Un plan para Cíes

Volvo esta semana no artigo de Faro de Vigo sobre o conflito de Cíes:

A picada da burbulla das viaxes turísticas a Cíes continúa ocupando  o interese de todos os medios e da axenda pública do Vigo metropolitano. Despois dos ríos de tinta verquidos a pasada semana, non hai dúbida que todos apuntan á cobiza das navieiras como causante da superación sistemática dos cupos de visitas e dos perigos desta saturación turística que dende hai anos padece este espazo natural protexido. Como tamén é difícil non identificar a dimensión política dun conflito, ao que tampouco é allea a tibieza da Xunta de Galicia, que recibiu a transferencia da xestión do parque nacional en 2008, para sancionar ás empresas pola sobrevenda de billetes.

No entanto, tamén se apunta como outro factor que fixo medrar a burbulla de Cíes a incapacidade do Patronato do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas para aprobar un Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) como instrumento de planificación e ordenación capaz de facer compatible a protección do medio natural co seu uso para actividades económicas pesqueiras e turísticas. Integrado por representantes das diversas administracións (Goberno, Xunta e Concello) e de organizacións sociais (confrarías e asociacións ecoloxistas) e creado para velar polo cumprimento das normas e actuacións programadas no parque, na incapacidade deste Patronato de acadar entre os seus membros un consenso suficiente para aprobar o PRUX está a cerna do problema que arrastra Cíes. Dificultades para forxar un acordo ao que non foron alleas nos innumerables borradores nin a oposición rotunda das Confrarías de Pescadores para aceptar restricións á pesca nunha das zonas máis ricas do litoral galego nin as demandas das navieiras e doutras empresas turísticas para impedir a redución do cupo de campistas e visitantes diarios.

Un fracaso en toda regra para fixar os límites (imprescindibles) para a explotación tanto dos recursos pesqueiros como dos turísticos deste espazo natural que, non sexamos inxenuos, precisa aínda máis protección da que ten na actualidade.  En definitiva, dende 2002, ano da creación do Parque Nacional, nas Cíes, como no resto das Illas Atlánticas, rexeu a perigosa política do deixar facer, pechando os ollos a unha realidade que precisa da determinación e compromiso do executivo galego, de doses elevadas de consenso interinstitucional, como de altura de miras por parte de todos os colectivos implicados.

Xaora, a de Cíes foi una situación que se fixo aínda máis esperpéntica cando en 2013 o Concello de Vigo anunciou a candidatura para que as illas fosen declaradas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Unha proposta que contou, loxicamente, co apoio unánime e orgulloso da veciñanza da área metropolitana viguesa, mais que diante da precariedade da xestión do Parque Nacional como do bloqueo das relacións políticas entre a Xunta e o Concello de Vigo, por utilizar a suavidade de dous eufemismos, non ten un futuro moi claro. E nesta cuestión xa chove sobre mollado. Abonda con lembrar que se quixo poñer en marcha a Área Metropolitana de Vigo, sen pechar antes un modelo de transporte, e o proxecto quedou en auga de castañas. Razón pola que temo que as Cíes non poderán ser declaradas como Patrimonio Natural da Unesco se non se pecha un acordo entre administracións e colectivos arredor do agora tan traído e levado Plan Reitor de Usos e Xestión. O que non ven ser outra cousa que un documento no que se fixen os criterios que permitan unha xestión sostible dos recursos da nosa primeira alfaia natural.

A picada da burbulla de Cíes non se solucionará só polo control por parte da Xunta de Galicia da actividade das navieiras nin pola posta en marcha dun sistema máis fiable de admisión de visitantes. Dúas medidas imprescindibles, mais claramente insuficientes nun contexto que obriga ao compromiso de acuñar de vez un consenso sobre o PRUX. A xestión de Cíes non se soluciona con máis parches, precisa dunha completa reviravolta, dun plan avalado polo Ministerio de Medio Ambiente, pola Xunta de Galicia, polo Concello de Vigo, polos profesionais do Parque Nacional, polas confrarías de pescadores, polas asociación empresariais do sector turístico e polos colectivos ecoloxistas.

