Listado de la etiqueta: xesús_fraga

Xeración Montserrat

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Xeración Montserrat»:

O meu sogro, o redondelán José Paz Villar, embarcado nas turbonaves da Transatlántica, contaba con detalle a avaría que o 9 de agosto de 1970 deixou ao Montserrat á deriva e ás escuras no medio do Atlántico, case a 1.500 millas das Canarias. Un salvamento de película que durante catro días viviron co corazón na man os 630 pasaxeiros e 180 tripulantes procedentes dos portos da Guaira e Curaçao onde se lle fixera ao barco unha reparación provisional nas bombas de alimentación, que non producían vapor suficiente para as turbinas, o que provocaba que avanzase con lentitude. Sen luz nin máquina, o buque escorou polo vento durante dous días, até que chegou o Begoña, o seu xemelgo na Transatlántica, procedente de Venezuela na rota inversa con 677 pasaxeiros e 194 tripulantes, que se situou a 180 metros tratando de achegarlle ao avariado o amparo posible.  Ambos os dous capitáns acordaron realizar unha arriscada e inédita operación de transbordo da pasaxe e de 6 tripulantes utilizando os botes salvavidas do Begoña. Unha manobra en profundo silencio, de trinta en trinta persoas, comezada ao amencer do 12 de agosto e finalizada ao mediodía, entre ondas de dous metros de altura e a presenza de quenllas, o que obrigou ao Montserrat a soltar fuel coa intención de que amainase a marusía. Proeza finalizada ao día seguinte cando se trasladaron mil maletas e outros efectos e o Begoña, previa emocionante despedida (con foguetes e pasodobre incluídos), colleu rumbo a Tenerife, onde chegaría o 19 de agosto con 1.507 persoas a bordo.

José Paz Villar fora un dos tripulantes (onde había un amplo grupo de galegos, singularmente, mariñeiros e camareiros do Morrazo) que agardaría no Montserrat a chegada o 15 de agosto do remolcador holandés Jacob Van Heemskerk que o levaría de novo a Curaçao para ser reparado nos estaleiros dese porto antillano. A Montserrat era xa entón unha turbonave que contaba con historia de seu e millóns de millas náuticas nos seus motores, sendo a súa presenza, coma a da Begoña, habitual na Estación Marítima de Vigo, como parte da liña da compañía Transatlántica Española, entre o porto inglés de Southampton e o venezolano da Guaira, con escalas regulares na Coruña, Vigo e Santa Cruz de Tenerife. Construída en 1945 nos estaleiros de Baltimore como buque de carga para a Armada dos Estados Unidos, co nome de Wooster Victory, foi utilizada primeiro para repatriar as tropas americanas e despois, entre 1948 e 1949, para levar ao novo estado de Israel a centos de xudeus refuxiados na China. Coma lle sucedeu á Begoña foi mercada en 1950 pola italiana Sitmar Line, transformada en buque de carga e pasaxe co nome de Castel Verde, pasando en 1957, como a súa xemelga, a Transatlántica que a bautizou co nome da patroa catalá. Despois de quince anos de travesías atlánticas, en febreiro de 1973 completou a súa derradeira singradura desembarcando en Vigo a 46 pasaxeiros procedentes de Inglaterra, antes de ser despezada en Castelló.

Durante a década de 1960, as escalas nos portos de Vigo e da Coruña do Montserrat e Begoña, marcaron un fito na nosa historia migratoria, tanto por tratarse do último éxodo galego cara América, neste caso a Venezuela, como por abrir o fluxo emigratorio cara o Reino Unido, que se consolidaría na década posterior. Período retratado polo fotógrafo coruñés Alberto Martí na súa serie «Os adeuses» que simboliza o mundo dos sentimentos que acompañaron persoas, baúis, fardos, maletas, gravadas na memoria colectiva de milleiros de familias. Período que no caso vigués coincidiu coa inauguración en 1959 do edificio monumental da Estación Marítima, proxectado polo enxeñeiro Manuel Espárrago Fernández, con relevos do escultor Camilo Nogueira, e polo seu ocaso nin sequera dúas décadas despois, cando o transporte aéreo adquiriu a súa primacía.

Memoria emocional daquela pioneira emigración galega ao Reino Unido retratada na exposición «As xeracións do Montserrat», instalada na Casa das Artes (até 26 de maio). Un fenómeno migratorio que entre 1960 e 1974 protagonizaron uns 250.000 (xoves) galegos, segundo estimacións do escritor Xesús Fraga, comisario da mostra, que mudaron o rumbo das súas vidas e as das súas familias, como do propio país. Travesías a bordo do Montserrat (e do Begoña) que dende Vigo ou A Coruña iniciaron mozas como Pilar Pérez que gardou a primeira libra que gañou, ou Antonio Lois Vázquez que se acompañou en Londres dunha bandeirola do Celta, ou de Montse Rodríguez que tras catro anos de estancia en Londres como traballadora do servizo doméstico regresou para recoller ao seu home, Manolo Hermida… Fotos, obxectos, documentos artellados pola sabedoría expositiva de Pepe Barro que ofrecen unha experiencia memoriosa e emocionante para  a visitante. Unha exposición máis que recomendable.

