Onte 199: Lutherapia

Despois de varias décadas sen velos actuar en directo, agardaba moito máis de Les Luthiers. Lutherapia semelloume un espectáculo previsible, pouco arriscado, concibido para chegar a un público disposto a aplaudir coa mera presenza do quinteto no escenario e a escachar de gargalladas coas numerosas referencias escatolóxicas e gags de inequívoco cheiro machista dos arxentinos. Coa excepción dalgún momento musical interesante, como a «Rhapsody in balls» ou a «Aria Agraria», o ritmo do espectáculo sostense sobre o diálogo dramático, chispeante por pedazos, no diván do psicanalista. Pouco máis para un grupo que nalgúns momentos da súa traxectoria de catro décadas foi enxeñoso, intelixente e irreverente, mesmo capaz de facer brillar a afinación do seu tempo. Agora, instalados na comodidade do seu éxito, poderían ter titulado este espectáculo como «Humor en tempos de conformismo». Foi decepcionante  comprobar que en dúas horas non amosasen sequera unha miga de crítica ou de transgresión. Unha mágoa, máis aínda cando cada un dos espectadores pagamos 70 euros, un prezo elevadísimo que non se xustifica polo que acontece na escena.

Onte 198: No meu país danse as grazas

Inesquecible foi a sesión académica da investidura de Manuel Rivas e John Rutherford como Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Cinco discursos memorables –dúas laudatios formidables, senllas respostas para a nosa historia cultural e un peche do reitor de grande altura– que salientaron de forma unánime o compromiso dos doutores e da UDC co futuro da cultura e lingua galegas. No entanto, é inevitable salientar a intervención colosal de Manuel Rivas, escrita e expresada dende unha felicidade inquieta, que constituíu unha reivindicación do poder das palabras, unha manifestación de confianza na lingua galega, ao tempo que unha presentación da súa iconografía da esperanza. Un discurso que merecería ser reproducido íntegro nos xornais e medios dixitais para o goce reflexivo da cidadanía á que estaba dirixido. Rivas comezou e pechou o seu parlamento con esta frase de inequívoca humildade: «No meu país danse as grazas». Unha forma de vindicar os lexemas de simpatía, que sempre nos foron propios aos galeguistas, e que Rivas utilizou para insistir nunha idea fulcral sobre a lingua galega: «Non só estamos vivos, seguiremos vivindo. A lingua galega non nos pertence a nós, pertence ao mundo». Aí escribíu o fillo de Elviña a súa aposta polas palabras de noso, xa que son «portadoras da información básica da humanidade, utilizan a grafía da vida»; aí afortalou a actual literatura galega, «na que se conteñen todos os rexistros do resto das literaturas». Dedicou o marabilloso cuarto de hora final do discurso a reivindicar a esperanza en tempos de conformismo, xa que a «da esperanza é a peor das subtracións». A súa coñecida referencia ao sorriso de Daniel –contaxioso, claro e enigmático a un tempo– serviulle para salientar como o lexema de simpatía agroma da pedra granítica de Galicia. Referencia que uníu a unha cita de Steiner («Un bo ensino sería aquel no que os estudantes puidesen cometer o erro de ter esperanza») para debuxar a inconografía da esperanza presente na súa obra: as bandas de estorniños sobre a cidade da torre, os círculos concéntricos, as mulleres que levan cousas na cabeza, a chorima a gabear polas espiñas do toxo… A lectura de «A sección aurea», poema de Costa da Morte Blues, libro que reeditamos en Xerais da man da UDC para celebrar a investidura, pechou un discurso que nos emocionou moito. Fachenda nosa de contar en Galicia con este extraordinario Manuel Rivas. Beizóns para el e para Rutheford, como para José María Barja, alxebrista e reitor saínte, que recibiu a Medalla de Ouro da UDC. No meu país danse as grazas.

