Listado de la etiqueta: os_luns_ao_sol

Vigo nun asunto privado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á serie Un asunto privado localizada en Vigo e noutros espazos galegos:

Que marabilla!, como loce Vigo e a súa área metropolitana como escenario d´Un asunto privado, a serie da galega Bambú Producciones, estreada a pasada semana en Prime Video!  Unha peza de acción para o público internacional comprometida na defensa de valores feministas, un trhiller trepidante, a cabalo da comedia, do misterio e do romance. Unha serie protagonizado por Marina (a actriz madrileña Aura Garrido, toda unha estrela), unha afouta rapaza de clase alta viguesa atrapada nun mundo machista que non lle deixa ser quen quere ser, mais que pretende a toda costa, ser policía de investigación criminal coma o seu pai, o comisario Alfonso Quiroga (o actor galego Monti Castiñeiras). Acompañada polo seu leal e agudo mordomo Héctor (o actor francés Jean Reno, un referente internacional), Marina perseguirá pola súa conta e risco ao perigoso asasino da flor de lis, responsable dunha onda de asasinatos en serie de prostitutas dos locais da cidade portuaria.

Unha produción de excelente factura clásica da produtora do noiés Ramón Campos e a pontevedresa Teresa Fernández-Valdés, responsables tamén da serie Fariña, que con esta serie moi coidada tanto no guión como na interpretación e produción dan un salto extraordinario á hora de presentar de forma orgullosa a Galicia urbana e cosmopolita de finais da década de 1940. Escenarios naturais espectaculares, interiores de luxo, vestiario co glamour dos deseñadores da época, Dior e Balenciaga, bailes e festas de disfraces de moito copete a ritmo de jazz e swing, facilitan a mestura de diálogos divertidos e disparatados, propios da cultura do cómic de superheroes, con perigosas escenas de acción sobre vehículos clásicos a ritmo de vertixe ou nas alturas de edificios ou guindastres portuarios, protagonizados sempre por esta superheroína Bond viguesa e o seu comprensivo axudante Watson. Un cóctel visual de entretemento moi apetecible, que aventuro que con esta primeira entrega de oito episodios será un éxito para a plataforma de streaming presente en 240 países e territorios, ao tempo que estratéxico para a industria do audiovisual en Galicia.

Para o espectador vigués esta serie constitúe unha gozada visual pola facilidade en identificar un Vigo clásico (pétreo) de hai setenta anos, que por ventura non se oculta e conforma un espazo de ficción, e polo tanto emocional, crible. Na pantalla aparece nunha fotografía de alta calidade a Alameda viguesa centenaria, a rúa Policarpo Sanz e o impoñente fondo pétreo dos seus edificios, o encanto popular das rúas do Casco Vello e a súa visión dende a cuberta da Basílica, o peirao de contedores de Guixar e os seus guindastres, as inmediacións portuarias dos estaleiros de Vulcano ou as instalacións abandonadas da Etea, recuperadas para o bulir urbano. Mais tamén aparecen a calidez dos interiores da Casa Yáñez da Alameda, construída en 1900 polo arquitecto Pacewicz, a elegancia dos salóns do Real Club Naútico ou a gran escaleira actual do Teatro de Afundación deseñada polo arquitecto Palacios e modernizada por Desiderio Pernas. Como tamén brillan as paisaxes da ría de Vigo en planos abertos de grande potencia, como as das Salinas do Ulló, outro tesouro ao fondo da ría, como o resto das localizacións no casco peonil de Pontevedra, nas calellas de Combarro ou nos exteriores do Pazo do Mosteiro en Tomiño, entre outros.

