Onte 190: Repagamento

Tras a iniciativa da Generalitat de obrigar a pagar un euro por receita e a posibilidade aberta en Madrid por Feijoo de aumentar o copagamento farmacéutico en función de niveis de renda, é moi probable ca despois das eleccións andaluzas e asturianas se introduza algún sistema de repagamento no sistema público de saúde. Con esta fórmula o Partido Popular pretende inscribir o triángulo na circunferencia, apostaría polo copagamento farmacéutico –unha fórmula disuasoria («moderadora» na súa linguaxe), que trataría de reducir o número de receitas– e, polo momento, adiaría a posibilidade de repagamento sanitario no que atinxe a consultas, probas ou hospitalizacións. Como ben sinala Ignacio Escolar o que debemos preguntarnos a esta altura é se cómpre unha reforma no financiamento dun sistema público de saúde que funciona aceptablemente. Os datos amosan que o gasto en sanidade por habitante e a porcentaxe sobre o PIB son moi inferiores en España aos dos países do directorio, como Francia e Alemaña. A pesar dalgunhas insuficiencias, contamos cunha sanidade pública de calidade a un prezo moi razoable. Cales son as razóns para xustificar retallazos, privatizacións e repagamentos do sistema de saúde pública?

Onte 189: Coreander

Viaxei á Coruña para participar nas xornadas sobre Edición e Cultura organizadas polo Grupo  Coreander, un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Filoloxía. Falamos de como afectan ao papel dos editores as mudanzas do paradigma da comunicación cultural e doutros tránsitos nos que estamos inmersos, sobre todo, da crise da libraría cultural e do paso da edición do do «sector cultural» ao das «industrias do lecer». Volvín para Vigo satisfeito de contribuír a aumentar a curiosidade deste fato de entusiastas animadores culturais que intentan fender a rotina que o partido conformista impón, tamén, nas aulas universitarias. Non puiden evitar cismar pola AP-9 nalgunhas saudades da miña mocidade universitaria.

Onte 188: Os fillos do mar

Pasei boa parte da tarde lendo na novela coa que Pedro Feijoo debuta na narrativa galega. Tras o seu magnífico estudo sobre o xornal Galicia de Valentín Paz Andrade e Viva o Fu Remol!, o escritor e músico de Los Feliz e Lamatumbá ofrece unha novela trepidante sobre as pegadas da memoria na cidade de Vigo. Máis de catro centas páxinas dunha historia de intriga, escritas con grande elegancia e unha preciosa ambientación viguesa (nalgúns treitos chegou a emocionarme), nas que a historia dunha familia que procura atopar a súa identidade contribúe a facelo coa comunidade (un chisco desmemoriada) á que pertence. Os fillos do mar, finalista do premio Xerais de novela 2011, reivindica a volta da narración e o entretemento aos andeis das novidades da literatura galega. Un texto ben escrito, unha novela armada con solidez, un tema relevante, unha ambientación e documentación magníficas. Agardo que axude a incrementar o número de lectores e lectoras en galego nestes tempos de crise. Recoméndoa moi vivamente.

Isaac, o editor da memoria

Isaac, o editor da memoria. from Illa Bufarda on Vimeo.

Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.

No tren de Casares

No tren de Carlos Casares from Illa Bufarda on Vimeo.

 
Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.

Onte 187: El repte de publicar en catalá

O meu amigo Jordi Ferré, o presidente da Associació d´Editors en Llengua Catalana, envioume «El repte de publicar en catalá», un documento moi interesante froito dunha xornada de reflexión sobre a edición en lingua catalá na que participaron máis de medio cento de editores. Entre as conclusións acadadas anotei unhas cantas: «a eclosión dixital é unha oportunidade e unha ameaza»; «as editoriais deben facer unha análise de autorregulamento (seleccionar máis, publicar menos)»; «as presentacións e rodas de prensa deben reservarse para casos moi excepcionais»; «é esencial que os editores asuman o papel de comunicadores, tanto a nivel interno como externo»; «deben utilizarse axeitadamente as redes sociais, alí a tarefa non é publicitaria, senón a de crear comunidades de consumidores dos produtos das editoriais así como fidelizalos con cada unha delas; é recomendable utilizar Facebook pra fidelizar e Twitter para comunicar»; «a coherencia do catálogo e o interese das novidades son condicións esenciais para conseguir a complicidade das librarías»; «deben deseñarse estratexias de fomento da lectura para incrementar o índice de lectura»; «deben reforzarse a complicidade entre os diferentes elos da cadea do libro: autores, editores, libreiros e lectores»; «débese impulsar unha discriminación positiva dos libros en catalán nas políticas públicas»; «cómpre unha maior dotación orzamentaria para o libro en catalán»; «valórase positivamente a proposta de incentivar os libreiros máis activos». Unha boa escolma de propostas que, salvando as distancias e diferencias de dimensión, poden ser tamén moi útiles para o sector da edición en lingua galega. Gracies, Jordi!

