Poema de hoxe 131: «Terra Chá» de Manuel María
Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
ferrados de corazón, fanegas de alma.
Manuel María, «Dimensións» (1953)
Poema de hoxe 131: «Terra Chá» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
ferrados de corazón, fanegas de alma.
Manuel María, «Dimensións» (1953)
Subín onte ao Campus das Lagoas para participar nun xurado e quedei abraiado do caos de tráfico arredor do Hospital Álvaro Cunqueiro. Centos de coches estacionados na estrada (sobre liña continua), numerosas persoas cruzando nunha vía na que circulan os trailers do centro loxístico de Valadares, colas interminables á altura do acceso ao propio hospital, atascando a entrada das ambulancias. Algo que pode parecer incrible nunhas instalacións con apenas varios meses de funcionamento. Sabemos as razóns polas que o concello de Vigo, responsable da disciplina de trafico no vial da Universidade, non actúa nas lindes do Cunqueiro como era de agardar? Como sería posible solucionar estoutro conflito entre o Sergas e o Concello de Vigo, ao que sabemos non son alleas as tarifas do aparcamento no propio hospital e a inexistencia, polo momento, dunha alternativa pública gratuíta? Non podo entender como os pacientes, usuarios e traballadores do centro sanitario sexan os que estean pagando as incomodidades e os perigos deste desacordo interinstitucional.
Nos últimos días publicáronse varios traballos nos que se fixan as cifras claves do sector cultural en Galicia. Os dous magníficos artigos publicados no monográfico das Letras da revista Luzes, “Canto pesa a cultura?” de Marcos Lorenzo e “Cultura e subvencións: crónica dunha fábula” de César Lorenzo, desfán prexuízos moi consolidados sobre as dimensións do sector. Xaora, o estudo Instituto Galega de Estatística Análise do sector cultural (un informe de 58 páxinas que pode baixarse en pdf) pon en evidencia a importancia dun sector que en 2011 supuxo o 2,0 % do PIB galeego (1.103.918 €) e un 3,0 % do emprego (30.878 persoas ocupadas), cifras próximas ás doutros sectores claves da economía galega como o da pesca (2,1 % do PIB e 2,9 % do emprego) ou o da fabriacación de automóbiles e compoñentes (2,3 % do PIB e 1,7 % do emprego). Tempo haberá de debullar as cifras deste informe sobre o noso sector cultural que achega datos por subsectores e tipos de actividade. Sorprendente.
Unha das maiores grandezas do celtismo é a sobriedade para gozar das vitorias e a serenidade para asumir os resultados adversos. Actitudes forxadas partido a partido, tempada a tempada, xeración tras xeración, na vella catedral do Fragoso apoiando aos celestes na súa angueira sempre difícil, sufrindo e gozando da súa afouteza e dun xogo que, dende hai dúas décadas, aquí gusta traballado e combinado. Así foi esta tempada de ouro, a mellor da última década, onde os celtistas gozamos dun xogo de alta escola do cadro de Berizzo, mais tamén sufrimos os desacougos inevitables, froito das carencias e limitacións dun cadro, que a pesar da clasificación privilexiada continúa sendo moi humilde e conta (canteira incluída) cun número moi axustado de efectivos. Así foi tamén o partido da tarde de onte co Málaga, onde houbo instantes de cor, cando escintilou o xogo dos nosos e estoupou a ledicia da bancada, mais tampouco faltaron outros moitos minutos grises de chumbo, coma o ceo que deitou devagariño a poalla que foi enchoupando aos xogadores.
A pesar da inxusta derrota de San Mamés, Berizzo demostrou que non se rende na súa batalla polo quinto posto. Dispuxo ao triángulo chileno (Chelo, Tucu e Orellana) para soster e lanzar ao equipo, que tardou case un cuarto de hora en contar coa súa primeira gran oportunidade, tras un pase de Wass sobre un xenerosísimo Tucu Hernández que case na área pequena preferiu ceder sobre Aspas, o que evitou in extremis un defensor andaluz. O Celta teceu e teceu paciente, sen perder a confianza na posibilidade de crear superioridades, a pesar de que o Málaga incomodou aos chilenos con continuas faltas e brusquidades. Con todo, grazas a balóns longos, o Celta foi abrindo o seu xogo de ataque polas bandas, sobre todo pola de Nolito, moi comprometido durante os noventa minutos. O internacional gaditano trazou un tiraliñas interior antolóxico ao que non chegou Orellana, anunciando a marabilla que minutos despois sería a xogada do único gol do partido.
