Listado de la etiqueta: moraima

Quédanos a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Paco Ibáñez con motivo do centenario do poeta Carlos Oroza:

Con motivo da celebración do nacemento do poeta peripatético Carlos Oroza celebrouse no Auditorio Mar de Vigo un histórico recital do cantautor Paco Ibáñez. Organizado pola viguesa asociación cultural Évame Oroza, no inicio os poetas María Lado e Antonio García Teijeiro recitaron algúns dos versos orocianos máis emblemáticos, aos que seguiron na pantalla mostras do derradeiro traballo musical (inédito) de Luis Eduardo Aute sobre textos do autor de Évame. Introito que deu paso ao concerto no que Ibáñez (89 anos) antologou dezasete cancións do seu amplísimo catálogo, nas que homenaxeou a poesía de clásicos españois como Quevedo, Góngora e Arcipreste de Hita até voces do século XX como Antonio Machado, Rafael Alberti, Federico García Lorca ou José Agustín Goytisolo. Hora e media de poesía e música, seguida con emoción contida e respecto, apenas rota polo humor do divertido cantor e o seu litixio imprevisto cun vaso de auga, por case un milleiro de persoas, na súa maior parte, entradas en anos. Un serán de nostalxia, tamén de memoria e de encontros agarimosos, tamén de despedida e derrotas saudosas, no que o irredutible Ibáñez, acompañado e coidado polo guitarrista catalán Mario Mas, amosou o valor incombustible da palabra como a máis valiosa das resistencias.

Embora foi a homenaxe a diversidade lingüística o que máis emocionou no recital de Paco Ibáñez, dándolle presenza, como sempre adoita, as linguas e literaturas do estado español. Acompañado do acordeonista vasco Josan Goikoetxea interpretou dous temas en éuscaro, o primeiro, «Peio Josepe», no que lembrou a súa nai da que mamou esta lingua, o segundo, o emocionante canto a liberdade «Txoria Txori» do poeta Joxean Artze, ao que puxo música Mikel Laboa, a quen Ibáñez lembrou, como a Imanol e a Xabier Lete formando parte da tríade de cantores euskaldúns. Con todo foron as tres cancións en galego a cerna do recital do Mar de Vigo, coa presenza en escena do poeta Antonio García Teijeiro, que acompañou con enerxía e gratitude o fermoso xesto de Ibáñez de incluílas no repertorio e recoñecer así a poesía galega. Tras a interpretación de «Que ocorre na terra?» e «Pomba», poemas de Teijeiro, que forman parte do libro Un rato díxolle á lúa (Xerais 2013), estreou en Vigo «Chove», canción sobre un fragmento do poema «Inverno» de Celso Emilio Ferreiro, composta por Ibáñez, despois de telo feito con «María Soliña», como homenaxe a Moraima, mais que nunca fora incluído en gravación comercial. A presenza entre o público da filla e do neto do autor de Longa noite de pedra deulle a esta estrea viguesa un carácter elexíaco inesquecible, un momento máxico inesperado.

Esta homenaxe a poesía galega e euscalduna, como a súa teimosa defensa de non utilizar anglicismos na fala cotián, como unha causa que chamou a compartir, como o entusiasmo que continúan concitando temas históricos do período tardofranquista como «Palabras para Julia», «Me lo decía mi abuelito» ou «A galopar», cantados polo público como himnos, fan de Paco Ibáñez un referente cívico entrañable tanto para as xeracións de militantes antifranquistas como tamén para as posteriores do desencanto do período da Reforma Política. Unha voz que despois de máis seis décadas nos escenarios, un mito dende aquela gravación do recital no Olympia de Paris (2 de decembro de 1969), a pesar da inevitable perda de sonoridade, gañou capacidades expresivas novas e nunha quentura que, como sucedeu no serán da pasada sexta feira, chega directa ao corazón do público. Unha voz que, como salientou o nobel José Saramago, é capaz «de abrir camiños de fraternidade auténtica no espírito das persoas que a escoiten». Unha voz que, para Manuel Vázquez Montalbán, o cantor coloca «ao servizo do coñecemento da emancipación individual e social», consciente de que a liberdade, como os dereitos, son unha conquista nunha agra colectiva.

