a revista anual do IEV, o seu referencial artigo «El corso vigués del siglo XVIII», ampliado nos seus numerosos traballos posteriores sobre a historia de Vigo na Idade Moderna, a práctica corsaria é entendida como un dos piares que explican a transformación de Vigo de aldea medieval á cidade portuaria atlántica que coñecemos. Unha tese referendada e ampliada no recente libro do arqueólogo mariño e historiador Ramón Patiño Gómez, El corso en la ría de Vigo y en las islas gallegas. Siglo XVI – Siglo XVII (Instituto de Estudios Vigueses 2022), obra monumental de case catrocentas páxinas, froito dunha concienciuda e pioneira esculca documental sobre o tema nos arquivos, singularmente os de Indias e Simancas, na que se explica a transcendencia deste fenómeno na actividade portuaria viguesa, dende a chegada da carabela A Pinta a Baiona até a batalla de Rande, dous séculos decisivos nos que Vigo fraguou o seu papel hexemónico no comercio naval da península e achou unha vía de capitalización que permitiu o seu desenvolvemento como cidade ao longo dos séculos posteriores.

Comeza Patiño aclarando conceptos sobre o corso e o seu exercicio, salientando o seu carácter de actividade marítima privada regulada pola Coroa. Un lucrativo negocio consistente en aparellar e artillar naves de cabotaxe para apresar buques mercantes de países inimigos coa finalidade de desvalixalos, mais para o que se requiría contar coa autorización do goberno que lle proporcionaba ao armador a patente de corso, unha licenza en forma de carta (de represalia, contramarca ou marca) na que se lle autorizaba a facer o corso e se sinalaban as normas específicas para abordar, rexistrar, deter e tomar posesión deses buques, así como o período de actuación e os lugares onde facelo. Actividade lucrativa tamén para a Coroa xa que obrigaba aos corsarios a depositar unha fianza, por se non se cumprían as normas establecidas na patente, e a que as presas fosen sometidas ao arbitrio dos tribunais que determinaban se eran boas ou malas. Patiño refírese despois á historia da actividade corsaria, que no caso galego se remonta ao tempo de Xelmírez, arredor do ano 1125, aínda que non sería regulada até 1621, cando Felipe IV ditou a primeira «Ordenanza da súa Maxestade para navegar en corso», ampliada e actualizada ao longo do século XVIII en varias ocasións, a derradeira en 1801, até a abolición desta actividade polo Tratado de París de 30 de marzo de 1856, ao que España tardaría tres décadas en adherirse.

Constitúe o miolo da obra de Ramón Patiño o relato detallado da actividade corsaria na ría de Vigo e nas illas atlánticas, dende os seus antecedentes, que identifica antes da chegada dos romanos coa presenza regular dos púnicos nas costas nosas, como testemuñan vestixios como os ídolos de Toralla, pasando polo comercio marítimo da época romana, a aparición dos piratas viquingos e normandos a partir do século IX, en virtude do chamado «dereito do puño», o dereito do máis forte para apoderarse dos buques do inimigo, até a chegada dos sarracenos a partir do século X. Crónica que Patiño amplía mesmo á navegación pesqueira, na que documenta en 1255 a presenza de pescadores portugueses na ría de Vigo ou as primeiras expedicións dende o porto de Baiona xa en 1541 para chegar ás costas de Terranova, «terra dos bacallaus».

Con todo, o lectorado atopará a cerna da esculca de Patiño na crónica, enfiada década a década, do sucedido nos séculos XVI e XVII, auténtica idade de ouro do corso na costa galega, así como na recuperación dalgúns documentos e os seus oportunos comentarios, algúns tan interesantes como o fragmento do Atlas do Rei Planeta (1634) do cartógrafo portugués Pedro Teixeira que relata o seu percorrido pola costa galega en 1621. Xaora, a obra de Patiño ten grande importancia para a historiografía viguesa por demostrar que a corsaria foi unha das actividades económicas que forxaron o destino de Vigo, xunto á pesqueira, industrial e comercial vinculada con América e cos portos do Norte de Europa. Unha actividade corsaria de cabotaxe consolidada na segunda metade do século XVII que permitiu incrementar as achegas de Vigo ás arcas reais, ao tempo que pulou pola actividade dos comerciantes vigueses, incrementou á poboación da vila até preto dos 3.000 habitantes, e iniciou o carácter cosmopolita do seu porto, considerado base corsaria multinacional, onde bulían tripulacións de orixe diversa.

Parabéns a Ramón Patiño por obra tan relevante como aos responsables do IEV pola súa incesante actividade investigadora e editorial a prol da historia da cidade da que se cumpre xa 30 anos.

