Onte 213: A semana horrible de Feijoo

As páxinas da edición de El País en Galicia non adoitan ter desperdicio. O artigo de José Precedo sobre a situación anímica do presidente Feijoo é moi clarificador sobre a anémica xestión da Xunta de Galicia. Tras a horrible semana vivida polo presidente –dende o éxito da Folga Xeral en Galicia, pasando polos desastres das Fragas do Eume e de NGB, até os serios problemas de credibilidade dos recomendados por Romay Becaría– o seu maior capital político, probablemente o único, sexa a febleza da oposición, incapaz aínda de visibilizarse como alternativa real. Se as tres forzas que lle desputarán a maioría teñen tempo para organizarse e presentarse razoablemente unidas, o resultado electoral pode ser moi incerto.

Onte 212: ENFO, concerto memorable

O longo concerto do serán foi memorable, inesquecible. A TradAlp piamontesa, a Sibelius Folk Big Band finesa e a nosa Sondeseu ofreceron no escenario do Auditorio de Beiramar un espectáculo extraordinario, que nos fixo vibrar, aplaudir, cantar e emocionar. Promovido de forma exemplar polo profesorado da E-Trad, a fundación Sondeseu e polo concello de Vigo (hoxe enunciamos un «bravo» polo apoio de Abel Caballero, en tempos de crise, onde ninguén achega un can á cultura), o encontro de ENFO, do que formaba parte o concerto, demostra que é posible outra Europa, a que utiliza a caligrafía universal da cultura, neste caso a da música en forma de polca e mazurca. Un cento de músicos xeniais, vencellados pola música tradicional, amosaron a viabilidade deste proxecto de encontro de orquestras folk que convertíu a Vigo durante unha semana na capital da música europea tradicional. Unha condición ben merecida grazas ao traballo incrible, paciente e rigoroso, que dende hai décadas se ven desenvolvendo na e-Trad, unha tarefa histórica para a cultura galega, aínda non recoñecida, como tantas outras que se veñen facendo da mesma forma na abella da ribeira. Escoitar onte as pezas arranxadas por Xaquín Xesteira Losada, membro de Treixadura, ese inigualable gaiteiro ao xeito Rías Baixas, interpretadas ao xeito sinfónico por Sondeseu, fíxome bagoar de emoción. Fun consciente que tiña o privilexio de asistir a unha proeza da música de noso. Quen pode ter valor para coutar o futuro dunha cultura que ofrece proxectos da calidade de Sondeseu, a primeira orquestra folk do mundo? Non esquecerei o serán de onte.

Birth of a Book

Birth of a Book from Glen Milner on Vimeo.

Esta curtametraxe de Glen Milner iustra o que foi, hai uns anos, o proceso de impresión offset e encadernación en tapa dura dun libro analóxico. Hoxe a tecnoloxía do directo á prancha suprimiu o procesos de montaxe por imposición (que se ve nas secuencias iniciais) e industrializaron os traballos de encadernaicón artesanal (das secuencias finais). Con todo, a peza é un magnífico recurso didáctico que exemplifica en menos de dous minutos a plenitude que nun tempo tivo a impresión analóxica.

Libros e lectura


Showtime Beyond Promo and Feature Presentation Intro 2008.

Onte 212: Educación e Sanidade no punto de mira

Na entrevista ao Frankfurter Allgemeine o ministro de Guindos puxo a educación e á sanidade como próximos obxectivos das «reformas» do goberno Rajoy. Experimentados como estamos na interpretación destes eufemismos económicos, non é difícil interpretar que, probablemente, os orzamentos de 2013 ou o chamado programa de estabilidade incluirán importantes recurtes nos sistemas de educación e sanidade públicos dos que, a pesar das súas insuficiencias, nos deberiamos sentir ben orgullosos. Semella que aos mercados non lles abonda coa devaluación interna das rendas salariais, que nos vindeiros meses irá provocando a reforma laboral, nin coa austeridade dunhas contas púbicas que deixan a economía nunha brutal recesión. Co bendito argumento do control do déficit, ese mantra incuestionable, agora esixen recurtes enérxicos dos orzamentos das CC.AA., obxectivos que non se poderán conseguir sen tocar os recursos destinados aos servizos públicos de sanidade e educación. Será apenas outra fase desa desmontaxe do estado do benestar á que estamos asistindo, un proceso que os burócratas centroeuropeos denominan como «esforzo adicional» das «políticas de consolidación fiscal». O que pode estar a chegar, tras o anuncio de onte do ministro de Guindos, é para poñerse a tremer.

