A mata

a mata from SonCine on Vimeo.

Son fan do proxecto «SonCine» promovido polo IES do Porto do Son. Esta peza, «A mata», preparada polo alumnado de 3º de ESO cunha cámara fotográfica LUMIX é magnífica. Forma parte do proxecto «O meu Son», como «A praia do Dique» e «Noal». Traballos escolares que nos deixan pampos. Extraordinarios. Sobran as palabras. Recoméndoas. Beizóns ao equipo todo de SonCine.

O mapa da Galicia futura

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da polémica das áreas metropolitanas, propoño unha reflexión sobre a desaparición das deputacións e reestruturación do mapa territorial e institucional de Galicia.

A proximidade da convocatoria electoral municipal e as dificultades para poñer en marcha o proxecto de áreas metropolitanas ou rexións urbanas de Galicia reabriron o debate sobre cal debe ser o futuro das deputacións provinciais. Sobre o enfoque de cuestión tan polémica veñen manténdose dúas doutrinas, á que non son alleas os intereses e a forma de entender o exercicio do poder dos tres partidos políticos con representación nestas entidades locais. Unha defende a supresión das deputacións, distribuíndo as súas competencias entre a Xunta de Galicia e o que serían as áreas metropolitanas e entidades comarcais de nova creación. Outra propón a súa reconversión en entidades de coordinación e asesoramento dos concellos rurais, sobre todo, no que atinxe á xestión de tributos e determinados servizos e investimentos.

A primeira impulsouna de vello o BNG, que presentou hai días no Congreso dos Deputados unha iniciativa que solicita a modificación da Lei reguladora de bases de réxime local para que no futuro sexan as autonomías “as que artellen e ensamblen as entidades provinciais na súa estrutura institucional, o que posibilitaría maiores niveis de eficacia na acción administrativa e tamén unha utilización máis racional dos recursos públicos, especialmente escasos na actual situación de crise económica”. A segunda defendérona o PPdeG e o PSdeG-PSOE, partidos que se responsabilizan á par da presidencia das catro deputacións galegas. A esta posición adscríbese tanto a proposta de Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, que esta semana propoñía “reinventar as deputacións para evitar as duplicidades de gastos”, como as reiteradas declaracións do socialista Salvador Fernández Moreda, presidente da deputación da Coruña, que considera estas institucións provinciais como “imprescindibles mentres se manteña a actual configuración municipal”.

O debate sobre o sentido das deputacións provinciais naceu da ambigüidade do artigo 141 da Constitución de 1978, que no seu apartado 2 lles encomenda “o goberno e administración das provincias”, mais que non establece cales son as súas funcións nin tampouco o seu carácter de administracións locais exclusivas, xa que deixa aberta a posibilidade de creación doutras agrupacións de concellos, como poden ser as mancomunidades municipais, comarcas ou áreas metropolitanas. Ao longo destas tres décadas constitucionais, na que se desenvolveron tamén os poderes autonómicos, foron frecuentes as críticas ao papel das deputacións, conformadas entre os concelleiros elixidos nos partidos xudiciais (unhas entidades que non teñen recoñecemento político ningún), por consideralas como poderes paralelos aos dos gobernos autonómicos, incompatibles cun sistema institucional baseado na descentralización e no reparto competencial; xustificadas, tamén, polo custo elevado da súa xestión –lembremos que no caso das deputacións galegas, cun orzamento anual que supera os 600 millóns de euros, apenas o 55% está destinado a investimentos e transferencias, mentres que o resto vai destinado a gastos de persoal e de funcionamento da institución– ou pola utilización clientelar e partidista dos seus fondos por parte da súa presidencia, unha práctica escandalosa e discriminatoria que se converteu en tan habitual que semella xa non merece sequera ser mencionada.