Eis o reto de Cíes, transformar a picada desta burbulla nunha oportunidade para poñer en valor todas as súas potencialidades. Forxar este acordo, con rigor e xenerosidade, sería o mellor aval da candidatura UNESCO, mais tamén contribuiría a contar cun modelo para recuperar o proxecto tan necesario arredor da lei da Área Metropolitana. O Vigo futuro precisa recuperar doutra política, a estratéxica e de amplos acordos, a única que pode evitar situacións tan vergonzosas como as vividas en Cíes este verán. Si, un plan de usos sostible para Cíes apoiado por todos. Ese é o reto.

 

Onte 1908: “Cézanne et moi”

Xeitosa película esta que relata a amizade fraternal entre Émile ZolaPaul Cézanne. Unha relación poderosa que os artistas mantiveron dende a adolescencia e ao longo de case toda a vida na que compartiron o seu afán creativo, un como narrador e outro como pintor, como senllas procuras de achegamento á verdade. Unha amizade moitas veces posta a proba polos ciumes e os trasacordos, como cando Zola publicou A obra (1886), protagonizada por Paul Lanier, un pintor fracasado no que Cézanne viu retratada a súa vida, na que nunca fixo concesión ningunha á comodidade. Mágoa que a directora Danièle Thompson perda a oportunidade para afondar un pouco máis nesta paixón creativa (a cerna das súas vidas) de xenios de temperamento moi diferente, o escritor, metódico e pragmático, o pintor, rebelde e voluble, mais unidos pola devoción á paisaxe de Aix-en-Provence retratada de forma moi fermosa por Dreujou que consegue emular nalgúns encadres os do propio Cézanne.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

O transporte a Cíes

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito do transporte a Cíes:

O caos que se produciu o pasado domingo, que afectou a dúas mil persoas que contrataran a súa viaxe ás illas Cíes dende os portos de Vigo, Cangas e Baiona, pon en evidencia o fracaso deste modelo de transporte na ría de Vigo que semella moi dificilmente compatible coa proteccións dos valores da primeira alfaia do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o espazo para o que a cidade de Vigo reclama o seu recoñecemento pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. O feito de que a Garda Civil o domingo impedise o acceso ás illas a estes turistas, que acudiron ao reclamo do feitizo das Cíes e a súa condición de “mellor praia do mundo”, a pesar dos prexuízos que a eles ocasiona e polo que deben ser resarcidos como consumidores, é tan lexítimo como necesario xa que debe ser respectado o aforo máximo de tres mil persoas, das que cada día 2.200 son visitantes, e 800 as aloxadas no cámping, previa reserva, nalgúns casos con semanas de antelación, ás que se engaden os tripulantes das embarcacións que teñen permiso de fondeo.

Un aforo limitado que, como viñeron denunciando teimosamente os gardas e os propios responsables do Parque Nacional ante as autoridades da Consellaría de Medio Ambiente, é superado de forma habitual por catro das seis navieiras que ofrecen a travesía ás illas, até chegar mesmo a case duplicalo e superar os catro mil visitantes nas mellores fins de semana de agosto. Unha perigosa saturación que pon en risco tanto a conservación dos espazos naturais deste noso paraíso, como a seguridade dos propios visitantes en caso de necesidade de evacuación ou doutra contixencia. Unha situación repetida os veráns anteriores nos que a Xunta de Galicia abriu varios expedientes ás navieiras por transportar máis visitantes dos permitidos e chegou a multar a unha delas con 6.000 euros, o que semella sancións “asumibles” se temos en conta que cada billete custa na tempada de verán 18,50 euros.

A orixe deste modelo de transporte de ría, que supuxo o remate da concesión en exclusiva que en 1999 fora outorgada á empresa Navieira Mar de Ons, estivo na sentenza de 2006 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que obrigou a liberalizar o servizo de transporte marítimo regular entre Vigo e o Morrazo como as liñas de tempada ás Illas Cíes. Como sinalou Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC, “o dogma neoliberal, unido a unha deficiente defensa ante o TXUE” obrigou ao Parlamento Galego, sendo presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, a aprobar a Lei 2/2008 de 6 de maio pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.  Unha lei que, como demostra a polémica desta fin de semana, no caso da Ría de Vigo achegou escasas garantías aos máis de catro mil usuarios habituais deste tipo transporte (dende entón, os servizos e as frecuencias a Cangas e Moaña reducíronse de forma notable) como, no caso de Cíes, onde se estima se desprazan máis de cen mil persoas cada ano, moi escasa protección deste espazo natural.