Onte 211: Vigo, sitio distinto

Segundo os organizadores da Semana Santa de Vigo a falta de costaleiros, que obrigará á suspensión da procesión do Encontro, débese á «idiosincrasia» viguesa. O alto índice de «inmigración industrial», «a falta de tradición de procesións», «o despoboamento do centro» e, sobre todo, a baixa asistencia á misa dominical dos vigueses explica esta falta de persoas dispostas a sacar as imaxes polas rúas viguesas. Poucas veces lera unha síntese máis sincera, expresada por unha persoa vencellada á igrexa católica, das razóns polas que na nosa abella da ribeira vivimos con entusiasmo moderado as celebracións destes días. Efectivamente, en Vigo, sitio distinto, estes días pode gozarse do Primeiro Festival da rede Europea de Orquestras Folk, que o sábado reunirá no Auditorio de Beiramar un extraordinario programa coa presenza da viguesa Son de Seu, a Sibelius Academy de Helsinki, a Arte Motiva de Turín e a Royal Conservatoire de Escocia. Unha marabilla! No entanto, os vigueses que teñeen moitas saudades das solemnidades da Semana Santa, sempre teñen a posibilidade de acudir a Braga, apenas a unha hora de autoestrada, para ver o desfile dos farricocos, chamando coas súas carracas á procesión da Misericordia.

Onte 210: 291.289,43€

A querela da fiscalía por fraude fiscal contra Gerardo Conde Roa é un escándalo. Debullando sobre o relato do caso, non sei o que me produce maior repugnancia: se o feito de que deixase de declarar 291.289,43€ do IVE, que cobrou aos clientes aos que vendeu 61 vivendas de protección oficial, ou se a súa teimosa actitude negando durante catorce minutos nunha entrevista en Radio Galicia que descoñecía o expediente, un feito que negan de forma contundente diversas informacións. Máis alá das responsabilidades penais que o alcalde de Santiago dirima diante do xuíz Vázquez Tain, anoxa o comportamento ético deste cargo público nun tempo no que se lle piden os maiores sacrificios fiscais á cidadanía. Conde Roa debe dar decontado unha explicación aos seus veciños sobre eses 291.289,43€. De non facelo, a súa demisión semella inevitable. Núñez Feijoo e o PPdeG deben facer fronte a un grave problema político.

