Educación, Sanidade e Servizos Sociais

Irene Bascoy, xornalista de Faro de Vigo, tiroulle da lingua ao presidente Feijóo e conseguiu algunhas importantes concrecións sobre o que serán os vindeiros recurtes do orzamento autonómico. Como é adoito en Feijóo fachendea na entrevista de ser o primeiro defensor da austeridade e dos recortes de políticas públicas, a pesar de que agocha coidadosamente que o seu goberno vai gastar máis de 800.000 euros nunha campaña publicitaria sobre a modernización da sanidade en Galicia e outro millón longo de euros en facer publicidade da posición do seu goberno sobre o Decreto de Plurilingüismo, unha campaña que agoira converterse nun dos seus maiores desacertos (a verdade que xa comezou metendo a zoca na convocatoria do «concurso» no DOG considerando de forma disparatada o castelán como lingua propia de Galicia).

Sen pasar por alto o ofrecemento aos nacionalistas de consensuar a reforma do Estatuto («Sería bueno que por primera vez se uniesen al pacto de convivencia») e o ataque frontal e duro que realiza á RAG (un apartado moi amplo da entrevista recollido só na edición en papel) pareceume que o máis interesante e clarificador da peza foi este intercambio de pregunta e resposta:

El conselleiro de Cultura ya se ha quejado de que el recorte que sufrirá su departamento será escandalosamente alto. ¿Cuáles serán las consellerías más afectadas?
–Educación, Sanidad y Servicios Sociales tendrán un especial tratamiento. No tenemos otra posibilidad. También hacen ajustes las familias y las empresas.

Efectivamente, esta semana escoitamos a intervención de Roberto Varela na que recoñecía con desacougo (a súa cara era todo un poema) uns «recortes escandalosamente grandes» para a súa consellaría. Agora, diante desta resposta contundente e clarísima do presidente aínda quedamos moito máis preocupados, xa que o orzamento da Consellaría de Cultura (pasado o actual «Ano da Lectura» e o Xacobeo) non merece nin sequera ser citado (do cativiño que quedará). Con estas declaracións, o futuro das políticas e servizos sociais, educativos e culturais en Galicia éstá moi comprometido, sendo aínda máis grave que a desculpa utilizada para minimizar estes servizos sexa a negativa do Goberno de Zapatero de renegociar con Galicia a débeda dos 2.600 millóns (unha cuestión estritamente política, que sen dúbida, con capacidade negociadora podería ser resolta satisfactoriamente).

En definitiva, para non levar desengano ningún, xa sabemos a que atermos no que queda de lexislatura Feijóo: ademais de máis publicidade institucional e menos galego na escola e na administración dependente da Xunta, haberá menos educación pública, menos servizos sociais públicos, menos teatro público, menos espectáculos públicos, menos lectura pública, peor sanidade pública, menos apoio á dependencia, menos políticas de igualdade… Desta volta, Feijóo avisounos ben avisados, el vai a cumprir o seu programa e satisfacer aos membros do seu partido.

Serán no Mar de Lira

Magnífica presentación a do serán de onte. Medio centenar de persoas, entre as que estaban algúns bos amigos dos que descoñecíamos a súa vinculación con Carnota, ateigaron a sede da Confaría de Pescadores de Lira en Portocubelo onde presentamos Ao pé da Laxa da Moa, a recollida de literatura de tradición oral realizada por Antón Cortizas e polo seu alumnado de hai trinta anos. As intervencións do autor (emotiva e un chisco saudosa) e a de Manuel Souto, profesor do Colexio de Carnota, amosaron a actualidade da proposta de galeguización educativa que mestres coma eles veñen desenvolvendo dende hai máis tres décadas, ao tempo que puxeron de manifesto a necesidade de recuperación da memoria e a responsabilidade que ten cada xeración en devolver a tradición que recibíu. As intervencións de Belén Campos e María de Fetós («a música son eu«, dixo a regueifeira), dúas xeracións de mulleres carnotás, engaioláronos polo seu dicir da fala popular. Ademais, esta presentación foi unha oportunidade para coñecermos o traballo que desenvolve a Confraría de Pescadores de Lira promotora de iniciativas tan interesantes como a da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, a promoción do chamado «Turismo mariñeiro», a participación en RECOPADES (Rede de Comunidades Pesqueras Artesanais polo Desenvolvemento Sostible), a venda do seu peixe por medio de Internet ou a edición de diversas publicacións didácticas como mapas e o formidable volume Os nomes do noso mar, no que se recuperan catro centos hidrotopónimos do mar de Lira. Quedei pampo co traballo desta confraría (apenas un cento de asociados), pareceume formidable. Tan estupendo serán foi posible grazas ao esforzo e dedicación do noso amigo Chisco Fernández Naval. Grazas, moitas grazas para el e para os que o axudaron. Volveremos ao Mar de Lira.