O espírito Airas Moniz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao ditame da XLIVª edición dos Premios da Crítica de Galicia:

Entre as sorpresas do acto de ditame e entrega dos Premios da Crítica de Galicia, celebrado en Vigo o pasado sábado, máis alá da contrastada excelencia das obras recoñecidas nas categorías literarias, outorgadas ao escritor Xesús Fraga por Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020) e ao investigador Miguel Anxo Seixas por Castelao. Construtor da nación. Tomo II (Galaxia, 2020), chamou a atención a singularidade e perfil novidoso do resto das súas oito modalidades.

Moi poucas das persoas presentes no Auditorio de Afundación sabían da figura extraordinaria de Manuel Ayaso, premiado na modalidade de Artes Plásticas, o pintor e debuxante de Aguiño (87 anos), emigrante durante seis décadas en New Jersey onde desenvolveu unha obra artística que forma parte de destacadas coleccións privadas e de museos e universidades estadounidenses. Autor dunha obra expresionista, con múltiples referencias surrealistas, a pintura de Ayaso non perdeu nunca os seus referentes primeiros no mundo do mar e nos mitos da terra natal da Barbanza que abandonou aos trece anos e a que regresou hai ben pouco.

Como tamén moi poucas seguían a Erregueté, a Revista Galega de Teatro, fundada hai corenta anos polo noso sempre admirado profesor Antón Lamapereira, hoxe a única publicación en lingua galega que se ocupa de forma monográfica das Artes Escénicas, modalidade dos premios da que foi gañadora. Dirixida na actualidade polo dramaturgo Afonso Becerra, superado o seu número 100, inicia unha nova etapa na que pretende continuar atendendo a todos os xéneros (teatro, danza e circo) e ofrecendo unha crítica seria e profesional, ademais de comezar a publicación, tan necesaria, de libros de e sobre teatro.

Tamén foi ben singular o premio da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas outorgado a Viñetas desde o Atlántico, o evento creado hai vinte e cinco anos na Coruña polo ilustrador Miguelanxo Prado coa pretensión de achegar a linguaxe creativa da banda deseñada ao público non especializado e dar visibilidade a creadores galegos emerxentes e consagrados. Un festival que cada mes de agosto durante sete días sitúa a Galicia e aos seus artistas no mapa mundial do cómic, a ilustración e a banda deseñada.

Outrosí sucedeu co premio da modalidade de música outorgado ao pianista Alejo Amoedo, un intérprete virtuoso, coleccionista, investigador e profesor do Conservatorio Superior de Vigo comprometido coa música e os músicos de Galicia. Membro do colectivo cultural vigués Pertenza, a sinatura de Alejo Amoedo é habitual nas páxinas de Faro de Vigo e de Nós diario, como divulgador da historia musical e da posta en valor deste patrimonio galego.

Secasí non foi sorpresa o premio da modalidade de Cine e Artes Visuais outorgado a cineasta e académica Margarita Ledo pola súa produción, dirección e guión do filme Nación, a película protagonizada polas obreiras de Pontesa, un entrenzado visual estremecedor de reflexións, afectos, voces e berros, a composición filmada da sororidade, da nación como sociedade, como espazo público da comunidade. Filme feminista épico de beleza desacougante, constitúe o mellor traballo cinematográfico da autora.

Con todo, foi quizais o derradeiro dos premios entregados na matinal, o da modalidade de Cultura Gastronómica, outorgado a Queixaría Airas Moniz de Chantada o que mellor pon de manifesto a amplitude, riqueza, potencia, excelencia e a diversidade da produción cultural galega actual. Espírito que encarna o proxecto empresarial da Queixaría Airas Moniz fundada no lugar de Outeiro de San Salvador de Asma, Chantada, por Ricardo Gómez, Ana Vázquez e Xesús Mazaira. Tres ganadeiros que hai unha década decidiron darlle unha volta ao carpín a súa granxa intensiva de vacas Holstein, apostando por un modelo antagónico extensivo, o de vacas Jersey de pastoreo. E despois de seis anos de aposta paciente para bautizar o seu proxecto precursor de elaboración de queixo cru de pastoreo da súa propia explotación rescataron a figura do trobador chantadés do século XII Airas Moniz de Asma, do que se conservan dúas cantigas: «Mia senhor, vin-vos rogar» e «Pois nin non val d’eu muit’amar». Un proxecto baseado na innovación, mais ancorado na tradición, que xa recibiu para o seu queixo azul Savel o recoñecemento como mellor queixo de España (2020-2021) entre 800 referencias.

