Libros reciclados

Facendo espello coa anotación anterior, atopo estoutra de Millán sobre a edición de libros a partir de materiais reciclados que preparan algunhas editoriais latinoamericanas. Libros co miolo fotocopiado e grampado e as cubertas acartonadas e decoradas de forma artesanal. Unha vía ben diferente da electrónica para acceder á lectura impresa.

Etiquetas:

Máquina para facer libros á carta

Via Bibliomano sei da aparición nos Estados Unidos dunha máquina para imprimir e encadernar libros á carta. A impresión baixo demanda levada as súas máximas consecuencias: pode facer dous libros de 500 páxinas cada sete minutos! Chámame a atención o seu aspecto, semellante ao dun caixeiro automático. Con que nome a bautizamos?

Etiquetas:

Segundo aniversario

Hoxe estas brétemas chegan ao seu segundo aniversario. Despois de dous intensos anos traballando no blog manteño un renovado entusiasmo nas posibilidades deste medio para compartir coñecemento, información, lecturas e múltiples curiosidades. A todos os que participan neste espazo, sexa como lectores anónimos ou comentaristas, o meu maior agradecemento. Entre as 590 anotacións publicadas neste último ano escollín esta ducia (unha por cada mes) como as miñas preferidas:

  • Xaneiro: Edición pública (unha miña vella teima para racionalizar a actividade editorial das administracións).
  • Febreiro: 23-F (o relato da miña experiencia daquela noite de hai vinte e cinco anos).
  • Marzo: Lembranza de don Antón Patiño (a necrolóxica en homenaxe a este libreiro irrepetible).
  • Abril: Orgullo celeste (a crónica do triunfo no derbi da primavera).
  • Maio: Coda (a miña reflexión tras o rebumbio político no que me vin inmerso).
  • Xuño: Os libros arden mal (o meu primeiro paratexto sobre a agardada novela de Rivas).
  • Xullo: Cultura e liberdade (sobre a responsabilidade no fomento da lectura que temos os editores e outros profesionais do mundo do libro).
  • Agosto: JFK (a primeira crónica da viaxe a NY).
  • Setembro: A lectura: eixo do novo modelo comunicacional (unha das miñas achegas ao Primeiro Encontro de Blogs e Libros celebrado en Madrid).
  • Outubro: Gústame A Coruña (tras o novo conflito sobre “L”).
  • Novembro: Panificadora (evocación dun edificio emblemático da nosa arqueoloxía industrial).
  • Decembro: Home se nome (o primeiro vídeo que subín ao you tube).

As cinco anotacións máis comentadas do ano foron:

Este ano foi, tamén, o da introdución dalgunhas pequenas melloras no blog. Primeiro foron as etiquetas de Technorati, logo a da subida dos vídeos, máis tarde a instalación dun contador, e, tras o cambio á nova versión de blogger, a introdución de marcadores temáticos. Son consciente da necesidade de continuar con outras melloras que permitan ou favorezan as formas de compartir o contido, mais o tempo do que dispoño é limitado. Ademais de bloguear hai que ler, traballar e vivir.

Etiquetas: ,

Cuestión de índices

Barbol publica unha agudísima anotación sobre a cuestión dos índices como unha parte imprescindible do libro. Recollendo unha cita de Lord John Campbell (“suxerín facer unha proposta de lei ao parlamento, co obxectivo de privar de copyright a calquera autor que publicase un libro desprovisto de índice, e ademais condenalo a una multa por ese delito”), Barbol abre un debate sobre a controvertida cuestión dos índices. Sen asumir ao pé da letra a proposta do lord, son dos editores que cre imprescindible que todos os libros impresos inclúan o índice ou sumario dos seus contidos, preferiblemente, ao seu remate (aínda que sei que outros editores, seguindo as pautas norteamericanas) prefiren situalo diante. Entendo que este requisito pode ser obviado só naquelas obras narrativas divididas por capítulos numerados sen títulación. Outrosí poderiamos dicir da utilidade dos índices analíticos e onomásticos, case imprescindibles nas obras de carácter memorialístico ou histórico. Semellantes sutilezas (que supoñen moito traballo, quen o dubida?) enriquecen a calidade das edicións. Rotinas que non deberíamos deixar de utilizar.

Etiquetas: ,

As primeiras novidades de 2007

O primeiro día do ano de traballo na oficina permítenos poñer en orde o que será tamén o primeiro lanzamento de novidades narrativas de 2007. De forma inmediata (nos vindeiros catro meses) aparecerán as novelas novas de Xavier Queipo (Dragona), Francisco Antonio Vidal (Pecados capitais), Teresa Moure (Benquerida catástrofe) e Marina Mayoral (Case perfecto), ademais dos debuts de Mario Regueira (L’ affiche rouge) e Héctor Carré (Diario dun impostor). Quedaron rexistrados tamén os primeiros orixinais do ano de Agustín Fernández Paz: a edición corrixida e actualizada de Cartas de inverno (que acadará a 20ª edición, un feito histórico no catálogo noso) e Sucos de bágoas, un libro de relatos co que abriremos unha nova colección. Agardamos que a colleita deste ano sexa tan ventureira e de tan boa calidade como a do anterior.

Etiquetas:

MMS 2007

O da morea de MMS de Aninovo dos amigos e amigas é un dos sinais máis acaídos deste tempo. Transcribo algúns dos máis recentes:

  • Que os tempos novos que estreamos esta noite traigan utopía, revolución e amores. E que, de non traeren, poidamos estrear tod@s outros tempos mellores.
  • As veces parecía que o 2006 ía acabar connosco… Pero, chegamos! Tema 2007: imos por ti.
  • Estos nubarrones no nos impedirán disfrutar del sol, amanece que no es poco. Urte berri on.
  • Xa é 2:D:-)7 o noso, que os trasnos rían, por que si, ou … p.
AGARDO QUE O 2007 VEÑA PREÑADO PARA TODOS DE SAÚDE, ALEGRÍA, AMOR E DUNHA MOREA DE LIBROS LIBRES PARA GOZALO.
QUE A ESTRELA DA PAZ E DOS AFECTOS SEXA A QUE NOS GUÍE