Dende que se aprobou a liberalización, e como era máis que previsible, comezou unha carreira tola por levar viaxeiros a Cíes, onde está a mellor tallada deste negocio de transporte turístico. E non tardaron tampouco en aparecer as presións das navieiras para que non fose modificado o aforo máximo, como reclamaban as asociacións ecoloxistas e os responsables do propio Parque Nacional. Abonda con lembrar como en 2011 cando se presentou un novo Plan de Uso e Xestión, o Goberno Galego (presidido por Alberto Núñez Feijoo) tirou a toalla para reducir o número de visitantes diarios a 1.800 e as prazas do cámping a 550, cupos que as navieiras consideraban desproporcionadas para a demanda existente e prexudiciais para o sector turístico. Con esta lóxica, onde prima o interese económico privado sobre os intereses xerais dun espazo protexido, onde mesmo é rendible pagar unha sanción por superar o aforo autorizado, foise desenvolvendo esta burbulla de Cíes que, por ventura, picou esta fin de semana.

A Xunta de Galicia como responsable de xestión do Parque ten a obriga de que as navieiras privadas respecten os cupos de visitas establecidos. E para iso conta coa posibilidade, en caso de falta moi grave, de extinguir os permisos de transporte a aquelas que non o fagan. Como o concello de Vigo, promotor da candidatura de Patrimonio da Humanidade, e a propia Deputación de Pontevedra, deben contribuír a unha promoción das Illas Cíes na que se saliente a súa condición de espazo protexido e se potencie a desestacionalización das visitas, o que contribuiría a diminuír a actual saturación turística que as pon en perigo. Recuperar esta lealtade e colaboración interinstitucional é imprescindible para asegurar o futuro de Cíes como Patrimonio da Humanidade.

Onte 1907: Presentación en Rianxo da biografía de Manuel Antonio preparada por Xosé Luís Axeitos

Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, presentou onte no Auditorio de Rianxo diante dun cento de persoas Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía a biografía documentada e referencial de Xosé Lúis Axeitos sobre o autor de De catro a catro. Unha obra que Angueira comezou cualificando de extraordinaria, «un traballo que pon o ramo a toda a obra do profesor Xose Luís Axeitos sobre Manuel Antonio, despois da edición da poesía, da prosa e do epistolario». «Un ramo marabilloso, xa que o intelectual Axeitos ofrece un tipo de biografía pouco convencional, unha biografía de estrutura fragmentaria na que documenta de forma exhaustiva a vida dunha persoa, o que permite o achegamento máis cabal á figura do poeta Manuel Antonio».

A seguir, Angueira foi debullando as diversas mareas que Axeitos ofrece sobre a figura de Manuel Antonio. En primeiro lugar sinalou a de Rianxo, a vila onde naceu, mais na que case non viviu, xa que o fixo tamén en Padrón, Vigo e Compostela. «Practicamente non viviu aquí, mais Rianxo é a capital literaria de Manuel Antonio, a súa paixón literaria, o epicentro da súa vida. Aquí esta a súa xeración, a de Dieste e a dos primos de Castelao. Mais Rianxo non é só unha paisaxe física, é sobre todo unha paisaxe humana, aquí esta o mundo que el ama». Angueira identificou na familia a segunda marea da biografía: «no libro hai unha documentación moi exhaustiva sobre a familia, tanto sobre os Pérez como sobre os Sánchez, na que sobrancea a figura da nai coa que o poeta, a pesar da distancia ideolóxica, mantén un fío de unión ao longo de toda a súa vida». Identificou a terceira coa da formación, iniciada na escola de Padrón, instalada na mesma casa onde se criou Rosalía de Castro coa súa nai, continuada en Compostela, onde asinou o pacto de sangue co galeguismo e defendou o monolingüismo galego, e finalizada en Vigo onde estudou na Escola de Náutica.

Angueira identificou como marea determinante en Manuel Antonio a navegación por todos os mares literarios: «admírame a disciplina individual deste mociño que dende Asados está atento a todo o que pasaba no mundo, gardando todo con enorme disciplina». Particular importancia concedeu Angueira a marea de Manuel Antonio navegante, recollida nos seus diarios de navegación, «sobre todo o que escribiu a bordo do paquebote Cándido Candeira, un barco marabilloso dedicado ao transporte de madeira dende Camposancos a portos do Mediterráneo, máis tamén do transatlántico holandes Gelria e o pesqueiro Arosa». Detívose tamén Angueira na marea dos compromisos éticos de Manuel Antonio: «ao principio foi agrarista, despois nacionalista permanentemente, dos da estreliña». «Manuel Antonio asumiu encrucilladas políticas e estéticas, mantivo polémicas con Castelao sobre o papel da arte popular e sobre todo co grupo de galeguistas de Ourense, cos que nunca se entendeu, chegando a formar un grupo secreto que bautizou como “Rexurdimento”». «Na biografía tamén se aborda a enfermidade, explicándose como a adquiriu e coa discreación e dignidade coa que a enfrontou, non facendo nunca da súa doenza unha materia literaria».

