A herdanza de don Paco
En Faro de Vigo de hoxe publico esta homenaxe á figura de don Francisco Fernández del Riego.
Tras unha vida feita, Francisco Fernández del Riego, don Paco, deixa unha extraordinaria herdanza: a súa lección vital de dignidade e coherencia organizando de forma teimosa e continuada en Galicia o partido da esperanza. O pasamento do derradeiro militante do republicán Partido Galeguista, do motor da renovación da actual Academia Galega, do fundador da Editorial Galaxia e co-director da revista Grial, do director da Biblioteca Penzol, do xornalista, do crítico literario, do narrador punxente, do polígrafo, do conversador entusiasta, do celtista prudente, do xeneroso cidadán vigués inconformista e de grande cordialidade abre unha nova páxina na continuidade do proxecto histórico do Galeguismo, iniciado hai xa dous séculos, e do que don Paco foi, sen dúbida ningunha, unha das súas trabes de ouro máis valiosas.
Desque veu ao mundo en Vilanova de Lourenzá no frío xaneiro daquel 1913, a traxectoria de del Riego foi a dun home rede que posuía a capacidade, tan valiosa e escasa en Galicia, de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en “equipo”, como a el tanto lle prestaba dicir nas conversas privadas. Xa o practicaba naquel tempo de entusiasmo republicano, cando sendo secretario xeral das Mocidades Galeguistas mobilizaba aos estudantes composteláns coa súa oratoria sobria e eufónica, característica de quen foi guieiro político dun pensamento federalista e galeuzcano, netamente progresista, que mantería sempre, tanto durante o franquismo, como na posterior restauración monárquica autonómica.
“Vigo vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón ancorado na terra”, escribiu don Paco da cidade na que residiu dende 1939 até o seu pasamento, á que chegou só cunha maleta chea de libros, eses compañeiros que ateigaron a súa vida toda. Naqueles primeiros anos corenta, del Riego simultaneaba o traballo no bufete que na Ronda tiña Valentín Paz Andrade, coas tarefas de redactor da revista “Industrias Pesqueras” e as de profesor de Literatura e Filosofía, primeiro no Colexio Mezquita e, logo, tamén no Colexio Labor. Participaba nas tertulias do Café Derby, visitaba a don Enrique Peinador, o fundador do Balneario de Mondariz, ou xantaba co seu amigo Carlos Maside, en días de fame, de restricións, de prato único, no Bar Mundial da rúa Velázquez Moreno ou no Bar América da rúa Eduardo Iglesias.Naqueles difíciles, moi difíciles anos escuros, o noso home rede desenvolveu unha actividade política clandestina intensa (e moi perigosa, cando aínda zunaban as balas e os xuízos sumarísimos), que culminaría coa celebración en Coruxo, no mes de xullo de 1943, da Asamblea constituínte do Partido Galeguista, onde se implicarían no seu primeiro Comité Executivo algúns dos seus amigos, como o arquitecto Manuel Gómez Román, Ramón Piñeiro, Xosé Meixide González, Cesáreo Saco López e Xaime Isla Couto. Como onte sinalou Méndez Ferrín, actual presidente da RAG e continuador nesa institución do proxecto renovador de don Paco, este afouto home rede foi o responsable da reconstrución na clandestinidade do Partido Galeguista e da Fronte Popular e, polo tanto, do nomeamento de Castelao como ministro da República no exilio. Actividade política clandestina que compatibilizaba cunha intensísimo labor epistolar, que o mantiña permanente unido á Galicia do exilio e da diáspora americana, facilitándolle a responsabilidade de ser correspondente da revista “Galicia”, editada polo Centro Galego de Buenos Aires e dirixida por Luís Seoane, onde publicou máis de douscentos cincuenta artigos e cinco mil noticias referidas a accións culturais galegas, asinadas como Salvador Lorenzana, un dos seus coñecidos pseudónimos, xunto a outros como Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo.
Sempre firme, xeneroso, intelixente, prudente, discreto e inquedo, o noso home rede foi xestador e parteiro de moitos proxectos e acordos colectivos. Soubo como ningún outro aproveitar calquera pequena fenda da mesta atmosfera da ditadura, para promover o renacer da conciencia galega. Argallou o primeiro suplemento de artes e letras do compostelán diario La Noche, recabou e redactou cantas colaboracións foron precisas para o programa que en galego emitía, dende Londres, a sección española da BBC de 1947 a 1956. Xunto a Xaime Isla Couto, soubo atopar a fórmula idónea, a dunha sociedade mercantil, que permitise constituír unha empresa, prescindindo da oportuna autorización gubernativa, ao servizo dunha nova política cultural, a editorial Galaxia e logo, non sen dificultades coa censura, a revista Grial.
Mais este home rede foi outrosí home lente. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno e plural, que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria do libro na nosa lingua. Velaí a súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu rigoroso traballo como antólogo, ensaísta ou divulgador nos xornais, onde publicou milleiros de artigos. Del Riego foi, xunto co seu amigo amigo Xosé María Álvarez Blázquez, un dos editores galegos máis relevantes do século XX, asumindo o ronsel da edición republicana de Quintanilla e Ánxel Casal e a que deixaba Luís Seoane nas publicacións no exilio arxentino. Don Paco entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, incitando aos creadores –foi o parteiro de Merlín e familia de Cunqueiro– ou ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas na nosa lingua, como a modélica colección “Illa Nova”, que alicerzou a nova narrativa galega, ou imprimindo unha fasquía rabiosamente moderna para todas as publicacións que promovía dende Galaxia. Un editor obreiro, como sinalaba Bieito Ledo, que asumía o proceso editorial de principio a fin, dende os labores de mecanografado dos orixinais, á corrección das galeiradas, aos traballos de impresión (dedicou boa parte do seu tempo ao traballo en Artes Gráficas Galicia) e distribución dos exemplares (cantos paquetes non terá feito don Paco, cantos non terá distribuído polas librarías viguesas!).
Del Riego foi, ademais, un home ponte. Tracexou a súa aventura vital coma enlace entre os seus mestres, os membros de Nós, e as diversas xeracións da metade e fin do século XX, coas que mantivo sempre un magnífica relación. Home correo escribiu milleiros de cartas que permitiron manter accesa a mesma chama entre a Galicia interior e a da diáspora. Unha ponte sobre unha mesma canle, sobre uns idénticos ideais: defender o noso idioma e a nosa identidade como célula de universalidade, unha definición acaidísima, acuñada polo Partido Galeguista, e aínda non superada, que el asumiu don como programa de vida. Un home espello deste talante aberto de diálogo con todas as culturas, deste compromiso moral cos valores da democracia, da paz e da solidariedade, deste exercicio permanente de autoestima e dignidade que nos permite considerarnos orgullosamente como cidadáns galegos.
Don Paco foi sempre un home aceiro. Metódico, organizado, cerebral, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Contra vento e marea, sen recibir nunca nin un can dirixiu durante corenta anos a Biblioteca Penzol, converténdoa no centro de documentación máis importante do mundo sobre a cultura galega que é hoxe.
Mais e, sobre todo, don Paco foi un home luz, un auténtico patriota que, como sinalamos no inicio, encabezou durante case oito séculos o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita pola causa da nación dos galegos. Unha luz que prende a memoria que nos mantén vivos e dispostos a continuar ese río incesante que nos leva. Esa é a extraordinaria herdanza que nos deixa don Paco.
O retrato de don Paco é o que Antón Pulido preparou para a Real Academia Galega.