Listado de la etiqueta: paciencia

Estrea inquedante

Estaba todo preparado onte en Balaídos. O estadio lucía precioso, a temperatura era ideal, o horario  moi cómodo, domingo ás cinco da tarde, o mellor dos posibles, a nova grada de Marcador amosábase animadísima de peñistas celestes aos que facía contrapunto algareiro un nutrido grupo de visitantes vermellos en Río Alto (que marcharían encantados pola amabilidade e acollida do celtismo). O himno de Tangana na súa estrea no campionato de Liga, cantado por milleiros de voces, resultou emocionante. Os seareiros expresábanse confiados polo comezo da tempada do Centenario e polas (semellaba que prudentes) expectativas abertas polo Xefe Benítez nas súas rodas de prensa e polo propio equipo cos seus bos resultados nos amigables. Mágoa que todas eses bos augurios e tantas ilusións durasen apenas vinte minutos, o tempo que Celta foi capaz de competir con certo decoro cun magnífico Osasuna europeo de Joseba Arrasate, que a partir do seu primeiro gol, tras unha cabezada de Budimir (vaia dianteirazo!) ao longueiro, aproveitada por Rubén García, foi moi superior en todas as facetas do xogo, quedándolle cativo o resultado, un 0-2, para os seus méritos na lameira do Fragoso.

Unha derrota severa na estrea ligueira dos nosos, que como xa sucedeu en tempadas anteriores, ademais de condicionar a clasificación (comezarán cos pechacancelas) nas vindeiras xornadas, nas que viaxarán a Donostia e recibirán ao Madrid, amosa as importantes carencias na confección do cadro de xogadores, a esta altura (coa marcha prevista de Gabri Veiga) a todas luces de calidade inferior á do campionato pasado (no que se pasaron dificultades até o derradeiro minuto). Como puxo de manifesto o baixo nivel de forma dalgúns “titulares indiscutibles” (Carles Pérez, Aidoo, Unai, Beltrán, Larsen, Aspas…) e a insuficiente adaptación do equipo ao debuxo táctico e ritmo de partido de Benítez. Algo debía cheirar o veterano adestrador celeste, curtido nas lideiras de moitos vestiarios, cando ofreceu un once inicial que semellaba unha declaración non solicitada das carencias do cadro, ou das prometidas fichaxes de calidade que, coa excepción do activismo algo desorientado de Bamba, nunca rematan por aterrar en Peinador.

Neste contexto de carencias enténdese a decisión de Benítez de aliñar a Cervi como lateral zurdo, deixando no banco a fichaxe (promesa) de Manu Sánchez, que nunha tarde moi desafortunada do arxentino abriu ao Osasuna unha viña para colleitar os seus dous goles. Como ten, probablemente tamén, mensaxe en clave a aliñación de Hugo Sotelo (deixando a Tapia no banco) no dobre pivote que, a pesar do desempeño máis ca digno do canteirán, evidencia a necesidade dun mediocentro máis experimentado para asumir a dirección e o control da pausa e do ritmo de partido que pretende o míster. Como a propia aliñación dun desafortunado Larsen, incapaz de entender que precisa ser o primeiro defensor do equipo, baixar o balón cando cómpre xogar en longo ou procurar posicións de superioridade a balón parado, como as saídas tras o intervalo e co partido case perdido de Miguel Rodríguez, Gabri Veiga (na súa despedida) ou dun inxenuo Swedberg (deixando a Paciencia no banco) poñen de manifesto que o Celta precisa dun dianteiro de máis garantías que acompañe a un Aspas que, inevitablemente polo que vimos onte, debe dosificar a xenerosidade dos seus esforzos e afiar a súa puntería sobre os tres paos.

Sendo sempre decepcionantes as derrotas, esta primeira da tempada debería servir de acicate para que os Mouriño e a dirección deportiva tomasen boa nota das máis ca xustificadas solicitudes do seu adestrador para reforzar canto antes tres ou catro posicións claves, sexa as xa citadas como a da propia portaría. Con todo, o resultado tamén expresa a necesidade de afondar no traballo táctico e físico de todo o cadro, que a pesar da presión alta onte perdeu a maior parte dos balóns divididos e os duelos nas xogadas decisivas. Queda, pois, moito traballo por abordar, tanto nos despachos como no vestiario como nas lameiras. Mágoa que o emocionante comezo do Centenario quedase tan deslucido cunha derrota tan clara, que abre moi cedo a páxina da inquedanza, na que tan adoito lemos os celtistas. En todo caso, nada que non poida ir a moito mellor nos trinta e sete partidos restantes.