Rematou o seu discurso Angueira facendo fincapé na importancia de dous documentos literarios extraordinarios, o manifesto Máis alá! e o libro De catro a catro. «Manuel Antonio pretendeu facer unha literatura grande, afastada de calquera ruralismo. A súa obra foi secuestrada durante un tempo, mais por ventura agora pode ser lida libremente. Mais a pesar do maltrato que recibiu nunca se puido secuestrar o seu rumbo. Manuel Antonio estivo aí e estará no futuro da literatura galega. estivo cando a Nova Narrativa tantaba abrirse camiño e Gonzalo Mourullo escribe a «Carta a Manuel Antonio». Estivo no 79 cando os membros do grupo Rompente reclamaron «Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio». Como estivo en 2002 cando se crearon as Redes Escarlata. Manuel Antonio foi unha figura rebelde, imprescindible».

Na súa intervención, Xosé Luís Axeitos definiu a súa obra como «unha biografía documentada en forma ensaística, na que eliminei todo o aparato crítico académico coa pretensión de facilitar a lectura», «renunciei a ofrecer moita da información que tiña, sendo consciente sempre que as biografías as fan cada un dos lectores, razón pola que nunca son definitivas». O autor confesou que manexara a documentación do arquivo da Fundación Barrié, mais que tamén consultara a do arquivo diocesano, a da Escola de Náutica de Vigo ou a do arquivo militar intermedio do Noroeste. Agradeceu, ademais, as achegas de informantes principais, como Martín Gómez González, Segismundo Zúñiga, Ramón Rodríguez Sende, Teresa Tubío, Estanislao Carou, Manuel Agrelo Figueira, Maria Luz Agrelo e Asunción Resúa.

Onte 1906: #NoTincPor

Ben sei que non é doado comprender as razóns dos atentados de Barcelona que nos provocan tanto horror e desacougo. Ben sei que a orixe de Daesh está nas guerras de Iraq, Afganistán e Siria, á que non son alleas os intereses da industria armamentístca occidental nin a estratexia hexemonista dos Estados Unidos, Reino Unido e Francia. Como sei que iso non abonda para explicar as razóns que levan a uns mozos, que forman parte da sociedade catalá, para atacar de forma desesperada as persoas que deambulan polas Ramblas e facelo en nome dunha crenza política ou relixiosa. U-la orixe do odio que os mobiliza? Como podemos promover a preminencia dos valores dunha cultura de paz?  Como demostran outros atentados de semellante fasquía, como os de Bataclan ou Manchester, non hai outro camiño para combater o odio e garantir a nosa seguridade que non sexa o de exercer a liberdade, o de non retroceder, o de promover os valores da igualdade e do laicismo. Ese é o sentido de «No tinc por», asumido como a expresión da afouteza colectiva da sociedade catalá para expresar o seu rexeitamento do fanatismo e a súa confianza en superar esta traxedia. Como foi onte esperanzosa a resposta cidadá contundente e espontánea aos fascistas dispostos sempre a pescar no río revolto da islamofobia e do racismo. Por moito que nos doa #Barcelona debemos recoñecer que non somos o centro dun mundo onde o fanatismo terrorista e as guerras de alta e baixa intensidade baten de forma brutal todos os días. Sempre crin que asumir a nosa responsabilidade no desenvolvemento dunha cultura de paz e na loita pola igualdade (en todos os ámbitos e lugares do planeta) é a resposta que podemos ofrecer. #NoTincPor

Guardar

Guardar

Os concertos de Castrelos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a memoria dos concertos de Castrelos e a denunciar a ausencia de música galega na xeira deste ano:

Poucas experiencias coñezo máis xenuinamente viguesas que as noites de concerto en Castrelos. Dende 1954 o anfiteatro abovedado polas árbores da Finca da Marquesa acolleu centos de concertos que constitúen a cerna dunhas festas de Vigo, que como tales nunca existiron. Ao longo de seis décadas, os vigueses e as viguesas transmitiron de xeración a xeración o “espírito de Castrelos”, cos seus ritos e os seus costumes (o carácter gratuíto para boa parte dos asistentes, a paciencia nas esperas, os bocadillos, as mantas para se amparar da viruxe da noitiña), capaces de crear unha atmosfera máxica que leva abrazado a milleiros de artistas dos xéneros e estilos máis diversos que lembran “Vigo” como un dos mellores escenarios populares que teñen visitado.