Nun marco como o actual de crise económica global e redución dos gastos superfluos das administracións públicas, nun momento político no que existe un amplo consenso para acometer a urxentísima posta en marcha das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, sería a oportunidade acaída tamén para revisar o conxunto da estrutura municipal e territorial de Galicia. Aí é onde, a pesar da inevitable loita localista que provocaría, se debera encadrar o deseño do mapa das imprescindibles fusións municipais e o recoñecemento institucional e político das comarcas e áreas metropolitanas. Nese novo mapa institucional da Galicia do século XXI, alicerzado sobre unha administración máis próxima, eficaz e económica ca actual, as deputacións terían moi escasa razón de ser, xa que as súas funcións serían asumidas, unhas pola Xunta e outras polas novas entidades comarcais e metropolitanas. A desaparición das deputacións en Galicia supoñería, ademais, a supresión dos cargos dos actuais 108 deputados provinciais, e un aforro anual nada desprezable, estimado en 15 millóns de euros, ao que habería que engadir o traspaso dos seus funcionarios que reforzarían os cadros da administración autonómica ou a dos entes metropolitanos e comarcais.

Unha mostra de responsabilidade e compromiso co país sería que na próxima campaña electoral municipal cada un dos partidos presentase a súa proposta sobre este novo mapa institucional vertebrador da Galicia futura.

«Simsim», libros infantís e xuvenís para asomarse ao mundo árabe

Hoxe que é un día de festa para o pobo exipcio que conquistou a súa liberdade, pode ser tamén unha oportunidade para que nos interesemos polo mundo árabe. Recomendo descargar Simsim, un completísimo catálogo de publicacións infantís e xuvenis que nos permiten asomarnos ao mundo árabe. Repasar este catálogo desmonta moitos prexuízos que xustifican a opresión de occidente ao mundo árabe por medio das ideas que conforman o conglomerado do medo (dende o terrorismo ao islam) pasando por esoutra suposta incompatibilidade, como atinadamente salentaba noxe o Funambulista, destas sociedades coa democracia. Este catálogo, elaborado por Casa Árabe coa colaboración de A mano Cultura, inclúe tamén numerosas publicacións en galego: Ás de bolboreta de Rosa Aneiros, Cartas de amor de Fran Alonso, Irmán do vento de Manuel Lourenzo González, Sari, soñador de mares de Marcos Calveiro, O xardín de media lúa de Rosa Aneiros… Unha oportunidade para volver a nosa ollada sobre a diversidade do mundo árabe a través dos libros e valorar un universo cultural tan próximo como descoñecido.

