Listado de la etiqueta: walter_benjamin

Beiramar da xente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de Beiramar da xente:

Non é a primeira nin será a última vez que nestas crónicas propoñamos a actitude do flâneur, inmortalizada por Charles Baudelaire n’ O spleen de París –hai excelente tradución galega de Xela Arias (Laiovento 2021)–, como unha das mellores formas de desvelar os segredos da cidade na que vivimos. Posición que para o filósofo Walter Benjamin inaugura a modernidade na consideración do fenómeno urbano, até entón identificado pola ocupación da praza pública, substituída pola experiencia do paseante que procura o efémero e as marcas do tempo ao longo das rúas, avenidas, bulevares ou peiraos que sofren o impacto do crecemento metropolitano e o desenvolvemento industrial, característicos da cidade moderna. Experiencia para o alemán semellante a da lectora que abre un libro disposta a engaiolarse ou a sorprenderse co relato que se lle ofrece en cada páxina; cidade convertida así en biblioteca onde en cada esquina flúe o misterio e na que en cada paseo pode indagarse nas capas do palimpsesto urbano, unha forma de compartir a memoria e o coñecemento da propia historia. Ollada coa que a veciñanza pode percorrer a súa cidade como exercicio de esculca e gozo activo, máis tamén cunha disposición crítica que vai máis alá do consumo de autofotos da visitante á caza das iconas urbanas para publicalas como reclamo de autopromoción nas súas redes sociais.

Xaora, hai un século que Benjamin alertaba que «saber orientarse na cidade non é moi difícil, mais perderse nela, coma alguén se perde nunha floresta, require instrución». Desa necesaria curiosidade do paseante, desa forma lenta de afrontar a vida  de quen se deixa levar polo engado do relato da súa cidade, desa pulsión de quen pretende coñecer o motivo de cada unha das capas presentes en edificios e fábricas próximos, o que chamamos palimpsesto urbano, agroma a utilidade para a veciñanza de mediacións en forma de itinerarios e paseos guiados que facilitan esa indagación sobre as marcas visibles ou trazos non visibles dunha cidade que é continuo presente. Unha mediación de afán didáctico que no caso da cidade nosa ven facendo dende hai tres décadas o Instituto de Estudios Vigueses, dende as súas máis de duascentas publicacións, dende as conferencias do seu Forum, auténtica enciclopedia aberta sobre a cidade ou sobre os paseos guiados pola ría, polos xardíns e edificacións históricas. Itinerarios que organizan outras iniciativas da sociedade civil, como a recente «Beiramar da xente», promovida por oito asociacións veciñais e culturais viguesas unidas pola defensa do patrimonio industrial da cidade.

Itinerarios seguidos por centos de persoas polo actual barrio da Industria, hai un século coñecido como areal de Coia, onde se instalou entón un auténtico distrito industrial vinculado a conserva, a pesca e a construción naval. Itinerarios arredor do complexo industrial emblemático deseñado por Jacobo Esténs, como a fábrica de La Artística (1919), dedicada á fabricación de latas de conserva, como os Talleres Alonarti (1921), de fabricación de máquinas para a anterior, dous dos maiores fitos da nosa arquitectura industrial, hoxe abandonados, agardando a súa conservación e usos públicos socio-comunitarios. Como é impresionante o itinerario polo polígono industrial da rúa Jacinto Benavente, desenvolvido dende 1952 cando se abriu a avenida Beiramar, onde se instalaron as primeiras industrias que aplicaron a tecnoloxía do frío e marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Edificacións, unhas xa desaparecidas, como as de Casa MAR, hoxe auditorio e hotel, outras abandonadas e arruinadas, como as de Pescanova, Pescapuerta ou Molagón, que agardan por novos usos. Sen esquecer o incerto futuro da conserveira Albo, valioso conxunto industrial de inspiración rexionalista, proxectado en 1929 polo arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, cuxa actividade foi trasladada á Plisan de Salvaterra (2022).

