Estatísticas do libro galego

Moi útil e esta anotación do Observatorio da Cultura Galega na que recupera os datos das estatísticas publicadas (de 2002 a 2008) polo INE sobre a produción de libros en Galicia. No entanto, creo que os datos proporcionados pola Oficina do ISBN son os máis fiables para seguir a tendencia de produción  por número de títulos e os do estudo do comercio interior do libro no referido ao volume de produción en número de exemplares e de vendas por tipoloxía de edición e de canais (en definitiva, o que interesa ao sector para tomar decisións).

Xerais twitter

Dende onte xa está operativo o noso Xerais twitter, un espazo de microblogueo para dar conta das novidades e das convocatorias da editorial. Con esta nova ferramenta, que se une a que funciona en Facebook, a editorial consolida a súa prensenza nas redes sociais procurando a participación dos lectores e lectoras dos seus libros e dos usuarios dos seus servizos.

A nosa pequena experiencia de microblogueo, tanto empregando o Lareta como o Twitter, é moi gratificante; apenas serviunos para explorar algunhas das súas enormes posibilidades comunicacionais. Como salientou besbe nesta súa anotación de onte, a maior parte dos usuarios, paradoxicamente, infrautilizamos unha utilidade como twitter que atesoura enormes posibilidades creativas. Hoxe unha identidade dixital (sexa persoal, institucional ou corporativa) constrúese coa presenza sobre diversas utilidades dixitais, que permiten xéneros discursivos diferenciados (blogs, twitter ou lareta e facebook pode ser a configuración actual).

Repensar a Reconquista

No artigo da semana (non aparece na web de «Faro de Vigo») propoño unha dupla proxección para a efeméride da Reconquista: como festa primeira do Casco Vello e como festa do Vigo futuro.

Non son un fanático da Reconquista nin tampouco teño fobia ningunha contra ela. A figura do capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña», o noso heroe local por excelencia e primeiro gobernador militar do novo Vigo, merecíame apenas o respecto de ser lembrado na balada que a el e a María Pita dedicou Siniestro Total («ron ron la botella de ron…»). O seu heroísmo na noitiña do 27 de marzo de 1809 desfacendo a machada a porta da Gamboa –canto menos así o relataba en 1810 José Fernández y Neira en Proezas de Galicia, a primeira crónica publicada en galego no século XIX, logo recollida e fixada por José de Santiago e Gómez na súa Historia de Vigo de 1896– considereino unha glorificación hiperbólica dun acontecemento que supuxo outro triunfo do pensamento absolutista fronte os valores republicanos (liberdade, igualdade e fraternidade) que representaban as tropas mercenarias ao mando de Jacques Antoine Chalot. 

Porén, despois de douscentos anos, aquel levantamento contra a invasión do exército francés, que despois supuxo o recoñecemento como tal da nosa cidade e a concesión por parte do consello da rexencia en 1810 do título de «fiel, leal, e valerosa», compréndese con maior obxectividade. Fronte as fabulacións, erros e manipulacións interesadas (froito da historiografía romántica do século XIX), que se foron transmitindo acriticamente dunhas a outras obras da nosa historia local,  a actual historiografía salienta unha nova perspectiva nos acontecementos: a Reconquista viguesa foi un levantamento dos paisanos que sen axuda de estado ningún se mobilizaron para defender a vida e as propiedades das súas familias.

Así o argumentan con datos e documentos as obras publicadas máis recentes sobre a cuestión: os libros de Eduardo Rolland (Reconquista. Vigo en armas) e Xosé Ramón Barreiro Fernández (Historia social da Guerra de Independencia en Galicia), ambos os dous editados por Xerais este ano, e a serie diaria de Antonio Giráldez Lomba sobre o «Bicentenario da Reconquista» e a semanal de Javier Mosquera sobre «Protagonistas da Reconquista de Vigo», ambas as dúas publicadas en Faro de Vigo. Fronte a inexistencia dun exército regular, o pobo galego (labregos, mariñeiros e cregos), organizouse en 261 alarmas comarcais que, dispostas ao longo da costa e da raia portuguesas, se comunicaban dende lugares estratéxicos mediante sinais de fume e fogo. Segundo Barreiro Fernández, as alarmas mobilizaron por este sistema a 200.000 persoas e 17.000 oficiais, elixidos polo pobo, que fixeron fronte á invasión das tropas napoleónicas para defender o seu e aos seus.

Esa foi a clave política da primeira revolución popular galega do XIX e esa debería ser a chave coa que en Vigo deberíamos abrir, fóra de calquera exacerbado localismo ou da exaltación de glorias e enseñas militares (que non veñen ao caso), este ano a efeméride da Reconquista e o vindeiro o bicentenario do recoñecemento da cidade como tal. A Reconquista non pode ser máis ca unha festa cívica e popular compartida por todos os sectores sociais vigueses. Dende esta perspectiva é posible repensar o modelo de celebración da efeméride proporcionándolle unha dupla proxección: a primeira a de intensificar o ritmo do proceso de reconquista cívica do Casco Vello como un espazo urbano identitario de encontro e convivencia; a segunda a de convertir esta data no referente cívico e popular da planificación estratéxica da cidade e do seu carácter metropolitano.