O paso destas noites de concerto foi marcando as nosas vidas. No caso da miña xeración, a dos que nacemos entre finais dos cincuenta e comezos dos sesenta, iniciámonos coas funcións de tarde dos monifates de Gorgorito e cos recitais de Raphael e Lola Flores, e con aquelas noites dos “Festivais de España”, onde no tardofranquismo se mesturaban as funcións do bailarín Antonio coas zarzuelas de “La Gran Vía”. Xa de adolescentes, a finais dos setenta, coincidindo co inicio da mal chamada Transición, as de Castrelos foron as nosas noites de liberdade, as das primeiras saídas nocturnas, acendendo os bics nos recitais de Lluis Llach, Luis Eduardo Aute, Víctor Manuel, María del Mar Bonet, Silvio Rodríguez ou Pablo Milanés, entre tantos outros dos cantores de entón.

Nas gradas de Castrelos vivimos os primeiros concertos dos Milladoiro que atuaban aos míticos irlandeses The Chieftains ou a aquel Alan Stivell, o bretón dos himnos que pedían a liberdade para os países célticos. En Castrelos escoitamos a harpa de Emilio Cao, cantamos con Fuxan os Ventos, acompañamos ao Suso Vaamonde e a boa xente da Roda. No seu poleiro espellámonos como xeración Polycomander cos numerosos concertos de Siniestro Total (1985, 2008, 2012), que fixeron de Castrelos o seu primeiro palco, e dos Resentidos de Antón Reixa que en 1985 anunciaron que Vigo tiña por capital Lisboa. En Castrelos quedamos asombrados en 1996 coa presentación do primeiro disco de Carlos Núñez, “A irmandade das estrelas”, ou co seu concerto de 2004, con motivo do seu 33 aniversario, no que foi acompañado por The Chieftains e a acordeonista irlandesa Sharon Sannon. Non hai dúbida que o de Castrelos foi un dos palcos que consagrou a boa parte da música galega, dende Berrogueto (2004) e Treixadura (2007) a Iván Ferreiro (2008), Eladio y los seres queridos (2011) e Sondeseu Orquestra Folk de Galicia (2013), por citar apenas algúns concertos que lembramos.

Dende hai tres décadas, dependendo das posibilidades económicas do concello e do entusiasmo musical dos seus responsables políticos (alcaldías incluídas), da habilidade dos programadores, da dispoñibilidade dos artistas de moda de cada momento, como do evoluír daquel primeiro “Festival celta” que creou Paco Santomé ou do “Para Vigo me voy” da concelleira Isaura Abelairas, en Castrelos deixaron a súa pegada artistas internacionais, nunha relación de concertos imposible de lembrar na súa totalidade: Jose Afonso (1985), Gwendall (1985), Mike Oldfield (1993), Metallica (1999), Deep Purple (2000), Gloria Gaynor (2001), Beach Boys (2001), Oasis (2002), Caetano Veloso (2003), Dulce Pontes (2004), The Prodigy (2005), Pet Shop Boys (2006), Franz Ferdinand (2006), Arctic Monkeys (2007), Roger Hodgson (2008), Ruben Blades (2008), Keane (2009), Leonard Cohen (2009), Norah Jones (2010), Patti Smith (2010), Public Enemy (2010), Joan Manuel Serrat (2010), Juanes (2011), Jamie Cullun (2014)…

Tras varios anos de moi pobre programación en Castrelos, á que non foi allea a vacilante política do actual equipo de goberno arredor das festas da cidade, a alcaldía decidiu reactivala este ano con concertos excelentes como os de The Pretenders, Crystal Fighters ou Miguel Bosé, adiantando o ouro e o mouro para o vindeiro ano, no que prometeu un concerto no que asistirían un millón de persoas. Alén do ditirambo que semellante anuncio supón, como tan outros aos que nos ten afeitos Abel Caballero nas súas intervencións, botamos en falta que este ano non se incluíse nin un só concerto de música galega, tanto na programación da noite como na infantil da tarde. A música de noso foi expulsada de Castrelos, a pesar de que o sector musical galego conta cunha nómina artística de gran calidade e dirixida a públicos diversos. Os responsables municipais da programación das tardes infantís e dos concertos das noites de Castrelos, unha peza da identidade colectiva de Vigo, non poden discriminar nin a nosa música nin aos nosos músicos como acaban de facer estes días.