Onte 197: Vindicación da noveliña

No serán viaxamos a Ribeira para presentar Orlando pendurado, a novela curta de Goretti Fariña gañadora do Premio Cidade Centenaria. Unha obra de apenas oitenta páxinas que aborda cuestión tan complexa para os seres humanos como é a do fracaso axudándose da piedade proporcionada polo humor e da beleza achegada por unha escrita culta e elegante . Unha homenaxe explícita ao Orlando furioso de Ludovico Ariosto, que amosa as enormes posibilidades literarias deste formato de narrativa breve (menos de 120.000 caracteres). Unha narración para dúas horas de lectura intensa e engaiolante que precisa doses semellantes as utilizadas polos atletas de 400 metros valados:  potencia, precisión e resistencia. Certames como este de Ribeira ou o de Soutomaior reivindican  para a literatura galega este xénero narrativo, baixo diversas denominacións (novela curta, noveliña, nouvelle, micronovela), que ten achegado importantes obras ao noso catálogo. Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrín, Comedores de patacas de Manuel Rivas, O solpor da cupletista de María Xosé Queizán ou As mellores intencións de Begoña Paz (gañadora da primeira edición do certame de Ribeira) foron froitos moi logrados. Neste tempo de velocidade, vindicamos a noveliña como un xénero que achega un anaco de acougo e reflexión.

Onte 196: Día Mundial da Poesía

Coa chegada da primavera, celebrouse o Día Mundial da Poesía. Este ano coincidiu en Galicia coa homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, promovida en Ourense polo PEN Clube Galicia, con motivo do centenario do nacemento do poeta que amou ao seu pobo. Hai menos dun mes celebramos o Día de Rosalía, dentro de apenas dúas semanas celebraremos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o 23 de abril o Día do Libro, toda unha xeira mensual de efemérides literarias concibidas para estimular, sobre todo nos medios de comunicación e nos centros educativos, a visibilidade do libro e fomentar o pracer da lectura literaria. É innegable o perigo de ritualización e banalización destas xornadas por frecuentes e rotineiras; porén, tamén poden transformarse en oportunidades para aumentar a presenza da lectura e da literatura na sociedade. No Día da Poesía vindicouse o valor artístico das palabras, onde reside o ADN de calquera texto literario. «Escribir un poema debe ser un dioivo que agoniza», un feito que supón «sufocar as palabras até o límite» advirte Alfredo Ferreiro nos seus Versos fatídicos (1994-2010), un libro de poemas que recomendo moi vivamente.

Onte 195: Teito de gasto na liga

Foi o BNG quen presentou no Congreso unha proposta para impoñer teito de gasto aos clubes profesionais de fútbol mentres manteñan débedas con Facenda ou a Seguridade Social. Unha proposta oportunísima xa que os clubes de fútbol profesional deben só a Facenda 750 millóns de euros, unha cifra brutal e vergonzosa, cando a sociedade toda está sometida aos maiores rigores da austeridade.  É inxustificable que o estado manteña unha flexibilidade ilimitada con estes clubes, un privilexio do que non gozan ningún outro sector nin do espectáculo nin da cultura. Este teito de gasto supoñería poñer límites para fichaxes e soldos, o que axudaría a equilibrar a competición, xa que non semella moi xusto que os equipos que máis deben ao estado sexan tamén os que paguen as fichaxes máis elevadas. Parabéns ao BNG pola iniciativa!

Onte 194: Xenofobia

O atentado terrorista de Toulouse, que acabou coa vida dun profesor e tres alumnos xudeus, amosa que a xenofobia é unha das maiores doenzas sociais da Europa en crise. Tras o asasinato a semana pasada de tres militares franceses de orixe magrebí, probablemente coa mesma arma, estes novos crimes racistas enfrontan á sociedade gala cos perigos de que algúns dos seus sectores coqueteen sen arroibarse cos postulados da extrema dereita e mesmo dunha ideoloxía nazi en alza. Tras o masacre de Noruega, tras a expulsión de xitanos en Italia, tras esta traxedia francesa, en Europa o perigo xenófobo é real, xa sexa presentado como acción duns lobos solitarios atolecidos ou como xenreira racista de sectores de clases medias amedoñados pola perda de privilexios. Aceptar ao diferente, construír unha sociedade sen exclusións, vertebrada polos valores da igualdade, continúa sendo o mellor xeito de combater a xenofobia asasina.

