A doutora Angela Merkel anunciou a demisión de Anette Schavan, a súa ministra de Educación e Ciencia. Nunha comparecencia de ambas as dúas diante dos xornalistas (con preguntas), a chanceler expresou que con “toda a dor do seu corazón” aceptaba a renuncia da ministra, unha das súas amigas e persoas de maior confianza dentro do seu gabinete, polo escándalo suscitado pola sospeita de plaxio da súa tese de doutoramento.
O escándalo apareceu no pasado mes de outubro, cando Schavan, até entón un modelo de servidora pública sobria e competente, debeu facer fronte a un estudo da Universidade Heinrich Heine de Düsseldorf que afirmaba que trinta das páxinas da súa tese de doutoramento en Pedagoxía, “Persoa e consciencia”, presentada en 1980, reunían “as características propias dun plaxio” e “unha intención de engano” tanto “no concepto global” como “nun número significativo de datos”. A pasada semana a Universidade de Düsseldorf invalidou o título académico da ministra, considerando probado que Schavan incluíu a mantenta no seu texto un traballo intelectual que non era seu. Tras a súa inevitable demisión, a pesar de ser moi gabada pola doutora Merkel polo desempeño público “extraordinario” á fronte do ministerio durante sete anos (e durante outros dez no estado federado de Baden Wüttemberg), Schavan anunciou a súa intención de recorrer por vía xudicial contra a decisión académica.
Máis alá das características xermánicas do caso, moi semellante ao que apartou en 2011 ao barón de Guttenberg do ministerio de defensa, privado tamén do título de doutor por plaxio, o “escándalo Schavan” amosa tanto o respecto profundísimo que na sociedade alemá se ten pola cultura, polo coñecemento, pola propiedade intelectual e polo sistema público de educación, coma polo respecto a un cargo de servizo público que non pode sofrir ningún tipo de danos nin sospeitas.
Imaxinamos un comportamento político semellante naqueles servidores públicos, que exercen en España responsabilidades en concellarías, consellarías ou ministerios, sometidos a “sospeitas”, quizais máis graves, cando non están imputados polas instancias xudiciais? Imaxinamos que pensará a chanceler alemá –non esquezamos, a que decide sobre as políticas de consolidación fiscal españolas (a temible receita da nosa devaluación interna: “máis impostos, menos salarios, mais paro”)– sobre a estratexia de “laissez faire, laissez passser, le monde va de lui même” que Rajoy escolleu para abordar o escándalo que afecta á ministra Ana Mato e ao seu exmarido, funcionario do Partido Popular? Como non é doado imaxinar a confianza que á doutora Merkel pode proporcionarlle a lentitude xudicial coa que en España se aborda a investigación de escándalos económicos e fiscais como os de Bárcenas e as sospeitas de reparto de cartos en negro entre políticos.
É probable que na abordaxe distinta dos escándalos de corrupción, protagonizados por servidores públicos, unha baseada nun modelo ético calvinista de tolerancia cero, outra nunha actitude utilitarista de cohesión corporativa, resida un diferencial doutra invisible “prima de risco”, entre os estados europeos do norte e o noso. Un diferencial moral identificable no máis recente índice de percepción da corrupción, elaborado por Transparency International. Unha táboa de transparencia na que España ocupa a posición número 30, compartida con Botswana, por debaixo do resto dos países da Unión, coa excepción de Grecia, Portugal, Italia e Polonia, moi lonxe de Dinamarca, Finlandia, Nova Zelandia e Suecia, que ocupan os primeiros lugares.
Non abonda xa con lamentar a vergonza que supón o comportamento dalgúns políticos corruptos, nin denunciar a impunidade coa que poden chegar a actuar no noso entorno. Cómpre identificar cales son os factores que mellor combaten a corrupción, para poder erradicala como unha lacra para a democracia. Entre eses factores os expertos falan da existencia de leis de transparencia fortes, respectadas polos partidos parlamentarios, garantes da liberdade e pluralidade da prensa e de acceso da cidadanía á documentación pública. Como citan que a presenza feminina nos parlamentos e responsabilidades públicas se asocia a unha cultura de goberno máis transparente e a niveis de corrupción máis baixos. Como outro factor que evita a corrupción é unha estrutura política áxil con poucos niveis burocráticos. Como é indubidable que un sistema transparente de financiamento dos partidos e un sistema electoral máis aberto e territorializado favorecería unha menor corrupción. Como, e isto creo fundamental, un nivel elevado de alfabetización (e lectura) é o axente anticorrupción máis eficaz. Neste asunto da transparencia e da anticorrupción aquí queda moito por facer.