Onte 2113: «As historias silenciadas», monográfico de «Luzes 87»
Os monográficos de Luzes son outra das marabillas da revista en papel dirixida por Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas e coordinada por Valeria Pereiras. Concibidos co carácter esencial e referencial das antoloxías, recuperan o formato das publicacións mensuais ou trimestrais de reportaxes eentrevsitas longas de lectura pausada e despregue fotográfico, ao tempo que constitúen auténticos libros colectivos, textos para ser conservados na biblioteca e volver sobre eles polo interese da súa lectura ou polo seu carácter de fonte documentada. No pasado 2020, ano difícil da pandemia, Luzes publicou tres destes cadernos de 64-68 páxinas: o nº 80, en maio, «Ondas de vangarda», sobre o rexurdir cíclico das manifestacións máis creativas da cultura galega; o nº 83, en agosto, «A Galicia vagabunda», sobre a memoria e a emigración nun país portátil; e o nº 87, publicado no pasado Nadal, «As historias silenciadas», sobre a memoria histórica como lanterna sobre as zonas de sombras.
De todos os tres magníficos monográficos, precedidos de cadanseu editorial-manifesto, un xénero xornalístico reinventado en Luzes, quedei entusiasmado polo enfoque do dedicado á memoria, concibida aquí como a memoria fértil ancorada no futuro, a vacina máis eficaz contra esoutra pandemia do autoritarismo reaccionario e dos máis diversos negacionismos. Unha memoria histórica tecida cos fíos da dignidade e da solidariedade interxeracional, que xa non pode ser identificada só coa memoria republicana de Galicia, como outra zona a defender, roubándolle o sintagma a Manuel Rivas. Con esta ollada ábrese o número 87 coa reportaxe estremecedora de Luz Darriba sobre os fillos e fillas que na Arxentina denunciaron aos seus pais, responsables do xenocidio, da desaparición de 30.000 persoas e do exilio de milleiros de homes e mulleres comprometidos coa liberdade. Outrosí sucede coa entrevista que Nicolás Vidal fai Antucho Seixido, quen da emigración cubana pasou a formarse na Unión Soviética, onde coñeceu a Lee Harvey Oswald nunha peripecia novelesca.
Como outras reportaxes desvelan temáticas que nos foron agochadas. Velaí o documento inédito esculcado por Xavier Redondo Abal da Brigada Político-Social sobre o nacionalismo galego. Velaí o insospeitado xerme galego do nacionalismo vasco atopado no colexio xesuíta de Camposancos por Santiago Romero. Como emocionantes son as biografías de nove galegos capturados polos alemáns durante a IIª Guerra Mundial e deportados a campos nazis, introducidas por un texto moi clarificador de Carmen García-Rodeja. Como tamén o é a reportaxe de Olaia Tubio sobre a exposición As pequenas cousas, obxectos portadores de memoria (unha fotografía cosida, uns xemelgos, un paquete de tabaco…) que amosan como a resistencia estivo nas casas. Como clarificador é o artigo de Patricia Arias Cachero sobre «Nosoutras», as 8 mulleres entre 210 autores na revista Nós, cando se celebra o seu centenario… Textos todos moi interesantes e de lectura moi fluída.
A revista Luzes é un deses proxectos tractores da esperanza galega. Paga a pena subscribirse agora que comeza o ano.