Retos para a política educativa

As intervencións da nova Conselleira de Educación sempre teñen miga. O anuncio da revisión dos convenios coa privada amosou un rigor e unha afouteza á que non estabamos afeitos. As posteriores declaracións radiofónicas en castelán (un feito ao que nunca se atrevera ningún dos conselleiros anteriores do PP) enchéronos de enorme preocupación. Hoxe, porén, aparece unha entrevista con ela moi esperanzadora, apostando por unha educación innovadora e implicada coa sociedade e ofrecendo, ademais, contrapartidas aos libreiros e editores para a implantación da gratuidade dos libros de texto ao longo da lexislatura.
Non teño dúbidas de que a política educativa debería ser unha das prioridades do novo goberno conxunto. Hai retos abondos: revalorización da rede escolar pública, implantación da nova reforma educativa (que suporá un novo deseño curricular), diminución do índice de fracaso na Secundaria, recuperación para a lingua do papel normalizador da escola, reilusión do profesorado e ampliación dos seus cadros de persoal, implantación da gratuidade educativa (servizos e materiais curriculares), o financiamento universitario e das súas políticas de investigacións… O novo equipo da consellaría ten moita faena para os escasos recursos cos que conta.

Conservación da microtoponimia

No artigo da semana defendo a necesidade de conservar a microtoponimia. A iniciativa d’ “As Teixugueiras“, a primeira rúa do novo polígono de Navia, creo que debería constituír un interesante modelo para desenvolver en todo o país.

Filias e fobias

O artigo de hoxe de Ferrín é deses que vai dar moito para falar. Canto menos abre dous grandes debates: por unha banda, o da necesidade de que todos os políticos do novo Goberno Galego atendan as chamadas do mundo da creación cultural (que ten o dereito e a obriga de expresar a súa opinión, como xa o veu facendo nos difíciles tempos dos gobernos de Fraga); por outra, o da pertinencia para eles en contestar eses cuestionarios envelenados (aparentemente tan “intrascendentes”), que adoito aparecen nas páxinas a cores dos xornais (cónstame que, en concreto, estas “Filias e fobias” é unha das seccións máis seguidas do suplemento Visado).
Non teño dúbida ningunha de que a conselleira Ánxela Bugallo é unha persoa culta e sensible (as súas respostas ao cuestionario demóstrano e a súa recente intervención en Vigo ratificouno). Sen embargo, o certo é que nesta ocasión non acertou evitando inserir as súas preferencias no canon cultural galego. Entendo que o fixera, probablemente, para non ferir a ninguén e manter unha equidade institucional entre todos os creadores. Mais, velaí, que o resultado desta opción foi contraproducente e pouco acorde co papel de potenciadora da nosa industria cultural, que sabemos ela quere desenvolver con afouteza e creatividade.
Desde hai tempo comparto a necesidade de emular entre nós a campaña que Rogerio defende dende o seu blo: Leiam jornais de referência em papel. Ouçam fado e hip-hop em CD. Apoiem a informação e a cultura portuguesa”. Sei que a nosa conselleira non ten problemas para encabezar, dentro do novo goberno, unha campaña semellante, que todos deberiamos tamén apoiar na sociedade: “Lean libros e revistas en galego. Escoiten música galega en cedé. Asistan as representacións do teatro galego. Apoien os produtos da industria cultural galega”. No éxito desta campaña dentro da sociedade galega está boa parte das responsabilidades que asumiu a Conselleira de Cultura e o seu magnífico equipo de colaboradores.

O terceiro mundo no arrabalde do imperio

Juan publica un post sobre o que está sucedendo en Nova Orleans verdadeiramente memorable. Que máis se pode dicir? Recomendo vivamente consultar todos os seus enlaces.

Willysifones, tamén, ten outro, sobre o mesmo tema, magnífico.

E Acedre continúa informando desde alí.

Actualización (03-09-2005): Imprescindibles os dous posts que lin hoxe de Ian.

Clásicos Universais

A presentación da colección Clásicos Universais encheu o Caixanova. A verdade é que o acto foi entretido e, nalgúns momentos, moi interesante. Foron magníficos o discurso moi propositivo e literariamente fermoso da conselleira Ánxela Bugallo e a actuación musical de Fran Pérez (un descoñecido para a maior parte dos presentes). O presidente da RAG, grande orador, ensaiou unha peza emotiva -pronunciada devariño e case recreándose en cada unha das palabras- sobre a necesidade de recuperar a lingua no ámbito familiar (apelando á responsabilidade das nais) e de utilizala no mundo empresarial (lembrando que ao facelo os patróns e financieiros non minguarían os seus beneficios); aínda que, desgrazadamente, o bo de Barreiro errou o tiro cando reclamou á utilización do galego no estadio de Balaídos (unha realidade xa dende o acordo da corporación en 1988) e cando presentou á nosa coma unha lingua de orixe aldeana.

Os editores quedamos satisfeitos coa colección, tanto pola escolla realizada (bastante representativa do díficil camiño da tradución en galego), como polas calidades da edición (comprobamos co primeiro exemplar na man, que os libros son dignísimos). Agardamos que a biblioteca teña boa acollida. O primeiro volume repártese gratuitamente o domingo e os dous seguintes o martes a só 1 €. Pode dicir algúen que estes libros galegos son caros?

Cando subo a imaxe, comprobo que os editores que nos situamos no recanto esquerdo, a pesar de estrear garabata italiana, nunca saímos na foto. Será posible, Brétemas?

Nova editora

Souben hoxe da xestación dunha nova editora que pretende especializarse na publicación de traducións de textos da literatura galega. Decontado, seguro, haberá noticias.

Mundo Celta

Xavier Piñeiro envíame por correo un enlace con esta páxina sobre a cultura dos países celtas. Os datos sobre Galicia poderían estar máis actualizados e algúnhas referencias son un chisco tópicas, aínda que sempre é de agradecer que se nos inclúa nesta simpática comunidade da esperanza.

Couceiro

Hoxe á mañá coñecimos unha noticia que nos entristeceu: a libraría Couceiro de República do Salvador de Santiago, un dos puntos fortes para o libro galego e portugués, pechará as súas portas durante o mes de setembro. Semella que no local instalarase unha coñecida firma de moda galega. Non obstante, sabemos que a familia Couceiro, unha estirpe de libreiros galegos coraxudos, continuará o seu traballo no establecemento que teñen aberto na rúa do Hórreo.
Ao peche desta Couceiro de República do Salvador se lle pode unir, tamén proximamente, o dalgunha outra libraría compostelana. Vai ser este o devir dos novos tempos: pechan as librarías de cultura e abren negocios de moda?

Actualización: 23:42 horas
: na presentación da Biblioteca Galega, que comentaremos mañá, falo con Suso Couceiro que me anuncia o proxecto da familia de continuar o proxecto de grande libraría galega nun novo edificio da praza de Cervantes. Quizais haberá que agardar un ano. O día remata cunha noticia ben esperanzadora.

Actualización: 04-09-2005: Entrevista a Xesús Couceiro onde expón o proxecto da súa nova libraría.