Onte 1905: Tinto uno 2015 Mission

O agasallo dun viño descoñecido pareceume sempre unha desas cousas bonitas da amizade. Pasounos onte cando compartimos unha botella de Tinto uno 2015 das bodegas Mission da Ribeira Sacra. Un soberbio mencía de Amandi co 20 % de garnacha, uvas cultivadas polo biólogo Carlos Carballeira, preparado polo enólogo Roberto Regal e polo bodegueiro Zak Elfman, un californiano formado como viticultor en Sudáfrica e Mendoza (Arxentina), que decidiu afincarse en Taboada para elaborar viños de produción artesan limitada ao xeito tradicional. Tras a botella de Tinto uno, un amandi de cor vermella intensamente lila, moi perfumado e sabor moi larpeiro potente, unha auténtica marabilla para compartir devagariño, descubrimos outra desas historias que axuda a concibir o futuro do país con esperanza. O feito que un broker da city londiniense queira facer viños artesanais, ecolóxicos, o que Roberto Regal chama «viños de finca», no concello de Taboada demostra que algo importante está sucedendo na viticultura heroica da Ribeira Sacra. En todo caso, quedamos co gusto da magnífica botella de Tinto uno 2015 e coa cortiza na que reza a seguinte frase: «o meu viño é para beber, non para presumir».

Onte 1904: Sobre a organización da Feira do Libro da Coruña

Quixen agardar ao treito final desta edición da Feira do Libro da Coruña para a expresar a miña decepción polo modelo de organización das súas actividades. Por vez primeira existiron dous programas paralelos nos Xardíns de Méndez Núñez, o organizado pola Federación de Librarías de Galicia no espazo que os editores bautizamos como «a lata», e o promovido polo concello da Coruña na «Carpa das Librarías» e no «Xardín dos Libros», un espazo teatral de contacontos. Sen entrar na valoración polo miúdo dos contidos de ambos os dous programas, considero un importante avance a implicación da Concellaría de Cultura, Deporte e Coñecemento na organización da que é por participantes e volume de vendas a primeira das feiras do libro de Galicia, como tamén creo moi valiosa a existencia dun programa en lingua galega especificamente dirixido a público infantil. Como sei que é relevante que un numeroso colectivo de librarías coruñesas participen na feira da súa cidade e pretendan mellorala coas súas iniciativas.

Porén, o que creo a todas luces fóra de lugar é preparar nunha mesma feira dous programas distintos de actividades e arranxar dous espazos (a lata e a carpa) con moi diferente dotación de medios e comodidades, tanto para os oradores como para o público. Como a estas alturas xa non é aceptable a escasa presenza de actividades arredor dos libros editados en galego na Carpa das Librarías, cuxo programa estivo centrado en boa medida en conversas con autores e autoras de fóra de Galicia convidados expresamente polo concello da Coruña. Como tampouco é comprensible a insoportable interferencia sonora entre o que sucedía na «lata» e na carpa, que incomodou aos oradores e dificultou ao público o seguimento dos actos simultáneos. Como tampouco foron moi exitosas as sesións de asinaturas nas librarías, un modelo importado da Feira de Madrid, que nas feiras galegas, con algunhas moi honrosas excepcións, semella polo momento destinado ao fracaso.

Teño insistido na necesidade de virar completamente a deriva das Feiras do Libro de Galicia, como sei das enormes dificultades de facelo, ao que non son alleos a rixidez dos criterios dos actuais responsables da Federación de Librarías de Galicia. Mais isto non xustifica en caso ningún que non se puidese ter chegado a artellar entre Concello e Federación unha programación única dirixida ao público familiar e literario, mesmo para ser desenvolvida en diversos espazos mais todos cun mesmo deseño e semellantes condicións de comodidade. O modelo biface de organización da edición da feira que está a piques de finalizar foi un rotundo fracaso, confundiu a moitos lectores e lectoras, decepcionou con razón a moitos autores e autoras e editoras galegas, xa que puxo en plano de clara inferioridade ao libro galego, a pesar de que polos datos que recabei foi o protagonista comercial e cultural da primeira parte da feira.