Onte 209: Oficina da Literatura Galega

Na mesa redonda sobre «A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional» do Encontro Festlatino 2012 do Consello da Cultura Galega, na que participei xunto a Suso de Toro e Margarita Ledo, volvín defender a creación dunha Oficina da Literatura Galega. Experiencias exitosas como a catalá ensinan que para desenvolver unha extratexia internacional no eido literario e cultural é imprescindible contar cunha institución pública que a xestione. Así o prevía o borrador da “Lei do Libro e a lectura”, redactado pola Mesa do Libro e a Lectura, coa creación do Instituto Galego Rosalía de Castro destinado a promover a lingua e literatura galega no mundo. Magoadamente esta cuestión foi retirada da lei aprobada (por unanimidae) en decembro en 2006. Dende entón, teño proposto en varios foros con ánimo construtivo, seguindo o modelo de funcionamento do Ireland Literature Exchange (ILE), a creación inmediata dunha Oficina da Literatura Galega ou Oficina do Libro Galego no Exterior como organismo da Secretaría Xeral de Cultura, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, polo Consello da Cultura Galega e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, Galix, ATG, AILG). Esta OLG ou OLGE, entre outras funcións, debería coordinar de forma permanente todas as actividades de promoción da literatura e do libro galego a realizar no exterior: sexa reforzando aos editores nas Feiras Internacionais do Libro; fose apoiando as actividades desenvolvidas polos diferentes lectorados e centros de estudos galegos das universidades; sexa elaborando información electrónica e impresa para enviar a editoras internacionais, axencias literarias, «sherpas» e tradutores; fose apoiando a presenza de autores e editores en eventos literarios internacionais (“Festival de Poesía de Paratí, Congresos do Pen Club ou do IBBY…); sexa apoiando a xestión das candidaturas de autores e autoras da nosa literatura a premios internacionais (Andersen, Astrid Lingren, Nóbel, Premio Iberoamericano LIX, ou Príncipe de Asturias das Letras); fose axudando a xestionar as axudas proporcionados pola Consellaría de Cultura e Educación á tradución de textos da literatura galega a outras linguas; sexa organizando ou apoiando a realización de Encontros Literarios Internacionais en Galicia; fose promovendo as candidaturas de Galicia como cultura convidada dos eventos e feiras internacionais de Guadalaxara e Frankfurt ou acompañando coa nosa cultura literaria, se as houbese, outras actividades de proxección internacional de Galicia. Despois deste Festlatino debería volver a estudarse unha proposta que supoñería apenas a coordinación dos recursos actualmente existentes e a posta en marcha dun espazo electrónico actualizado sobre a nosa produción literaria e editorial.

A fraga queimada

No artigo semanal de Faro de Vigo volvo sobre a tremenda catástrofe das fragas do Eume.

A historia explicará as razóns polas que Galicia sofre cada década unha catástrofe de grandes dimensións do seu patrimonio natural. En 1992 a marea negra provocada polo fundimento do Mar Exeo estragou a vida mariña nas rías de Ares, Ferrol e A Coruña. En 2002 o chapapote do Prestige conmocionou o planeta con aquela negra sombra que alagou a costa atlántica galega. Agora neste durísimo 2012 da crise financeira e do desemprego brutal, como se dun inevitable ciclo de destrución se tratase, arden a fins de marzo as fragas do Eume, un dos nosos seis parques naturais, espazo da Rede Natura onde se agocha un dos redutos do bosque atlántico europeo. Nunhas horas perdeuse unha parte do paraíso que a natureza desenvolveu de forma paciente durante séculos. Outra catástrofe natural tremenda que, a pesar da falta de choivas, puido ser evitada.

As 9.000 hectáreas do parque natural das fragas do Eume son só unha parte do ecosistema artellado ao longo de 80 km polo río Eume, desque xorde no Xistral, onde se atopa o considerado como mellor bosque do arco atlántico entre Galicia e Irlanda. Chano Eiroa, un dos mellores coñecedores deste espazo, salienta que na malla de camiños, corredoiras, pistas, rozas e pasos de gando existente entre os concellos de Monfero, A Capela e As Pontes dorme a pureza do bosque atlántico. Alí medran fentos e brións, o loureiro e o acivro, alindando centos de regatos, fontes, cruceiros, lugares ou aldeas con nomes fermosos: Goente, Murixoso, Teixedelos, O Reboredo, Eiravella, Pía da Leña, Rebordille, Armada de Cando, A Maceira, Os Casás…