O emotivo e exitoso concerto de Paco Ibáñez, no que tamén vibrou no introito a voz de Carlos Oroza medrada coma trigo nas fronteiras, amosou que o Vigo literario, ademais de novela, conta con expresión poética. Unha actividade poética de manifestacións diversas, que van dende o fomento do interese pola poesía na infancia e mocidade, encabezada pola teimosía de Antonio García Teijeiro, recoñecida en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, pasando pola conservación da memoria e da obra do poeta Carlos Oroza, encabezada pola asociación Évame e a editorial Elvira de Javier Romero, ou do poeta Celso Emilio Ferreiro pola fundación que leva o seu nome e pola editorial Xerais, até o activismo en outono do Festival Kerouac de Poesía e Performance ou dos recitais e itinerarios poéticos do grupo Rompente e doutros colectivos poéticos vigueses. En Vigo, por ventura, quédanos a palabra.

Digo Moraima

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a conversa de Moraima con Siri:

Esta fin de semana correu pola rede como auga da fonte a conversa entre Moraima, unha picariña galegofalante de tres anos, e Siri, unha intelixencia artificial (IA) con funcións de asistente persoal para o sistema iOS. Pouco menos de minuto e medio que sintetizan a situación dramática da lingua galega hoxe representada na imposibilidade de que Moraima atope resposta algunha de Siri en galego, a súa lingua materna. Con 300.000 chíos en Twitter, cen mil visionados en Facebook e milleiros de copias distribuídas nos grupos de Whatsapp, apenas nos dous primeiros días de que o vídeo fose compartido pola súa nai, a conversa asombra e emociona ao mesmo tempo pola paciencia coa que Moraima repite en castelán cada unha das respostas de Siri como pola consciencia sociolingüística prematura da pequena que xa sabe que non é entendida polo feito de que ela fala galego. Unha experiencia semellante á que vive cada día na súa escola infantil ou no parque onde brinca polas tardes no que as picariñas galegofalantes dende o berce coma ela son consideradas como rara avis ou seres extraterrestres –iso si, moi riquiñas, moi curriñas, moi listas e moi bonitas– polo feito de utilizaren unha lingua en perigo inevitable de extinción.

A conversa de Moraima con esta IA (un robot, como Alexa ou como a recente MUM de Google) amosa que polo momento o galego carece de presenza nestas interfaces de intelixencia artificial que achegan información inmediata e foron concibidos para ser utilizados de forma habitual pola maioría das persoas usuarias da rede. Unha carencia que reforza os prexuízos existentes sobre o seu carácter como lingua subalterna e, a fin de contas, inútil para as novas tecnoloxías. Unha situación de clara inferioridade que sofren tamén o catalán e o éuscaro, linguas cooficiais coma a nosa, que carecen tamén de voces propias para estes sistemas de IA, mesmo a pesar dos anuncios de acordos dos responsables das súas políticas lingüísticas coas empresas tecnolóxicas para poñelos en funcionamento decontado. Unha estratexia normalizadora á que se suma agora a Xunta de Galicia co anuncio do proxecto «Nós de Intelixencia Artificial» que en colaboración coa USC e diversas empresas privadas tecnolóxicas pretende desenvolver nos próximos cinco anos recursos dixitais como sintetizadores de voz, recoñecedores de fala e xeradores de lingua natural que permitirían como pretende Moraima que Siri, Alexa, MUM ou outras novas IA falasen galego.

Xaora, a gravación da conversa de Moraima con Siri é ademais un documento testemuño excepcional que amosa a excelente competencia oral da rapaza en galego xusto días antes do inicio da súa incorporación á escola ordinaria onde é probable que deixe de utilizalo como a súa lingua de instalación. E no se trata esta dunha predición do mago Merlín como da teimosa experiencia de milleiros de familias que vivimos como as nosas crianzas entraban na escola infantil falando galego e pouco despois abandonaban a súa lingua familiar. Proceso de substitución do galego familiar pola castelán escolar que os datos da enquisa de uso e coñecemento do galego do IGE (2019) amosan foi acelerado tras a posta en vigor do Decreto Feijoo (o Decreto 79/2010), que contribuíu a erradicar de forma extraordinariamente eficaz o emprego do galego na 2º etapa da Educación Infantil. En ausencia de publicación por parte da Consellaría de Educación da avaliación anual dos resultados da aplicación deste tan mal chamado «Decreto de Plurilingüismo», prevista na adicional quinta, o que transcorrida xa unha década constitúe unha  irregularidade inadmisible, abonda con botar man do quinto informe diagnóstico do Comité de expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias para comprobar que en Galicia «a transmisión da lingua de pais a fillos xa non está garantida».