Mención á parte polas súas dimensións merece o itinerario arredor das edificacións de conservas Alfageme, un dos complexos do patrimonio industrial máis notables dos existentes en Galicia. Deseñado en 1929 polo arquitecto Manuel Gómez Román, os seus 13.000 metros cadrados entre a rúa Tomás Alonso e a avenida de Beiramar agardan a súa conservación integral e novos usos, entre os que o colectivo «Beiramar da xente» considera a posibilidade de convertelo nun recinto de eventos musicais e deportivos de formato medio, cun aforo entre o do IFEVI e o do auditorio Mar de Vigo. Proposta que merecería ser estudada, xa que no caso de ser viable sería alternativa á actuación anunciada na carballeira da Barroca, que pon en perigo o derradeiro bosque aluvial da parroquia de Navia. O Vigo industrial da Beiramar ben merece ser paseado coa actitude crítica do flâneur.

Da Calzada ao Casco Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Da Calzada ao Casco Vello de Vigo (Xerais 2023) de Jorge Lamas:

Coincidindo coa celebración da (estreita) Feira do Libro de Vigo aparece Da Calzada ao Casco Vello de Vigo. Un paseo a pé pola historia e a arquitectura (Xerais 2023), o novo libro do xornalista Jorge Lamas. Tras a publicación de Historias de Vigo (Xerais 2018) e O Vigo que viron os franceses na Reconquista (Instituto de Estudios Vigueses 2021), co pretexto de ofrecer unha guía para coñecer o Vigo histórico que fose máis alá dos límites do «Casco Vello», Lamas ofrece nun cento de páxinas ben documentadas e mellor escritas outra orixinal e moi atractiva historia de Vigo. Un libro concibido para axudar a camiñar e coñecer a cidade propia, e facelo devagariño, coma se por unha xornada fósemos viaxeiros ou turistas dun cruceiro, a actitude curiosa adoptada polo flaneur de Charles Baudelaire, polo home da multitude de Edgar Alan Poe ou polo camiñante urbano de Walter Benjamin,  que fan deste paseo sen rumbo aparente e sen afán mercantil unha nova forma de vida e da cidade que se redescubre como outra comunidade de acollida. Mais tamén é o do historiador Jorge Lamas un texto erudito de referencia onde consultar o dato preciso e a localización exacta, como unha síntese de centos de publicacións anteriores, o que aventuro facilita a súa utilización como recurso didáctico sobre a historia da cidade nas aulas viguesas.

Con ese espírito divulgador e capacidade didáctica, Lamas artella no Vigo histórico, no espazo que vai entre a Calzada, no límite con Teis, e o Casco Vello, tres rutas para percorrer: a primeira polas rúas García Barbón e Policarpo Sanz, que camiña entre camelias e laranxeiras cara a Porta do Sol; a segunda polas rúas Rosalía de Castro e Marqués de Valadares, camiño entre a Metalúrxica e Carral coa presenza permanente da arqueoloxía nuns terreos pouco alterados ao longo do tempo; e a terceira polo Areal e As Avenidas, camiño do primeiro ensanche extra muros iniciado a finais do século XIX para facilitar o desenvolvemento do emprendemento industrial (metalúrxico e conserveiro) e comercial (marítimo)  da que foi conformándose como cidade portuaria e cosmopolita. Tres camiños nos que ao fío da localización das edificacións pétreas, tanto das conservadas como das desaparecidas, seguindo en boa medida os criterios de clasificación e identificación de Vigo. Arquitectura Urbana (Concello de Vigo, 2000), o monumental catálogo de Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias Veiga, investigadores do Instituto de Estudios Vigueses, aos que Lamas dedicada a obra, vanse desenobelando tamén as historias, os acontecementos e os relatos biográficos dunha cidade, por ventura, cada vez menos esquecediza.

Non se lle pasa desapercibida a Lamas que no espazo escollido está presente o celme do Vigo histórico, tanto pola presenza dos primeiros vestixios (hai 120.000 anos) e dun bosque prehistórico de oito mil anos de antigüidade como pola existencia dun porto de época romana, unha gran salina de evaporación solar (conservada e musealizada), dúas ducias de estelas funerarias e unha factoría de salgadura, que funcionou entre os séculos I ao IV e pode considerarse como a primeira fábrica de Vigo. Sen esquecer que no espazo descrito están localizadas as dúas freguesías históricas, a de Santiago de Vigo e a de Santa María de Vigo, berce daquel Vigo fundado polo poeta Martín Códax, do que se conserva a primeira referencia nun documento de 1097 referido a un preito entre os veciños de Vigo e Canadelo, topónimo aínda conservado (como Roupeiro e Miragaia), así como da presenza novidosa dunha mámoa, que abre unha nova interpretación sobre a cultura megalítica viguesa. Como relevante foi a aparición no Areal do ungüentario bizantino, exposto no Museo do Mar, que amosa as relacións comerciais que dende os séculos VI ou VII mantivo Vigo co Oriente Próximo.