As fragas do Eume son un bosque mixto formado por carballeiras, soutos, piñeirais, prados, toxeiras queirogais, herbais, uceiras… Unha festa da natureza vexetal. Nas beiras dos ríos e regatos os bosques de ribeira forman corredoiras de ameneiros, salgueiros e freixos, aparecendo detrás delas as poboacións de abeleiras, bidueiras e castiñeiros. Con todo, os reis da fraga eumesa son os carballos, fendidos, poderosos que ocupan as apertadas encostas. Nas fragas viven o corzo e o xabaril, entre as matogueiras elevadas as vacas, cabalos salvaxes e mesmo a lenda do lobo. Nos regatos e zonas húmidas asexa a londra e algunhas especies de anfibios e réptiles endémicas como a saramaganta. Son numerosísimas as aves do ceo da fraga dende rapaces como o lagarteiro ao merlo rieiro nos seus cursos de auga. Outrosí sucede coa fauna de invertebrados, onde está moi presente a vacaloura, o maior escarabello existente no continente europeo. O mosteiro de San Xoán de Caaveiro no concello da Capela, o impresionante mosteiro de Santa María no concello de Monfero e unha longa lista de ermidas (San Miguel de Breamo, San Vitorio de Cambás, San Roque de Fragachá…)  son pezas principais do patrimonio arquitectónico deste extraordinario espazo natural e histórico, visitado cada ano por milleiros de senderistas e turistas.

As dimensións espectaculares do incendio desta fin de semana –cando escribimos este texto, segundo a Consellaría de Medio Rural afectou a 750 hectáreas, aínda que outras estimacións, como a do alcalde da Capela duplican a cifra– provocan desolación tanto polas perdas irreparables neste patrimonio da humanidade, como e sobre todo polo seu perigo para os veciños e concellos das fragas e para as súas formas de vida. Sobre este incendio pairan algunhas cuestións polémicas que deberán ser aclaradas diante do parlamento e da opinión pública: se tras a diminución orzamentaria dos fondos destinados a políticas de prevención e extinción, existiron medios suficientes para atacar o incendio; se houbo coordinación axeitada na súa utilización entre a Xunta de Galicia e o Goberno; se a autorización en 2010 da apertura dunha mina a ceo aberto de andalucita, ás portas do parque natural, un proxecto que fora rexeitado polo goberno de Pérez Touriño, puido ter algunha influencia.

É moi dificil atribuír que as causas do incendio do Eume, como o que provocou a pasada semana a morte en Castro do Val dun brigadista, como esoutro do parque natural do Xurés, sexan fortuítas ou meteorolóxicas. Todos os tres son froito diso que denominamos co eufemismo de “terrorismo forestal”, un cancro relacionado coa ausencia en Galicia de políticas integrais para o desenvolvemento do medio rural e de aproveitamento sostible dos seus recursos forestais, como da existencia dunha certa permisividade social coas condutas incendiarias. Como é innegable que o modelo de extinción dos incendios do Goberno de Núñez Feijóo amosouse insuficiente e incapaz para enfrontar unha situación extrema que unha vez máis requiríu contar co auxilio da Unidade Militar de Emerxencia ubicada en León. Non abonda con lamentarmos polas perdas ocasionadas por catástrofes coma estas nin facer rogativas para que mude a dirección do vento ou chova axiña. Non.

 

Onte 208: Día Internacional do Libro Infantil

Co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil iníciase abril, o mes dos libros por excelencia. Unha efeméride na que adoito tomamos o pulso a saúde a un dos subsectores de edición en Galicia máis dinámicos. A pesar dos efectos inevitables da crise, a nosa edición infantil e xuvenil presenta datos ben esperanzadores. Segundo o estudo do Comercio Interior do Libro da Federación de Gremios de Editores de España, en 2010 editáronse en Galicia 491 títulos (23,2% do total do sector); imprimíronse 705.100 exemplares (21%) e vendéronse no mercado interior 5,62 millóns de euros (18%). Confórmase así un catálogo de 3.858 títulos (29,1% do total dispoñible nas editoras privadas galegas), o maior da nosa historia. A edición de LIX, ademais, é a máis dinámica no noso comercio exterior do libro grazas, sobre todo, ao traballo de selos que nesta última década acadaron prestixio internacional, como Kalandraka e OQO editora, capaces de editar os seus álbums de forma simultánea en máis de dez linguas. Un fito a engadir ás edicións internacionais dos ilustradores galegos e ás numerosas traducións e premios internacionais obtidos polos nosos autores e autoras. O sector do libro e da lectura infantil e xuvenil en Galicia é un dos nosos potenciais, unha grande oportunidade.