Como sinalou Manuel Gago, profesor da Facultade de Comunicación da USC, resulta novidoso nesta serie, a súa homologación coa textura do audiovisual internacional actual, facendo visible como pano de fondo a nosa arquitectura pétrea modernista e ecléctica, presente no Vigo Vello e no Ensanche do Areal. Unha recuperación da cultura do granito sobre os fondos verdes e luminosos da ría, que abandona á mantenta os tópicos da casa labrega, o diovivo interminable e a brétema permanente como algodón mariño sobre a ría, tan presentes até agora na maioría das producións audiovisuais filmadas en Galicia. Como tamén resulta novidoso que, tras as dúas tempadas de Auga seca (2020), a serie de coprodución galego-portuguesa localizada no porto de Guixar, se volva a localizar no Vigo portuario unha ficción criminal, desta volta nun contexto tan atractivo cando o porto de Vigo, e polo tanto a cidade, comezaba a recuperar o seu carácter cosmopolita.

Dende Os luns ao sol (2002) de Fernando León de Aranoa, non lembramos outra peza audiovisual coa capacidade de proxección internacional de Vigo tan potente como Un asunto privado, tanto polo seu carácter netamente comercial como produto de entretemento global como pola súa ollada aberta á hora de escoller localizacións, superando os tópicos sobre Galicia e os galegos arrastrados dende aquel Botón de ancla (1948) co que se inaugurou o cine Fraga, o máis grande da cidade.

Hidria Segundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar que o Hidria Segundo, o buque a vapor máis vello da península, conta con amarre no porto de Vigo:

Despois de 14 anos de ter solicitada unha praza de atraque para embarque e desembarque de pasaxeiros, os armadores do «Hidria Segundo» conseguiron que o Porto de Vigo lla concedese nun dos pantaláns de Portocultura. Sen dúbida, unha noticia moi esperanzadora para a recuperación e conservación definitiva en Vigo dunha das embarcacións máis emblemáticas da ría durante case todo o século XX, hoxe o único barco de vapor existente na península que aínda navega e unha das poucas pezas grandes ben conservadas do patrimonio marítimo galego. Un atraque que a Autoridade Portuaria de Vigo aventura podería facerse realidade nos meses de outubro ou novembro próximos, se os seus armadores de Vapores del Atlántico S.L., María José Otero Castro «Sesé» e Jacobo Costas, reúnen os recursos suficientes para facer algúns arranxos imprescindibles e botar ao mar o buque hoxe atracado en seco en Porto Meloxo no Grove.

Un amarre no peirao vigués que despois de dúas décadas de loita heroica de Sesé e Jacobo, suporía a saída soñada para un proxecto de restauración como barco museo, albergue e espazo de cultura iniciado o 6 de xuño de 1997 cando in extremis, rescataron o que fora buque alxibe, abandonado e arruinado no porto vigués, tras a quebra da empresa propietaria en 1994, a piques de ser desmantelado na Lagoa, como desafortunadamente lle sucedería poucos días despois ao «Campaláns», o primeiro buque de ferro construído na ría por Barreras (1934), dedicado ao subministro de combustible, que tan destacada actuación tivera na extinción do incendio do «Polycomander» (1970), e tamén un ano máis tarde ao seu compañeiro o, alxibe «Roberto».

Cun casco de madeira dunha eslora de 30,5 m, unha manga de 7,6 m e un puntal de 3 m, o «Hidria Segundo» foi construído entre 1963 e 1966 nos estaleiros de José Roberto e Hijos de Teis. Herdou a maquinaria do «Hidria» botado en 1922 e fundido no porto en 1959, que sería reflotado e desmantelado, aínda que por fortuna sería conservada a súa preciosa máquina. Buques alxibes, ambos os dous propiedade da empresa Aljibes de Vigo, dedicados a subministrar auga potable do manancial da canteira de Meira a todo tipo de embarcacións da ría, dende os mercantes e trasatlánticos aos pesqueiros do Berbés. Con velas en proa e popa, utilizadas para realizar determinadas manobras, a súa máquina de vapor de expansión tripla, xerado por unha caldeira de gasoil, permítelle navegar a 7 nós sen apenas producir ruído, mover 220 toneladas, cunha tripulación reducida de catro ou cinco persoas, patrón, mariñeiros e maquinista, auténtico ourive desta alfaia flotante única.

