Entrevista a Ramón Caride
/en Autores, Entrevistas, Novidades, Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemas–RC (Ramón Caride): Este libro para min supón un ciclo que termina. Creo que na miña obra hai un ciclo que vai de 1992 a 2002, xa que os textos que escribín durante este período teñen moitas recorrencias entre eles. Eu escribo poesía en períodos curtos e intensos. Cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Alterno na escrita a poesía e a narrativa.
–FC: Falemos das temáticas. En libros como “Xeografías de sal” daslle gran importancia ao erotismo. Ata que punto valoras a carnalidade e a paixón como temática poética?
–RC: O amor é sencial na poesía. Xa sinalaba Monterroso que os temas da poesía son o amor, a morte e as moscas. En “Xeografías de sal”, un poemario construído como as caixas chinesas, unhas partes dentro doutras, foi un desafío introducir nun dos libros, “Erótica alfabética”, o vocabulario erótico. Creo que a literatura galega foi moi púdica, con escasa presenza do erotismo, mesmo na utilización de palabras como “foder” (na miña aldea nunca se dixo “follar”). Interesoume acometer ese desafío. Mais en “Xeografía de sal” están outros temas deste ciclo. Ademais do erotismo, esta moi presente a desaparición do mundo rural (no libro a “Quentura do sangue”), a da cidade na globalidade e a poesía social (no titulado “Vitimario”). O libro é a xeografía do pracer e do sufrimento humano. Este é o cerne de todo o volume, todos os temas están en “Xeografía de sal”.
–FC: Cando lía o volume crin estar escoitando os ecos de Celso Emilio Ferreiro, tanto na poesía social como na amorosa. A última cita do libro é, precisamente de Celso. Son estes os ecos da túa obra poética?
–RC: Tiven a sorte de coñecer personalmente a Celso Emilio Ferreiro e comprobar que era un home cunha presenza excepcional. Grazas a Longa noite de pedra de Celso Emilio, Remuíño de sombras de Neiras Vilas (os dous publicados por Edicións Castrelos) e A esmorga de Blanco Amor quizais sexa escritor en lingua galega. Eles abriron moitas portas temáticas e técnicas. Celso Emilio dominaba tanto os rexistros populares e os cultos. Eduardo Blanco Amor e Celso Emilio estaban en contacto coa vangarda de cada momento. Recibir todo isto en galego abriume portas.
–FC: Para rematar, quixera que reflexionases sobre a cita que recolles de Alberto Caeiro referida a que “ser poeta é unha maneira de estar sozinho”.
–RC: A miña infancia foi nunha aldea, un microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcaban as estacións. Un mundo que, como recrda Buñuel nas súas memorias, desapareceu de repente. A memoria é creativa é trata de crear aí unha Arcadia. Como o libro é plural, podes atopar un poema que defenda iso e outro o contrario. Hai unha ambivalencia, vivimos na contradición.
O venres 26, ás oito da tarde, presentarase o libro nas Bodegas Martín Codax de Cambados. Un acto poético musical (con seguridade moi concurrido) que pechará este ciclo de presentacións.
A rebeldía do trasno
/en Convidados, Cultura, Editores, Sociedade/por bretemasÁs veces penso, seriamente, que Díaz Pardo non existe. Isaac, digo: ise ‹‹libertario conservador›› (conservador dos nosos tesouros) con nome antergo de profeta. De feito, ata arestora, eu pensaba que non existía. Víao por aí, facendo as súas viravoltas, e coidaba: ‹‹Non. Ise home non existe. En realidade non é un home: é un trasno. É o traste ise das nubes, que sempre está a barrenar. Non hai máis que verlle as orellas…››
Isaac Díaz Pardo. Oitenta e tódolos anos. Tódolos anos do mundo. Tódalas idades da Historia resumidos nunha face. Nunha man/chea de engurras. Xa o dicía o Doutor Freud, que, a partir dos corenta invernos, cada quen ten a face que se merece, for un home ou un trasgo. E, abofé, levaba razón, porque Isaac Díaz Pardo ten boa cara do que é: un xenio con tódalas da lei. Un xenio con pelos e sinais. Un xenio dises das lampadiñas, escandalosamente xeneroso, que, denantes de nós llo pedir, cumpriu tódolos nosos desexos. Iso… e moito, pero moitísimo máis.