Afortunadamente a primeira proxección xa está en marcha dende hai anos, grazas ao esforzo dos veciños do Casco Vello que promoven contra vento e marea a invención dunha festa civil que constitúe un pretexto necesario para que o resto dos vigueses reconquistemos durante unhas horas as ruelas dun barrio que o desarrollismo franquista e a desidia das corporacións democráticas abandonaron no esquezo e na degradación. Esta festa popular e laica (algo tamén moi meritorio) constitúe unha oportunidade para descubrir as mudanzas que se están producindo no Casco Vello, para coñecer as edificacións patrimoniais recuperadas ou en proceso de selo, para gozar da peonalización ou para visitar o renovado tecido comercial e hosteleiro do barrio. A Reconquista é a festa primeira do Casco Vello.

Porén, a segunda proxección está por desenvolver. O acto institucional  artellado arredor da entrega dos títulos de «Vigueses distinguidos» non abonda para acadala. Precísase un acontecemento de maior calado que facilite a participación popular no deseño do Vigo do novo século. A posibilidade de artellar un grande foro, congreso ou rede social virtual sobre o Vigo do 2030 ou 2050 (a cidade dos nosos netos) podería ser unha posibilidade a considerar. A Reconquista debería ser a festa do Vigo futuro.

«El arte de rechazar una novela»

Na visita a Salamanca pasei, inevitablemente, pola completísima sección de Humanidades da Librería Cervantes, onde atopei algunhas cousas que nunca vira nas miñas librarías viguesas. Chamou a miña atención unha novidade de fin de ano da renovada editorial Bruguera, El arte de rechazar una novela, libro do canadiano Camilien Roy que recolle noventa e nove cartas de devolución enviadas por outros tantos editores. Unha proposta narrativa que emula formalmente (a verdade con fortuna moi desigual) aqueles Exercicios de estilo de Raymond Queneau (traducidos formidablemente para o galego por Enrique Harguindey e Xosé Manuel Pazos). Non podo negar que neste caso o título do libro constituíu un bo gancho para min, afeito como estou a devolver case todas as semanas orixinais acompañados dunha tarxeta na que sempre escribo a man un texto de devolución moi breve. Tras unha lectura voraz do libro comprendín que son un editor sincero e emocionalmente bastante equilibrado, aínda que moi torpe e escasamente elegante cos autores inéditos xa que descoñezo as técnicas do cinismo axeitadas para dicirlles que non, pois diso trata esta parodia moi áceda, á que non lle sobran doses de ironía. Xa coñeciamos que para redactar unha carta para rexeitar unha novela existen fórmulas clásicas, como esta:

Recibimos o seu manuscrito e o noso comité de lectura valorouno con moito interese. Sentimos moito ter que anunciarlle que non foi seleccionado para a súa publicación. A obra que vostede nos propón non está exenta de calidade nin de interese, mais non corresponde ao que procuramos no marco da nosa política editorial. Desexámoslle éxito con outro editor máis apto para garantir ao seu traballo unha carreira digna das súas expectativas. Agradecémoslles a confianza que depositou na nosa editorial. Sen outro particular, saudámolo moi atentamente.

Mais existen outros modelos de cartas de devolución dos editores agresivas, concisas, directas, silenciosas, demoledoras, optimistas,modestas, pesimistas, sarcásticas… (ata 99, nunha reiteración que aburre mediado o libro). En fin, un libriño que pode facerlle graza a editores, autores e lectores aos que lles sobre tempo para dedicarse a «lecturas de pretempada» ou de baixa intensidade narrativa. Agardaba algo máis interesante tras un título con moito engado e unhas valoracións tan entusiastas.

XXIII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz

Recibo con alegría o anunció da convocatoria do XXIII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz que se celebrará na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo do 24 ao 26 de abril.

Inevitablemente, este Encontro 2009 terá un carácter especial xa que será o primeiro no que se notará a ausencia de Suso Jares, fundador do movemento de Educadores pola Paz e sempre gran animador destes eventos.

O programa, como na edición do pasado ano, volverá xirar sobre a Educación para a cidadanía e os dereitos humanos. Participarán como conferenciantes e animadores  María Rosa Buxarrais i Estrada «Como educar na competencia social e cidadá: ensinando valores«), Ana Sánchez Bello («Cidadanía e xénero») e Juan José Tamayo Acosta («É posible un estado e unha escola laica?». Así mesmo, como é adoito en edicións anteriores, os encontros iniciaranse cunha sesión de xogos cooperativos e pecharanse na tarde do sábado co funcionamento de obradoirosa simultáneos de danzas do mundo, mediación de conflitos, risoteria, confección de monequinos de papel e de xogos cooperativos.