Nesa probable ruptura futura da cadea de transmisión da lingua familiar, reside a extraordinaria forza emotiva da conversa viral da bonita Moraima con Siri. Como na previsible falta de amparo dos dereitos lingüísticos da pequena e da ausencia de políticas eficaces de fomento do galego na escola que eviten o abandono do galego por parte desta xeración das que serán as avoas da fin do século XXI reside o maydad emitido por Moraima coa caligrafía clara do entusiasmo e da ledicia na frecuencia infantil da verdade. Inevitablemente, celebrando o sorriso de Moraima lembramos os versos que Celso Emilio Ferreiro dedicou a súa amada: «Cando quero sorrir / digo Moraima. / Digo Moraima / cando a mañá é clara. / Digo Moraima / e a tarde ponse mansa». Como na xeitosa fala galega da pequena Moraima identificamos aqueloutros de Celso Emilio: «Digo Moraima / cando semento a esperanza. / Digo Moraima / e ponse azul a alba». Digo Moraima.

Onte 1658: «Poemar o mar» de Antonio García Teijeiro

poemar_o_mar_librouro_29-04-2016

A libraría Librouro encheuse onte coa presentación de Poemar o mar, o novo libro de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xan López Domínguez. Iniciou o acto Helena Pérez, en representación de Xerais, que explicou a orixe desta edición, a primeira colaboración entre Teijeiro e López Domínguez, e a encadrou na triloxía do mar do autor, da que forman parte ademais deste volume Palabras do mar, editado por Embora, e En la cuna del mar, editado por Creotz ediciones.

XG00253201No inicio da súa presentación, o escritor e crítico Ramón Nicolás lembrou a relación de García Teijeiro con Celso Emilio Ferreiro e Moraima, a quen entrevistou. Definiu Poemar o mar como «libro memorable e indeleble, con ritmo de seu dende o propio título, «un libro que constitúe un compendio e actualización de toda a poesía galega do mar, dende Johán de Cangas e Mendiño, pasando por Manuel Antonio e Cabanillas, até os poetas actuais.» Para Nicolás «a palabra clave no libro é a emoción poética«, como tamén o é «a idea do mar como salvación», «xa que Antonio García Teijeiro cando fala do mar fala de todas as cousas». Rematou Ramón Nicolás identificando o paralelismo do libro de Teijeiro coa obra de Rafael Alberti cando dicía aos oitenta e seis anos que «o mar cabe nunha soa onda». Pola súa banda, o autor salientou que concibe «o mar como un sentimento íntimo», «sinto que o mar me chama, como me chaman os poetas do mar como Alberti, Mendiño ou Martín Codax».

Onte 1551: Cincuentenario do xantar de Ourense

homenaxe_celso_emilio_15-05-1966

Lembramos onte ao poeta Celso Emilio Ferreiro con motivo do 104 aniversario do seu nacemento. Ábrese así un ano no que celebraremos o cincuenta aniversario daquel xantar de despedida, antes da súa partida a Caracas, que se se desenvolveu nos baixos do Hotel Roma de Ourense o domingo 15 de maio de 1966, Unha homenaxe a Celso Emilio e Moraima, obrigados a coller as maletas do exilio, que se convertiu nun importante acto de protesta da oposición antifranquista, organizado pola UPG e o PC, en contra da decisión do goberno de Franco de asolagar as veigas de Castrelo do Miño e Ventosela para que Fenosa construíse alí un encoro. Naquel histórico xantar galeguista, no que participaron 250 persoas e no que se recibiron 1.250 adhesións, pronunciaron discursos Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovas, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Arturo Reguera, entre outros. Lembrar aquela proeza cívica é unha das iniciativas nas que está traballando a Fundación Celso Emilio Ferreiro e da que aquí daremos conta.