Isaac Díaz Pardo: o noso Grande Compoñedor. O noso Mago de Oz. Un día ergueu un dedo e levantou unha fábrica. Dúas. Tres. Outro día, chiscou un ollo e xenaron mil libros. Dous. Tres. Cen mil milleiros de historias. Outro día botou a lingua a pacer, con esa divina impertinencia, e tódolos mortos das nosas vidas volveron falar. E así con todo. En Arxentina ou na Galiza. Na Pampa Húmida ou na Ría. E así sempre con todo. Sempre con todo pra todos. Ah, iste Tiziano dos Avernos que pintou a Barca de Caronte chea de ánimas vivísimas! Esa Barca de Caronte na que imos todos nós, vestidos de todos nós! Pois mesmo iso nos regalou. A con_paixón do seu pincel. E sen pedir ren en troques.
Isaac Díaz Pardo. En xullo do 36, sendo menos mozo ca agora, apedrou a farmacia dun falanxista, un criadeiro de matóns. Dende aquela, non tivo outra empresa que esa: esnaquiza–las tendas dos ruíns. Enfrontarse, a corpo aberto, cos mercachifles da Maldade.
Isaac Díaz Pardo. Hai uns meigallos atrás, lin unha entrevista con il. Cando o xornalista lle preguntou qué era, consonte o sabio, o que máis precisaba Galiza, o moi renarte retrucou: ‹‹A Revolución››. A Revolución, vive Deus! ‹‹Porque, eiquí –aseverou– endexamais se fixo››. E que certo estivo, carallo! Que axeitado e que asisado! E que vergoña pra nós! Que teña que ser il, un meniño cun século ás costas, quen esixa a Revolución!
Isaac Díaz Pardo. A súa vida é unha película. A Nosa enteira Película. A película de Nós. Isaac Díaz Pardo. Eilo temos aínda. Promovendo a Revolución dende que alí, na Rúa das Hortas, a Raíña Moura das Fadas lle debuxou unha boca… Non en van non foi il quen lle dixo a Castelao –ó mesmísimo Castelao!– que era ‹‹un vello reaccionario››? ‹‹Carallo co rapaz.›› Carallo, si, co rapaz.
Isaac Díaz Pardo. Toda a vida resistindo. E –para Rilke o Visoiro– resistir éo todo. Ó diaño cos seus perseguidores! Ó diaño cos seus usurpadores! Eu teño máis confianza nil da que nunca tiven en Cristo. Eu confiaríalle a miña alma tan só polo intre en que dixo esta soa, única frase: ‹‹Hai palabras que non podemos deixar desaparecer. Por exemplo a palabra folga››.Isaac Díaz Pardo. O noso Cordeiro Sen Deus. O Neno Obreiro crucificado na palma de Luís Seoane. Existe ou non existe iste Isaac doutro mundo, iste Principiño redivivo, estoutra sorte de ET? É un home ou un trasno? Un xigante ou un abelurio? Porque un empresario non é! Xa que… Que clase de empresario pode ser un que bota pestes da Usura? A Usura –clamou Ezra Pound ós ceos– é o motor da economía. A fame do noso sistema. O capital do capitalismo. Mais a Usura, en efecto, non fixo os cadros de Uccelo. Nin a Comedia de Dante. Nin a Anta do Castro. A Usura o máis que fixo foi esta Torre de Babel. Iste paraíso de merda no que agora boqueamos. A Usura o máis que fixo foi acabar coa Galiza. Coa Galiza da chaira. Coa Galiza do mar. Coa Galiza da montaña. E agora, nun tantarantán, nunha infame xudiada, quere acabar con Sargadelos. Quere acabar co profeta e con toda a súa liñaxe. Quere, ai!, rematarnos dunha puta–puta vez. Pra que non falemos máis. Pra que non soñemos máis. Pra que non creamos máis nunca que é posible a Beleza. XOÁN ABELEIRA.Etiquetas: Díaz_Pardo
Sempre Kapuscinski
/en Autores, In memoriam, Narrativa/por bretemas“A forma da sonata é a estrutura dunha obra musical cuxa esencia consiste nunha transformación libre de temas. Unha das súas variantes: a sonata barroca, que se compón de movementos breves que constrastan un co outro. En literatura, o seu equivalente sería o fragmento, a forma fragmentaria.” (Lapidarium IV)
Cando me preguntan qué escribo, sen formular cuestións propias da teoría da literatura, contesto: un texto. E que tipo de texto? Un texto bo. Todo escritor desexa crear un bo texto. (O mundo de hoxe)
En todos e cada un dos meus textos intentei descubrir, captar e reflectir o quid, a esencia do acontecemento, do fenómeno ou da realidade que describo. (O mundo de hoxe)
O detalle sérveme como punto de partida para unha reflexión xeralizadora. (O mundo de hoxe)
En todo o que fago intento falar coa miña propia voz, unha voz persoal, amortecida. Non sei berrar. (O mundo de hoxe)
Que a terra che sexa leve, mestre!
