Listado de la etiqueta: praza

Onte 2021: A que arrecenden os libros?

Concienciadas 1 | A que cheiran os libros? from Praza.gal on Vimeo.

Gustoume moito a primeira entrega de Concienciadas, o novo espazo de Praza dedicado á divulgación científicca a cargo da médica Iria Veiga e Javier Balea. Trátase dun espazo de apenas tres minutos e medio de espírito youtubeiro e inequívoca intencionalidade didáctica sobre o arrecendo dos libros impresos. Dende agora sabemos que os libros novos chegados do prelo arrecenden a etilvinilacetato e peróxido de hidróxeno mentres nos vellos as páxinas se van amarelecendo e liberando debido a existencia de diversas moléculas aromáticas como o tolueno, etilbenceno e vanilina que proporcionan ese característico aroma dóce a vainilla.

Quen dixo que os libros cheiran mal?

Parabéns a Iria e Javier por tan excelente espazo de divulgación científica, un eido esencial para a promoción da nosa cultura e da nosa lingua, que seguiremos con atención.

Hipertextos 005/2019: Loubanza de Berta Dávila da novela galega breve

 

Nisto do tamaño hai de todo en todas as tallas. Mais é certo que nun contexto no que aínda abonda a tendencia a medir a excelencia a vulto, cómpre reivindicarlle o valor a quen se move no rexistro curto e emprende a tarefa de construír un mundo de entidades escollidas ao milímetro, no que non hai espazo para camiños equivocados ou obxectos prescindibles, coma quen trata de amoblar unha bufarda e convertela nun espazo exquisito: se todo está cerca e diante dos ollos, todo o que hai debe ser necesario e fermoso no sentido máis puro, e o que non o é simplemente non debe estar.

Berta Dávila «De libros: Eloxio da novela breve»

A escritora e crítica Berta Dávila publicou onte en Praza unha memorable loubanza da novela galega breve, inzada de retranca e enxeño, na que recomenda media ducia de títulos recentes que expresan o pulo acadado en galego por este xénero (que poderiamos chamar tamén «noveliña» ou «novelletta»). Unha escolla da que me sinto partícipe na medida en que formei parte de tres dos xurados das obras premiadas (Principio de incerteza de Pilar Ortega, Non o saben as estrelas de Diego Alfonsín e Tres pintores de Cid Cabido).

Como tamén concordo con Berta en considerar neste territorio literario Acaso Michigan de Antón Reixa, un texto que desde o primeiro orixinal que lin hai máis dun ano me pareceu se mergullaba na fronteira do poético e do narrativo, tanto como do soñado e do vivido. Algo que sucede tamén en Besta do seu sangue de Emma Pedreira, premio Xerais 2018, novela poética fragmentada que no seu día lembro me provocara unha lectura hipnótica tanto pola beleza na concepción da súa arquitectura como da súa prosa.

Que me desculpe o meu amigo Antón Lopo por non ter lido aínda o seu  Extraordinario, obra gañadora do Repsol, que agarda na miña mesa de novidades.

Onte 2003: Brétemas 14 anos

Hai catorce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.963 anotacións das que 131 corresponden o último ano. A cifra mais baixa da xeira anual, á que non foi allea o desánimo sofrido tras o abandono da dirección de Xerais no mes de abril como tamén unha evidente fatiga dixital provocada polo ruído e a abafante banalidade cainita de Facebook, por desgraza hoxe o espazo central da conversa dixital da miña xeración. Consciente de que o blog tocara fondo, no verán pasado decidín mudar completamente a súa apariencia, utilizando un modelo de magazin coa intención de facer máis visible a diversidade dos seus contidos tanto nas súas seccións (Edición, Educación, Política, Cultura, Xerais, Artigos, Onte, Vigo…) como no acceso aos contidos do seu arquivo cronolóxico, temático e semántico.

Coincidindo co regreso as aulas no pasado mes de setembro, abrín unha nova etapa na que pretendo ir recuperando devagariño o espírito de hai unha década onde os blogueiros do blogomillo ensaiabamos as posibilidades de escritura de hipertextos en galego, como un xeito de construír espazos navegables utilizando palabras, imaxes e sons. Coa intención de continuar ensaiando a potencialidade comunicativa hipertextual e o seu aproveitamento didáctico, coincidindo co ano novo abrín a sección «Hipertextos», na que publicarei anotacións breves enriquecidas coas diversas utilidades hipertextuais.

Diante do retroceso que supuxo a escritura plana de Facebook e dos fíos de Twitter (sen enlaces nin accesos directos de busca), a hipertextualidade e multimodalidade reflexiva dos blogs permiten a identificación de sitios web, personaxes ou contidos relevantes na rede. Máis aínda cando se está configurando diante dos nosos ollos unha nova web macromedia, deseñada para ser consumida nas pantallas dos teléfonos e taboíñas, unha tendencia con presenza aínda cativa en galego, coas excepcións dalgúns contidos promovidos polo portal culturagalega.org, por Praza e sobre todo por esa marabilla recente que é Vinte, onde enxergamos un futuro que xa é presente.

Tras case tres lustros gozando do privilexio de contar con persoas incondicionais, que len, comentan e comparten estas brétemas, continúo acreditando en que os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais, tanto polas posibilidades comunicativas e creativas que ofrecen as súas utilidades como polas facilidades de acceder ao seus contidos. A miña gratitude a todas elas. Seguimos.