De Aguiño a Chantada, da Coruña a Vigo, este espírito de innovación e tradición Airas Moniz, chantado de forma inequívoca sobre o piar compartido do emprego do idioma, –«Non hai lingua abondo para recoñecérmonos» foi o verso de Xela Arias escollido para enmarcar a XLIVª edición destes premios da crítica– percorre a cultura galega actual que queremos grande, diversa, orgullosa e sen límites para enxergar o futuro.

Onte 1886: Os camiños que abriu Agustín

Agustin_F_Paz_por_Oscar_VazquezGustei moito da lembranza que Xesus Fraga fixo onte en La Voz de Galicia da figura de Agustín Fernández Paz, cando se cumpre un ano do seu pasamento. Acerta Ramón Nicolás cando salienta que “Agustin abriu camiños polos que as novas xeracións transitan agora”, referíndose tanto ao lectorado literario galego como a ese grupo de autores e autoras, membros da que chamamos “Xeración da Esperanza“, que el tanto soubo agarimar e estimular, sobre todo as que cultivan tamén a literatura infantil e xuvenil. Como acerta Olalla Cociña, formada como lectora e autora nos textos de Agustin, cando o compra co escritor ideal segundo o criterio de Holden Caulfield d’ O vixia no centeo, ese ao que chamarías cando che petase. Sempre crin que ese carácter de autor de proximidade fixo de Agustin unha figura literaria irrepetible. Sei que os inéditos que iremos editando contribúen apenas a mitigar a súa ausencia, mesmo a pesar de que sabemos que como escritor adquiriu a consideración dun clásico e que as súas obras teñen unha clara vontade de permanencia. Agustín deixou un amplo legado literario, que aventuro continuará interesando o lectorado de xeracións futuras, ao tempo que unha pegada marcante nos nosos corazóns.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1725: «El Librero» de Roald Dahl

16ed34c8f701691d459fd0fa2c439826El Librero de Roald Dahl, ilustrada por Federico Delicado, é unha desas alfaias que nos agasalla o ano centenario do xenial autor de Cardiff. Aparecido en Play-boy en 1987, o relato é un retrato desapiadado dunha parella, o libreiro William Buggage, e a súa axudante, a señorita Tottle, que non respecta límites ningúns na súa acumulación (fraudulenta) de cartos e máis cartos. Que ninguén se leve a enganos, esta non é unha gabanza do noble oficio de libreiro de vello nin da bibliofilia como paixón pola descuberta e polo coñecemento nos libros. Esta é unha narración sobre a cobiza e a deslealdade afiada pola navalla do sarcasmo de Dahl, que o noso admirado Xesús Fraga traduciu coa precisión do cirurxián e a sensibilidade do pintor expresionista na escolla da paleta léxica. Un relato, pois, sobre a debacle moral, que non perdeu actualidade ningunha, que axiña relacionamos coas Presas fáciles de Miguelanxo Prado. Xaora, particular interese teño en salientar a coidada edición de Nórdica que na colección Ilustrados nunca defrauda.

Onte 1152: O libro nos medios

B25gtupIAAAkR7M

Participamos onte na xornada que a Asociación Galega de Editores dedicou a debater arredor do libro e da lectura nos medios, con especial atención ao caso galego. Como era de supoñer, inseridos ambos os dous sectores no proceso de mudanza do seu modelo de actividade e negocio, as catro mesas de debate movéronse nas incertezas dos matices dos grises e, nalgúns casos, no carácter apocalíptico dos negros. Non é doado resumir as achegas da ducia de intervenientes que abordaron as relacións entre os medios impresos e dixitais, a radio e a televisión co actual proceso de hibridación do sector do libro e da lectura. Xaora, tiramos a conclusión da necesidade no marco actual de devalo dos ingresos publicitarios e mudanza do paradigma da comunicación cultural de afondar no concepto de lectura e no de atopar novos modelos de distribución do contido dixital.

