Camilo Franco ("Parella perfecta")

Na presentación, Camilo interpretou unha escolma dos seus microrrelatos. Eis a lectura de “Parella Perfecta”.

Eran a parella perfecta. El non tiña cabeza, ela tiña conta corrente e os dous querían fuxir.

Mercaron o coche máis grande do concesionario, subiron, abrocharon o cinto e mantiveron as costas correctamente repousadas contra os asentos. Foron perdendo os puntos da razón en cada unha das curvas ata que a morte os acabou de casar na quinta das seis voltas de campá con que percorreron o terraplén.

Etiquetas: Camilo_Franco

Palabras contadas ( a exposición)

A exposición Palabras contadas merece a pena. O baixo e o primeiro andar do corpo dereito da Fundación Luís Seoane están ocupadas por diversas instalacións preparadas para que o espectador se transforme en lector (o que o autor define como “lectura con mobles”). Aproveitando a versatilidade que ofrece o formato dos microrrelatos, as historias de Camilo ofrécense en soportes diversos demostrando que a lectura (un dos nosos eixos civilizatorios) vai moito máis alá do soporte do libro impreso. Relatos caligrafados sobre area, impresos sobre colchóns ou roupas, gardados en pequenas caixas de conserva, salferidos na sopa de letras, carimbados sobre os corpos, sobreimpresos en imaxes fixas ou en movemento, proxectados sobre as paredes ou sinxelamente dispostos como esculturas planas no chan ou pendurados do teito.
Esta é unha proposta de literatura de investigación que reivindica o papel primeiro da palabra na creación artística e a función do escritor como creador de novos territorios para a lectura “A palabra para quen a traballa”). A presentación da exposición, moi concurrida, rematou cunha lectura concerto no que autor demostrou que, baixo a súa impostura de crooner efímero, atesoura grandes dotes de animador dos máis divertidos guateques. Recomendo a visita á exposición e a participación nas festas arredor do libro que continuarán por Galicia nas vindeiras semanas.

AVE e PXOM

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as causas e as responsabilidades da crise viguesa arredor da paralización da tramitación do PXOM e do adiamento da variante por Cerdedo do AVE. Ben sería nestes asuntos ir diferenciando o gran da palla.

Etiquetas:

Palabras contadas

Esta noite viaxaremos a Torre para participar na inauguración de Palabras contadas, a primeira exposición dun escritor galego montada a partir dun libro de ficción que funciona como elemento central de instalacións visuais e audiovisuais. Unha exposición concibida para a lectura (que non está recluída nos límites dun libro impreso). O texto como escultura. A lectura con mobles. A lectura como indagación no Museo. Ficción súbita. Sopa de Letras. Relatos en conserva. A lectura como creación unicamente humana. Camilo Franco promete sorpresas. Contarémolas aquí mañá.

Libros galegos en Internet

Este traballo de Henrique Neira Pereira é fundamental para coñecer o estado actual dos libros galegos en Internet. Completísimo e de gran utilidade esta guía de recursos en liña, ademais do actualizada da reflexión que propón.

“Este libro comezou sendo un traballo para o seminario “Produción e empresa editorial. Tradición e novas tecnoloxías”, impartido polo profesor Víctor Fernández Freixanes no curso de doutoramento 2005/06 da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. O obxectivo orixinal do traballo era referirse á situación do libro dixital galego en Internet, centrándose nos libros escritos en galego. Pero parecía interesante amplialo para estudar a presenza na rede do conxunto de libros dixitais producidos na comunidade en calquera lingua ou que sexan de interese para os lectores e lectoras de Galicia e que se poidan atopar en calquera das grandes bibliotecas dixitais do mundo, para consultar ou descargar de xeito legal”.

Beizóns para o autor polo esforzo que redundará en tecer a rede en galego.

Galiciantunes

Beizóns! Eis unha estratexia intelixente para promover a música galega polo mundo adiante. Non estaría de máis que se emulase a estratexia para vender tamén a literatura e o libro galego.
Navegando na páxina (posúe un deseño contundente e atractivo) noto que na elección dos 50 temas representativos da música galega hai algunhas ausencias clamorosas, especialmente as de Milladoiro e Carlos Núñez (hoxe os dous primeiros embaixadores da música de noso polo mundo adiante). Supoño que haberá razóns que expliquen tan incomprensible omisión.

En Brétemas hai un ano, hai dous anos… (I)

  • Hai dous anos recolliamos unha longa cita do libro de conversas con Xosé Manuel Beiras, moi acaída para interpretar o que está sucedendo o día de hoxe: “Abonda ollar e enfíar biografías de membros representativos das sucesivas xeracións -Faraldo, Rosalía, Murguía, Brañas, Villar Ponte, Castelao, por exemplo-: non hai continuum no proceso de construción do edificio da nación, senón unha sucesión de interrupcións, retrocesos e voltas a empezar”.

A hora da resposta da cidadanía

Se algo me sorprendeu, tras o fracaso da reforma do Estatuto, non foron tanto as posicións intransixentes do PPdeG (previsibles coa estratexia actual da dirección de Rajoy) como o conformismo e resignación (quizais sería mellor escribir “fatalismo” ) co que foi aceptada a ruptura pola cidadanía que apoia ao goberno. Apenas unhas cantas voces (poucas, moi poucas) se atreven a alzar a súa voz para alertar que, diante da desfeita, esta é a hora dunha resposta da cidadanía. Semella que, a pesar das importantes consecuencias desta nova aldraxe para o futuro do país (sobre todo a nivel das posibilidades de acadar un mellor financiamento e de facérmonos respectar no conxunto do estado), a situación actual (que nos sitúan arrimados á cola) é aceptable para os tres partidos, agardando poder tirar algúns réditos nas municipais.

Mesmo percibo indicios de que algúns dirixentes nacionalistas, tras o fracaso, respiraron tranquilos xa que, de ter sido aceptadas por Feijoo as propostas de Touriño, nestes momentos non sería doado para eles facerlle entender a parte da súa militancia o xeneroso (engadiría que, tamén, patriótico) apoio de Quintana ás posicións de consenso presentadas polo presidente Touriño. Outrosí, poderiamos dicir de sectores do PSdeG-PSOE que coa ruptura síntense aliviados e máis autónomos das (para eles) incómodas posturas de definición identitaria e de política lingüística defendidas con intelixencia polos nacionalistas. Por non falar xa da clara pretensión do PPdeG na nova coiuntura de amagar cun acordo bilateral cos socialistas. Está cantado que será esa a súa estratexia diante da opinion pública galega, xustificando que en Monte Pío había unha maioría suficiente para aprobar o Estatuto. Así conseguiría debilitar ao PSdeG-PSOE, acusándoo de ser un refén do BNG a quen lle paga o prezo de manter a Touriño na presidencia.

Diante da encrucillada presente ábrense dous vieiros: a espera diletante pola chegada de tempos máis propicios (moi lonxanos no horizonte) ou a hora activa da cidadanía reclamando que sexa restituída a dignidade perdida. Non teño dúbidas de que cómpre apostar pola resposta cidadá, a menos que pretendamos seguir languidecendo como reserva xeográfica da melancolía resignada.

Etiquetas: