"Fóra do sagrado"
/en Artes Visuais, Poesía, Presentacións/por bretemasCampo do Fragoso LII
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasO turrón non lle sentou ben aos celestes que comezan o ano con dous malos resultados e unha baixada preocupante da eficacia do seu xogo. Tras o fracaso en Cádiz da pasada semana, o encontro de onte fronte ao autobús do Salamanca amosou que o equipo de López Caro entrou nunha fase depresiva e que o banco e o cadro de xogadores son moito máis frouxos do que di o seu presidente. Saíu o Celta na primeira parte moi abusón, manexando a pelota con abrumadora autoridade, adiantando na banda os seus dous laterais e chegando con moita facilidade á área rival grazas aos arreóns dos seus centrais (Lequi e Rubén estiveron moi participativos), ás triangulacións entre Larena, Perera e Okkas e a un par de accións individuais de Diego Costa (máis frouxo que en encontros anteriores). Mais na área salmantina comezaban os seus problemas, xa que foi incapaz de destecer a arañeira defensiva que teceron os xogadores laranxas e, cando o conseguiu (nunha media ducia de ocasións claras), atopou ao debutante Biel Ribas, o mellor xogador sobre o campo, un porteiro de goma que parou todo canto se lle puxo por diante. Na segunda parte coñecimos a outra cara da moeda. O Celta, un equipo de carácter ciclotímico, decaeu moito no seu afán e foi permitindo que un Salamanca aparentemente inocente, ata entón encollido na súa área, se fose estricando sobre a lameira con certo perigo. Así sucedeu no minuto 73, cando o arbitro anulou un gol a Doñabeita por mor dun fóra de xogo moi discutible, o que constituíu un aprezable respiro para os celestes. Vaia susto! A saída do canteirán Ferrán Tacón, substituíndo a un lesionado Okkas, animou un pouco a atención da bancada demostrando que os rapaces do Celta B poden co seu descaro imprimir maior intensidade e compromiso ao equipo que o proporcionado polas “promesas” cedidas. Os minutos finais, cun Celta xa desfondado fisicamente, demostraron as importantes carencias do banco, xa que nin Manchev nin Mario Suárez contribuíron a mellorar a situación. Este Celta sen pegada e sen as pingas de calidade de Canobbio e Quincy (canto os botamos en falta!) ten poucas trazas de equipo gañador. Onte deu un paso atrás, a quimera do ascenso queda un pouco máis lonxe.
Metro para o Gran Vigo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Vigo/por bretemasNo artigo da semana propoño que se estude a viabilidade dun Metro para o Gran Vigo, inserido nun novo modelo de mobilidade metropolitana baseado no transporte colectivo intermodal. Hai experiencias abondas na península que demostran que isto non é nin unha quimera nin unha fantasía.
Voces de liberdade, a homenaxe do PEN Clube
/en Beizóns, Editores, Eventos, Premios/por bretemasOnte asistín ao xantar de homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, organizado polo PEN Clube de Galicia, con motivo da terceira edición dos seus premios “Voces de liberdade”. A organización e o desenvolvemento desta homenaxe a estes dous grandes editores da nosa memoria histórica, que contou coa xenerosa colaboración da Tenencia de Alcaldía do concello de Vigo, foi excelente. As laudatios de Marilar Aleixandre e Camiño Noia brillantes e á altura literaria do labor hercúleo dos homenaxeados. Os discursos dos políticos agarimosos, ben preparados e moi axeitados. A condución do acto do presidente do PEN galego, Luís González Tosar, amena e emocionante. Mesmo o menú foi exquisito (coa excepción das peras ao mousse con chocolate, por baixo dun nivel culinario óptimo). Con todo, o mellor do acto foron os momentos das intervencións dos homenaxeados. Don Paco debullou, petando co seu caxato no chan (aínda está ben rexo), o seu percorrido vital, insistindo en que “a miña traxectoria foi sempre de continuidade como home que son do Seminario de Estudos Galegos, sen altibaixos, adaptándome sempre aos tempos que vivimos”. Isaac, que comezou a súa parolada cunha brincadeira pouco inocente (saudou á Secretaria Xeral de Política Lingüística como a “a muller que está traballando para que o galego morra dignamente”, que logo lle replicou de forma moi elegante dicindo que “todos estabamos alí para darlle vida a lingua”), utilizou o seu tempo para gabar a don Paco: “un grande amigo do meu pai”. O único que vin un pouco fóra de lugar (nunha sesión marathoniana, durou cinco horas), foi algunha das intervencións “espontáneas” dos asistentes que na sobremesa ocuparon o atril (unha mágoa!, que desluciu un chisco un acto magnífico e tan ben preparado). Beizóns a don Paco e a don Isaac, a Tosar e ao equipo directivo do PEN Clube de Galicia por este berro de liberdade literaria galega!