Dedicouse a primeira das mesas a reflexionar sobre a cuestión máis xeral, «A cultura nos medios. O caso galego». Xosé Manuel Pereiro confesou que «non cría no xornalismo cultural» e que para el «todo xornalismo debía estar mechado de cultura». «O xornalismo impreso do futuro será cultural ou non será». Camilo Franco cualificou a información actual dos medios sobre cultura como «resignada e con sentido do espectáculo», «preténdese transmitir un discurso brando, non molestemos á xente con novelas e complicacións». Subliñou que para os medios galegos «o que aparece en galego ten carácter cultural. Conciben que Galicia é un país subordinado e a cultura galega é subordinada». Apelou Franco á responsabilidade colectiva, «que comeza nun mesmo», e considerou que hoxe á pregunta non é «”Que poden facer os medios pola cultura galega?” senón “Que pode facer a cultura galega polos medios?”» Manolo Gago comezou afirmando que «vivimos unha crise do negocio publicitario nos medios, non do xornalismo». Presentou datos contundentes sobre a crise de audiencia dos medios de prensa convencional en Galicia, que afecta tamén aos seus medios dixitais, nos que, pola contra, se aumenta o tempo de lectura, xa que «o cliente dos medios dixitais muda o seu comportamento, cunha lectura máis repousada». Afirmou Gago que «os contidos culturais de ámbito galego supoñen apenas o 22 % dos ofrecidos polos medios galegos». Gago ofreceu como escenario prospectivo dos medios en Galicia a eliminación nos medios da información «commodity», a preservación da información sobre Galicia (como espazo de infleuncia), o fortalecemento da información local (onde hai un maio mercado publicitario), e a promoción de áreas potenciais. Insistiu Gago que para el «non existe un público cultural, existen audiencias específicas para a literattura, a ciencia, a música, o audiovisual», así como no papel das redes sociais, onde se fai a conversa, e no papel do xornalista con identidade propia.

A segunda mesa redonda dedicouse a presentación das experiencias sobre a abordaxe do libro e da lectura na rede. Montse Dopico presentou o seu Magazine Cultural Galego e apostou pola especialización da información cultural no eido dixital. César Lorenzo, responsable de Biosbardia, cualificou «o silenciamento do libro galego como unha operación política, con especial incidencia sobre o libro literario». Lorenzo considerou «a fragmentación en internet como unha oportunidade» e apostou por «unha información con rigor, independencia e profundidade». Raquel C. Pinto, membro do equipo de Disquecool, defendeu a internet como salvación para a cultura galega. Para ela «a literatura galega ten un serio problema de imaxe. Precisa que a fagan sexi, divertida, que a convertan en cool, atractiva, sedutora, o que mola, o que consumimos». Por último, Nacho Alonso presentou a experiencia da revista literaria dixital Fervenzas literarias apostando pola posibilidade de que os proxectos dos participantes na mesa puidesen colaborar, «xa que precisamos capacidade de referenciarnos sobre nós mesmos».

A primeira mesa redonda da tarde dedicouse ao libro na radio e na televisión. Ana Romaní presentou nunha fermosa intervención a experiencia de vinte e cinco anos do Diario Cultural da Radio Galega, insistindo en que «a información e a cultura é un dereito e non un privilexio en tempos de ventura». KIko Novoa presentou a experiencia da introdución de contidos literarios no seu programa Galicia por diante da Radio GalegaHenrique Sanfiz, responsable de Radio Fene e Radiofusión, presentou a experiencia de programas como «A Biblioteca Infinda». Pechou o simposio a mesa redonda sobre o libro e a lectura nos xornais. Carme Vidal presentou a experiencia de Sermos Galiza e reivindicou o espazo da cultura nos medios xeralistas. Para ela «o peso da cultura galega responde a liña editorial co medio difunde». Jaureguizar, xornalista da sección de Cultura de El Progreso, propuxo explorar novas formas de ler nunha alianza entre editores e xornalistas. Xesús Fraga, xornalista de Cultura de La Voz de Galicia, reflexionou sobre a crise do modelo no que estamos inmersos.«Creo que os xornais estamos perdendo a preminencia comunicacional, xa non somos o referente sólido, incuestionable. Ao libro estalle pasando algo semellante. A fragmentación, a atomización, a brevidade da lectura actual poñen en cuestión o seu modelo»

Onte 959: Máis sobre a Xeración da Esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Tras diversos comentarios e conversas comprendín que non estiven moi acertado cando definín a Xeración da Esperanza só polo criterio da idade. Sen dúbida é máis axeitado para confeccionar esta nómina de narradores e narradoras utilizar a data da súa primeira publicación individual arredor do inicio do novo século.

Dese xeito, á relación anterior habería que engadir a narradoras como Medos Romero (2000), Eva Moreda (2002), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011); así como a narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004); Anxo Fariña (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Juan Tallón (2007),  Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Ignacio Silva (2011),  Xaime Toxo (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013), Pere Tobaruela (2013), Manuel Gago (2013), entre outros.

En definitiva, son máis de setenta as narradoras e narradores en lingua galega –aos que con certeza habería que engadir algún nome que queda atrás (polo que pido desculpas)– que iniciaron o seu vieiro co novo século. Unha noticia para a esperanza da nosa narrativa en tempos de difíciles.