Dez anos sen Carlos Casares

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura de Carlos Casares nos eu décimo cabodano.

O pasado día 9 cumpríronse dez anos do pasamento do escritor Carlos Casares. É dificil esquecer o impacto emotivo que a súa perda, tan prematura como inagardada, supuxo para moitos do seus amigos, moito máis cando moi poucas horas antes puidemos velo no García Barbón participando na homenaxe que a Fundación Premios da Crítica Galicia rendeu a don Francisco Fernández del Riego. Alá foi xa unha década complexa na que sentimos a ausencia do home do sorriso tranquilo e da ollada acolledora, o galego cosmopolita que gozaba co espectáculo do mundo e cos seus avances tecnolóxicos que lle permtían demorarse na escritura da vida. Unha década na que afortunadamente foi reeditada toda súa obra narrativa e boa parte da xornalística, ademais de celebrada e divulgada a súa figura grazas ao bo traballo da fundación que leva o seu nome e do esforzo e compromiso da editorial Galaxia que dirixiu e modernizou durante dezasete anos.

Un tempo de vertixe que non cura as saudades do derradeiro encontro na súa casa de Vilariño –tras un xantar no que pechamos con Tucho Calvo o acordo para a edición da Biblioteca 120 de LVG–, cando me puxo a funcionar a súa maqueta ferroviaria da que tantas veces falara nas viaxes de editores. Tratábase dun tinglado formidable de tres pisos, construído coa axuda dos seus fillos, polo que circulaban miniaturas marabillosas, sometidas ás velocidades, ás paradas ou aos asubíos cadenciosos que Casares programaba cun temporizador. Ensinoume, logo, as leicas, as máquinas fotográficas das que era un experto coleccionista. Máis tíñame reservada outras sorpresas: amosarme o teclado despregable, que mercara para conectar ao seu palm, o microordenador de peto que sempre o acompañaba, e o funcionamento do programiña que lle preparara un dos seus fillos para contar as palabras do procesador de textos, unha ferramenta imprescindible para escribir os seus artigos diarios de “A Marxe”. A súa derradeira sorpresa foi deixarme esculcar nos libros dixitais que tiña cargados naquela máquina diminuta, o que nunca esquecerei supuxo o meu primeiro contacto con ese soporte.

Casares gozaba moito con todas aquelas chilindradas dixitais. Lembro que foi el, tamén, quen nunha xuntanza de editores dos noventa ensinou o funcionamento do primeiro teléfono móbil con vibrador. Aquilo fora celebrado con moitas risas. Carlos era un adiantado nestas angueiras dos novos aparelliños xa que cría que unha lingua e cultura de dimensión reducida coma a nosa tiña na innovación tecnolóxica a súa mellor oportunidade de futuro. Moitas veces teño pensado canto celebraría fitos da cultura dixital que non coñeceu como a aparición dos blogs (dos que foi pioneiro sen sabelo) e das utilidades hipertextuais e multimodais como youtube, a popularización dos e-books, a disrupción que supuxeron os teléfonos e taboíñas dixitais ou a transmisión por streaming de actos nas instalacións do Consello da Cultura Galega, institución que contribuíu a modernizar durante os anos nos que foi o seu presidente.