Con todo, a cerna da obra de Lamas radica na explicación do patrimonio arquitectónico deste espazo monumental, onde está presente a diversidade das mellores pezas pétreas viguesas, tanto as de influencia modernista, rexionalista, ecléctica e racionalista (Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente, Madariaga, Francisco Castro…) como as máis recentes e de espírito contemporáneo (Xosé Bar Boo ou Desiderio Pernas). Lamas non esquece a arquitectura industrial deste espazo, tamén de emprendemento fabril (A Metalúrxica, A Barxa, A Molinera, Conservas Alonso…), as edificacións culturais ou comunitarias (Casa do Pobo, Teatro García Barbón, Hotel Moderno, Hotel Universal…) como o proceso de constante recheo do bordo marítimo, orixe da Alameda, das Avenidas e das instalacións portuarias e do ferrocarril do Areal. Recomendo vivamente un libro pensado para levar na man e consultar camiñando con espírito de viaxeiro na propia cidade.

Onte 1573: Rivas no Ateneo de Pontevedra

CaZKiggXEAEYvFEManuel Rivas deu a benvida ao máis do cento de persoas participantes onte na presentación no Ateneo de Pontevedra d’ O último día de Terranova lendo «A perpetuidade da aldraxe perfecta», o manifesto que publicará nos próximos días no número 26 da revista Luzes. O que Rivas denominou «a aldraxe perfecta» e «a aldraxe das aldraxes», a extensión da concesión de ENCE durante os vindeiros sesenta anos aprobada polo goberno en funcións, chama á mobilización de todas aquelas persoas non adscritas ao partido conformista. Foi, despois, a activista Carme Durán, quen presentou a Manuel Rivas e quen recomendou moi vivamente a lectura d’ O ultimo día de Terranova. Comezou saientando Rivas que «a novela comeza nun intre de apocalipse do que os protagonistas non foron informados, un día de derrota na súa vida, de afundimento». Continuou sinalando que, porén, «nesa derrota da linguaxe e da vida, aparecía a pulsión do desexo, un puxilato con Tánatos, que permite enfrontarse coa realidade». «O último día de Terranova naceu da necesidade de establecer unha simetría, un xeito de adestramento, de autodefensa,»

«A literatura ordena, permite deseñar un mapa onde pousar os principios de realidade, mais tamén é capaz de desequilibrar e cuestionar.» «Na novela existe unha psicoxeografía de espazos interiores, historias de idas e voltas sobre un un espazo de refuxio, que tamén é de asedio.» Reflexionou despois Rivas sobre o que foi aquí a serie negra: «Como sucede coa serie negra en España as chamadas “historias da Guerra” son a nosa verdadeira serie negra. Mais aínda cando a maior organización criminal, durante décadas, foi en España o estado. Na novela está isto presente co caso da poliomelite que demostrou que a ditadura, un estado corrupto, afectou tamén sobre os corpos. Como sinala Vicenzo Fontana, o libreiro narrador da novela, “o meu corpo é un manifesto”.» «Na novela fálase moito dos corpos, hai varios personaxes que son substitutos, que nos mergullan nunha realidade inquedante.»

«O gran drama no que sucumbe Terranova é que a realidade intelixente abanea e, pola contra, camiñamos cara a distopía, cara aqueles tempos difíciles dos que falaba Dickens, onde todo se medía polas cifras, onde todo o que non se pode vender obtendo beneficio non merece existir.» «Fronte a isto, na novela prodúcese unha rebelión das palabras que se converten en imaxes de desexo.»  «Como tamén un encontro entre a cultura popular e a cultura literaria, entre iguais. Hai un fío con libros anteriores, sobre todo con Os libros arden mal, ambos os dous historias dramáticas da cultura. Como lembra Walter Benjamin a racionalidade da cultura ten no seu envés a barbarie.»