Artigos

O perigo das apostas

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo aos perigos das apostas:

Ponme nervioso comprobar como no estadio de Balaídos, no vitrasa ou no tren algúns mozos non deixen de atender ao seu móbil pendentes das apostas deportivas. Premendo na pantalla do seu teléfono poden apostar durante as vinte e catro horas do día sobre os resultados das competicións de fútbol de todo o planeta e das categorías máis diversas. Unha actividade alentada por unha fervenza de anuncios protagonizados por actores e deportistas moi coñecidos que se fai xa asfixiante pola súa repetición durante a emisión dos partidos na televisión ou no seu seguimento polas emisoras de radio. Publicidade das casas de apostas, colocada tamén nas camisolas dalgúns equipos do deporte profesional, presentada polas empresa de xogo como un «compromiso co deporte», unha actividade á que as apostas «achegan máis emoción» e co que «comparten os valores do lecer e da súa dimensión social».

Un discurso publicitario eficaz, onde non falta a emotividade, capaz de mover en Internet en España máis de dez mil millóns de clics, o que supuxo en 2017, segundo un estudo presentado na Universidade Carlos III, unha facturación en España nestas apostas deportivas de 310 millóns de euros; aínda que outras fontes falan de 1.700 millóns. Apostas que se realizan tamén nas casas de apostas e nas máquinas de apostas dos bares que nos últimos anos foron aparecendo en Galicia nos contornas metropolitanas e nas cidades comarcais. Locais frecuentados por moitos mozos, transformados nalgúns casos en espazos de encontro xuvenil, onde se venden bebidas e onde se poden realizar novas apostas de galgos ou cabalos cada cinco minutos ou dos resultados das ligas máis diversas. Actividade das salas e máquinas de apostas (case catro mil en Galicia) vinculada aos novos hábitos de lecer, regulada pola Xunta de Galicia, na que os apostantes perderon en 2016 vinte e oito millóns de euros, segundo salienta Marcos Pérez Pena, xornalista que ven facendo un seguimento deste fenómeno social no dixital «Praza Pública».

Un negocio de xogo que cando se desenvolve nos bares e nas cafetarías semella ter dous públicos diana: as persoas maiores nas máquinas comecartos e os mozos nas apostas deportivas. Unha actividade que para os responsables da Asociación Gallega de Jugadores de Azar de Vigo (AGAJA) esta provocando un auténtico andazo de ludopatía xuvenil, unha patoloxía que afecta cada vez máis a mozos de 18 a 25 anos adictos ás apostas deportivas e ao xogo en liña. Un perigo incrementado nos estudantes de Secundaria, incluídos os menores de idade, que non perciben como perigoso o xogo nestas máquinas ou nos seus móbiles, máis aínda cando actúan como ganchos estrelas deportivas, modelos de éxito para eles que aparecen felices xogando ao póker ou tan panchos apostando polo seu móbil. Abonda visitar o web dunha destas casas de apostas para comprobar a indefensión da mocidade convidada a depositar apenas 5 € para rexistrarse, ofrecéndolle decontado bonos de benvida 200 € para comezar a xogar, aínda que despois sexa derivados a unha plataforma de pago. Un risco moi considerable, incrementado polo anonimato e a facilidade de acceso proporcionadas pola conexión en liña, ou mesmo polo aparentemente reducido custe das apostas, o que para os psicólogos incrementa o seu carácter aditivo e que as propias empresas pretenden mitigar in extremis coa opción de que o xogador poida «asegurar as súas apostas».

Apostas deportivas que comezan a ser consideradas un problema social que debe ser abordado polas administracións, que obteñen delas réditos fiscais. Así son varias as iniciativas recentes que reclaman unha nova regulación desta actividade. A eurodeputada do BNG Ana Miranda presentou unha iniciativa dirixida á Comisión Europea para que se establezan límites e controis sobre ela. Esquerda Unida presentou a campaña «Fóra as casas de apostas dos nos barrios» que pretende frear o incremento desta perigosa adicción entre os mozos e as mozas humildes. A este teor a Xunta de Galicia anuncia unha nova Lei do Xogo para este 2019 que obrigue aos propietarios  das máquinas a ocuparse do control de acceso de menores de idade. Mentres que no acordo programático entre PSOE e Podemos se contempla o compromiso de restrinxir a publicidade das apostas en horario infantil e a regular o xogo en liña.

Non hai dúbida que o perigo evidente destas apostas case indiscriminadas e do xogo compulsivo ao que pode conducir, como outros consumos aditivos nos que a mocidade é o público de referencia, debe ser considerado como un problema que require dunha abordaxe socio-educativa. Paga a pena procurar canto antes enfoques educativos para esta adicción asociada ás novas tecnoloxías e á poderosa industria do espectáculo.

4 de nadal: 40 anos de autonomía conformista

Dedico o primeiro artigo en Luzes.gal ao corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal a prol da Autonomía para Galicia:

Coa excepción dunha excelente reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza, o corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal, unha data histórica na que se mobilizaron en Galicia máis de 400 mil persoas, pasou sen pena nin gloria na axenda pública galega, a utilizada polas administracións, partidos e medios impresos do país. Un feito que non resulta estraño no proceso autonómico galego que dende o seu inicio foi dirixido dunha ou doutra maneira por persoas e forzas políticas que non acreditaban no autogoberno galego.