Unha xogada protagonizada pola NAO celeste, ese tridente marabilla formado por Nolito, Aspas e Orellana, á altura dos mellores goles da tempada. Iniciada por Nolito na banda esquerda cun desprazamento sobre Aspas na frontal, o xenio de Moaña cedeulla ao poeta chileno que agardou para centrar dende a banda dereita a chegada a área pequena de Nolito para que este, unha vez superado o gardarredes, tivese que empurrar a porta baleira. Un gol tremendo, unha acción redonda, comezada e finalizada por Nolito, fermosA na concepción e rotundA na execución. Uns segundos onde escintilaron as faíscas de xenialidade destes tres xogadores capaces de compartir as súas accións en instantes decisivos.
Durante os vinte minutos finais, coincidindo coa entrada no terreo de Juanpi, o Málaga desenvolveu o seu mellor xogo. Sufriron os de Berizzo. Camacho encarou en dúas ocasións con claridade a Rubén, mais o noso xove gardarredes soubo aguantalo. Só faltando cinco minutos, cando máis apretaban os de Javi Gracia, a bancada desentendeuse das incidencias do xogo e comezou a cantar coa emoción dos grandes momentos a Rianxeira e a celebrar a extraordinaria clasificación europea. Unha tempada de auténtico ouro, onde compartimos o celtismo da humildade e da afouteza, o do xogo de salón e o do fair play, o que sofre e o que goza coas súas cores. Estamos de volta.
Poema de hoxe 130: «Advento» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Hai algo máis fondo que aboia nas olladas
Manuel María, «A luz morta» (Ediciones Galicia, 1954)
Poema de hoxe 129: “Definición” de Aquilino Iglesia Alvariño/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
O ventiño da mañá
límpalle os ollos á aurora
roxa de tanto chorar.
Aquilino Iglesia Alvariño, Polo correo do vento (Xerais, 1994)
Cada novo título de Miguelanxo Prado, o máis internacional dos nosos narradores, xunto a Manuel Rivas, é un acontecemento para a edición e creación galega. Asi sucedeu esta semana, coincidindo coa celebración do Saló Internacional del Cómic de Barcelona, con Presas fáciles, a súa contundente resposta á degradación moral e política que vivimos na última década. Ao fío do estremecedor suicidio de dous maiores estafados polas preferentes, cando ían ser desafiuzados, Miguelanxo recupera a súa expresión máis realista, tanto no que atinxe á trama como á representación (detalladísima) dos espazos da Coruña, a súa cidade, para ofrecer un dos seus libros máis memorables, á altura de Ardalén ou Trazo de xiz. A corrupción e a impunidade coa que actuaron as entidades financeiras son denunciadas nesta novela gráfica como formas de violencia avaladas polo estado cando non defende aos máis débiles. Recomendo moi vivamente.
Abraiante o mural realizado polo alumnado e profesorado do IES As Barxas de Moaña deconstruíndo ao xeito rosaliano o cadro de Delacroix «A liberdade guiando ao pobo». Unha peza de seis metros de longo e case tres metros de alto que volve demostrar a atracción icónica de Rosalía capaz de continuar conectando coa mocidade como ningunha outra figura da nosa cultura. Como se pode comprobar no vídeo que preparou a profesora Luz Beloso, un código QR nun dos laterais do mural permite acceder dende o mobil ao vídeo animado da «Xustiza pola man», un dos poemas emblemáticos de Follas novas preparado o pasado curso polo alumnado do mesmo instituto. Esta Rosalía afouta das Barxas guiando ao pobo galego énchenos os depósitos de entusiasmo e esperanza. Marabilla destoutro traballo do alumnado e profesorado de 4º de ESO e 1º de BAC do Obradoiro de Artes Plásticas deste centro público de Moaña. Beizóns!!!
Poema de hoxe 128: “A xoaniña andeira” de Anisia Miranda/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Sobre o lombo do regueiro
navega unha xoaniña
nunha folla de salgueiro.
Anisia Miranda, Cantarolas (Xerais, 1995)
Poema de hoxe 127: “As doce e sereno” de Manuel Guede/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Son terribles e sabias as fotografías:
nunca regresan con nós ó lugar dos sucesos.
Manuel Guede, As doce e sereno (Xerais, 2000)
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).