Axentes literarios e "best sellers"

Vía Txetxu e Extratexto coñezo este interesante artigo de André Schiffrin publicado a pasada semana en Le Monde des livres. O autor da Edición sen editores analiza, desde o coñecemento do caso francés, os efectos que sobre o sector editorial están tendo as políticas de procura desesperadas de “best sellers” que polarizan a globalidade do mercado editorial. Neste novo contexto modificouse o papel dos axentes literarios, agora máis preocupados en subastar eses posibles “big books” (solicitandoo maior adianto posible, ás veces desorbitados) ca en apoiar a longo prazo a autores e libros de calidade. Desfaise así o modelo da política de autor (apoiado polo seu axente e editor habitual), sendo substituído polos que ofrecen un adianto maior (que moitas veces nunca será recuperado polas vendas).

A nosa escasa experiencia na negociación de dereitos con axentes internacionais (sobre todo os da área anglófona) amosa que esta brutal lóxica do mercado vaise impoñendo tamén na relación que teñen con nós. Moitas veces solicitan adiantos de máis de 6.000 euros (unha cifra pequena na puxa polas súas novidades) que son case astronómicos para a edición galega, pois equivalen a vendas superiores aos tres ou catro mil exemplares (moi dificilmente acadables no noso mercado para case calquera título). Cantidade ao que hai que engadir o custe fixo da tradución que, só nunha minoría dos casos, pode ser subvencionada (ata o 60%) pola Consellaría de Cultura. Razóns pola que é ben meritorio o esforzo que algúns editores están facendo nos últimos anos para editar na nosa lingua títulos do mercado internacional. Equilibrar a necesidade de publicar en galego a literatura internacional de calidade (algo imprescindible) coas posibilidades reais do noso pequeno mercado é un problema difícil de solucionar.

1 comentario
  1. Beluka
    Beluka Dice:

    Está claro que o brutal consumismo chega a todas partes e, á fin e ao cabo, o mundo editorial está perdendo aos “editores románticos” (así nos chaman aos estudantes) a golpe de best-seller e talonario.
    No entanto, dá a impresión de que, no fondo, todos queren ter un best-seller no seu haber, a pesar de negalo e falaren con soberbia dos “libros innecesarios” e de que “ler o código da vinci [xesto de noxo] non é ler”.
    Estou confusa e desencantada…
    Se se están a “cazar” novos best-sellers debe de ser por algo…

Los comentarios están desactivados.