Artigos

Onte 2055: «Matria», a ollada desmitificadora de Álvaro Gago


Por fin puiden ver Matria, a curtametraxe premio do xurado en Sundance (2018), premio da Crítica de Galicia 2018 de Cine e Artes Audiovisuais, entre outros 60 galardóns, liberada na rede como agasallo de nadal de Álvaro Gago, o seu director. Unha alfaia narrativa de vinte e un minutos, tan luminosa como austera, onde se fusiona a ficción e os recursos documentais para seguir a vertixe estresante dunha xornada calquera de Ramona, unha traballadora maior da conserva. Un retrato brutal dunha matriarca, escrava dunha cultura familiar machista e dun entorno laboral onde rexe a cultura do abuso, o insulto e a obediencia. Coa cadencia abouxante dos berros noxentos da encargada da fábrica e co ritmo dos desprazamentos en bicicleta da protagonista pola illa, Gago ofrece un film fascinante e pouco compracente, onde apenas hai acougo para un agarimo ou para un sorriso como aceno de rebeldía e esperanza.

A interpretación de Francisca Iglesias Bouzón, a protagonista, é memorable, como dificilmente esquecible é a súa ollada, expresión da dor profunda que sofren estas mulleres humildes, exhaustas polo traballo na fábrica e na casa. Unha ollada poética e necesariamente desmitificadora sobre o matriarcado galego. Parabéns a Álvaro Gago, que leva trazas de converterse no Kiarostami galego,  por esta peza poderosa pola súa simplicidade narrativa e profundidade do retrato humano. Recomendo a súa utilización como recurso didáctico nos centros educativos.

Onte 1299: «Zapatillas rotas» de Xabier Quiroga, Premio da Crítica

XG00225901Excelente noticia a que coñecimos onte ao mediodía, a do Premio da Crítica na categoría de narrativa en galego a Zapatillas rotas, a novela de Xabier Quiroga publicada o pasado setembro en Xerais Narrativa. Un premio moi valioso, froito do criterio adoptado pola sección galega da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL), presidida polo galego Ángel Basanta, que Quiroga xa obtivera en 2010 coa súa novela anterior, O Cabo do Mundo, o que supón a súa confirmación como un dos máis grandes narradores galegos do noso tempo. O voceiro do xurado, Ramón Nicolás, destacou que «Zapatillas rotas é unha obra sobre a busca da identidade», citando entre as calidades do texto «a mestría do autor na combinación de recursos narrativos, así como o tratamento da vellez cunha visión crítica e case cáustica, que tamén dá pé ao humorismo e o divertimento». Mágoa que despois soubéramos da tremenda nova do pasamento de Benxa Riobó, o libreiro do Pontillón de Moaña, con quen compartimos tantas angueiras e esperanzas.

Onte 957: Máis libros do ano

Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!