Poema de hoxe 76: “Anónimo marai” de Miguel-Anxo Murado
Mentres me preparaba para o combate,
o vento tróuxome a primeira frase
dunha fermosa historia.
Miguel-Anxo Murado, Lapidario (Xerais, 2004)
Poema de hoxe 76: “Anónimo marai” de Miguel-Anxo Murado/0 Comentarios/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía /por bretemas
Mentres me preparaba para o combate,
o vento tróuxome a primeira frase
dunha fermosa historia.
Miguel-Anxo Murado, Lapidario (Xerais, 2004)
No Día Internacioal da Tradución recibimos un agasallo inesperado, unha caixa de libros de Small Sations con exemplares das súas sete traducións máis recentes de literatura galega: One Million Cows de Manuel Rivas, Vicious de Xurxo Borrazás, Soundcheck de Miguel Anxo Murado, Polaroid de Suso de Toro, Winter letters de Agustín Fernández Paz, I love you Leo A. de Rosa Aneiros e Dragal II. The Dragon’s Metamorphosis de Elena Gallego. Unha saída histórica en inglés para a nosa literatura contemporánea, á que non son alleos nin os esforzos do editor e tradutor Jonathan Dunne que abriu dúas coleccións específicas, Galician Wave e Fiction, como as importantes axudas achegadas pola Consellaría de Cultura para estas traducións. Esta oferta de Small Stations constitúe unha gran oportunidade para a visibilización da nosa narrativa actual tanto nos mercados internacionais de editores como no dificilísimo mercado interior do Reino Unido. Unha excelente noticia que celebramos no Día da Tradución.
A editorial Laiovento e o escritor Miguel Anxo Murado recibiron onte na Casa de Rosalía os pedróns de ouro e de honra. Dous xustos recoñecementos para persoas que levan servindo coas palabras a causa de Galicia e da súa lingua. O Pedrón de ouro para Laiovento supón parabenizar un proxecto editorial nacionalista que nos últimos vinte e cinco anos publicou un catálogo de 400 títulos en galego, con especial énfase nos eidos do ensaio literario, o pensamento contemporáneo e a edición académica sobre temas galegos. Laiovento é unha peza indispensable para entender o proxecto colectivo da edición galega durante o período autonómico e a construción nacional de Galicia dende o sectores da edición e da cultura. O Pedrón de honra outorgado a Miguel Anxo Murado abeizoa a un escritor galego cosmopolita, referente da xeración de narradores da fin de século e autor dalgunhas das mellores páxinas publicadas en galego durante as tres últimas décadas. As miñas beizóns para Afonso Ribas, fundador e editor actual de Laiovento, e para Miguel Anxo Murado por tan merecidos pedróns.
Acaban de saír ao mercado inglés os catro primeiros títulos da serie «Galician Wave» que a editorial Small Stations dedica ao mellor da literatura galega en inglés. O primeiro volume da serie Dragal de Elena Gallego, O pintor de sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, A pomba e o degolado de Fina Casalderrey e Aire negro de Agustín Fernández Paz son as catro primeiras novelas dunha serie na que está prevista a publicación en 2015 do segundo Dragal, do primeiro volume da triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros e de Cartas de inverno, o clásico de Agustín Fernández Paz. Sete títulos de excelencia, referentes na nosa narrativa xuvenil, todos eles publicados no catálogo de Xerais, traducidos e editados en inglés co agarimo e rigor que lle é propio a Jonathan Dunne. Unha serie que constitúe para o noso equipo editorial un motivo de grande fachenda profesonal. O editor inglés anúnciame tamén a publicación en inglés de Nimbos de Xosé María Díaz Castro e o seu proxecto de ampliar a serie dedicada a narrativa galega contemporánea en ingles con outros cinco títulos: Un millón de vacas de Manuel Rivas, Polaroid de Suso de Toro, Criminal de Xurxo Borrazás, Ruído e Relatos de guerra de Miguel Anxo Murado. Non teño dúbida ningunha que o de Small Stations e o máis importante proxecto aberto para a proxección sistemática da literatura galega no eido anglófono. O tradutor e editor Dunne, pertencente á estirpe dos bos e xenerosos, está abrindo con este traballo un espazo moi valioso para a visibilidade da literatura galega no mundo. Merece o noso maior recoñecemento e apoio.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).