Chapapote

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao vinte aniversario da catástrofe do Prestige, ao fío da publicación do libro colectivo Chapapote coordinado e editado por Xosé Manuel Pereiro:

O 13 de novembro ás 15:15 horas fanse vinte anos desde que o Prestige, cando estaba situado a 28 millas (uns 52 quilómetros) de Fisterra, emitiu o seu mayday, a alerta mariña diante dun perigo de naufraxio inminente. O capitán, o grego Apostolos Mangouras, anunciaba así a existencia dunha greta no tanque 3 de estribor no casco do seu buque cargado con 77.033 toneladas de fueloil Mazut M100, en realidade residuos de refinaría de baixa calidade (popularmente chamados como chapapote, piche ou galipote). Unha vella embarcación monocasco abandeirada en Bahamas, procedente de San Petersburgo e con destino a Xibraltar, que dende entón e durante case seis días seguiría un rumbo suicida diante da costa galega, até partirse en dous e fundirse ás 08:00 horas do martes 19 de novembro nunha fosa entre 3500 e 4000 metros de profundidade, provocando un vertido tóxico de 22.000 toneladas que afectou a tres mil quilómetros de costa, inundando as rías galegas e impregnando ás de Asturias, Cantabria, País Vasco e mesmo Francia, unha das maiores catástrofes en contaminación marítima do planeta. Unha marea negra que xa na mañá do sábado 16 emporcara toda a praza de Muxía e salpicara algunha vivendas, fenómeno ao que o entón responsable de Pesca do Goberno de Fraga quitáralle ferro declarando que «non é unha marea negra, son manchas soltas».

Sería o comportamento errático das autoridades sobre o que facer co barco e sobre a escasa e a todas luces enganosa información que proporcionaban sobre o inicio do vertido, durante o tempo que pasou entre o SOS e o afundimento do Prestige, o que provocou a mobilización da cidadanía galega o 1 de decembro de 2002 en Compostela, na que se reuniron en man común até 200.000 persoas con cadanseus paraugas, unha resposta de emerxencia que se convertería en xornada histórica na que de feito naceu Nunca Máis, o seu lema, a súa bandeira (presente en milleiros de fiestras e escaparates) e o seu movemento civil como expresión de dignidade colectiva. Unha mobilización de corazóns petroleados, definición certeira do escritor Manuel Rivas, un dos catro fundadores de Greenpeace España (1984), á que seguirían outras moitas, sempre concibidas con espírito cívico, irónico e inconformista: A Marea Gaiteira do 6 de decembro en Compostela, a Procesión das cruces do día dos santos inocentes na Coruña, a resposta das afeccións no derbi do 4 de xaneiro de 2003 en Riazor, a marcha festiva de Burla Negra que percorreu as rúas Vigo no serán do Día de Reis, a cadea humana de 55.000 estudantes e 3.000 profesores e profesoras nos areais e cantís da Costa da Morte o 22 de xaneiro, os concertos expansivos comezados coa lectura do «Manifesto contra o silencio» en 150 cidades mundo adiante do 1 de febreiro, a Marcha das Maletas da Coruña do 9 de febreiro, a manifestación en Madrid do 23 de febreiro, até a manifestación en Bruxelas o 14 de xuño de 2003, entre outras.

Unha resposta ao chapapote encabezada polos mariñeiros das rías galegas, os primeiros en frear a marea negra coas súas propias mans. Como foi decisiva tamén a achega xenerosa da marea de voluntariado, miles de persoas chegadas de toda a península, que durante varios meses limparon as peores costras contaminantes que penetraron en praias e cantís. Unha resposta da sociedade civil que reclamaba seguridade marítima e medioambiental para que non se repetise nunca máis outra catástrofe como as que periodicamente estragaron a costa galega, marcando a cada xeración, dende o Polycommander (1970) na ría de Vigo, o Urquiola (1976) na baía coruñesa, o Casón (1987) na Costa da Morte ou o Mar Exeo (1992) diante da Torre de Hércules. Unha cidadanía que reclamaba información veraz dos medios públicos, RTVE e CRTVG, controlados ferreamente polos gobernos de Fraga e Aznar e capaces de retorcer a realidade até transformala a conveniencia dos seus responsables.

Vinte anos despois da catástrofe e tras unha década da lectura da primeira sentenza que axuíza os feitos, enredo xudicial que permanece aberto, publícase Chapapote (Libros del K.O., 2022), libro coordinado e editado por Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes, un dos xornalistas que mellor coñece a catástrofe. Un libro no que o fío do relato dos acontecementos, ofrecido por Pereiro de forma moi precisa e detallada, dialoga cos textos doutros xornalistas que o amplían ou interpretan, dende o editorial de Manuel Rivas, pasando polas infografías e datos de Artur Galocha e Lara Graña, até as reportaxes de Arturo Lezcano, Lucía Taboada, Natalia Junquera, Marta Veiga, Xosé Hermida, Gonzo, Brais Cedeira e Silvia R. Pontevedra. Un relato colectivo que aclara o que e por qué pasou todo aquilo e como a catástrofe inflúe no presente e no futuro. Un libro oportunísimo que reivindica o valor do relato do Xornalismo, que recomendamos vivamente.