Publicado en Faro de Vigo: 14/08/2023

A cabezada de Aidoo

Despois de noventa minutos nos que estragou unha decena de ocasións claras, unha xenial cacholada de pandullada de Aidoo, case a rentes do chan, dirixida ao pao esquerdo, tras unha oportunísima recuperación no recanto de Javi Galán e un centro cinco estrelas de Cervi, deixou ao Celta ás portas da permanencia virtual na primeira das temporadas do centenario. Un resultado xusto nun partido gris, como xa viña sendo o xogo do equipo do profesor Carvalhal nas últimas semanas, tras o baixón (físico e emotivo) sufrido polo cadro desde o parón de seleccións. Unha vitoria que de súpeto, tras vinte minutos finais empurrando teimosamente aos celestes, devolveu o acougo aos case doce mil celtistas incansables reunidos entre semana no campo do Fragoso. Un alivio de primavera chegado case de milagre cando se intuía no algareo da bancada o drama e comezaban os teléfonos a botar fume coas consultas á táboa clasificatoria para botar as contas do descenso, un exercicio co que o cadro celeste pon a proba decote a lealdade dos seus seareiros.

Tras o pobre nivel competitivo amosado no Bernabeu, Carvalhal presentou moitas novidades, dende o regreso á titularidade de Aidoo, Hugo Mallo, Carles Pérez e Paciencia, á ausencia (para nós incomprensible) de Unai Núñez, un dos xogadores máis regulares e de mellor nivel nos últimos meses, probablemente xustificada para premiar a Tapia, empoleirado en Madrid pola súa excelente actuación como central. De saída, chamou a atención a vontade de agradar de Paciencia, que semellaba disposto a desbaratar dúbidas sobre a súa titularidade como bourel adiantado. Unha intención (que se foi desinchando) expresada no primeiro minuto de xogo tras unha parede con Aspas rematada cun xutazo do portuense preto do recanto da área pequena rexeitado polo gardameta Edgar Badía. Como tamén comezou con azos (mantidos ao longo de todo o partido) o capitán Mallo, que cabezou aos seis minutos un saque de recanto que o porteiro ilicitano devolveu moi apurado, como fixo, minutos despois, cun xute de falta afastado pero potente de Tapia.

No entanto, despois da arreada inicial do Celta, os visitantes estiráronse, procurando atoparlle ás costas á primeira liña viguesa. E así chegaron os primeiros sustos, como un remate de Netka que Galán sacou case debaixo dos paos. Decaído o pulo inicial, o nerviosismo calou nos celestes, que entregaron a posesión da pelota, permitindo que o pechacancelas os encerrase e Villar e Aidoo, xa entón o mellor dos nosos, tivesen que sacar apurados o balón da área. Nin Gabri Veiga (lento, desdebuxado e pouco participativo) nin Luca de la Torre (ausente e temeroso) nin Aspas (cada vez máis atrapallado e tímido no remate) tiveron o seu mellor día, o que resentiu un centro do campo onde apenas campaba o incansable Beltrán tapando furados aquí e acolá.

Como sucedera no primeiro, saíu o Celta no segundo acto con máis intensidade, sobre todo pola banda de Carles Pérez que, tras a ameaza dun amago de penalti do VAR, ben descartado polo árbitro, xutou pouco despois sobre o pao. Un globo que foi decaendo até que os de Beccacece, adestrador que aínda non coñece a vitoria cos ilicitanos, volveron recuperar a posesión e a poñer en serios apuros a Iván que rexeitou un libre directo de Gumbau moi enfiado. Panorama que comezou a mudar tras os trocos de Carvalhal, procurando variantes, sobre todo coa entrada como revulsivo de Cervi, e contado coa participación da bancada, que durante os vinte minutos decisivos finais sostivo a un equipo que teimaba nos seus ataques mais que se amosaba moi medroso no remate. Nun deses ires e vires, Aidoo non regresou a súa posición, como facía Alexanco nos momentos difíciles do Barça de Cruyff, converténdose así no recurso ofensivo que Carvalhal precisaba para por fin furar a meta de Badía.

Queda para os curiosos procurar as razóns da estraña doenza que afecta aos goleadores galegos formados na Madroa tras o último parón, tanto aos celestes Aspas e Veiga, como a Brais da Real, a Joselu do Espanyol ou a Borja do Betis. Unha doenza que no caso do Celta está agravada pola raquítica conta anotadora dos seus tres dianteiros centros, por ventura compensada na medianoite do mércores pola cabezada de Aidoo, que quizais pase a historia como a da salvación do Celta do centenario.

Publicado en Faro de Vigo: 28/04/2023