Vigo, cidade de novela

No artigo da semana en Faro de Vigo comento as razóns polas que entendo que Vigo é unha cidade de novela, ao tempo que aproveito para relacionar algunhas das miñas novelas viguesas preferidas.

Decote definimos a Vigo como cidade industrial e marítima atlántica, coa intención de salientar o que foron os seus eidos singulares de desenvolvemento e actividade económica ao longo dos seus douscentos anos de historia. Ademais deste seu carácter tradicional de laboriosa abella da ribeira e o actual de cidade tecnolóxica do automóbil, ao que para ser xustos deberiamos engadir a súa orixe aldeana nas vizosas Terras do Fragoso, Vigo foi dende o século XIII un espazo literario. Álvaro Cunqueiro salientou este feito fulcral na nosa identidade local cando escribíu: «Si Vigo fuese una polis griega de los días antiguos, se diría que fue fundada por un poeta, aquel Martín Códax que bailaba ‘no sagrado de Vigo’ y veía a su amiga bañarse en las ondas» (1971). Aquela testemuña dos nosos troveiros da ría foi recollida no século XIX co albor do rexurdimento literario galego, proceso que en Vigo tería outro dos seus fitos senlleiros: a publicación en 1863 de Cantares gallegos, o primeiro poemario de Rosalía de Castro, na imprenta de Compañel da rúa Real. Dende aquela proeza rosaliana, da que o vindeiro ano celebraremos o 150 aniversario, Vigo permaneceu unida ao desenvolvemento da literatura galega, sendo dende hai décadas capital editorial de Galicia.

Como cidade fundada por un verso –«un privilexio do que poucas cidades da vella Europa poden fachendear», subliñaba Cunqueiro nun artigo en Faro de Vigo (1957)–, a ninguén pode estrañar que fosen moitos os poetas que enxalzasen a Vigo e a súa ría, dende Méndez Ferrín, Xohana Torres, Ramiro Fonte e Carlos Oroza até Helena de Carlos ou Anxo Angueira, por citar só a algúns de xeracións recentes. No entanto, tamén convén sinalar que Vigo foi utilizado por numerosos autores e autoras como espazo literario onde se desenvolven as tramas dalgunhas ficcións narrativas memorables. Vigo é unha cidade de novela, como é Ourense presentada por Eduardo Blanco Amor como Auria e, agora, por Diego Ameixeiras como Oregón; como é A Coruña de Manuel Rivas n’ Os libros arden mal ou a Compostela de Méndez Ferrín en No ventre do silencio. Mais Vigo é, ademais, unha cidade de novela polo feito de que aquí naceu a novela popular de vaqueiros. Entre 1941 e 1958 o editor Eugenio Barrientos López publicou na editorial Cíes (con sede na Libraría Tetilla da rúa Elduayen) 1.500 títulos destas novelas de peto das que se chegaron a vender seis millóns de exemplares. Mesmo o famoso Marcial Lafuente Estefanía escribiu durante case unha década centos destas obras nun piso do edificio Pernas de Travesas. Como tamén é singular na relación de Vigo co xénero narrativo o feito de que o seu alcalde actual, Abel Caballero, sexa autor de catro novelas, publicadas en castelán nos anos anteriores ao seu primeiro mandato.

A lista das novelas ambientadas en Vigo iníciase con Vinte mil leguas de viaxe submariña (1870), obra na que Jules Verne dedica o capítulo oitavo da segunda parte á exploración que Nemo fixo da Baía de Vigo, «augas impregnadas de luz eléctrica», onde agardaba recuperar os lingotes que transportaban as embarcacións fundidas na batalla de Rande en 1702. Unha temática a dos galeóns que será moi recorrente noutros títulos como La escuadra de Plata (1935) de Avelino Rodríguez Elías, o que foi cronista oficial da cidade durante os anos da segunda República, e Os galeóns de Rande (1989) do francés Robert Stenuit.