Campo do Fragoso CI

NOITE DE FESTA
Foi a do luns pasado un noite de festa en Balaídos, tanto polo resultado avultado como polo enorme golpe de autoridade que para os seus rivais directos (sobre todo para ese Betis agora en devalo) supuxo a vitoria do Celta. Tras catro tempadas sobrevivindo entre lusco e fusco, a luz do equipo noso é cada xornada máis potente e enxerga con nitidez os territorios de primeira. Unha gloria para unha afección moi prudente que aínda expresa a súa ilusión de forma moi contida. A pesar do rotundo catro a cero, enganariamos se pensásemos que foi un partido doado para os nosos. Nin moito menos. Custoulles moito arrincar. Até que David Rodríguez marcou o seu primeiro tanto, coincidindo coa media hora de xogo, o Celta estaba sendo dominado por un Numancia ao que non lle acompañou a fortuna. Os sorianos durante o primeiro cuarto de hora estragaron un xute ao pao de Barkero e un fortísimo pexegazo de Dimas rexeitado polo longueiro. Durante este período o Celta quedara encaixado no seu campo, medroso diante da excelente capacidade combinatoria dun rival que aseñoraba a bola e non tiña outro horizonte que superar a Falcón. “U-los espazos de ataque?”, era a pregunta que se facían os membros da temible segunda liña celeste cando aproveitaron unha bola horfa no medio do campo que De Lucas conduciu a escape ao longo da banda dereita até centrar raso, coa precisión dun deliñante, para que David Rodríguez marcase de punteira. Entón, aquel Numancia do toque paciente e acompasado perdeu de súbito o seu fol e comezou o concerto celeste dirixido por Roberto Trashorras, un futbolista do xogo de billar, capaz de ganduxar de forma discreta xogadas bonitas en calquera espazo da lameira e de achegar o protagonismo que precisan cada un dos seus compañeiros. Da biqueira do xenio de Rábade naceu un contragolpe canónico de tres toques que debería pasar a ser materia de estudo na escola de adestradores: Trashorras envía una bola longuísima, recollida en carreira pola velocidade electrizante de De Lucas e rematada a rede con idéntico ritmo e precisión dende o centro por David Rodríguez. Tras semellante peza, ao concerto celeste incorporáronse outros solistas dunha orquestra que no seu conxunto vibrou de forma moi harmoniosa. Así, Roberto Lago, un lateral que nunca renuncia a ensaiar o caneo e procurar a área rival, tras unha xogada de auténtica fantasía, na que contou co tiraliñas do soberbio De Lucas, conseguiu un dos mellores goles da súa vida. Outrosí sucedeu con Dani Abalo que aproveitou os escasos minutos cos que contou para marcar coa esquerda (a súa perna mala) tras un par de caneos e bicicletas que xebraron a defensa numantina. Diante de semellante derroche de beleza, que nos lembrou algúns daqueles partidos do xogo da serpe de Víctor Fernández de hai unha década, os seareiros de fondo reclamaron a presenza de Papadopoulos na lameira, oportunidade que Herrera non desaproveitou para darlle minutos ao xogador máis incomprendido do cadro. Mágoa que o grego non pechase un gol que semellaba feito cando a bancada se distraía coa onda. Sendo importantes a excelente hora final de xogo e os catro fermosos caroliños (lembramos con saudade a expresión de Derviche), o máis relevante foi a capacidade do equipo de converter a noite nunha festa para os seus seareiros. Nesa comuñón afectiva e nese entusiasmo contaxioso pode estar unha das claves do ascenso.

Ver para ler, unha campaña de escaparatismo moi xeitosa

Xa o anunciei hai días en Twitter. Esta campaña de escaparatismo de Ópticas Santorum de Lalín é magnífica. O emprego de libros como apoio publicitario da venda de lentes é unha sinerxia que paga a pena divulgar, tanto pola súa capacidade para visibilizar o libro e fomentar a lectura como pola beleza que os álbums ilustrados achega a cada vitrina. Beizóns para a promotora dunha iniciativa que ben podería ser emulada por outros sectores do comercio.

É un libro

Fermoso booktrailer dun libro sobre libros de Lane Smith.
Vía Librosfera.

San Brais

No artigo da semana en Faro de Vigo pretendo explicar as razóns do pulo renovado da romaxe de San Brais, un dos sinais de identidade do Vigo popular.

Coas romaxes de san Mauro en Matamá, da Candeloria en Castrelos e de san Brais en Bembrive quedou aberto o ciclo anual das festas populares viguesas. Tres xoldas de frío que, coincidindo coa abrollar das mimosas, agoiran os excesos dos días dun Entroido que desta volta ven moi atrasado e non se celebrará deica a segunda semana do mes de marzo e sinalan, ademais, que as dificultades do inverno comezan a ser vencidas (“Cando a Candeloria chora, o inverno está fóra”) e que os días medran devagariño (“Por san Brais, dúas horas máis” reza un refrán, sen dúbida, un chisco esaxerado). Vencelladas ao ámbito da parroquia, como entidade primeira de participación e socialización da nosa sociedade agraria, cada unha destas festas de orixe relixiosa mantívose dende hai séculos, e a pesar das profundas mudanzas nas actividades económicas e nas formas de vida, como puntos de encontro das xentes populares da Terra do Fragoso. Aí, nese carácter de cita ineludible, marcada como un engrama transmitido de forma inconsciente de xeración a xeración, poida residir a explicación do éxito rotundo e do pulo renovado adquirido pola romaxe de san Brais neste cibernético século XXI.