Comeza a Feira do Libro da Coruña

O domingo comezará a Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez. Nesta edición volvemos apostar por unha presenza intensa de Xerais nun evento que se consolida no interese do público e que comeza a chamar a atención dentro do sector da edición estatal.

O martes 3, presentaremos ás 20:00 horas, o libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz con Manuel Rivas e Manuel Salorio e  as 21:00a novela  Settecento de Marcos Calveiro que conversará con Óscar Sánchez.

O mércores 4, ás 19:00 horas presentaremos  Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra e a continuación, ás 20:00, Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas.

O venres 6, acompañaremos a Suso de Toro na asinatura ás 19:00 horas de Sete palabras e despois, ás 20:00, presentaremos Xuvia-Neda de Vicente Araguas.

O sábado 7, presentaremos o libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.

O luns 9, presentaremos a novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas.

Todos estes días serán unha oportunidade para compartir augas fresquiñas nas terrazas cos meus amigos e amigas coruñesas, algo que sempre moito agreadezo. Estades todos convidados a estes actos e ao resto dun programa completísimo que, por vez primeira, terá nalgunhas xornadas, tres quendas. Parabéns aos organizadores e moita sorte aos feirantes, que ben a necesitan en tempos de crise como os que vivimos.

«A lectura é unha axuda para entender o mundo»

Velaí a entrevista que me fixeron o pasado luns no programa Bos días da TVG. A conversa (máis de dez minutos) xirou arredor do concepto de lectura e das oportunidades e retos do sector editorial nun proceso de tránsito.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Bjork «Bachelorette»


‎”Un día, atopei un enorme libro soterrado na terra. Abrino, mais todas as súas follas estaban en branco…”, o vídeo de «Bachelorette» de Bjork é unha fermosa recomendación que ven da man de Iolanda Zúñiga.

Rivas e Funke, novidades tras o verán



Adam Watts “RECKLESS” from Daniel Chesnut on Vimeo.

Hoxe collimos vacacións na editorial deica o 23 de agosto. Porén o blog fervía anunciando o que serán dúas das nosas novidades despois do verán: Todo é silencio, a vindeira novela de Manuel Rivas, mais Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da nova triloxía de Cornelia Funke, un espectacular lanzamento mundial que se producirá o 14 de setembro e no que, por vez primeira, participará unha editorial galega. Esta edición galega de Funke, amorosamente traducida por Chus Bello (a quen tanto temos que agradecer) está descubríndonos moitos segredos e prácticas da edición internacional que descoñeciamos. Velaí as xiras de lecturas da autora, previstas por Alemaña (entradas de pago); os vídeos da lectura que a autora fai dun capítulo; as cartas da autora para os seus lectores e lectoras ou a canción do libro, que aquí enlazo de Adam Watts. A noticia da novela de Rivas, unha traballada primicia de Alberto Ramós en Xornal de Galicia, promete un trhiller engaiolante onde van ter moita importancia os personaxes, sobre todo ese omnipresente Mariscal. Dúas novelas literariamente valiosas que, non teño dúbidas,  poden interesar ao público que le en galego. Agora comeza o difícil traballo de facelas visibles na libraría, eis o noso reto.