Foi tamén esa curiosidade vital permanente a que impregnou a súa obra narrativa, sobre todo, a publicada nas páxinas do xornal, paradoxicamente, a que pode termar máis do paso do tempo. Tras esas historias breves sobre as miudallas autobiográficas do cotián vivido ou lembrado, escritas a correr no despacho ou no aeroporto, mais coa fluidez, a claridade e a retranca dos seus relatos orais de cafetaría, Carlos sempre achegaba unha faísca de luz, un fulgor que irradiaba sentido no coñecemento da alma humana. Outrosí tamén é o meu Casares preferido o dos relatos de “Vento ferido” e “Os escuros soños de Clío”, mesmo o dos medidísimos textos de literatura infantil como “A galiña azul”, o do narrador depurado que consigue unha prosa transparente, afastada de calquera grandilocuencia que vai directa ao corazón do lectorado. Eis identifico o Casares con capacidade para conectar con ese público novo que se poderá achegar a súa obra nas edicións dixitais que acertadamente preparan os seus editores de Galaxia para celebrar esta década e candidatalo para o vindeiro Día das Letras Galegas.

Mais en Casares non podemos esquecer a súa importante dimensión política, a de ser o derradeiro membro da estratexia cultural piñeirista. Un posicionamento que o levou a manter unha interlocución amable de máis co fraguismo e cos poderes económicos do seu tempo. Porén, tras a desaparición do fraguismo e o completo derrube do poder financeiro galego, tras a mobilización popular do Prestige e a experiencia do goberno de coalición de progresistas e nacionalistas, tras a ruptura do consenso sobre a lingua provocada por Feijoo e a desaparición dos galeguistas do PPdeG esa estratexia de Casares para o desenvolvemento do autogoberno quedou en augas de bacallao.

Onte 186: Tras o Congreso de + Galiza

Tras a decisión unánime do Encontro Irmandiño, tras o acordo de + Galicia de constituírse en partido fóra do BNG, mesmo a pesar do feito (comprensible até o remate dos mandatos) da oposición de once dos seus alcaldes, varios voceiros e do propio Carlos Aymerich, é xa moi difícil defender que o BNG continúa sendo a casa común dos nacionalistas galegos. Tras o fracaso da asemblea de Amio, as diversas organizacións do nacionalismo galego están obrigadas a recompoñer os seus referentes programáticos, as súas alianzas políticas, os seus modelos organizativos e os seus liderados sociais. Unha manobra moi difícil, aínda que estritamente necesaria, sobre todo cando apenas se contan seis meses para a celebración das eleccións autonómicas. Confío que neste contexto crítico agromen as doses de intelixencia, enerxía e xenerosidade  xeradoras de novas vías políticas nacionalistas máis inclusivas, máis activadoras da cidadanía e, sobre todo, capaces de artellar unha alternativa sólida e verosímil á conservadora e centralizadora do Partido Popular. Un reto posible.

Onte 185: A vitoria de Pachi

Non agardaba a vitoria de Pachi Vázquez no 12 congreso do PSdeG-PSOE, xa que é a primeira vez que a maioría da militancia socialista se opón aos desexos de Ferraz representados pola candidatura de Espinosa, apoiada de forma explícita por Blanco e Caballero. Aí vexo a clave máis positiva dun resultado continuista que nin resolve a crise dun partido, que queda aínda máis dividido, nin polo momento ofrece unha alternativa verosímil á frouxísima e desganada candidatura de Feijoo. No entanto, é lamentable a determinación de Vázquez –tal como xa fixera Rubalcaba– de non procurar vías de integración dos membros da candidatura adversaria, excluíndo así da súa executiva ás sensibilidades da Galicia urbana do corredor atlántico representadas por Caballero, Louro e Barcón. Un erro garrafal de sectarismo, xa que non se pode deixar fóra do primeiro órgano de goberno do partido aos militantes que representan a Galicia de maior peso demográfico e económico. Coa excepción do que poida suceder cunha futura candidatura de Caamaño nas primarias para a presidencia da Xunta, deputado con quen conta na executiva como secretario de coordinación política, o futuro dun PSdeG-PSOE tan conservador nas formas ten moi malas trazas. Tal como así, a política galeguista e de esquerda, alternativa a abafante hexemonía conservadora, chama pola apertura de novas vías e a creación de referentes e propostas capaces de conectar cunha maioría cidadá hoxe desencantada coa oferta política actual. Estas novas vías quizais poidan ser as auténticas gañadores deste congreso.