Artigos

Onte 1775: Manuel Veiga no Ateneo de Pontevedra

Presentamos no serán de onte no Ateneo de Pontevedra Todo ser humano é un río de Manuel Veiga. na súa intervención de acollida, Xaime Toxo, presidente do Ateneo, cualificou o libro de “preciso e precioso”, “sendo a ollada como conciencia de narrador solitario a protagonista da novela”. Cualificou a obra como “evocadora, antisublime e valente”. “O de Veiga é un libro intelixente, ben escrito, dirixido a lectores conscientes do intelixentes que poden ser”. “Todo ser humano é un río supón o retrato dun final de época, o mundo da Galicia interior, devastado e en proceso de desaparición”.

XG00249101Pola súa banda, Anselmo López Carreira iniciou o seu discurso sinalando que “o libro de Veiga axuda a comprender a similitude do río coa vida humana, xa que a continua afluencia de experiencias das nosas vidas fan que como os afluentes do río sempre sexa a mesma, a pesar de ser sempre diferente”. “Nesta obra entendemos as dificultades de establecer as fronteiras entre os xéneros da narración. Todo ser humano é un río non se debe entender como unha narración convencional con nó e desenlace, xa que só cando rematamos a lectura entendemos o sentido do gran río da vída e de todos os seus afluentes”. “Non sei se é unha novela en sentido clásico. Mais o que si identifico é un documental, un espello no que se vai presentando un país, dende unha perspectiva sociolóxica, histórica e xornalística. É unha obra sociolóxica, dun autor que noutro libro, O pacto galego na construción de España, fixo unha achega importante para entender o período da Restauración e o nacemento do nacionalismo, o que axuda a entender a situación actual”.

A seguir, gabou López Carreira “Casa vixiada”, unha noveliña dentro da novela, na que o narrador relata a visita a un pazo existente, o de Muíños de Antero. “É o momento máis fermoso da narración, cando Veiga se recrea no xogo de palabras e no sabor da contemplación das obras de arte e do propio pazo. Unha vez que rematamos a lectura de todo o libro comprendemos o valor de todas as pezas, un tanto dispersas, deste documental que nos permite mellor comprender o país, que é do que se trata”.

Manuel Veiga, como fixera en presentacións anteriores, salientou que “a ficción nos axuda a entendernos, as artes todas son un suplemento da realidade, que nos axudan a entendela”. Agradeceu a Anselmo e a Xaime que valorasen, como fixera en Compostela Lourenzo Fernández Prieto, “o carácter estritamente literario do libro”. “Sei que cando falo da rúa da miña nai, moitos lectores e lectoras identificarán esa rúa coa da súa infancia. Iso demostra que se afondas na túa particularidade serás máis universal. Como dicía Tabucci a literatura de aeroporto é a máis prescindible, porén aquela que fala do singular, a miña rúa, é a de moita xente”. “Lendo no libro de Amos Oz, Unha historia de amor e escuridade, no que fala da súa familia, ocorreúseme facer algo semellante coa miña. Eu sempre queo contaxiarme do que leo, imitar aos máis grandes autores e aprender deles. Creo que os escritores temos que ollar tanto para a terra como para o ceo, somos campesiños e cregos a un tempo”.

Na quenda de participación do público, Veiga afirmou  que “dá igual que o libro sexa ou non considerado unha novela”, “o importante é que sexa concreto, topográfico, capaz de analizar a realidade humana, xa que a literatura é a arte do concreto, fronte a abstración que permite a filosofía”. “Non son nostálxico nin me gustaría que os meus libros fosen entendidos como tales. Os seres humanos precisamos darlle un sentido ás cousas, darlle nome. Queremos darlle un sentido a todo. O mundo da ficción pretende poñer orde ao caos. Ademais, tratar de entender é terapéutico, tranquilízanos, dános acougo e calma. A ignorancia é o que provoca máis dor. A función da arte é un imposible, poñer orde neste caos. Este libro trata de facelo coa Galicia interior, que necesitamos entender”.

Onte 1751: Presentación de “Non hai outro camiño” de Isaac Xubín

Magnífica presentación a do serán de onte en Pontevedra de Non hai outro camiño de Isaac Xubín. O presidente do Ateneo, Xaime Toxo, a profesora Ana Acuña e o escritor Anxo Angueira salientaron o valor deste poeta, narrador e tradutor cosmopolita, “un deses autores imprescindibles que sabe ficcionar o seu país”e a importancia desta súa primeira novela que cualificaron de estimulante, extraordinaria e poderosa.

