Vento nas velas
Este de Juan Chávez é un fotoblog precioso. Tan coidadas as fotos como os textos. Recomendo seguilo.
Este de Juan Chávez é un fotoblog precioso. Tan coidadas as fotos como os textos. Recomendo seguilo.
ESPERANZA INCERTA
O partido fronte ao Elxe foi dos máis entretidos que recordamos ultimamente. Ao longo do encontro, o Celta de Eusebio Sacristán pasou da euforia inicial á depresión súbita, de amosar durante unha parte do encontro sinais dunha implosión letal que o levaba á desintegración a unha certa recuperación do nivel do seu xogo e da súa actividade no treito final que nos fai depositar aínda algunhas esperanzas sobre o seu futuro. Efectivamente, foron realmente euforizantes os dez primeiros minutos de xogo que a bancada agradeceu decontado cos seus aplausos e cánticos. Xogo vertical, caneos dende a banda, centro medido de Dani Abalo e cabezazo ás redes de David Rodríguez. A pequena sociedade Dani-David, onte, con moita diferenza, a nosa mellor parella de efectivos, funcionaba as mil marabillas. Porén, a ilusión pouco durou. Un fallo garrafal de Edu Moya permitiu que un dos dianteiros ilicitanos quedase só, si soiño, diante de Notario o que lle permitiu asinar o empate. E como sucedera en tantas outras ocasións, este lamentable erro defensivo supuxo o derrube anímico dos nosos. Como no fenómeno físico da implosión, o Celta subitamente fixo cachizas o esquema de xogo de Eusebio, que apostara por un trivote moi ofensivo no medio do campo, quizais por que no interior deste vestiario celeste existe unha presión moi inferior á que se vive no exterior, onde o futuro deste equipo se sente como un devir colectivo. Diante de semellante implosión anímica celeste, o Elxe, como a maior parte dos equipiños que comparecen por Balaídos, viu que podía levarse o encontro e apretou un chisquiño a súa presión no medio do campo, onde polos galegos batalla só o teimoso Ariel Rosada. O lanzamento dunha falta (que só viu o árbitro) na frontal adiantou aos visitantes no minuto 36. No entanto, a diferenza doutras ocasións, o Celta, tras o descanso conseguiu recompoñer o seu espírito. Volveu imprimir máis sentido a circulación dende as bandas, sobre todo polos diagonais trazadas por un magnífico David Rodríguez que, transcorridos apenas oito minutos, volveu marcar de cabeza. Esta capacidade de renacer, de non deitarse non brazos da desolación foi, sen dúbida, a mellor noticia do fermoso serán de primavera adiantada en Balaídos. Había tempo para conseguir a vitoria. O equipo intentábao como podía, a pesar de non contar co acerto de Trashoras, que desaproveitou a ducia de saques de recanto e faltas que tirou, nin co compromiso de Dinei, unha auténtica rémora para o seu equipo. Non obstante, foi Eusebio quen tirou a toalla cos seus trocos dos mediocampistas. Con todo, o empate, a pesar de que funde un pouco máis ao equipo na táboa clasificatoria, é un resultado esperanzador. Onte houbo indicios claros de recuperación. Para conseguir volver ao vieiro das vitorias, cómpre o maior compromiso e disciplina de todos, si, de todo o vestiario.
No artigo da semana reflexiono sobre a responsabilidade decisiva dos bipartitos municipais para visualizar a existencia dunha alternativa ao poder conservador. Creo que ineludible abandonar o seu modelo bipolar, apostando polo transversalismo e o consenso.
Ilustración: Vigoblog.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/FD2KSgBQ4bg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Esta anotación de Lándoas é absolutamente recomendable. Unha análise potente sobre o novo escenario político tras as elección do primeiro de marzo. Outrosí sucede coas análises demoscópicas de Fermín Bouza, dende o seu Voto con botas, e da completísima e modélica de Calidonia. Parabéns para estes tres amigos blogueiros que amosan a madurez e o rigor acadada polo blogomillo galego. Dáme o corpo que os blogs e a comunidade galega de Facebook –dous espazos de independencia informativa e de opinión participada– van ser decisivos nesta difícil lexislatura que se abre.
Cómpre ser máis ordenados. Xenial estes anuncios de IKEA para comezar a semana cun sorriso.
Vía Trafegando ronseis.
NOVA AGONÍA
A esperanza dun renacer celeste da man de Eusebio Sacristán durou apenas corenta e cinco minutos. Durante este primeiro período o Celta semellaba un equipo de estrea: novo técnico de gostos refinados na banda, novo debuxo táctico máis ofensivo (4-3-3) cun trivote inédito de mediocampistas (Rosada, Michu, Trashorras), defensa moi adiantada e presionante, e, sobre todo, manexo constante da pelota coa intención de construír un xogo paciente dende a liña defensiva. Semellaba que podían dar resultado as receitas que Eusebio traía ben aprendidas de Can Barça: o balón é quen organiza o xogo, o mellor xeito de defender é contar coa posesión da bola, cómpre rematar todas as xogadas para evitar contras imprevistas… Durante todo esta primeira parte o Celta, cun aparencia anímica sensiblemente mellorada, tivo máis tempo a pelota ca en ningún dos seus partidos anteriores, movéndoa de banda a banda coa intención de buscar os desbordes dos que onte foron os seus extremos, Ghilas e un David Rodríguez moi motivado. Froito deste xogo atrevido chegaron varias boas oportunidades que os nosos dianteiros non souberon aproveitar. Nin Ghilas nin David nin Dinei nin o mesmo Trashorras tiveron acerto suficiente para marcar, unhas veces chegaron tarde, outras marraron estrepitosa ou inocentemente diante da portería baleira. Froito de semellante desacerto atacante celete, o Huesca, un equipo modestiño que só viña a defenderse o mellor posible, foi adiantando as súas liñas e na fase final desta primeira parte atuou á defensa céltica con dúas oportunidades magníficas. Aí vimos a sombra do sucedido fronte ao Éibar. Coa reanudación e coa incomprensible saída de Trashorras, substituído por Oubiña, o interesante debuxo celeste da primeira parte foi esvaecendo e aparecendo sobre a lameira a sombra que tan ben identificamos do equipo impotente e desconcentrado. O Huesca percibiu decontado as súa oportunidade e no minuto setenta Esparza aproveitou unha pelota longa de contragolpe que soubo rematar de forma moi potente dende a esquerda. Aí remataron as posibilidades dos nosos. Como sucedeu noutras xornadas, co marcador en desavantaxe chegaron ás présas e as imprecisións provocadas polo pánico da derrota. Por riba, dende a banda Eusebio errou nos trocos, quizais por descoñecemento do cadro de xogadores, meteu a Maris prescindindo de Dani Abalo, o canteirán con maiores posibilidades de desborde. Estes derradeiros vinte e cinco minutos foron outra agonía , idéntica a que viviu hai quince días. A crise deste Celta é moi seria, agoira dificultades importantes, mesmo para manter a categoría. Onte na bancada xa non houbo posibilidade de botarlle as culpas ao adestrador que, polo que puidemos comprobar, é tan inexperto na categoría como ben intencionado na súa concepción do xogo. Seremos capaces de salvarnos con estes vimbios?
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).