«Galicia, un estado de desánimo»

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío tanto da efeméride 25 de xullo como da lección proporcionada polo bo resultado do equipo de Vicente del Bosque, propoño unha estratexia para mudar o estado de desánimo no que se atopa o país noso. Creo que Galicia precisa unha inxección de entusiasmo e autoestima. Galicia precisa de doses elevadas de enerxía e tensión (traducidas politicamente en «autogoberno e consensos») que permitan recuperar un estado de ánimo á altura das nacións do seu entorno que, como demostrou Cataluña recentemente, non se resignan a que outros decidan por elas.

Vieiros, beizóns!

Vieiros acompañoume, día a día, durante quince anos. Con Vieiros aprendín a navegar por Internet e da súa man soñei cun país normal na rede. En día tan triste no que se despide, a miña humilde e agradecida homenaxe e reproducir un anaquiño do traballo que publicarei no vindeiro Grial sobre o nacemento do libro electrónico en galego, un eido no que o equipo de Lois Rodríguez foi pioneiro e alicerce de todo o que veu despois. As miñas maiores beizóns para todos os profesionais que formaron os equipos de Vieiros ao longo destes tres lustros.

Os precedentes do noso libro dixital están vencellados ao nacemento do Internet en galego. Aí foron decisivas as achegas realizadas polo portal «Vieiros», para min o corazón ( o motor) da nova literacidade en galego e da súa promoción entre o público.

Dende o portal «Vieiros», que naceu o 24 de febreiro de 1996 (coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía de Castro), desenvolvéronse moitas experiencias que pretendía aproveitar esta textualidade electrónica emerxente. Daquelas apenas existía algunha experiencia de Internet na Universidade de Santiago e unhas cantas páxinas persoas de pioneiros. Na primavera de 1996, «Vieiros» publicou un especial «Mil primaveras para a lingua galega», que podemos considerar como a primeiro libro electrónico en galego.

Tamén tivo moita importancia naqueles momentos alborais, estamos falando de 1996, algunhas páxinas web que promoveron a literatura galega, como aquel expléndido “Ximnasio de Akademo” de Manuel Forcadela ou “O qu do mundo” a páxina de Gonzalo Navaza, hoxe desgraciadamente inatopables na rede. Tamén foi o caso das «Botelhas ao mar» de Suso de Toro, textos literarios galegos pioneiros (publicados de 1999 a 2002) que coñecemos publicados na rede.

Porén, foron as experiencias de Camilo Franco, Por conto alleo (1999) e Necesariamente X. A razón máis quente (2001), tamén en «Vieiros», as primeiras que exploraron as posibilidades de creación literaria con participación dos lectores e lectoras.

Constituída a asociación «Culturgal»

Esta noticia non debe pasar desapercibida: o pasado mércores catro asociacións profesionais da industria cultural galega (AGE, AGAPHONO, AGEM e ESCENA GALEGA) asinaron a acta da constitución da Asociación Culturgal e nomearon a súa primeira xunta directiva. A nova entidade, que ten como primeiro presidente ao editor Xulio Amigo e na que está previsto se incorporen decontado outras dúas novas entidades (EGANET e AGAPI), será a encargada de organizar o vindeiro CULTURGAL, a feira das industrias culturais galegas, que (moi probablemente) se celebrará nas instalacións de Palexco da Coruña durante a segunda fin de semana do vindeiro mes de decembro. Culmínase, deste xeito, un proceso de colaboración entre os distintos sectores da industria cultural galega coa intención de procurar sinerxias entre eles e crear maiores espazos de visibilidade e presenza diante do público galego. Unha noticia moi esperanzadora para consolidar dende a independencia profesional un evento clave para o futuro das nosas industrias culturais.

«Todos certificamos obras sen rematar»!!!

Coñecedes algún país onde o presidente do seu goberno recoñeza en roda de prensa que os seus funcionarios públicos non respectan as leis? Non saio do meu asombro que sexa o presidente do goberno do meu país.