Sesé Otero e Jacobo Costas tardaron oito anos en transformar un vapor condenado a ser despezado nun buque de pasaxeiros capaz de transportar a 120 persoas. Asumiron un proxecto de restauración do casco e das superestruturas respectuoso coa fasquía orixinal, acondicionando a bodega, onde estaba instalada a antiga cántara, en espazo para actividades culturais e sociais. Incorporaron as medidas de seguridade e contra incendios necesarias, que despois de superar numerosos trámites burocráticos, permitiron volvese navegar en 2005. Dende entón, o «Hidria Segundo» agardaba o seu regreso ao porto de Vigo como buque museo. Un longo período no que non tivo a sorte que o proxecto merecía. Foi utilizado como espazo expositivo do Ano da Memoria (2006), no que visitou diversos portos galegos, entre eles o de Vigo, despois estivo atracado no porto de Cartaxena e logo regresou ao do Grove onde aínda pode ser visitado.

O patrimonio marítimo en Vigo nunca foi valorado como merece, a pesar de que a cidade ten na construción naval e na navegación o seu ADN. Nos espazos portuarios vigueses non quedan vestixios de ningunha das embarcacións de pasaxeiros da ría, nin sequera das máis recentes, como aquel «Islas Ficas», o buque insignia de Vapores de Pasaje, despezado hai unha década, mais do que conservaremos a súa memoria nas imaxes de «Os luns ao sol», unha das películas máis xenuinamente viguesas. Consérvase apenas o casco do «Bernardo Alfageme» na rotonda de Coia, mostra da incapacidade da cidade para poñer en valor o potencial enorme do seu patrimonio marítimo e industrial, como unha das trabes da memoria de Vigo e como interesante recurso turístico.

Agardemos que a posibilidade que se abre co amarre do «Hidria Segundo» no peirao de Portocultura non se malogre. Vigo, por fin, podería contar no seu porto cunha embarcación histórica, capaz de funcionar como buque museo flotante, como recurso didáctico para escolares sobre o patrimonio da ría e atractivo reclamo turístico de navegación pola ría de primeiro orde. Unha oportunidade preciosa que as administracións públicas, dende a Autoridade Portuaria, pasando pola Xunta de Galicia e o Museo do Mar, ao concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, deberían contribuír en man común a que non quedase en auga de castañas.

Onte 1187: «Os fenómenos»

Os_fenomenosNa cola dos cines Norte escoitamos onte como a persoa que nos precedía preguntaba se Os fenómenos era en galego. A contestación da taquilleira foi reveladora: «Non, en mezclado». E non lle faltaba razón, xa que o confuso e prexuizoso abordaxe bilingüe (só utilizan o galego algúns albaneis) é o punto máis fraco dunha película moi digna sobre a orixe e os efectos da chamada «crise do ladrillo».

A gran interpretación de Lola Dueñas subliña o valente enfoque feminista que Alfonso Zarauza (o director de Encallados) escolleu para contar unha historia social que polas paisaxes e espírito solidario da cuadrilla nos lembrou a narrativa d’ Os luns ao sol. Escenas memorables como a do vestiario, as do pagamento dos salarios en a e en be ou a do albanel xubilado que retorna á obra merecen os maiores parabéns, como as excelentes interpretacións do elenco de actores galegos como Ledicia Sola, Miguel de Lira, Morris, Uriarte, Touriñán, Federico Pérez, entre outros.

Porén, o abuso de tópicos para as escenas de humor, como o tratamento rutineiro no guión do triángulo amoroso, fan que a película decaia nalgúns momentos. Xaora, a resolución escollida fai que gañe densidade e interese no seu treito derradeiro, deixando no espectador un sabor inequivocamente amargo. En definitiva, outra moi interesante achega do cine galego actual que, a pesar dalgunhas pequenas eivas, paga moito a pena ver.