A fervorosa homenaxe ao avogado armenio dos males da gorxa, de quen se di salvou a vida a un neno que se afogaba por mor dunha espiña alí cravada, non se celebra só na románica igrexa de Santiago de Bembrive. Son abondas as parroquias do noso arredor que procuran a axuda do santo que cura as catarreiras do inverno: a de Budiño no Porriño, a de Meirol en Mondariz, a de Estacas en Cuntis, a de Salcedo en Pontevedra, a de Rubiós nas Neves, a de Cordeiro en Valga, a de san Xoán de Tabagón no Rosal…, como tamén se celebra ao santo do pano milagreiro en Cortegada, Foz, Monforte, Sober, Coirós, Vedra, A Peroxa, Vilardevós, Verín, Vilariño de Conso ou San Cibrao de Viñas… Unha relación na que adoito san Brais comparte celebración coa Candeloria, santa Águeda ou a Virxe da Saúde, que demostra a querenza da relixiosidade popular galega cara a unha figura que encarnaba as duras penalidades que para a saúde supuñan as tarefas agrarias durante as xornadas de inverno.

Dentro do ciclo festeiro de san Brais, a romaxe viguesa de Bembrive merece unha particular atención, tanto pola importancia actual da súa convocatoria popular (máis de vinte mil persoas), como polo feito de celebrarse no entorno periurbano vigués, onde o esmorecer das actividades agrarias no Val do Fragoso non é unha noticia de hoxe. Atopamos o éxito desta convocatoria na súa refundación nunha estirpe de xínea popular, compartindo a tradicional procesión relixiosa, onde non falta a presenza dos exvotos (en claro retroceso), con formas moi renovadas da romaxe popular, onde teñen todo o seu protagonismo a presenza da gaita e da música e a do xantar de inverno. Compréndese así o feito da excitación musical desta festa, comezada polo insólito concerto de campás de José Ocampo (a badalada de tin e a badalada de ton), o vicepresidente da comisión, e continuada pola presenza constante da gaita e das agrupacións musicais máis diversas (eis esa charanga de tubaxes, xa un clásico deste san Brais) que na súa ruada de xolda quecen a entrada dos furanchos, onde corre o viño tinto e un menú de réxime: cacheira, cocido, orella, polbo e callos. O san Brais de Bembrive convértese así por excelencia na romaxe dos furanchos, unha institución popular que non debe desaparecer (e da que tampouco se debe abusar), consolidándose, xunto ao san Roque de agosto, como as dúas festas populares de referencia do Vigo metropolitano actual, o que expresamos sen demérito ningún cara a todas e cada unha das outras festas do noso Vigo popular.

A exitosa traxectoria do san Brais de Bembrive non lle pasou desapercibida aos nosos políticos locais que alí acudiron neste ano electoral coas súas mellores galas. Corina Porro anunciou a súa presenza en Bembrive cunha fotografía no seu Twitter na que definía a festa “como una de las romerías con más marcha de Vigo”; Abel Caballero contou con bo humor na súa páxina de Facebook que en Bembrive unha das charangas cantoulle a ritmo do pirimpimpin para que a contratasen nunha das súas inauguracións; mentres que Santiago Domínguez no seu Twitter confesou que ía a san Brais dende os quince anos, sendo para el “unha festa moi entrañable”. Semellante unanimidade política arredor da importancia da festa do avogoso do pano e do furancho, ademais da mostra da presenza activa dos candidatos nas redes sociais, é un síntoma inequívoco do peso electoral determinante das vinte e dúas parroquias do periurbano vigués, que decidirán un resultado hoxe moi incerto. Beizóns para este san Brais de orixe agraria que gañou o corazón dos vigueses converténdose nun dos seus sinais de identidade máis queridos e valorados por todos.