XG00247501Ana Acuña comezou confesando “a súa sorpresa e admiración polas moitas calidades da novela”, “tanto polo coidado e esmero co que está escrita, polo compromiso coa terra do seu autor, polo seu coñecemento das máis diversas áreas do saber, dende a bioloxía, as matemáticas, pasando polo deporte, até a gastronomía”; “unha novela que, ademais, sitúa a Xubín a carón de autores fundacionais da nosa literatura galega como Méndez Ferrín”. A seguir, Ana Acuña identificou osdous fíos da novela: o primeiro, o dos personaxes, individuos sen recordos, usuarios de espazos de paso, de diversión, pertencentes a dous grupos sociais moi diferentes; o segundo, o dos espazos, Staro Selo, a cidade de beiramar, e a Zadruga de Vasari, un espazo rural, onde se formaron os protagonistas. Rematou Ana Acuña analizando a tipoloxía de personaxes, afirmando que “a pesar da atmosfera de alienación e opresión, a novela deixa un recendo de esperanza”, aventurando que “imprimirá unha forte pegada na historia da literatura galega”.

Comezou Anxo Angueira sinalando que Non hai outro camiño era “un libro extraordinario, unha novela poderosa, inserida nunha tradición histórica de vangarda, na liña iniciada porr Gonzalo Rodríguez Mourullo en Memorias de Tains, unha ficción política, na que debaixo estaba a Guerra Civil, contestando a visión que tiña Ramón Piñeiro da literatura galega, baseada nos principios de lirisimo, paisaxe e humor”. “Esa doutrina foi contestada por mozos como Mourullo, irrompendo como Nova Narrativa Galega. Esta novela de Xubín é filla desa tradición, da narrativa que quixo romper con esas directrices de Piñeiro. Unha novela que como aquelas obras da NNG establece un diálogo da literatura galega coa literatura universal, como fixo Camilo Gonsar en Cara a Times Square. Novelística do extrañamento, do obxectalismo, novelística citadina, dominada polo desexo, a paixón e a violencia. Unha liña que de Mourullo continúa en Ferrín, Queizán, Gonsar e, na actualidade, en Cid Cabido, narrativa caracterizada por un estilo directo, potente, seco, que nos vai encadeando na engrenaxe da formigoneira facendo masa de porlan e masa de pan”.

“Para procurar ese extrañamento -seguiu Anxo Angueira- Isaac utiliza o procedemento do Pai Sarmiento, o da onomástica,que introducía nomes populares, a liña que tamén seguiu Blanco Amor na Esmorga. Sen embargo, a de Isaac é distinta, buscando nomes que non son familiares, que nos extrañan, nomes eslavos que producen un fenómeno especular cando se mesturan con outros convencionais para nós como Picallo ou Martínez. Un procedemento que Isaac comparte con Ferrín, que xa o utilizara en Retorno a Tagen Ata ou en Bretaña esmeraldina“. “A novela de Xubín é unha ficción literaria e política, na que está presente unha obsesión do autor pola Filoloxía e polas linguas, unha preocupación polo vocabulario, mesmo o mariñeiro”. “Non hai outro camiño é unha novela vinculada con outras dúas obras de Ferrín, Elipsis e outras sombras e  Arrabaldo do norte, onde explicitamente aparece o nome de Staro Selo, obras ambas as dúas que falan da alienación, a de inviduos presos por un estado de cousas”.

“O feito de que nada mude en Staro Selo expresa que esta é unha obra incardinada na imaxe da espiral, que nos atrapa. Esta é unha narración especular, unha ficción política sobre a Galicia de hoxe, relacionada co estado de cousas social e política do mundo actual”. “Máis tamén está presente na obra a paixón gastronómica do autor, como investigador na cultura culinaria, un eido fundamental da nosa cultura”. “Como presente está a violencia exercida polo poder dunha minoría favorecida polo silencio cómplice dunha maioría inmensamente covarde. Unha sociedade onde uns ditaminan e outros dinamitan, o que amosa que alí hai resistencia”. “Na novela configúrase unha rede de personaxes, que aparentemente aparecen soltos, mais o final o lector vai xuntado, creando un tecido, o texto”.

“Na novela de Xubín hai un discurso sobre a identidade, concibida como algo que non está dado, como un proceso, un camiño; a identidade a estamos construíndo, vímola facendo”. “O leitmotiv da novela é o porlan, a cidade toda de Staro Selo está solificada por este porlan, unha masa que se estende, que via ocupando todo, acabando por todo o que ten por diante, unha das grandes metáforas deste novela dun autor que se adscribe aos escritores comprometidos coa función poética da linguaxe. Esta repetición constante do porlan enfróntase o latexo do monte dos cabalos ceibos”. “Unha novela, ademais, que ten como tema principal a soidade, xa que todos os personaxes respiran, beben soidade”. Rematou Angueira salientando o determinismo xeográfico e politico presente no propio título, Non hai outro camiño: hai que darlle unha volta a este mundo, responder a un estado de cousas”.