Francisco Castro incorpórase a Galaxia
/en Editores/por bretemasFrancisco Castro incorporouse ao cadro de persoal da editorial Galaxia para encargarse dos Novos Proxectos (presupoño que para desenvolver os relacionados, especialmente, co mundo dixital e a edición electrónica). Un profesor e escritor experimentado e un inquedo animador cultural e da lectura como foi até agora Francisco, son un perfil moi prometedor para un convertirse nun bo editor disposto a alongar as perspectivas do libro galego. Os meus mellores desexos de éxito para el e os meus parabéns para a editorial Galaxia por tan importante fichaxe.
Stop the bullet. Kill the gun
/en Dereitos_humanos, Publicidade, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemasVía: Islas Cíes, Trafegando Ronseis.
"Os amigos de Chano Piñeiro"
/en Cine/por bretemasChegoume hoxe un exemplar d’ Os amigos de Chano Piñeiro, un libro de homenaxe (formidable o formato), coordinado por Miguel Anxo Fernández e editado pola Presidencia da Xunta de Galicia. Sempre mantiven grande lealdade con Chano, figura da que son admirador incondicional, razón pola que estou moi orgulloso de ter sido convidado a participar en tan fermoso libro achegando unha pequena colaboración agarimeira. Grazas a Mariluz e a Miguel Anxo polo convite.
Temos que morrer
/en Artigos_Luzes, Entrevistas, Polémicas/por bretemasCoincido de cheo con Suso de Toro que non é cabal utilizar o pasado da literatura galega para destruír a presente, como, coincido, tamén en que “é perverso argumentar que os textos literarios máis interesantes son os que veñen doutras linguas”. Con todo, deste artigo fulcral, que sei comparten moitos dos autores e autoras da literatura galega (hoxe falei por teléfono con varias persoas que se amosaban moi identificadas co texto), recollo dous parágrafos claves que chegaron a emocionarme (sobre todo o primeiro):
- “[En Galicia…] Existen eses lectores libres, esas persoas, e non consinto que ninguén as liquide. Eses lectores que entran polo seu pé nunha libraría e piden un libro en galego son o froito de xeracións de escritores e editores, son uns miles e son, somos, un froito valiosísimo dun esforzo colectivo.”
- “A nosa literatura precisa unha auditoría, quizais externa: unha cuantificación obxectiva e logo unha valoración honrada, sen complicidades ideolóxicas e compincheos disparatados, mais tamén sen ruindades. Estamos no mellor momento dende os trobadores, non sei se iso é moito, mais é así por moita hostilidade que nos teñan.”
Só cabe felicitar aos responsables de Luzes por continuar alentando cada semana un debate literario democrático e desprexuízado, que contribúe a clarificar o futuro esperanzador da nosa literatura nacional.
Informe sobre o impacto do préstamo
/en Libro de texto/por bretemasHoxe La Voz de Galicia e Vieiros informan sobre os contidos do informe, encargado pola AGE e elaborado por un grupo de traballo da USC, sobre o impacto moi negativo da modalidade de préstamo do libro de texto sobre a viabilidade sector editorial galego. Non vou reiterar as miñas opinións sobre a cuestión que, desgrazadamente, son agora avaladas por datos ben contundentes. Transcorridos xa dous anos e medio de lexislatura, o conflito sobre a modalidade de préstamo do libro de texto continúa, a pesar dalgúns compromisos adquiridos pola Presidencia da Xunta e algunhas melloras técnicas da Consellaría de Educación, en punto morto. Mentres non exista unha política de lectura e do libro promovido como un eixo transversal polo goberno galego, que abranga o traballo de todas as consellarías, dificilmente pode solucionarse este problema. Aquel compromiso inicial da Consellaría de Cultura de promover unha Mesa Técnica formada polo sector e representantes das consellarías de Educación, Cultura, Industria e da Secretaría xeral de Política Lingúística quedou no esquezo. Ogallá este informe axude a reflexionar aos diversos responsables políticos e se puidese recuperar. A esperanza é o último que se perde.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Aniversarios 20257 de Xaneiro de 2025 - 10:51 a.m.
- Brétemas 20 anos3 de Xaneiro de 2025 - 5:40 p.m.
- Axendas1 de Xaneiro de 2025 - 10:44 a.m.
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.
- Sortes e resortes do ano novo31 de Decembro de 2024 - 10:07 a.m.