Tras todo o sucedido nas Feiras do Libro de Galicia deste 2017 estou convencido de que o futuro deste periplo pasa pola súa refundación polo conxunto do sector do libro (librarías e editoras), contando co apoio da Consellaría de Cultura e Educación e dos diversos concellos, así como co protagonismo tanto dos libreiros locais e daqueloutros que participan na maior parte delas. As feiras do libro de Galicia, ou como se queiran chamar en cada cidade, continúan sendo imprescindibles para a visibilización do libro e da lectura no espazo público. Nesa angueira colectiva todas as mans son necesarias. Paga a pena un esforzo compartido de debate no sector sen exclusións nin límites para evitar a súa desaparición.

Guardar

Onte 1903: A estrea do Celta de Unzué

Vimos onte algunhas trazas ilusionantes do Celta de Unzué. Fronte ao poderoso Bayer Leverkusen, un cadro da pasada Champions League, amosou contar cunha formidable pegada atacante e unha preocupante febleza defensiva. Sabendo que o cadro está en probas, quedámonos, non obstante, co primeiro gol de Guidetti, unha marabilla de xogo combinativo nacida nunha recuperación de Pampín (un prometedor canteirán) na área propia que xerou un contraataque resolto con nove toques, sete deles directos, e finalizado por un envío interior de Wass e un remate do dianteiro sueco moi bos. Unha xogada de manual! Como tamén foron excelentes goles, o segundo, no que Guidetti pillou as costas á defensa alemá, aproveitando unha gran asistencia de Beauvue, e, sobre todo, o terceiro, un remate letal do charrúa Maxi Gómez na área pequena, tras unha xogada sensacional de Pione que despois de sentar ao seu marcador centrou dende a esquerda. Polo que vimos onte, o Celta de Unzué defende en zona, presiona moi arriba e non renuncia a sacar a bóla xogada, o que constitúe unha importante diferencia con respecto ao sistema de Berizzo, o que obriga a reaxustar hábitos e rotinas. Descoñecemos como se comportará cando teña a obriga de levar toda a iniciativa en Balaídos e conte cos efectivos definitivos (non descataría o traspaso neste agosto dalgúns dos xogadores clave). En todo caso, esta estrea alemá do Celta de Unzué foi prometedora.

Onte 1902: «Hell or high water» («Comanchería»)

Hell or high water (Comanchería) de David Mackenzie amosa que sempre é posible actualizar os xéneros. Desta volta o director escocés dálle unha volta de porca ao western cun trhiller de elegancia sublime e de forte intencionalidade social narrado con precisión cirúxica e envolto na melancolía da música country. Unha historia antiépica de dous irmáns perdidos no pó (excelentes intrepretacións de Chris Pine e Ben Foster) que asaltan pequenas oficinas bancarias da entidade na que pretenden liquidar a hipoteca herdada da súa nai, á que abandonaron. Mais tamén este é o relato da persecución no deserto texano destes dous foraxidos, que procuran dous rangers, o sheriff Marcus (extraordinario Jeff Bridges), a punto de apousentarse, e o seu compañeiro mestizo (indio e mexicano) Alberto Parker. O interese deste western social renacido está, sen dúbida, tanto na solidez do guión, desenvolto cuns diálogos potentes, inzados de humor negro, como nunha composición visual impecable e unha banda sonora inquedante, ao servizo da fluidez da narración.

Xaora, Comanchería está construída toda arredor de tópicos do xénero como «o da morte nos talóns» ou «dous homes e un destino», tantas outras veces abordados na historia do cine en títulos memorables como Pat Garrett and Billy the Kid (1973) de Sam Peckinpah ou Bonnie and Clyde (1967) de Arthur Penn, cos que comparte este imaxinario e reflexión moral. O duelo final e a súa resolución, que vai moito máis alá das pistolas, un retrato brutal da América branca profunda (adiantándose a era Trump), converten a esta Comanchería en cine social e político de moitos estralos. Do melloriño que vimos nos dous últimos anos.