Adiós, María (1971) de Xohana Torres e Antón e os inocentes (1976) de Méndez Ferrín foron durante os meus anos de mocidade os referentes de novelas viguesas. A publicación en 1992 de Amor de tango de María Xosé Queizán supuxo unha vindicación de Vigo como cidade da independencia de toda unha xeración de mulleres e o primeiro éxito de lectores para as novelas viguesas. Referente indiscutible da memoria da cidade do século XX, Amor de tango vinte anos despois da sua publicación reclama contar co primeiro itinerario literario vigués, o que constituiría un xeito de promoción da cidade para os visitantes e de autoestima para a veciñanza. Fran Alonso e Xosé Cid Cabido publicaron despois algúns dos meus títulos vigueses preferidos, Cemiterio de elefantes (1994), Panificadora (1994) e Unha historia que non vou contar (2009). Na última década, a miña lista ampliouse con Ollos de auga (2006), a novela coa que Domingo Villar inicia a serie do inspector Caldas, O señor Lugris e a negra sombra (2007) de Luís Rei Nuñez e Cardume (2007) de Rexina Vega. Relación que se ampliou nestes días coa aparición nas librarías de Os fillos do mar, a trepidante novela coa que debuta Pedro Feijoo, neto do famoso xornalista vigués Manuel de la Fuente. Outra vez a procura do tesouro de Rande constitúe o motor dunha narración engaiolante onde Vigo, esa cidade de novela, brilla de seu.

 

Onte 193: Literapia

Cheguei con moito atraso a unha noticia fascinante de Letralia de 2006 que anunciaba que un grupo de médicos e profesores da USC, dirixidos por Darío Villanueva, comezaban a experimentar coa «literapia», unha forma de terapia para aliviar ou axudar na curación de determinadas doenzas mediante o emprego da lectura e da escritura. Supoño que estes especialistas coñecerán os efectos de cada tipo de libro para cada clase de doenza. Imaxino que para a recuperación dunha lesión de nocello prescribirán novelas policiais, mais para un simple gripallazo abondará coa lectura dun crossover ou cunha antoloxía de poetas contemporáneos. Tratarei de averigüar cales foron os resultados da terapia e as posibilidades de que estas prescricións fosen recoñecidas polo SERGAS. Sen entrar no espiñento debate sobre o repagamento, aventuro a revolución que isto pode supoñer para a nosa rede de librarías culturais, que axiña debería ser reforzada, mesmo nestes tempos de crise, diante de semellante demanda imprevista.

Onte 192: Mala tarde

Tras catro meses no corno da lúa, o Celta tivo unha mala tarde no estadio Gran Canaria. A pésima arbitraxe non xustifica unha derrota sen paliativos fronte a un rival superior. Os de Herrera agasallaron aos locais unha hora de partido, desenvolvendo un xogo inane, desestruturado e sen alma ningunha, sentindo a ausencia de Oubiña unha barbaridade. Durante ese lamentable período perdeuse o partido e, inevitablemente, os seareiros diante da televisión recuperamos os pesadelos e a vertixe do marzo da tempada anterior. No obstante, na media hora final, coa entradas (moi tardías) de Toni e de Joán Tomás, dous xogadores que merecen máis tempo de xogo, o equipo comezou a recuperar estrutura e forma e latexou con outro compás máis enérxico. O partido foi unha oportunidade estragada, mais tamén un exercicio de realismo. O ascenso directo continúa sendo para o Celta un obxectivo moi difícil, aínda que acadable. Esta mala tarde non debería supoñer unha perda de confianza nas posibilidades dun equipo que veu facendo unha magnífica tempada. O celtismo caracterizouse sempre pola súa humildade e paciencia; dúas actitudes que precisaremos en doses elevadas neste derradeiro cuarto treito de campionanto.

Onte 191: The Artist

Aproveitando o serán da sexta feira fomos ao cinema a ver á multipremiada e máis ca gabada The Artist. Chamáronme a atención, sobre todo, dúas cousas. A primeira, a actualidade de abordar os conflitos persoais provocados por un tránsito tecnolóxico, neste caso polas mudanzas inevitables da primeira industria hollywodiense cara ao cine sonoro. A segunda, o risco de propoñerlle ao público do século XXI un relato que utiliza as convencións do melodrama e a austeridade narrativa do cine clásico mudo.  Quizais nesa esculca de límites, un dos exercicios principais da ficción, residan as razóns do éxito desta película de trazos tan básicos sobre o cine doutro tempo. Unha receita para conservar.