Listado de la etiqueta: rosalinda

Gorgorito e o Vigo Ye-Ye

Ao fío da publicación do libro Vigo naqueles tempos. 1967 (IEV 2026) de Xoán Carlos Abad Galego, lembro en Faro de Vigo as funcións de Gorgorito no palco de Castrelos, que forman parte da memoria da infancia nosa:

Os adolescentes vigueses da Xeración do Polycommander, antes fomos crianzas de Gorgorito, que cada verán visitaba o palco de Castrelos. Presentaba este espectáculo de monicreques de fío e variña a compañía «Maese Villarejo» de Juan Antonio Díaz Gómez de la Serna, curmá do autor das greguerías, membro da Fronte de Juventudes e creador en 1940 do boneco «Juanín» e, dous anos despois, de «Gorgorito». Visitaba a nosa cidade dende 1955, cando montaron a súa función por vez primeira nas Avenidas e despois na Alameda, para nos sesenta converterse xa no espectáculo infantil dos «Festivais de España» no gran auditorio o aire libre de Castrelos.

O personaxe do afouto Gorgorito tiña un éxito tremendo, sobre todo pola súa capacidade para xogar co público nas súas leas continuas coa «Bruxa Ciriaca» ou co «Ogro Dentes Longos», os seus antagonistas, a maior parte das veces para defender a «Rosalinda», amiga do protagonista. Lembro que antes de aparecer en escena, xa se escoitaba aquela cantarea gorgoritiana do «parabá, parabá, parabá…», previa ao apoteótico recibimento do público vigués a aquel desfacedor de agravios, personaxe quixotesco que defendía aos bos, a pesar de que o facía a base de xarope de cachaporra, a esencia da resolución dos conflitos teatrais que cada temporada recreaba un argumento diferente, mais cunha estratexia narrativa idéntica.

O máis celebrado de Gorgorito era como a participación do público resultaba decisiva para o éxito do heroe, xa que os espectadores coas súas indicacións conseguían que, despois de moitas voltas, das que a bruxa Ciriaca sempre conseguía escapar, mais que finalmente a pillara e lle dera unha boa malleira de fungueirazos, aplaudidos co maior entusiasmo polo público infantil. Función que pechaban Gorgorito e Rosalinda cantando o inesquecible «Te, chocolate e café». Un espectáculo de monicreques que cos ollos de hoxe é reprobable, tanto polo cheiro machista e pola resolución violenta dos conflitos como pola polarización entre bos e malos, resolta a paos e máis paos. Con todo, son dos que cre que entón as funcións de Gorgorito tiñan o mérito de ofrecer unha narración teatralizada, utilizando o recurso orixinal das marionetas coa intención de disuadir aos malvados que se aproveitan dos máis vulnerables. Xaora, seis décadas despois, o éxito de Gorgorito radicaba no protagonismo do público, que coñecía tanto as palabras máxicas para desfacer os feitizos de Ciriaca como as instrucións para facer tolear ao propio Gorgorito, ás veces tan boíño coma un pouco paspán.

A lembranza de Gorgorito fíxoa con grande detalle e emoción Xaime Fandiño nestas páxinas de Faro de Vigo, recollida logo no seu libro memorialístico La acera volada. Agora, acaba de aparecer un novo Gorgorito, o presentado polo historiador Xoán Carlos Abad Gallego no seu extraordinario 1967 (Instituto de Estudios Vigueses 2026). Libro memorable, que desvela a vida máis íntima da cidade de Vigo ao longo do ano 1967; unha condensación emotiva de historias que depositan memoria cidadá, desvelada en base a trinta e cinco crónicas xornalísticas, a maior parte delas publicadas en Faro de Vigo, como tamén en La Noche e El Pueblo Gallego. Outro xeito moi orixinal de divulgar a historia da cidade, de indagar no seu ADN, contextualizando os textos da prensa con outros de síntese documental e un apartado gráfico artellado por imaxes de IA creadas tamén por un autor que sorprende con cada novo libro que incorpora ao seu amplísimo catálogo do Instituto de Estudios Vigueses, entidade da que é fundador e da que foi presidente durante catorce anos.

A crónica do «Triunfo de Gorgorito en Vigo», recuperada por Xoán Carlos Abad do Faro do 20 de xullo, forma parte do destacado daquel Sesenta e sete no que co beneplácito de Portanet se derrubou o edificio Rubira de Jenaro de la Fuente. Celebrouse o 7 de xullo o concerto Ye-Yé no estadio de Balaídos, pechado polos Pekenikes, o prato forte dunha convocatoria de sons eléctricos que xuntou a mocidade de ambos os sexos que, como conta Faro, «se puxeron a ton coa ocasión, vestindo as roupas máis modernas do seu vestiario». Crónica daquel Vigo Ye-Yé, no que as modernas cafetarías viguesas comezaban a servir pratos combinados e gin-tonic e a Asociación Cultural de Vigo, presidida por Camilo Nogueira, celebrou o 17 de maio dedicado a Curros Enríquez. Mais non se esquecen no libro as graves inundacións e a marea do século, a traxedia do bou Denís, o accidente na canteira das Roteas ou o triste desaloxo do histórico barrio do Areal… Crónicas que o autor vai enguedellando coma se de cereixas se tratase para ofrecer un dos libros máis emotivos, hipnóticos e atractivos da bibliografía viguesa de sempre. Imprescindible para as bibliotecas dos boomers (ou se prefiren Ye-Yés) vigueses.