Explícao de marabilla o propio Marcos Pérez Pena no seu libro A prensa en Galicia na Transición (2016), unha desas obras maiores de Xerais Crónica, agochada tamén para a maior parte dos medios, a pesar de obter o Premio da Crítica de Galicia 2017 na modalidade de Investigación, cando relata os ires e vires do inicio da autonomía, impulsada de forma decisiva polas manifestacións daquel domingo de decembro de 1977 de Vigo e da Coruña (das maiores da nosa historia, xunto ás do Prestige), mais tamén pola tractorada que o mesmo día organizaron as Comisións Labregas, apoiada polo BN-PG, ambas as dúas silenciadas pola prensa de Madrid.

Como tamén relata no seu documentadísimo libro o xornalista de Praza as peripecias de Adolfo Suárez e Manuel Clavero Arévalo, o seu ministro adjunto para las regiones, para poñer en marcha a preautonomía Galega o 10 de marzo de 1978, de forma simultánea ás do País Valenciano, Aragón e Canarias, o que Xosé Antón Gaciño, o director de El Ideal Gallego, cualificou de “preautonomía desgastada”, e Luís Álvarez Pousa, xornalista de La Voz de Galicia, de “preautonomía retrasada, filtrada e desalentada”. Abríase así o que sería unha deriva da autonomía galega nestas catro décadas de “café para todos” (termo do ministro Clavero): estar sempre un paso (ou varios) atrás de Cataluña e o País Vasco, ao tempo que sinalar para o Gobierno de España, fose socialista ou popular, o teito das aspiracións do resto das comunidades.

Outrosí sucedeu co proceso que levou a Suárez a nomear finalmente a Antonio Rosón como presidente da Xunta preautonómica, outro capítulo formidable do libro de Pérez Pena, desbotando a outros membros da UCD, como o ministro franquista Pío Cabanillas, tamén un dos fundadores de Alianza Popular, daquela xa apoiado polo “grupo de Ourense”, ou o vigués Víctor Moro, que recibiría un ano despois como premio de consolación a candidatura á alcaldía de Vigo. Unha escolla a do polémico Rosón, que dende o inicio se definiu como “galeguista” e utilizou decote o idioma galega, á que non debeu ser allea a intervención do seu amigo Ramón Piñeiro, desbotando así a encrucillada dun Tarradellas galego, que Suárez chegou a contemplar na figura de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, o científico e diplomático que fora alcalde de Pontevedra durante a segunda República e chegara a subsecretario xeral da ONU.

Desencanto sobre o proceso autonómico que continuou co de elaboración e aprobación do Estatuto de Galicia, aprobado no referendo de 21 de decembro de 1980 cunha participación do 28,3% e unha porcentaxe de votos afirmativos do 73,4%. Un fracaso en toda regra na aprobación cidadá dun texto vixente dende o 6 de abril de 1981, mais que nunca foi modificado e solicitada apenas a súa revisión durante o goberno de coalición presidido por Emilio Pérez Touriño. Quizais outra manifestación, en palabras do xornalista Xosé María Palmeiro, de “submisa indiferenza”, ou anticipación do conformismo instalado na cidadanía galega desque goberna Alberto Núñez Feijoo e outros altos funcionarios do grupo de cadros da administarción autonómica. Mais ese xa é outro conto.

Onte 1927: Corenta Premios da Crítica de Galicia

Lembraremos a XL edición dos Premios da Crítica de Galicia pola emoción que supuxo escoitar a Luís Emilio Batallán, premio na modalidade de Música, de que celebramos tamén as catro décadas do seu mítico disco Ahí ven o maio. A voz dun Batallán minguadiño encheu de saudade un salón que con anterioridade ovacionara a Antonio Manuel Fraga, autor de Querido H.P. Lovecraft, merecidísimo premio de Creación Literaria, a Xosé María Palmeiro, que recolleu o premio de Investigación, en nome de Marcos Pérez Pena, autor de A prensa en Galicia na Transición e a Jorge Mira, responsable do Programa Conciencia, premio de Iniciativas Culturais e Científicas. Como inesquecibles foron a intervención rabuda de María Luisa Sobrino, premio de Artes Plásticas, e a comprometida de Flor Maceiras, directora da Escola de Teatro de Narón, premio de Artes Escénicas. Como tampouco esqueceremos a de Beli Martínez, que recolleu en nome dos responsable do Festival S8  o premio de Cine e a de Alberto González Prelcic, o cociñeiro do restaurante Silabario de Tui, que recolleu como membro do Grupo Nove o premio de Cultura Gastronómica. Como non esqueceremos as intervencións de Noelia Otero, a presentadora da cerimonia, lembrando a importancia de non darlle tregua á violencia machista contra as mulleres. O feito de que fose esta a cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia desbordou o número de participantes, probablemente o maior da historia, aínda que por ventura mantendo como en edicións anteriores o pluralismo transversal que caracteriza esta singular convocatoria.