Listado de la etiqueta: sector_gandeiro

Onte 2146: «Os soños de Miguel» de Manuel Iglesias Turnes

Nunha tarde de sábado lin dunha sentada Os soños de Miguel (Xerais 2022), a terceira entrega coa que Manuel Iglesias Turnes completa a súa crónica de transformación do mundo rural, iniciada n’ As rapazas de Xan (Xerais, 2012), retrato do desaparecido na década de 1950 e estremecedor relato da emigración e continuada en Que non te aten (Xerais 2016), retrato dos gandeiros do século XXI. N’ Os soños de Miguel o autor de Cabanas homenaxea os gandeiros da súa xeración, os que a finais dos sesenta e ao longo dos setenta protagonizaron a modernización do sector coa incorporación da maquinaria (tractor, segadora, muxidora…), a reordenación dos cultivos, a mudanza no goberno das explotacións, dos criterios económicos utilizados e a súa monetarización, cambios profundos nos costumes e nas familias, en boa medida asociados as transformacións do tardofranquismo e da loita polas liberdades.

Unha novela ditada pola memoria familar e modulada pola profunda experiencia  e coñecemento do sector,  na que Turnes continúa emocionando na construción dunha trama de ficción orixinal e polo deseño dos personaxes, algúns memorables, como esa tía Carme tan xenerosa ou co inflexible e orgulloso padriño Manuel, concibidos ao servizo do retrato dese tempo decisivo no que se montaron boa parte das explotacións actuais por parte dos avós e dos pais dos gandeiros de hoxe. Un relato no que, coma nas novelas anteriores, destaca a graza na recollida dos diversos rexistros da fala popular e a facilidade coa que o autor ofrece os diálogos de interiores que permiten que narración avance sempre de forma engaiolante e conmovedora. A de Manuel Iglesias Turnes é unha novelística convencional na forma mais moi transgresora, necesaria e singular no fondo, pola súa capacidade para ofrecer un universo propio e un relato alternativo do retrato da aldea, actualizando así a imaxe do mundo rural galego, tanto do desaparecido como do actual.

Recomendo moi vivamente Os soños de Miguel. Aventuro que volverá a entusiasmar ao lectorado (sei que moi amplo) das novelas anteriores. Como aventuro que incitará aos que se achegan por vez primeira aos textos de Turnes a completar tan singular triloxía literaria. Parabéns, meu Manuel.

Onte 1436: Tractoradas

ganaderosgrande2Nas tractoradas de Lugo e Santiago en defensa do sector leiteiro, identificamos una nova xeración de gandeiros chamada a protagonizar una mudanza radical no medio rural en Galicia. Unha xeración, retratada por Manuel Iglesias Turnes na súa segunda novela, Que non te aten, prevista para comezos de ano, que racha cos estereotipos e prexuízos sobre un mundo rural atrasado e conservador. Tras as fileiras de John Deere, rodeando a Muralla e sitiando Compostela, están mozos e mozas que, diante do remate da política de cotas, apostaron esperanzados pola modernización tecnolóxica e competitividade das súas explotacións, até converter algunas nas máis avanzadas de Europa. Diante da inacción conformista dos gobernos de Rajoy e Feijoo, a súa mobilización, que xa adquiriu tintes históricos, é determinante para o futuro do sector leiteiro, sometido aos efectos da deslocalización alimentaria e das políticas agrarias da UE. Os nosos gandeiros merecen todo o apoio.

Onte 445: Folga branca

As once mil explotacións leiteiras do país deixarán de facer entregas aos seus distribuidores. A partir da primeira hora de hoxe, seis millóns de litros de leite tiraranse cada día en Galicia, unha produción valorada en máis de dous millóns de euros, que supón o 38 % da produción do estado. Unha medida extrema, dramática, sen precedentes, a máis dura da historia dun sector estratéxico para Galicia, tanto polo feito de ocupar a 65.000 persoas, entre empregos directos e indirectos, o que a convertiría na primeira empresa do país, como polo de constituír un eixo de vertebración do territorio da Galicia rural. Esta inédita folga branca só pretende acadar que o prezo de compra dun litro de leite galego non estea 3 ou 4 céntimos por baixo do que se paga noutras comunidades e, o que é moito máis grave, que non estea por debaixo do seu custo de produción, como sucede na actualidade. É unha reivindicación xusta, defendida en man común polos tres sindicatos agrarios, que merece o apoio de toda a cidadanía e do Parlamento de Galicia que inicia hoxe a sesión de investidura do presidente da Xunta. Eu estou cos gandeiros en loita por acadar un prezo digno para o  leite de noso.