Listado de la etiqueta: Portugal

Día de Portugal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día de Portugal:

Celébrase hoxe o Día de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas, coincidindo co cabodano de Luis de Camões, autor d’ Os Lusiadas (1572), poema épico que canta os logros nas exploracións e descubertas portuguesas ao longo do século XVI. Celebrado dende 1880, cando se conmemorou o tricentenario do pasamento do poeta, foi declarada en 1924 festa nacional portuguesa. Xornada do 10 de xuño dende 2013 conmemorada en Estremadura cun significativo programa de concertos, proxeccións e actividades literarias organizadas polo goberno rexional coa intención de ofrecer a cidadanía estremeña opcións para coñecer máis e mellor a cultura portuguesa. Celebración que reforzou  o compromiso da Junta de Extremadura de impulsar dende 2009 a aprendizaxe do portugués nesta comunidade arraiana, na que máis de cinco mil alumnos de Primaria o estudan como segunda lingua estranxeira e outros vinte e mil o fan nas etapas de Secundaria; acordo que chega a celebración cada 9 de xuño, do Día Escolar da Cultura Hispano Lusa.

Efeméride que tamén se celebrará hoxe en Vigo cun programa de actos do Centro Portugués presidido por Bernardino V. Crego no que non faltará nin un recital poético nin a colocación dunha coroa de louros no monumento a Camões na praza de Portugal. Celebración iniciada o 5 de maio coa xornada dedicada a Camilo Castelo Branco con motivo do bicentenario do seu nacemento, organizada polo Centro Cultural Portugués do Instituto Camõens, onde dende o pasado 22 de maio está aberta a exposición «Versões de Um amor de perdição» e onde hoxe ás 19:30 haberá un concerto do Grupo de Fado Académico do Orfeão Universitario do Porto. Programa ben cativo para unha cidade coma Vigo que dende 1882 abriu a conexión ferroviaria con Porto, constituíndo dende entón a referencia económica e urbana da poboación do norte de Portugal.

Relacións luso-viguesas facilitadas polo ferrocarril no que o 28 de xuño de 1901 chegou a excursión portuguesa, que devolvía visita, comitiva da que formaba parte o fotógrafo Aurelio Paz dos Reis, que fotografou Vigo utilizando un procedemento estereostópico, deixando unha reportaxe memorable do Vigo do inicio do século XX. Relacións que callaron o 10 de novembro de 1927 na inauguración do Centro Portugués de Vigo e na Semana Hispano-Lusitana de Vigo, organizada pola patronal viguesa entre o 26 de marzo ao 2 de abril de 1933, sendo alcalde Emilio Martínez Garrido, coa intención de reforzar as relacións entre a cidade e o país veciño. Inaugurada coa solta de 10.000 pombas desenvolveu un programa completísimo, que incluía unha exposición de produtos portugueses no pavillón da Aduana e unha feira do libro portugués, no que se mesturaban conferencias, actividades deportivas, representacións teatrais, excursións e até un festival de escaparates da rúa Galán, hoxe do Príncipe, para recibir á delegación portuguesa. Relacións culturais que se estabilizaron arredor do Centro Portugués desde que en 1937 ocupou a sede de Príncipe 13, 1º, onde permaneceu até 1989, para ser trasladado a Romil 12, 1º. Como non esquecemos a inauguración da praza de Portugal en 1933, obra de Jenaro de la Fuente, e un ano despois en agosto a do busto de Luis Camões, obra do escultor Souza Caldas.

Habería que agardar a 1998 para que se inaugurase na Casa Aríns, a edificación laica máis antiga de Vigo, o Instituto Camõens como centro de difusión da cultura e lingua portuguesas. En 1992 once cidades galegas e do norte de Portugal constituíron o Eixo Atlántico para solicitarlle recursos á Unión Europea e concertar políticas comúns, situando a sede naturalmente en Vigo. Sen esquecer o histórico 15 de marzo de 1995, no que os alcaldes de Vigo e Porto falaron na Porta do Sol tras a manifestación que reclamaba a liberación do Cabo Estai no marco da chamada Guerra do fletán.

O futuro das relación luso-galaicas, que é o mesmo que dicir ca luso-viguesas, pasa pola finalización do Eixo Atlántico ferroviario de Alta Velocidade, que una Vigo e Porto nunha hora, prioridade política aínda non acabada de concretarse con idéntico compromiso polos gobernos dos dous estados. Como a nivel cultural é imprescindible que o Goberno Galego actualice o seu compromiso coa Lei 1/2014 do 24 de marzo para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade, aprobada por unanimidade que, sen embargo, Feijoo e Rueda meteron no conxelador. Unha oportunidade estratéxica para o futuro do galego como para revirar por fin as costas entre dúas comunidades que comparten orixe da súa lingua. Proceso que lle corresponde liderar de forma indiscutible á cidade de Vigo, como veu acontecendo dende hai máis dun século. Celebrar con maior entusiasmo e compromiso este Día de Portugal podería ser un bo recomezo.