Máis información sobre os Encontros no espazo web de Educadores pola Paz, onde, tamen, se poden descargar as solicitudes de inscrición e aloxamento.

Comeza o ano de Ramón Piñeiro

Acompañar ao profesor don Xesús Alonso Montero a Salamanca permitiume escoitar a súa extraordinaria conferencia sobre a figura de Ramón Piñeiro. Sen entreterse noutras retóricas que as imprescindibles para agradecer o convite aos agarimeiros organizadores da Área de Galego Portugués da Universidade de Salamanca (moitas grazas, Xandra!), comezou don Xesús coa lectura dun seu artigo titulado «Foi, sen dúbida, un cidadán heroico», publicado na sección semanal «Beatus llegit» que mantén no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia (non se pode atopar na rede, o que constitúe unha auténtica mágoa, tratándose dun texto de lectura tan recomendable).

No artigo, sen citar nunca de quen se trata, ata as derradeiras palabras, o profesor de Ventosela retrata a figura humana dunha persoa que posuía «a sobriedade dun sabio antigo», homenaxea a un home «concienciudo, sinxelo, eficaz, sempre convincente, que carecía de vaidade», a «un Sócrates sen títulos académicos», en definitiva a «un auténtico diamante moral, un cidadán heroico chamado Ramón Piñeiro». Tras a lectura do artigo, Alonso Montero interrógase sobre como é posible que mantivese semellante admiración por unha persoa que ideoloxicamente estaba nun mundo distinto ao seu. «Piñeiro non era ateo, nin despois de 1950 moveu un dedo contra a monarquía, foi antimarxista, a que se debe, entón, a emoción da miña admiración? A que se trataba dun diamante moral.»

Logo, Montero fixo un rápido retrato biográfico de Piñeiro. Nacido en Láncara no ano 15, de orixe labrega, estuda os bacharelatos en Lugo, período no que ingresa nas Mocidades Galeguistas, «onde xa destaca máis como teórico que como activista». Lembrou, don Xesús, as palabras de Otero Pedrayo de 1934: «coñecín un rapaz en Lugo que é un auténtico Erasmo». Piñeiro na súa mocidade republicana xa era un meditador, un reflexivo, un teórico. Na Guerra salva a vida enrolándose cos da súa quinta no exército de Franco. Rematada a contenda, segue sendo republicano e galeguista. «Decátase que é desas poucas persoas que pode loitar na clandestinidade pola causa galeguista.» Xesús, a esa altura da súa intervención, enfatiza no carácter heroico da decisión de Piñeiro de facer oposición clandestina nun período (1940-1942) no que a represión era feroz. A continuación salientou a importancia da data do 2 de febreiro de 1943, data do triunfo das tropas soviéticas en Estalingrado, o que provoca o convencemento nos galeguistas, como noutras forzas de oposición, que a ditadura de Franco caerá decontado. Esta é a razón pola que en 1943, Piñeiro viaxará a París para entrevistarse con Giral, presidente do goberno da República, coa intención que introduza no seu goberno a un ministro galego sen carteira (Castelao), que representará a Autonomía Galega. Regresa a Madrid, onde será detido en 1946, e logo xulgado e condenado a seis anos dos que cumprirá tres. «Piñeiro de 1946 a 1949 estivo en prisión con Koldo Michelena, mais nin el nin o seu amigo euskaldún foron torturados, aínda que presenciaron a tortura.» Don Xesús proseguiu o seu relato, «cando sae da cadea en 1949, Piñeiro deixa de defender a República, porque sabe que se está xestando a causa monárquica. Deixa de defender a República e aposta por defender valores.» Formula unha nova estratexia, a de utilizar as canles legais, as dunha editorial, para contactar cos novos e defender os valores galeguistas.» A pesar de que Piñeiro non aparece na foto de creación da editorial, xa que está en Valdecilla operándose dos ollos, Galaxia será clave na súa estratexia. Proporciónalle un soldo, como director literario, e a posibilidade de exercitar o seu labor dende a súa casa de Santiago. «Xelmírez 14, 4º e a mesa camilla pola que pasamos todos  aparece na historia de Galicia. dende alí Piñeiro propón unha información democrática. Dende alí Piñeiro fala da situación da cultura e da lingua. dende alí reiventa a cultura galega.»

