Un Vigo de primeira

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a precaria situación política e económica de Vigo e a súa área metropolitana.

O estourido de ledicia colectiva do serán do sábado, tras a proeza do Celta de acadar a permanencia no derradeiro partido de liga, produciuse cando Vigo sofre outro do seus momentos máis críticos e máis dolorosos da súa historia recente. Contradicindo as escasas probabilidades matemáticas, estoutro éxito histórico celeste amosa a importancia no eido do xogo (o territorio do simbólico) de acreditar sempre nas propias posibilidades (como defendeu contra vento e marea o adestrador Abel Resino) e na necesidade de contar cun proxecto propio (o da canteira da Madroa) que axude a enxergar o horizonte nos días de brétema.

No territorio do real, a crise está sendo durísima coa área metropolitana viguesa, que sofre unha taxa de desemprego (23,5%) moi por riba da media galega. As centrais sindicais estiman que xa son máis de 50.000 as persoas desempregadas da nosa veciñanza, unha cifra elevadísima nunca superada até agora. Tras a perda e o expolio da caixa de aforros e tras a estafa aos 60.000 afectados polas participacións preferentes e subordinadas da NGB, Vigo carece do instrumento financeiro indispensable para manter vivo o tecido as súas pemes e dos seus sectores económicos de referencia. Un problema gravísimo ao que non é alleo o peche de centos de comercios e de servizos, un panorama desolador nalgunhas das nosas rúas. Coa afortunada excepción da automoción, que este ano resiste grazas a posta en marcha na cadea de montaxe dos novos modelos de Citroën, o noso sector industrial continúa no túnel máis escuro, sobre todo o da construción naval, sometido á espada de Damocles da devolución por parte dos estaleiros das cantidades do tax-lease e dos enigmas provocados pola entrada en Barreras da mexicana Pemex como accionista maioritario. Se iso xa non abondase, a crise financeira e de xestión do grupo Pescanova, a primeira transnacional viguesa, engade un maior dramatismo á situación económica e ao futuro da área metropolitana.

Tampouco corren ventos propicios para Vigo no eido das políticas públicas. Á crise do aeroporto de Peinador, agonizante pola perda de frecuencias, pola deterioración dos servizos e polo incremento dos prezos dos billetes, únese agora á do porto, que agotou as súas opcións de ser incluído como porto nodal na Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T). Unha decisión da Comisión e da Eurocámara que convertirá á nosa terminal portuaria en subsidiaria das de Xixón e da Coruña. Un fracaso rotundo do porto de Vigo á que non é allea a dificultade da súa conexión coa rede ferroviaria de velocidade alta, que tardará aínda anos en chegar ás Rías Baixas.

E como non hai dúa sen tres nin catro, o ministro Gallardón co seu anteproxecto de reforma da Lei de Demarcación e Planta ameaza con dinamitar o partido xudicial vigués, o que prexudicaría a medio milleiro de funcionarios de Xustiza e diminuiría as posibilidades de acceso a case medio millóns de persoas usuarias deste servizo básico na área viguesa. Tampouco axuda ao optimismo a paralización sine die das obras do hospital de Valadares, no que está fracasando o modelo de construción e xestión privada, tanto no seu financiamento coma na xestión da UTE adxudicataria. Como é preocupante como quedou nas pedras o Auditorio Mar de Vigo de Beiramar, cuxo funcionamento moi por baixo do previsto ameaza con arruinar as arcas do concello no caso dunha reclamación da adxudicataria da concesión.

Situación crítica de infraestruturas e servizos públicos, como de empresas vitais para a economía de Vigo e a súa área metropolitana, á que non é allea, nuns casos, a inacción, noutros, o fracaso das políticas da Xunta de Galicia e do Gobierno de España, ambas as dúas en mans do Partido Popular. Sen menoscabo da responsabilidade que nalgunhas destas cuestións tivese o concello de Vigo, gobernado en minoría polo PSdeG-PSOE, co apoio na aprobación dos orzamentos anuais do BNG. É incomprensible, por non berrar indignante, que Vigo e a súa área metropolitana, a pesar da súa potencialidade demográfica e económica, non forme parte das prioridades dos gobernos de Rajoy e Feijóo.

Afastados de calquera localismo chovinista, o proxecto do Vigo metropolitano, o motor dos dinamismos de Galicia, merece unha abordaxe política preferente e proactiva. Paga a pena tomar boa nota da lección que no eido simbólico proporcionou o Celta sobre a lameira do Fragoso. A pesar da dureza e das dificultades da crise en días bretemosos, sei que Vigo pode desenvolver as súas potencialidades con toda a súa capacidade de resistencia cívica e con todo o pulo do seu dinamismo empresarial, só así poderá continuar sendo unha cidade primeira en igualdade de oportunidades e benestar cidadán. Un obxectivo que, sen excepción ningunha,  debe unirnos coma esta ledicia fugaz da permanencia celeste.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *