Un ano para o Manuel
Dediquei a Manuel María o artigo da semana en Faro de Vigo con motivo do videiro 17 de maio.
Non nego que agardaba a elección de Xela Arias, a nosa compañeira de Xerais, a poeta viguesa da denuncia do equilibrio, mais a do admirado Manuel María constitúe unha decisión moi acertada da Real Academia Galega para celebrar o vindeiro 17 de maio. Tras a polémica do verán pasado, que ensombreceu a homenaxe a Filgueira Valverde, a elección do poeta chairego acadou decontado un alto nivel de consenso, o que coincidindo co centenario da fundación das Irmandades da Fala, aventura unha celebración moi exitosa do “Ano Manuel María”.
Manuel María Fernández Teixeiro, desde que naceu o 6 de outubro de 1929, nunha casa de labranza en Outeiro de Rei, até que morreu na Coruña o 8 de setembro de 2004, dedicou boa parte da súa vida a construír de forma continuada unha obra literaria monumental en galego, que superou o cento de títulos, con atención especial á poesía e ao teatro, e a manter como libreiro, editor, ensaísta e xornalista literario unha actividade incesante a prol da nosa cultura e en defensa da nosa lingua. Membro numerario serodio da Real Academia Galega –leu o seu discurso de ingreso Terra Chá: poesía e paisaxe, que foi respondido por X.L. Méndez Ferrín, apenas un ano e medio antes do seu pasamento–, Manuel María recibiu en vida a consideración de poeta nacional de Galicia, tanto pola importancia da súa obra poética coma polo seu compromiso político co nacionalismo galego.
Iniciou en Lugo a súa actividade literaria en 1949, cando sendo alumno de sétimo de bacharelato promoveu co seu compañeiro Manuel Antonio Sopena a publicación das follas de poesía “Xistral”, título co que os agasallara Luís Pimentel, a quen coñecera xunto con Celestino Fernández de la Vega e outros galeguistas na tertulia do Cantón Bar (despois do Méndez Núñez). Un ano despois foi Aquilino Iglesia Alvariño quen xestionou con Celso Emilio Ferreiro e Sabino Torres a publicación na colección de poesía Benito Soto de Pontevedra do seu primeiro libro Muiñeiro de brétemas (1950), co que iniciou a súa etapa de poemarios de corte existencialista, ao que pertencen tamén Morrendo a cada intre (1952) e Advento (1954), nos que aparecen os abraios e os berros angustiados do poeta adolescente de intensidade e sinceridade abrumadoras. Porén, axiña aparecerá o xermolo dunha nova etapa poética en Terra Chá (1954), no que ademais de deterse na paisaxe natal realiza un percorrido pola xeografía humana da chaira lucense, fose pola súa historia, real ou lendaria, como polas tradicións e oficios das súas xentes. Un libro moi traballado, fulcral na súa obra poética, que foi refacendo e ampliando até en catro ocasións ao longo da súa vida, conectando na súa intencionalidade e época con Os Eidos de Novoneyra, poeta con que moito amigara en Compostela nos tempos do servizo militar, e con Bocarribeira de Otero Pedrayo, que cantan ao Caurel e a ribeira ourensana do Miño.
Será con Documentos personaes (1958) e Mar Maior (1962), publicado na colección Sanlés que dirixía Celso Emilio Ferreiro, cando utilizando os recursos do sarcasmo e da ironía comeza a súa serie de poesía social, de protesta e patriótica, presente en libros como Versos para un país de minifundios (1969), Remol (1970), publicados por Edicións Nós en Buenos Aires, e que culminará cos versos totalmente partidistas de Poemas para construír unha Patria (1977). Poesía civil, que el definiu como “rabiosamente nacionalista”, mais que cómpre recoñecer que nalgúns casos tivo carácter circunstancial, que coincidiu coa publicación do seu libro, para min máis fermoso e emocionante, Os soños na gaiola (Cartonaxes Anni, 1969), unha peza esencialmente lírica. Escrita nunha semana, utilizando versos populares, o máis musicais posibles, Manuel explica aos nenos e nenas os elementos fundamentais da súa infancia labrega. Fermosamente musicado por Suso Vaamonde, Os soños na gaiola é o libro alboral da poesía infantil en lingua galega, unha desas alfaias que continúa brillando.
Coa publicación de Poemas de labarada estremecida (1981), froito da experiencia de moitos anos do seu matrimonio con Saleta Goi, recupera as formas clásicas e inicia a súa etapa de madurez, presente en libros esenciais como A primavera de Venus (1993), co que comeza a súa colaboración coa editorial Espiral Maior do poeta Miguel Anxo Fernán Vello, onde publicará Camiños de luz e sombra (2000), volume que recolle a obra poética completa deste período.
Este ano para o Manuel servirá para descubrilo tamén como importante autor de literatura dramática, como editor das coleccións Xistral e Val de Lemos, como inquedo libreiro da Libraría Xistral que abriu con Saleta a súa chegada a Monforte ou como soporte literario esencial de Voces Ceibes, da Nova Canción Galega e da actual música popular.