O profesor Alonso dedicou o derradeiro treito da súa intervención a presentar unha breve panóramica da cultura galega tras a Guerra Civil e a nova estratexia que sobre ela introduce Piñeiro. «Dende 1936 a 1948 non se publica en Galicia ningún libro en galego, coa excepción dos que se publican en América. Esa era a situación coa que se atopa Piñeiro á saída da cadea. Entón, rompeu co Partido Galeguista, porque naquel momento era suicida mantelo na clandestinidade. Dende ese momento a gran tarefa de Piñeiro será demostrar, sobre todos aos novos, que eramos reticentes, que o galego debía ocuparse da alta cultura.» Esa estratexia é a que condice a Piñeiro a publicar en 1951 un ensaio sobre a saudade, que foi cualificado por Juan Aparicio, que logo sería un destacado censor do Réxime, como «un texto que tiña faltas de ortografía no corpo e n alma». Coa publicación deste texto Piñeiro quere demostrar que o seu idioma é unha lingua A. No mesmo ano, 1951, Piñeiro e o seu amigo Celestino Fernández de la Vega traducen do alemán un libro de Heidegger, A esencia da verdade, mais teran que agardar a 1956 para conseguir autorización e velo publicado. «No seu proxecto, Piñeiro incorpora aos doutores Rof Carballo e García Sabell, ao poeta Luís Pimentel, así está reiventando a cultura galega. esa é a gran proeza de Piñeiro, realizada na austeridade, na sobriedade dunha condición moi adversa.» son as palabras de conclusión da conferenciante de don Xesús.

Esta magnífica conferencia de Alonso Montero, que recolle a tese central do libro que está corrixindo para Galaxia, Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, será a base da súa intervención nas xornadas «Ramón Piñeiro na Galicia do século XX» que, organizadas pola Fundación Carlos Casares, se celebrarán en Lugo do 23 ao 26 de marzo.

No eido bibliográfico tamén comezan a aparecer algunhas novidades. En Xerais tras a publicación do ensaio Ramón Piñeiro e a estratexia do Galeguismo de Xosé Ramón Rodríguez Polo, agardamos os primeiros exemplares da novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos, unha proposta moi orixinal de achegamento aos fíos da memoria de dous galeguistas Piñeiro e Víctor Campío.

Outrosí é a magnífica posibilidade que proporciona o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega de gozar dunha escolma sonora de quen foi o primeiro presidente da institución. Un recurso didáctico e documental utilísimo que recomendamos moi vivamente.

Seguiremos atentos ás novidades e acontecementos deste «Ano Piñeiro».

Primeiro e-book a cor

Nesa carreira tecnolóxica por atopar o soporte de lectura móbil dixital faltaba un modelo de tinta electrónica que non fose monocromo. Fujitsu acaba de poñer á venda en Xapón o primeiro modelo de e-book con pantalla a cor. O noso amigo Roger Michelena recolle unha ampla información sobre as utilidades deste xoguetiño e do competidor coreano do Kindle 2. Mágoa que, polo momento, este modelo de Fujitsu saía un pouco caro (sobre 777 euros).

Actualización (19-03-2009): Máis información sobre o FLEPia en Soybits.

Edición galega en 2008

A prensa faise eco hoxe da noticia do crecemento da produción editorial en Galicia e en galego en 2008 segundo os datos do INE. O crecemento dun 60% na produción en número de exemplares, como no de títulos publicados en Galicia que pasaría de 2.364 a 3.747, déixanos un pouco incrédulos. A pesar de que agardabamos un crecemento no volume por exemplares, debido á renovación de oito cursos no sistema educativo (os tres da infantil do segundo ciclo, 3º e 4º de primaria, 2º e 4º de ESO e 1º de bacharelato) nos que se fan tiradas, na maior parte dos casos, para catro anos.

Porén, se acudimos aos datos proporcionados pola oficina do ISBN, a que vimos utilizando dende 1972 para facer o seguimento da produción editorial en Galicia e en galego, comprobamos que na edición en galego produciuse unha nova diminución no número de títulos, pasando dos 1.780 publicados en 2007 a 1.750 en 2008 (unha diminución do 1,68%, que consolida a tendencia iniciada en 2004, na que o libro galego superou acadou as 1.849 referencias, a maior marca da súa historia). Outrosí sucede cos datos do ISBN referidos á edición en Galicia que amosan a mesma tendencia a diminución, xa que dos 3.376 títulos editados en Galicia en 2007 pasamos aos 3.033 en 2008 (rompendo a tendencia de crecemento dos últimos cinco anos),

A diferenza (cando non clara contradición) entre estes datos preesentados polo INE e os do ISBN amosan a importancia de contar cun estudo de referencia sobre o estado da edición en Galicia. Nese sentido será moi boa noticia a próxima presentación por parte da Asociación Galega de Editores do seu estudo sobre o comercio interior do libro en Galicia no ano 2007. Un bo momento para clarificar as tendencias tanto na produción editorial como no mercado.

Actualización (18-03-2009): agradécese esta información moi clarificadora de Camilo Franco en La Voz de Galicia.

Salamanca