Onte 1256: «Antípodas» e a reinvidicación do idioma

antipodas_pontevedra_06-03-2015

XG00211201Cun impresionante alalá a cantora Begoña Lorenzo abriu a presentación de Antípodas de Xosé Vázquez Pintor que onte organizou o Ateneo de Pontevedra. Un serán musical e literario fermoso e emotivo no que as persoas participantes reivindicaron o valor da memoria e da palabra de noso como fulcrais na actividade literaria. O escritor Xaime Toxo, presidente do Ateneo, situou «a trama, o argumento e o urdime de Antípodas entre o territorio da conciencia de existir da realidade e o da consciencia». «As preguntas que formula o protagonista sobre o que aconteceu ou sobre o que foi soñado expresan a metáfora das antípodas.» «Na novela de Pintor fanse as preguntas principais sobre a xeografía dun país que desaparece, sobre os grandes cambios que está sufrindo.» Para Toxo toda a novela ten unha textura poética e telúrica, que conduce ao lector polas derivas da derrota. «Antípodas está escrita cun tempo tan medido coma o que nos provoca o chimpo do arroaz, cun léxico mariñeiro impresionante que conforma unha patela de escamas prateadas.» Rematou Toxo a súa intervención subliñando que «Antípodas sitúa as angurias de toda unha sociedade que fala unha lingua que aínda está viva.» Na súa intervención Pintor reivindicou a oralidade, a riqueza da lingua, coma unha herdanza de toda a comunidade galega. «O idioma de Antípodas non é meu, somos todos, é o de cada unha das nosas tribos.» Antes de ler varios capítulos da obra, o autor d’ Os vellos oficios salientou a súa esperanza co futuro do idioma, convencido de que «somos xente humilde de nós, tardamos de botarnos de fóra.»

Onte 959: Máis sobre a Xeración da Esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Tras diversos comentarios e conversas comprendín que non estiven moi acertado cando definín a Xeración da Esperanza só polo criterio da idade. Sen dúbida é máis axeitado para confeccionar esta nómina de narradores e narradoras utilizar a data da súa primeira publicación individual arredor do inicio do novo século.

Dese xeito, á relación anterior habería que engadir a narradoras como Medos Romero (2000), Eva Moreda (2002), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011); así como a narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004); Anxo Fariña (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Juan Tallón (2007),  Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Ignacio Silva (2011),  Xaime Toxo (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013), Pere Tobaruela (2013), Manuel Gago (2013), entre outros.

En definitiva, son máis de setenta as narradoras e narradores en lingua galega –aos que con certeza habería que engadir algún nome que queda atrás (polo que pido desculpas)– que iniciaron o seu vieiro co novo século. Unha noticia para a esperanza da nosa narrativa en tempos de difíciles.

Onte 385: «15.724»

Máis de cento cincuenta persoas participaron na presentación en Pontevedra de 15.724, a máis recente novela de Xesús Constela. Un serán literario excelente nas novas instalacións da Sala Sarmiento do Museo de Pontevedra, que contou ademais coa participación das afinadísimas pandeireteiras de Coruxo A Buxaina. Xaime Toxo, presidente do Ateneo, abriu as intervencións literarias definindo 15.724 como «unha novela contra a compracencia, un libro de profundo alento contemporáneo». Adolfo Caamaño realizou unha presentación soberbia profundizando sobre os temas e as estruturas da novela dun «escritor que arrisca constantemente en cada unha das obras». Pola súa banda, Xesús Constela utilizou o carácter didáctico das cifras para abordar cuestións principais. 15.724: «un número intensamente relacionado cun dos personaxes da obra». 3: «son os símbolos da Patria: O Libro dos Protocolos, O Armadillo e o tirano da Patria». 4: «os narradores da historia, por dóus xornalistas (Leo K e Orlando P) e por unha serie de artigos xurídicos». 2: «son os seus protagonistas, dous irmáns Gordo e Samuel R». Despois salientou que quixo facer «unha novela que fose metáfora do do mundo, mais tamén metáfora da manipulación informativa». Así mesmo dixo que quixo facer  «unha novela de prevaricacións» e «unha novela na que non estivese claro conde comeza e remata a cordura e a loucura da xente», como tamén «unha novela sobre o vencello máis profundo que une a dous irmáns». Dedicou a derradeira parte da súa intervención a xustificar as razóns pola que fixo «unha novela contra a pena de morte, algo que sempre me arrepiou», convidando ao público a ler (descifrar) o número que dá título á novela e a visitar o seu espazo web aberto esta semana.