Sete cousas que debemos saber sobre os libros electrónicos
/en Edición, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemasAs máscaras de Cronos
/en Autores, Novidades, Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemasO xoves e o venres desta semana continuaremos coas presentacións do último libro de Ramón Caride, As máscaras de Cronos (poemas (1994-2005). O volume recolle a obra poética do autor dende o ano 1994 e inclúe os libros xa publicados Cerne das labaredas (Espiral Maior, 1994); Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés da Deputación da Coruña, 1998) e Diacrónica (inédito, 2002), ademais dalgúns poemas inéditos en libro, publicados en diversas revistas nos tres últimos anos. Palabra rotunda e segura, belixerante e de combate nalgunhas ocasións; poesía amatoria, telúrica ou existencial noutras. Poesía, como sinalou Manuel María, “semellante ao orballo que ao caer, manseliñamente sobre nós, dá a impresión que non molla pero, cando nos decatamos, estamos humedecidos deica os ósos”. O xoves da pasada semana realizamos a presentación en Ourense, acto do que dou conta por extenso Marcos Valcárcel.
A gratuidade do libro escolar en 2007
/en Libro de texto/por bretemasAxentes literarios e "best sellers"
/en Edición, Editores, Traducións/por bretemasA nosa escasa experiencia na negociación de dereitos con axentes internacionais (sobre todo os da área anglófona) amosa que esta brutal lóxica do mercado vaise impoñendo tamén na relación que teñen con nós. Moitas veces solicitan adiantos de máis de 6.000 euros (unha cifra pequena na puxa polas súas novidades) que son case astronómicos para a edición galega, pois equivalen a vendas superiores aos tres ou catro mil exemplares (moi dificilmente acadables no noso mercado para case calquera título). Cantidade ao que hai que engadir o custe fixo da tradución que, só nunha minoría dos casos, pode ser subvencionada (ata o 60%) pola Consellaría de Cultura. Razóns pola que é ben meritorio o esforzo que algúns editores están facendo nos últimos anos para editar na nosa lingua títulos do mercado internacional. Equilibrar a necesidade de publicar en galego a literatura internacional de calidade (algo imprescindible) coas posibilidades reais do noso pequeno mercado é un problema difícil de solucionar.
Camilo Franco ("Cama-libro")
/en Artes Visuais, Autores, Exposicións, Lectura, Vídeos, Xerais/por bretemasDa infancia recordo o tacto frío da cabeza do termómetro no sobaco. Lembro iso e as instrucións da miña nai cando chegaban as visitas: non leas que tes os ollos febles, tápate que vou airear o cuarto. Incorporarse, chaqueta nova do prixama, estirar a colcha e sorrir, que a adversidade de cada un non dá patentes para a mala educación. Logo chegaban, saudaban, refregábanme o pelo, preguntaban polos estudos, advertían que era sorte estar na cama e nas miñas respostas monosílabas nunca entendían a miña contrariedade por perder a soidade de enfermo ben suado.
Actualización: (25-01-2007): Información da exposición aparecida en el El Pais: “A literatura é a creación e o soporte a circunstancia”.
Actualización (26-01-2007): “Literatura en acción“, artigo de Antón Reixa en Luzes.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.