Campo do Fragoso LII

SEN PEGADA
O turrón non lle sentou ben aos celestes que comezan o ano con dous malos resultados e unha baixada preocupante da eficacia do seu xogo. Tras o fracaso en Cádiz da pasada semana, o encontro de onte fronte ao autobús do Salamanca amosou que o equipo de López Caro entrou nunha fase depresiva e que o banco e o cadro de xogadores son moito máis frouxos do que di o seu presidente. Saíu o Celta na primeira parte moi abusón, manexando a pelota con abrumadora autoridade, adiantando na banda os seus dous laterais e chegando con moita facilidade á área rival grazas aos arreóns dos seus centrais (Lequi e Rubén estiveron moi participativos), ás triangulacións entre Larena, Perera e Okkas e a un par de accións individuais de Diego Costa (máis frouxo que en encontros anteriores). Mais na área salmantina comezaban os seus problemas, xa que foi incapaz de destecer a arañeira defensiva que teceron os xogadores laranxas e, cando o conseguiu (nunha media ducia de ocasións claras), atopou ao debutante Biel Ribas, o mellor xogador sobre o campo, un porteiro de goma que parou todo canto se lle puxo por diante. Na segunda parte coñecimos a outra cara da moeda. O Celta, un equipo de carácter ciclotímico, decaeu moito no seu afán e foi permitindo que un Salamanca aparentemente inocente, ata entón encollido na súa área, se fose estricando sobre a lameira con certo perigo. Así sucedeu no minuto 73, cando o arbitro anulou un gol a Doñabeita por mor dun fóra de xogo moi discutible, o que constituíu un aprezable respiro para os celestes. Vaia susto! A saída do canteirán Ferrán Tacón, substituíndo a un lesionado Okkas, animou un pouco a atención da bancada demostrando que os rapaces do Celta B poden co seu descaro imprimir maior intensidade e compromiso ao equipo que o proporcionado polas “promesas” cedidas. Os minutos finais, cun Celta xa desfondado fisicamente, demostraron as importantes carencias do banco, xa que nin Manchev nin Mario Suárez contribuíron a mellorar a situación. Este Celta sen pegada e sen as pingas de calidade de Canobbio e Quincy (canto os botamos en falta!) ten poucas trazas de equipo gañador. Onte deu un paso atrás, a quimera do ascenso queda un pouco máis lonxe.
Etiquetas: